9 de abr de 2014

Carta de despedida da presidencia (e de continuidade do activismo!)



Compañeiras e compañeiros
da Mesa pola Normalización Lingüística:

Persoas que amades o idioma de Galiza
mais que (aínda) non facedes parte da Mesa:

A Mesa pola Normalización Lingüística, a maior asociación cultural de Galiza, vai realizar asemblea nacional o vindeiro 26 de abril pola mañá no Centro Sociocultural Ágora da Coruña. Entre os puntos incluídos na convocatoria figura o da elección dunha nova Comisión Permanente. Após un longo período de reflexión, decidín que non vou encabezar ningunha candidatura, de forma que poño punto final ao período en que tiven a responsabilidade e a honra de presidir esta entidade.

Hai dúas razóns para isto. A primeira, porque entendo que hai que promover as renovacións para mellor sempre que se puider. Cómpre animar a que asuman responsabilidades en primeiro plano persoas que non só saberán profundar máis nos acertos, senón que poderán tamén corrixir erros e superar algunhas limitacións. Nese senso, estou moi satisfeito por saber que axiña se presentará ao público unha candidatura continuadora, con membros da actual dirección da asociación e coa incorporación de novas mans. Para elas e eles toda a forza e todo o apoio!

O outro motivo é que, persoalmente, preciso tamén iso que se di de “asumir novos retos”. Afilieime a esta entidade, a esta necesarísima e utilísima entidade, cando tiña 16 anos. Coa única excepción do período que vai do final da carreira ao comezo do doutoramento, fago parte da súa Comisión Permanente desde os 17; ademais, desde os 23 até os 35 que teño hoxe asumín o mellor que souben a presidencia. Agora o meu desexo é regresar a tempo completo á miña vocación docente, desenvolver varios proxectos que encetei e, así mesmo, continuar co activismo lingüístico e o apoio a esta ferramenta colectiva que é A Mesa, porén xa desde outros lugares.

Que ninguén o dubide nin por un nanosegundo: fun, son e serei sempre un sachador das mil primaveras máis e estarei coa Mesa sempre que fixer falta, co seu compromiso inquebrantábel e insubornábel en defensa da lingua que nos une.

Coas responsabilidades que tiven na Mesa puiden constatar algo que moitas veces me escoitastes dicir en alto: Todos os adiantos para a nosa lingua se produciron como resultado da presión social. Todos. É certo que en moitas, moitísimas ocasións nos vimos como Sísifo percorrendo unha e outra vez camiños que non se daban deixado atrás (a propósito, como Sísifo e non como Penélope, pois non éramos nós quen desteciamos!). Mais como estariamos hoxe se non houbese 4.000 galegas e galegos constituíndo este escudo cidadán para o noso idioma? Se A Mesa non existise, teriamos que inventala!

A listaxe de agradecementos que tería de facer sería moi longa. Non collería en ningunha carta. Quen estiveron aí, tanto no ámbito persoal como no organizativo, sábeno, e o meu corazón tamén. Para min foi moi gratificante ver como a entidade creceu, igual que foi moi reconfortante a confianza e o apoio por parte das socias e dos socios ás sucesivas direccións de que fixen parte.

Deixádeme no entanto que explicite a miña gratitude en particular cara a catro persoas. Unha que me asesorou de forma construtiva sempre que fixo falta. Outra que me deu paus verbais para que fose dereitiño e non caese nas trampas. Outra que fixo posíbel que A Mesa non desaparecese na máis forte etapa de ataques que recibiu até o momento, na ferocidade de 2008 a 2010. Outra que soubo ser militante exemplar. Estas catro persoas chámanse Iria Taibo Corsanego. O seu nome nos fastos da historia con diamantes gravado será.

Despídome dándovos unha aperta das enormes e animándonos, a todas e todos, a que continuemos e mesmo revitalicemos o noso activismo diario, como formiguiñas, en defensa da lingua e da cultura desta vella nación que non se resigna a desaparecer. Tiña razón Manuel María ao advertir de que se perdemos a lingua non seremos ninguén. Queremos ser! Sexamos!

Sempre voso,

Carlos Callón


P. S.: No caso de estares a ler esta carta e aínda non faceres parte da Mesa, fai o favor de cubrires a fichiña! Se te asociares, A Mesa poderá facer máis e mellor! ;)


Santiago de Compostela, 9 de abril de 2014

13 comentários:

  1. Até sempre, compañeiro e grazas polo teu traballo incansábel.

    ResponderExcluir
  2. Grazas polo inxente e hercúleo traballo. Nunca este país che ha de pagar o esforzo.

    ResponderExcluir
  3. sei que por onde vaias, vas deixar unhas fermosas e magníficas pegadas. Quérote

    ResponderExcluir
  4. Grazas polo teu traballo incansábel, pola túa tenacidade e por un outro xeito de saber reivindicar que ti sempre dominaches. En ti sempre podemos exemplificar o vello dito de "sermos dóces coas persoas mais sermos firmes coas ideas.
    E. C. F.

    ResponderExcluir
  5. Cando menos, chegaches xustiño a tempo de facer unha videoconferencia universitaria en calidade de presidente! ;)

    Un pracer, e grazas polo traballo!

    ResponderExcluir
  6. Por certo como é posíbel que estivese a piques de desaparecer a Mesa polos ataques dos pptarras? Somos 4000 socios que non pensamos esvaecernos por eses miserabeis.

    ResponderExcluir
  7. Agradecementos por encabezar a defensa do dereito a termos unha lingua de primeira.Con firmeza mais con amabilidade: boa estratexia para non derramar folgos inutilmente.

    ResponderExcluir
  8. Fas ben ao te ires. Tés trabalhado moito, demasiado ao meu ver. Grazas por tanto. Grazas por (case) todo.

    ResponderExcluir
  9. Gracinhas Carlos, agardando q o teu sucesor sexa ao menos a metade de loitador q ti

    ResponderExcluir
  10. Uma decisão sábia, Carlos. Vai ser bom a Mesa e, sobretudo, bom para ti. A vida oferece tanto que fazer! Um grande abraço,

    ResponderExcluir
  11. Grazas por todo, e sorte!

    ResponderExcluir