13 de set de 2010

Un homosexual declarado na corte de Afonso X?

Velaquí o artigo desta semana en Galicia Hoxe:

Alén do previsíbel?
Cantigas medievais e sexo entre homes


Se lle pedísemos a un grupo de xente que fechase os ollos por uns segundos e que imaxinase unha escena calquera vinculada coa frase “homosexualidade na Idade Media”, abofé que boa parte das persoas alí reunidas traerían á súa mente algún tipo de tortura inquisitorial. Con toda probabilidade, verían un facho a piques de acender unha pía de leña seca baixo os pés duns condenados. E cómpre comezarmos rompendo desde xa con ese tópico.

Como teñen demostrado rigorosas investigacións realizadas desde a década de 80, son moi poucos –tanto cualitativa como cuantitativamente– os casos documentados, nesta ben longa etapa histórica, de torturas a varóns ou a mulleres por ese motivo. Como sentenciou John Boswell con certo sarcasmo, “moitas das minorías europeas padeceron máis durante a ‘Renacenza’ que durante os ‘Tempos Escuros’”. No entanto, a imaxe tópica segue aí, ben afincada como un prexuízo inexpugnábel, e non só para o caso da homosexualidade; así nolo demostra por exemplo o uso figurado do adxectivo medieval como sinónimo de ‘intolerante’, ‘opresor’ etc. Como lle canta Lily Allen a un homófobo no seu tema “Fuck you”: “Your point of view is medieval”.

O citado John Boswell é o autor de dúas obras que son verdadeiros alicerces do estudo da homosexualidade na antigüidade clásica e, de forma máis singular, na Idade Media. Trátase de Christianity, Social Tolerance and Homosexuality. Gay People in Western Europe from the Beggining of the Christian Era to the Fourteenth Century e o seu inxente traballo póstumo Same-Sex Unions in Premodern Europe. Hai traducións para o español de ambos os libros, mais están esgotadas desde hai anos.

No primeiro destes volumes, o que foi profesor de historia medieval na Universidade de Yale debrúzase cunha ollada limpa sobre o período que vai estudar e tenta xuntar o maior número posíbel de pezas que lle permitan compor un puzzle amplo e con suficiente profundidade de campo. O esforzo que el mesmo invoca é o da obxectividade. Subliña que o seu labor como historiador non é eloxiar nin culpar, senón “to record and explain”, rexistrar e explicar, mais que se alguén considera que o seu é un posicionamento partidario é porque se puxo como meta fuxir das actitudes negativas contra a homosexualidade que lle son coetáneas.

Boswell evita a proxección dos prexuízos actuais e resetea as fontes documentais, para volver lelas como quen parte de cero, co cal obtén uns resultados verdadeiramente abraiantes. Até onde eu coñezo, os seus traballos poden ser matizados nalgúns aspectos, mais non están superados por ninguén.

Ao historiar o prexuízo anti homosexual, que para el é un caso moi acaído para estudar a evolución da intolerancia en xeral, quítalle o seu verniz de naturalidade e intemporalidade e devólveo como resultado dun proceso social e –redundemos as veces que for necesario nesta familia léxica– histórico. Non é estraño que, malia achegaren outras conclusións, os seus estudos fosen recibidos con profundo entusiasmo por Michel Foucault, quen, a partir doutras fontes documentais, xa tentara xeneralizar unha Histoire de la sexualité, que marcou un punto de inflexión nesta liña de investigación.

É unha mágoa que nin John Boswell nin Michel Foucault consultasen para estas súas pesquisas o corpus cancioneiril galego-portugués medieval. Non o digo por ningún estraño chauvinismo, que tantas veces se nos achaca se quixermos simplemente lembrar que Galiza existe no mapa e ten historia. De feito, é innegábel que este reino é o centro produtor (así como creador e irradiador de modelos) dun dos maiores tesouros documentais e literarios da Idade Media. Algúns destes textos depárannos sorpresas que nos obrigan a repensar e revisar tamén as conclusións a que chegaron investigadores como os citados.

Os documentos para estudar as relacións sexoafectivas son eminentemente literarios. No caso galego-portugués medieval, unha fonte privilexiábel de coñecemento son as sátiras que, a través do riso, ofrecen un mapa máis verosímil da realidade social que as previsíbeis e ben comportadas cantigas de amor ou –salvando algunhas excepcións– as de amigo. Dentro do corpus que chegou até nós rexistramos máis de 80 composicións onde existe algunha referencia literal ou (sobre todo) equívoca a relacións íntimas entre mulleres ou entre homes. Non falamos, pois, dun tema secundario nin marxinal.

Ás veces, a súa aparición é tan chocante que mesmo algúns editores se forzaron en interpretar o que aparece nos manuscritos de forma diferente ao que estes nos din. Reparemos, por exemplo, neste texto de Pero da Ponte, un compositor áulico que se supón de orixe galega:

Dom Tisso Pérez, queria hoj’ eu
seer guardado do trebelho seu
e er doar-lh’ o batom que fui meu;
mais nom me poss’ a seu jogo quitar,
e, Tisso Pérez, que demo mi o deu,
por sempre migo querer trebelhar?

De trebelhar mi há el gram sabor
e eu pesar, nunca vistes maior:
ca nom dórmio de noite com pavor,
ca me trebelha sempre ao lũar.
[Que] demo o fezo tam trebelhador,
por sempre migo querer trebelhar?

Cada que pode, mal me trebelhou,
e eu por en já mi assanhando vou
de seu trebelho mao, que vezou
com que me vem cada noit’ espertar,
e Tisso Pérez, demo mi o mostrou,
por sempre migo querer trebelhar?
Os cancioneiros son clarísimos no segundo verso: “guardado”, cun o final ben redondo e nítido. Porén, até as edicións de Saverio Panunzio e Graça Videira Lopes, transcribiuse como “guardada”, para así evitar a lectura declaradamente homosexual desta composición, aparentemente insólita e única.

Manuel Rodrigues Lapa resistiuse a esta edición e no seu monumental volume Cantigas d’escarnho e de maldizer dos cancioneiros medievais galego-portugueses feminizaba a voz que se queixa nestes versos. Aínda optando por “guardada”, Lapa anotou: “Cantiga de sentido confuso e que admite duas interpretações: uma que desabona a compostura moral do grande escritor galego, por no-lo mostrar muito à vontade nos seus vícios de pederasta, que também lhe serviam de tema, como se vê em outras composições; outra que consiste em vermos nela uma cantiga de mulher, a qual se queixa da insistência de certo Fulano em se servir dela, a seu pesar.” É rechamante que o profesor da Anadia privilexie na súa lectura unha interpretación que non escolle á hora de editar o texto.

Xa coa composición restituída, entendeuse como unha sátira contra a homosexualidade, en concreto de Tisso Pérez, que se nos nomea claramente, ben ao contrario da mesura prescrita para os outros xéneros. Mais se lermos os versos na súa literalidade, veremos que non é así. Non se lle recrimina a Tisso Pérez en ningún momento que goste de homes. O que se lle afea é, como sinalou Paulo Roberto Sodré, “a luxúria compulsiva, o desejo obcecado, o ‘trebelho’ incómodo”. Aínda nas palabras deste profesor brasileiro, “se há ensinamento aí, talvez seja o de que Tisso Pérez aprenda a dosar seus impulsos ao luar, exercitando-se melhor na prática amorosa e agradando o queixoso e sanhudo amante”. O motivo da burla, pois, non é que se deiten dous homes, senón a insistencia e o abuso. Se se ler “guardada” en troca de “guardado”, non se precisarían maiores explicacións.

É posíbel que Pero da Ponte sinalase aquí, a través do xogo trobadoresco, un episodio biográfico coñecido na Corte? Ou trátase máis ben dun maldizer aposto; isto é, colocado na boca doutra persoa, que sería a escarnecida? Para a semana trataremos sobre isto porque, como dicía liñas arriba, esta composición non é tan insólita como parece.

2 comentários: