Mostrando postagens com marcador artigo da segunda feira. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador artigo da segunda feira. Mostrar todas as postagens

6 de set. de 2010

A desaparición de medios de comunicación en galego

Esta semana o artigo en Galicia Hoxe tiña que tratar sobre un dos asuntos de máis preocupante actualidade para a nosa lingua e, tamén, para a liberdade de expresión e información de quen queremos seguir exercendo como galegos:

Punto de inflexión
A desaparición de medios de comunicación en galego


Hai xusto tres anos, os últimos días de agosto de 2007, Iria Taibo, a secretaria xeral da Mesa pola Normalización Lingüística, e quen isto subscribe, como presidente desta mesma entidade, realizamos varios encontros formais con entidades que actúan na normalización do éuscaro. Nunha apretada axenda, mantivemos diversas entrevistas de traballo cos responsábeis de proxectos en Kontseilua, o Consello de Organismos Sociais do Euskara, e tamén con algúns medios de comunicación que teñen esta milenaria lingua como ferramenta e vehículo. Martxelo Otamendi, director de Berria e do inxustamente desaparecido Egunkaria, guiounos unha desas tardes pola ampla redacción dese diario. Explicounos as serísimas dificultades polas que pasaron, o seu funcionamento no día a día e tamén algunhas das expectativas que tiñan cara ao futuro.

Cando saímos da xuntanza, Iria e eu conversamos sobre o que alí viramos e fixemos algunhas contas. Parecíanos moi claro. Traballaba máis xente na redacción dese único diario en éuscaro que a suma de todos os xornalistas que estaban en nómina de todos os medios de comunicación en galego. Nas nosas contas feitas rápido nun pano de papel incluiamos a ollo mesmo os servizos informativos da CRTVG, que xa é dicir. Se nalgún punto nos erramos e non son máis, non teño dúbida de que son case os mesmos.

Para se dar esa situación en Euskal Herria conxúganse varios factores. Por unha banda, unha sociedade cunha consciencia moitísimo máis asentada que aquí de que cómpre apoiar os proxectos que se desenvolven en favor da cultura propia. Penso que non se debe reducir tampouco a importancia dunha renda per cápita máis elevada, que permite que sexan factíbeis algúns proxectos por subscrición popular que aquí semellan inimaxinábeis.

Mais a diferenza crucial entre un e outro país é a existencia aló dunha política activa de fomento da lingua desde as institucións, que pasa tamén por ir consolidando un espazo propio de comunicación. Non me refiro unicamente ás accións que se poden desenvolver desde os gobernos autonómicos, senón tamén desde as deputacións e os concellos. Por seguir con comparacións para a reflexión, hai concellos con tantos habitantes como ten aquí Santa Uxía de Ribeira que contan cun orzamento para a normalización lingüística que é superior á suma do que destinan a este obxectivo as catro deputacións e as sete cidades galegas. Debo subliñar que é superior tanto en termos absolutos como porcentuais. Posto que hai persoas con sensibilidade declarada pola lingua e o país nestas nosas institucións, talvez vaia sendo tempo de que realicen unha mudanza profunda da política lingüística, que sirva tamén para defender desde unha acción institucional vigorosa o que está a destruír, cal Atila, o actual Goberno galego (que pouco lle acae este adxectivo de “galego”, verdade?).

Como nun dominó

A Nosa Terra está na biblioteca do Congreso dos Estados Unidos, que mantén vivas catro subscricións desde 1979, mais a Xunta e o Parlamento galego cancelaron as súas nada máis estrear Alberto Núñez Feijóo a Presidencia de Galiza”. Estas declaracións realizounas esta mesma semana en varios medios de comunicación Afonso Eiré, presidente e conselleiro delegado do grupo editor do desaparecido (mais resucitábel) semanario.

O feche da edición impresa d’A Nosa Terra súmase á desaparición neste mesmo ano 2010 dos xornais electrónicos GzNación e Vieiros, este último con quince longos anos de experiencia ás súas costas. Outros medios como A Peneira encóntranse tamén ao borde do precipicio. Trátase en todos os casos de problemas económicos, ante os cales a Xunta actuou coa desatención máis absoluta.

Si, talvez sexa morno de máis ao falar de “desatención”, cando na realidade a actitude da Xunta de Núñez Feijóo é dunha agresividade manifesta. Aí está o caso das subscricións que se dan de baixa da noite para a mañá (mentres se multiplican as dos medios afíns ao partido gobernante), a eliminación ou redución á mínima expresión da publicidade institucional, a discriminación nos convenios e axudas públicas, o pirateo de ideas (como lle aconteceu a Vieiros no caso A polo ghit)... Hai, en fin, un propósito claro de destrución dos medios de comunicación na nosa lingua.

Debemos sumar a esta situación de redución de cabeceiras no noso idioma a multiplicación exponencial a través da TDT de medios de comunicación en castelán. Varios deles, ademais, son portavoces dun extremismo españolista propio da época do NODO. A CRTVG, que podería ser un oasis para a nosa lingua e cultura, encóntrase, no entanto, nunha planificada depauperación gobernamental.

Respostas sociais

Así, sen tremendismos nin catastrofismos de ningunha clase, debemos recoñecer que estamos a pasar por unha situación de singular gravidade. Nunca nestes 30 anos de Estado das Autonomías o catalán ou o éuscaro pasaron por un momento semellante de desaparición, como nun dominó, de varios dos principais referentes informativos nas súas correspondentes linguas.

Mais non escribo estas liñas para queixarme nin para facermos terapia de grupo. Cómpre que estes problemas sirvan como punto de inflexión para a toma de accións colectivas. Por exemplo:

  1. Mantermos unha liña de protesta pública para que cesen as actitudes belixerantes da Xunta contra os medios de comunicación que utilizan o galego.

  2. Reclamarmos que as axudas para o uso da lingua propia que convoca anualmente o Goberno galego sirvan para ese fin.

  3. Demandarmos a todas as institucións (tamén concellos e deputacións) que revisen a súa política lingüística, dotándoa de maior forza e acción social.

  4. Individualmente, darlle soporte aos medios de comunicación que utilizan o noso idioma: subscribíndonos, dándolles visitas na rede, difundíndoos...
Eu, a partir de agora, vou preguntar nas cafetarías e nos restaurantes se teñen por aí o Galicia Hoxe. Xa sei que un gran non fai graneiro, mais...

30 de ago. de 2010

As bolachas e o pobo

Como di o subtítulo, o artigo desta semana en Galicia Hoxe fala sobre as relacións portugués/galego, a diglosia, o proceso de hibridación co español e as supostas palabras inventadas que non son tal.


As bolachas e o pobo
Sobre o portugués, a diglosia e as palabras inventadas


Foi un destes días na praia. Eu levei as bebidas fresquiñas e o meu mozo trouxo a merenda. Algo de froita, dous bocadilliños e unhas pequenas tortas feitas de fariña que, xunto coas habituais roscas, son moi tradicionais das nosas romarías, aínda que estas non son doces. Acababan de ser as festas de San Roque e de aí procedían. Como el sabe do meu interese polas palabras que aparentan perdidas e nesa semana parecía existir certa polémica sobre a neodialectalización do galego, preguntoume, mentres sostiña unha desas cunha man: “Sabes como lle chama miña nai a estas ‘galletas das festas’?” Neguei. “Pois chámalle bolachas.”

Quedei cunha delas. Esa mesma noite amoseilla a miña nai e pregunteille: “Ti como lle chamas a isto?” Meu irmán Xoán Xosé, que estaba por alí, respondeu antes ca ela: “Bolachas”. Nosa nai sentiu curiosidade polo motivo da miña pregunta, mais antes de eu explicar nada, xa meu irmán se adiantou tamén nesa resposta, amosando os seus dentes nun sorriso pillabán: “Pregúntacho porque as chamamos igual que en portugués”. Pareceume tamén curioso que Xoán Xosé, levándome só tres anos, soubese designar ese comestíbel polo seu nome, algo que eu ignoraba de vez. Para min foi toda unha sorpresa que o termo bolacha estivese vivo ao norte do río Miño. Que digo ao norte do río Miño! Que estivese vivo na miña propia casa!

Procurei a palabra nalgúns manuais e dicionarios de galego e non a achei por ningures. Tampouco figura no Vocabulario ortográfico da lingua galega (VOLGa), que a Academia dispoñibiliza na rede. En galego estándar disque se debe dicir galleta, como a forcada. Finalmente, meu irmán levaba razón: estaban a usar un lusismo! Será que, de súpeto, tanta xente se tornou reintegracionista sen o saber?

Máis que a un andazo de lusofilia, este exemplo lémbrame a como se foron e van substituíndo determinadas palabras galegas por outras formas españolas que son totalmente desnecesarias. Son moitos os casos nos que convive o vocábulo do noso idioma co introducido a partir do castelán, mais especializando os usos de cada un de acordo cun esquema diglósico. Deste xeito, a forma xenuína fica reservada para o máis tradicional e primario, mentres a interferencia do español ten unha acepción unida ao mundo urbano e moderno. Así, hai quen fala das luras que se pescan e dos *calamares conxelados como se fosen especies diferentes, das billas dos bocois e dos *grifos da auga corrente, da corte das vacas e da *cuadra da equitación, da vasoira elaborada con xestas e da *escoba industrial, da randeeira feita á machada e do *columpio dos parques... E, en fin, das bolachas das romarías e das galletas de mil sabores e formas que se compran no supermercado. A distribución de funcións, con certeza, é un paso previo até a suplantación total da forma propia pola allea.

Haberá quen diga que ao usar lura, corte, billa, randeeira, vasoira ou bolacha se sente como se estivese a falar a través dun tradutor automático e que son termos artificiais, polo que nunca os utilizará, a non ser para os usos primarios antes sinalados. Haberá quen diga que son formas inventadas, que nunca existiron porque nuncas as ouviron ou nunca repararon nelas. Haberá quen diga que a maioría destas palabras son lusismos máis ou menos disimulados. Mais a verdade é que fan parte do tesouro do noso idioma e que podemos aspirar a restauralas para todas as funcións.

O pobo

Algúns dos artigos que publiquei nesta sección en Galicia Hoxe nas semanas pasadas desencadearon unha polémica totalmente inagardada por min. Pouco máis ou menos fixen que procurar divulgar reflexións sobre a progresiva hibridación do galego e subliñar a importancia de tentarmos coidar a lingua. Como dicía no primeiro deses textos –o que tentei que fose máis retranqueiro con esa forma de decálogo brincallón–, poderiamos pórnos como obxectivo factíbel falar no galego coloquial co mesmo grao de corrección que nos autoimpomos cando falamos o castelán coloquial. Esa idea pódese aplicar, é claro, aos outros rexistros.

Sorprendeume que algunha xente considerase tal proposta como unha iniciativa por elaborar unha lingua máis artificial ou artificiosa e que, no entanto, habería que apostar por un idioma “como o que fala o pobo”. Cando lin esa opinión veu á miña mente a polémica que xa no século XIX existiu porque a palabra pobo moitos a consideraban ou unha reliquia que non compensaba resucitar ou, sobre todo, unha portuguesización que traizoaba a fala popular. N’O Tio Marcos da Portela do 13 de abril de 1884 dábanse argumentos sobre iso que aínda están de plena actualidade e que poden ser aplicados a moitos outros exemplos alén do aí exposto: “¿En que xuncras de badamecos viu vosté que pobo non era palabra gallega? N-os dous dicionarios que temos pode atopala sin moito traballo. Como quen di algo oponse ô emprego d’esa palabra porque a ten a lingua portuguesa. Por ese camiño chegariamos á non poder falar en gallego, pois as mais d’elas d’unha e d’outra fala son o mesmo”.

A polémica fíxose moi forte cando se debateu sobre o lema en galego para o monumento que se ergueu na memoria dos asasinados en Carral. Houbo quen considerou lusismos formas como ao e o propio pobo, que hoxe están perfectamente recoñecidas polo estándar oficial do galego. É máis. Se botarmos un ollo ao proceso de elaboración da normativa da lingua galega veremos que moitas palabras ou solucións morfolóxicas que hoxe se admiten sen discusión como correctas foron no seu día penalizadas como lusismos: século, liberdade, estudante, animais, galego...

No acordo ortográfico e morfolóxico ao que se chegou no ano 2003, tras o proceso de diálogo impulsado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega, recoñécese de forma explícita a importancia do portugués como modelo a seguir na incorporación de novas palabras, mais iso aínda non tivo a plasmación debida. Así, é incomprensíbel a enorme preocupación que se pon nalgúns ámbitos académicos para varrer todo o que puider parecer un lusismo, cando na dura realidade do día a día nos encontramos abafados por riba, por baixo e por toda a parte de léxico do castelán. Non vaia ser que, de tanto fumigar academicamente contra calquera trazo do portugués, contribuamos tamén a destruír algunhas das seivas nutricias e das defensas da lingua da Galiza. Como se puido ver onte co pobo e hoxe coa bolacha.

16 de ago. de 2010

A lóxica dos prexuízos lingüísticos

No artigo desta semana en Galicia Hoxe aproxímome a unha obra moi interesante, que non tedes escusa ningunha para non lerdes canto antes. Por outra banda, mañá falarei un pouquiño neste blog sobre o debate que xurdiu a partir dos dous textos que publiquei nese mesmo diario nas últimas semanas.



A lóxica dos prexuízos lingüísticos

En galego, por que non?
, de Manuel Núñez Singala


É moi probábel que, despois d’Os vellos non deben de namorarse, a obra en galego máis representada nos nosos centros de ensino sexa O achado do castro. Esta divertida peza é a incursión literaria máis coñecida de Manuel Núñez Singala, que tamén conta no seu haber con títulos narrativos como Mar de fondo e o tan recente como suculento Menú de enganos. Ademais, foi motivo dun ataque lamentábel por parte dos grupos contrarios ao galego a dramatización dos prexuízos sobre o noso idioma na súa Comedia bífida.

Manuel Núñez Singala, que leva anos como director do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela, debrúzase con frecuencia na problemática dos idiomas minorados. Unha das súas liñas de traballo é abordar a cuestión dos prexuízos lingüísticos, un espazo no que se inscribe o seu recomendábel libro En galego, por que non?

Implicación na lectura

É relevante que o título sexa unha pregunta. Toda a obra é un continuo convite á reflexión, a que as posturas que unha persoa poida adoptar sobre a situación lingüística sexan a partir do coñecemento e non de apriorismos irracionais. No volume apóstase por crear un vínculo coa lectora ou co lector a través dun estilo áxil e de continuadas interpelacións. Como di no último parágrafo da introdución: “Se temos unha lingua, por que non usala? Por que non en galego? Se xa o falas convídote a que leas as páxinas que seguen, que quizais che sirvan de reforzo para a túa conduta lingüística actual, e se non o fas, convídote igualmente a que penses sobre a razón. Por que non en galego? Porque é unha lingua bruta, que soa mal? Ou porque consideras que aprender galego e non inglés é unha perda de tempo? Ou porque falar galego cando hai outros que non o falan é de mala educación? Ou porque cres que non o dás falado ben?... A todos estes porqués e bastantes máis atoparás resposta neste libro. Espero que che guste e que ao final che sirva para que poidas opinar sobre o galego con maior fundamento, sexa o que sexa o que ao final ti mesmo decidas” (p. 15).

Así é. Os capítulos que estruturan o libro son varias posíbeis respostas á cuestión do título. Páxina a páxina, Núñez Singala dinamita os alicerces dos prexuízos a partir da forza da razón. O autor sementa as páxinas de problemas de lóxica, que utiliza como exemplos que serven para explicar, por analoxía, como se configuran moitas das ideas negativas sobre o galego que se repiten como verdades incuestionábeis.

Os xogos de lóxica e as curiosidades fan desta unha obra moi amena. A lectora ou o lector teñen que implicarse de forma activa para dar resposta ás continuas preguntas. Que se sabes como se chama este animal que aparece na foto. Que escribas unha listaxe de linguas que soan ben e linguas que soan mal. Que penses como solucionar un pequeno problema matemático que parece simplísimo. Que resolvas un pequeno misterio.

Esta implicación fai que estas páxinas se lean cun sorriso. Porque pensamos que na seguinte ocasión imos saber responder a pregunta, mais volvemos caer! Decatámonos, así, do profundamente inscritos que temos, todas e todos, os prexuízos máis inagardados.

Por exemplo, tras un pequeno problema matemático, o autor interróganos sobre o motivo polo que foi capaz de enganarnos co que nos acaba de contar: “Por que funciona este truco?” Coa resposta, desenmascara ao mesmo tempo a estrutura do preconcepto: “Funciona polo mesmo que tendemos a considerar atinada a frase ‘Aprender galego é unha perda de tempo, se todos falásemos inglés non habería problemas para entenderse’. É dicir, funciona porque nos dous casos se segue a mesma estratexia: formular mal o problema” (p. 41).

Aínda Babel

O mito de que todas as persoas no planeta deberiamos falar o mesmo idioma ten unha longuísima tradición, como é sabido. Mais gustoume moito a forma concreta en que lle dá resposta Núñez Singala. Por unha banda, explicando con tremenda pedagoxía a tendencia á variedade, a partir dos exemplos das diferentes dobraxes que se realizan para un mesmo idioma, ou os varios correctores ortográficos que existen para as diferentes variedades do español (podes optar polo da Arxentina, Chile, Guatemala, Paraguai, España, Venezuela etc), do inglés, do árabe, do francés... A diversidade que, en fin, tamén é intrínseca ás propias “grandes linguas”.

Mais a súa mellor reflexión sobre o tema é un simple baño de realismo: “Fagamos un exercicio de inxenuidade e imaxinemos que todos os gobernos do mundo se poñen de acordo para usar só unha lingua, e que mesmo se poñen de acordo sobre que lingua usar (...). Non cómpre ser moi intelixente para decatarse de que tal pretensión resultaría imposible por moitas razóns. Abonde pensar en que na actualidade, no noso mundo tan ‘avanzado’ case o 20% da poboación, unha de cada cinco persoas, é analfabeta. Se non é posible aínda ensinar de xeito global a ler e escribir na propia lingua a mil millóns de persoas, pode alguén crer que sería posible facer que aprendesen unha lingua nova?” (p. 48).

As verdades máis sinxelas, máis elementais, destrúen as mentiras máis afincadas. De cando en cando, habería que repetir en alto frases tan básicas como estas: “A situación actual, con linguas con moitos falantes e outras con moi poucos, débese a factores económicos e políticos, non lingüísticos” (p. 78), “o argumento de que [o galego] non o fala ninguén adoitan empregalo os que opinan que xa se fala demasiado” (p. 81), “en realidade non hai linguas que, por si mesmas, soen ben ou mal” (p. 37), “resulta desenmascarador que aqueles que claman contra a imposición e enchen o peito con palabras como liberdade, bilingüismo e harmonía só se deixen oír nos casos en que o galego comeza a asomarse á igualdade co español” (p. 73). Como o dediño infantil que lembra que, a pesar do que digan, o rei vai nu.

Matices

O deseño dinámico e inzado de ilustracións axuda aínda máis a mergullarse nas páxinas deste libro. Neste aspecto, só matizaría dúas cousas. En primeiro lugar, o erro na reprodución da folla voandeira franquista na que se insta “Hable bien. Sea patriota. No sea bárbaro” (páx. 34). O pasquín aparece aquí asinado deste xeito: “Octavilla. Imprenta Sindical. A Coruña. 1942”. Non é a primeira vez en que vexo esta corrección do topónimo, que non fai ningún sentido. O mesmo acontecía na cuberta do estudo A represión lingüística en Galiza no século XX, de Pilar Freitas Juvino e o mesmo se pode ver nalgúns libros de texto.

A segunda proposta de mellora é relativa aos mapas sobre os lugares do mundo onde se fala español (p. 78) e portugués (p. 79). A cartografía sobre o castelán sinala que se fala “maioritariamente” este idioma nas Filipinas e nos Estados Unidos, incluído Alaska. Pola súa banda, o mercátor onde se salientan os territorios da lusofonía está cortado, incompleto e difuminado.

Pensémolo

En galego, por que non? é un libro útil para traballar os prexuízos nas aulas, para difundir socialmente e mesmo unha obra entretida para este verán. Con este áxil volume veremos, como di o propio Manuel Núñez Singala, que “ás veces as cousas que consideramos moi evidentes poden resultar moi falsas, se o pensamos un pouco. Pero é necesario iso, pensalo un pouco”. Pensémolo. E socialicémolo.

2 de ago. de 2010

Para mellorar a corrección e fluidez en galego

Velaquí o artigo desta semana en Galicia Hoxe:

Para sandar as feridas
Propostas para mellorar a corrección e a fluidez en galego


O idioma da Galiza leva séculos padecendo un proceso de substitución e exclusión do seu territorio natural. Unha das secuelas visíbeis (e audíbeis) desta inxustiza é a progresiva deformación da lingua, que en moitos trazos, mesmo estruturais, vai hibridándose co español.

O idioma galego espontáneo transmítese ferido e furado polo castelán. Son moitas as palabras, expresións, pronuncias etc, que a sociedade foi abandonando no transcurso do tempo para substituílas por outras proporcionadas polo único referente de corrección e prestixio: o español.

Estamos nun momento histórico no que é fundamental que sexamos falantes conscientes e leais do galego. Xogámonos aquí e agora que o galego sexa un idioma vivo de verdade, con aspiracións lexítimas á normalidade, ou só unha curiosidade marxinal e residual.Nesta batalla cívica, hai tres verbos fundamentais a conxugarmos: falar, escoller e solicitar.

Comecemos polo final. Se na verdade pensamos que somos cidadáns con iguais dereitos e deberes, solicitemos que a documentación da nosa vida sexa en galego (seguro do coche, hipoteca, contrato de aluguer, consentimento informado, etc.). O “non” xa o temos, mais o “si” aínda podemos conquistalo. Pidamos o galego alí onde non nolo ofrezan. Procuremos a empatía da persoa que nos atende, claro, mais non deixemos pasar calquera xestión da nosa vida sen o dicirmos: “Por favor, podería ser en galego?”

Sexamos tamén parte dinamizadora da comunidade lingüística escollendo o galego alí onde xa existe opción. Fóra esa preguiza tan pouco saudábel de se deixar levar! Decidámonos polo galego nas redes sociais, nos teléfonos móbiles que o ofrecen, nos caixeiros automáticos... Apoiemos tamén as nosas empresas culturais optando por música, libros, espectáculos, audiovisuais, e tantas outras manifestacións de todo tipo que se realizan no noso idioma. Gocemos da nosa cultura!

Mais, sobre todas as cousas, non deixemos de falar. Falar galego en Galiza é o máis revolucionario que podemos facer en defensa da nosa cultura, do noso país e da diversidade de culturas e sociedades que existen no planeta.

Para termos unha lingua verdadeiramente viva temos que tentar tamén falala con maior corrección e fluidez. Para este obxectivo, achego a continuación, a xeito dun (incompleto e algo retranqueiro) decálogo, unhas poucas propostas:

1) Lembrarás que ninguén pasou de usar mal unha lingua a usala ben sen antes pasar por un período en que a usa regular. Cantas veces non escoitaremos iso de “yo no hablo gallego porque no lo hablo bien”? Imaxinemos que ese mesmo razoamento se aplicase a calquera outro idioma do mundo. Só falaremos inglés cando o saibamos falar ben? Entón, como vai ser posíbel aprendelo?

2) Terás sempre presente que ninguén naceu aprendido e que para solventar as dúbidas están os manuais e os dicionarios. Hai quen, tras botarlle un ollo a un libro escrito en galego, considera: “Non hai quen o entenda. Eu nunca escoitei esas palabras. Isto é un idioma inventado”. No fondo, o que se expresa é un prexuízo aprendido, que poderiamos traducir deste xeito, mesmo que a persoa que o diga non sexa consciente diso: “O galego é un idioma que non vale para estas cousas, pois só serve para comunicarse na casa ou entre amigos”. Poñámoslle, como contraste, a esa mesma persoa, o coñecidísimo comezo do Quixote: “En un lugar de La Mancha, de cuyo nombre no quiero acordarme, no ha mucho tiempo que vivía un hidalgo de los de lanza en astillero, adarga antigua, rocín flaco y galgo corredor. Una olla de algo más vaca que carnero, salpicón las más noches, duelos y quebrantos los sábados, lantejas los viernes (...)” Podería explicarnos o que aí pon sen acudir a un dicionario ou a unha edición anotada da obra de Cervantes? Para todos os idiomas, os dicionarios son boas compañías. Para o galego, tamén.

3) Acordaraste de que aprender e coñecer unha lingua é tarefa de toda unha vida. Os manuais de “Aprenda inglés / xaponés/ alemán /... en 30 días” non funcionan nunca alén de como primeiro contacto cun idioma. Ninguén pode agardar “saber toda unha lingua”. Mesmo os grandes especialistas están sempre a aprender. Co galego, tamén acontece o mesmiño.

4) Practicarás e aprenderás coa suor da túa fronte. Vivimos nunha sociedade que reduce a importancia do sacrificio e do esforzo, mais estes seguen a ser necesarios para a adquisición de habilidades ou coñecementos de calquera tipo, tamén dos lingüísticos. Por exemplo, non hai fórmulas máxicas para aprender a usar o infinitivo persoal ou a colocación do pronome átono en cinco minutos. Hai que estudar e practicar, co galego igual que co resto dos idiomas coñecidos.

5) Soltaraste a falar en galego e tentarás facelo con corrección cando menos nalgúns ámbitos ou espazos do teu día a día. Perdoade que a advertencia poida resultar estúpida por ser tan evidente, mais é que se non se practica o galego, non se pode aprender. Do mesmo xeito, hai persoas que coñecen cales son as formas correctas en galego (por exemplo, para designar os días da semana, os meses do ano, os nomes das froitas...) e que non as utilizan porque se senten “estrañas”, polo que usan un galego cheo de incorreccións, barbarismos e deturpacións. Aquí o problema non é de aprendizaxe, senón de saltar a barreira psicolóxica que fai sentir incomodidade por falar un galego máis coidado. Saltémola!

6) Igual que na vida, aprenderás dos teus erros. Aínda que, igual que na vida, teñas que cometer eses erros varias veces para corrixilos. As equivocacións, as “patadas” á lingua, non deben servir nunca como escusa para deixar atrás todo o aprendido. Ben ao contrario, teñen que servir como aliciente no proceso de aprendizaxe.

7) Desterrarás os castelanismo innecesarios, porque o galego ten os seus propios recursos. Sabemos que é vasoira e non *escoba, que é lixo e non *basura, que é almorzar e non *desayunar, así que non temos escusa para deixar de usar as nosas formas propias. Polo contrario, mantendo estes españolismos contribuímos á perda destas palabras e a que o galego se converta de xeito progresivo nunha forma dialectalizada do español, perdendo a súa personalidade.

8) Nunca comezarás unha oración cun pronome átono. Como se comentaba nun dos mandamentos anteriores, é necesario estudar e practicar, pois non hai ningunha pedra filosofal para aprender, por exemplo, a colocación dos pronomes átonos. Mais é tal a epidemia que existe en moita xente de dicir cousas do estilo *O fixen onte, *Volo dixen antes... que fai necesario gravar esta idea como unha norma fundamental.

9) Para aprenderes a usar o infinitivo persoal, nada mellor que lle dares uso. (E para aprender eu ou ela, aprendermos nós, aprenderdes vós e aprenderen eles, que falta fai!) O infinitivo persoal ou infinitivo conxugado é un dos trazos definitorios do noso sistema lingüístico. Está vivo na inmensa maioría dos falantes espontáneos, aínda que, por mímese coas estruturas do español, tende a eliminarse nos rexistros máis formais. Sexamos conscientes e avivémolo!

10) Cando a normativa do galego ofreza dúas solucións, usa para o estándar aquela que se aproxime máis ao sistema lingüístico ao que pertence: o galego-portugués ( posíbel, Galiza, até...). A existencia do portugués como idioma normalizado foi e é un fecundo recurso para que o galego non perda a súa personalidade pola influencia omnímoda do español. Que a lusofobia tan presente no noso país (e que non deixa de ser outra cara da galegofobia) non nos confunda: o portugués é unha fonte limpa da que bebermos.

26 de jul. de 2010

Pola suspensión do decretazo

Velaquí o artigo desta semana en Galicia Hoxe:

Pola suspensión do decretazo
Fundamentos xurídicos e mobilización social


Esta fin de semana de celebración do Día da Patria Galega escoitamos algunhas das periódicas declaracións de galeguismo de Alberto Núñez Feijóo. É o habitual. Conforme se aproxima algunha efeméride da cultura galega, non para de citar a Castelao (ás veces, mesmo sen traducilo!) e de proclamar o seu amor apaixonado de galleguista. Canto cinismo, verdade? Mellor nos iría a todas e todos se o presidente da Xunta, en troca de realizar tantas declaracións de amor, comezase a facer o seu traballo de defender a lingua e a cultura do país.

Mais esta fin de semana, ademais da multitudinaria manifestación por Compostela, tivo dúas noticias que afearon un pouco a súa hipócrita propaganda. En primeiro lugar, o anuncio oficial da Real Academia Galega de interpor un recurso nos tribunais para defender a nosa lingua. É un fito histórico e como tal debe ser considerado e recoñecido. Por vez primeira, a Academia decide chegar mesmo á vía xudicial, sabedora de que estamos nunha encrucillada na que nos xogamos o futuro do noso idioma e todo o que este implica.

Ademais, o presidente da Xunta encontrouse con que A Mesa pola Normalización Lingüística non só presentou, como anunciara, un recurso para parar o decretazo. Ademais, esta organización solicitoulle á sala do contencioso-administrativo que declare a suspensión desta norma imposta de forma unilateral. A asociación en defensa da lingua galega pide así que se adopten medidas urxentes antes de que o Tribunal dite sentenza, a cal podería demorar arredor de dous anos.

O golpe aínda é máis duro por como está fundamentada esta petición de medida cautelar. A Mesa achegou ao Tribunal Superior de Xustiza de Galiza varios informes ou ditames elaborados ex profeso polas universidades da Coruña, Vigo e Santiago. Neles, advírtese de que a aplicación deste decretazo podería causar un “dano irreparábel ou de moi difícil reparación” na formación do alumnado. Así, os departamentos de Filoloxía Galega e os servizos de normalización das tres universidades lembran nos seus respectivos relatorios que, con esta norma, se dificulta gravemente que os estudantes poidan adquirir as competencias comunicativas en galego:

“(...)a aplicación do decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, causaría un dano irreparable entre o estudantado dos niveis non universitarios (ao impedir o funcionamento do sistema educativo como equilibrador das importantes diferenzas de competencia lingüística en galego na sociedade) e conduciría, irreversiblemente, a un modelo en que se reducirían as xa deficientes competencias en lingua galega no ensino universitario, un feito especialmente preocupante se quixermos acrecentar ao dereito que ampara a diversidade lingüística e cultural (a través, entre outra normativa, da Carta europea das lingua rexionais ou minoritarias) un importante atractivo de orixinalidade e de proxección da cosmovisión particular deste espazo e desta sociedade en que nos inserimos (...)”

Polo seu interese e utilidade para ampliarmos a crítica xurídica contra o decretazo, reproduzo unha parte do recurso, elaborado polo recoñecido avogado Guillermo Garrido, quen xa noutras ocasións foi decisivo para gañar varias batallas xudiciais para o noso idioma:

A suspensión que se solicita, ao noso xuízo, goza da aparencia de bo dereito, e, ao efecto, convén salientar que, sen prexulgar o fondo do asunto, pódese afirmar que, mediante o estudo provisorio da normativa aplicábel, se pode concluír que, a sentenza que se dite no seu día, con total probabilidade, recoñecerá a bondade da reclamación de declaración de contrario a dereito do Decreto recorrido.

Ao respecto, coa finalidade de fundamentar indiciariamente o máis que probábel pronunciamento favorábel a esta parte, facemos nosa a argumentación contida no Informe do Consello Consultivo sobre o Decreto 79/2010, que salienta diversos aspectos que poñen de manifesto a violación tanto de preceptos constitucionais como de lexislación ordinaria que aprecia concorren no texto aprobado que, inevitabelmente, haberá de producir un pronunciamento sobre do fondo que obrigará a súa revisión ou total derrogación.

Para a tramitación desta peza separada, parécenos que, aos efectos da apreciación do fumus bonis iuris, a conclusión única do informe do Consello Consultivo, é determinante: “(…) que o proxecto de decreto para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, resulta contrario ao ordenamento xurídico no tocante ao exposto nas consideracións cuarta e quinta (…)”.

Na cuarta das aludidas consideracións, referida á educación infantil, ponse de manifesto a existencia de infraccións de preceptos constitucionais que afectan aos artigos 9, sobre da seguridade xurídica, 10.1, a respecto da dignidade da persoa e os dereitos inviolábeis que lle son inherentes; o 27 sobre a obriga do lexislador a respecto da programación xeral no ensino, así como legais referidos á Lei orgánica de educación (LO 2/2006, do 3 de maio), Lei de normalización lingüística (Lei 3/83, do 15 de xuño), e o artigo 8 da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias.

Na quinta, examínase polo Consello Consultivo a sección referida á consulta ás familias sobre a asignación lingüística de determinadas materias para concluír que tamén neste eido se viola o artigo 27.5 da CE, así como a Lei orgánica 2/2006, de educación, a Lei 3/83 de normalización lingüística de Galiza, con especial incidencia no estabelecido no artigo 78.2 da Lei de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común (Lei 30/92, do 26 de novembro) e a tamén violación do principio de reserva de Lei que se conculca co Decreto que se recorre.

As demais consideracións do Informe do Consello Consultivo, denuncian os aspectos que entenden deben ser redixidos para mellorar o texto.


O escrito presentado pola Mesa subliña tamén que, tras o ditame do Consello Consultivo, a Xunta fixo caso omiso das observacións desta institución. Por iso:

Non podemos deixar de engadir ao exposto que, o Decreto recorrido, tamén viola a normativa internacional á que está vencellada o Estado español vía artigo 10.2 da Constitución Española, e, por tanto, a Comunidade Autónoma Galega, téndose que sinalar ao efecto, os artigos 1 e 2 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, así como o Pacto Internacional dos Dereitos Civís e Políticos e o Pacto Internacional dos Dereitos Sociais e Culturais (artigos 2.1 e 2.1., respectivamente), o Convenio Europeo de Dereitos Humanos (artigo 14), merecendo especial cita –polo que significa a necesidade de promover e potenciar o uso da lingua galega–, a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias, cuxa vulneración tamén é destacada polo informe do Consello Consultivo de repetida cita.

Para quen quixer máis información sobre todas estas valoracións xurídicas, tamén esta fin de semana se presentou o volume Estudos xurídicos sobre o Decreto para o plurilingüismo. Este libro está coordinado polo maxistrado Luís Villares, portavoz en Galiza de Xuíces para a Democracia, e nel fornécense novos e firmes argumentos para rexeitar este decretazo en todos os niveis e, tamén, para que o profesorado continúe a ministrar as súas aulas en galego. Socialicemos esta interesante e oportuna información.

15 de jul. de 2010

Os tres enterros de Rosalía de Castro

Velaquí o artigo que publiquei esta semana en Galicia Hoxe:

Os tres enterros de Rosalía de Castro

Esta quinta feira 15 de xullo conmemórase o 125 aniversario do falecemento de Rosalía de Castro. A Asociación de Escritores en Lingua Galega preparou para a xornada un acto cívico e reivindicativo. Emularase e lembrarase con tal evento o cortexo cidadán que acompañou en 1891 os restos da escritora, desde o cemiterio da Adina onde a enterraran no momento da súa morte en 1885 até o panteón laico de San Domingos de Bonaval.

Francisco Rodríguez, na súa memorábel Análise sociolóxica da obra de Rosalía de Castro, fornece datos impresionantes sobre o tratamento que a tomba da escritora recibira en terreo eclesiástico e sobre como se produciu o traslado. Por exemplo, a través dunha rigorosa investigación hemerográfica observa que o enterro en Iria da autora de Follas novas foi un acto sen ningún impacto social, do que a maioría dos xornais informaron con retraso.

O seu amigo Luis Rodríguez Seoane publicou un artigo necrolóxico na Gaceta de Galicia. Laiouse nel de que a noticia da morte de Rosalía de Castro non tivera, como merecería, “las proporciones de un acontecimiento nacional” e que “su entierro creemos que no haya sido más que la soledad que para muchos precede a la tumba”.

Meses despois do sepelio, Antón Claridades, articulista da revista de instrución primaria El Magisterio Gallego, visitou o cemiterio da Adina. Claridades procurou sen fortuna a sepultura de Rosalía de Castro. Ao non a achar, tivo que pedir a axuda do sancristán, que lle indicou o lugar: “En un apartado rincón y toda cubierta de tristes yerbecillas, hállase el sitio donde se guardan los restos de la insigne cantora, gloria de Galicia, sin que una mala losa ni una carcomida cruz indiquen que aquel pedazo de tierra es el lugar donde reposa la que ha llevado una vida de tantos padecimientos y amarguras, sufridos con resignación envidiable”.

O xornal compostelán El Libredón lanzara, nada máis morrer a escritora, a proposta de lle erguer un mausoleo no cemiterio de Iria Flavia. É seis anos máis tarde cando se acomete a organización do traslado a un sepulcro en San Domingos de Bonaval. Cómpre lembrar que esta capela deixou de ser propiedade da Igrexa Católica desde a desamortización do mosteiro en 1835. A iniciativa parte da Asociación Rexionalista Galega, que se fundou nese mesmo ano, e contou co financiamento de emigrantes galegos en Cuba que desexaban realizar un evento de exaltación patriótica.

Estes actos foron recibidos con hostilidade polos poderes do momento (tanto civís como eclesiásticos). Ademais, aínda temos moitas lagoas sobre o que alí aconteceu, debido a censuras que aínda non están explicadas.

O órgano de expresión da Asociación Rexionalista era La Patria Gallega. Na esquela desta publicación márcanse tres datas diferentes como momento do traslado: o 25, o 26 e o 27 de maio. Francisco Rodríguez chegou á conclusión de que isto se debeu a que o traslado foi o 25; o 26, as honras fúnebres e a inhumanción, e o 27 sería para realizar unha homenaxe máis privada a Rosalía por parte dos Rexionalistas, en termos máis políticos. Nesta última actuación foi onde se encontraron con máis dificultades.

A Gaceta de Galicia fala de problemas nos días previos, como a denegación inicial para o traslado por parte do Gobernador Civil da Coruña ou o silencio mediático sobre o actos. N’A análise sociolóxica da obra de Rosalía de Castro advírtenos Rodríguez dun dato que enrubia: “O periódico que, seguramente, mellor informou do conflito coa Igrexa Católica, a Gaceta de Galicia, atópase debidamente cortado ou censurado nos exemplares correspondentes aos días claves 23, sábado; 24, domingo; 25, luns; 26, martes; 28, xoves e 29, venres, polo menos na Hemeroteca da Biblioteca Xeral da Universidade de Santiago”. Para algunha investigación puntual, tentei procurar eses exemplares noutros arquivos, tanto da Galiza como da Arxentina. Non tiven ningunha fortuna nas tentativas.

Fícanos, porén, o esclarecedor exemplar de La Voz de Galicia do 26 de maio de 1891, que nos ofrece información esencial sobre o que aconteceu. Repárese na aberta hostilidade eclesiástica e na tentativa dos organizadores de facer unha lectura relixiosa da autora para así reduciren estes problemas. Leamos a noticia, na cal se cita a Gaceta de Galicia:
Doña Rosalía Castro será, sin duda, la primera dama que se entierra en esta capilla gratuitamente, contra el parecer de los administradores de la Iglesia y solo por la voluntad unánime de todo el pueblo de Galicia, que la aclama y la venera y a la cual no pudo sobreponerse nadie.

La Gaceta de Santiago, después de un largo suelto en el cual manifiesta la imposibilidad de que se celebren las honras fúnebres con la ostentación debida, añade:

“A la hora de cerrar nuestra edición, cuatro de la tarde, nos aseguran de que el Excmo. Sr. Arzobispo, de acuerdo con varios Capitulares cuyos nombres haremos públicos oportunamente, ha negado la licencia para predicar la oración en el acto fúnebre en honor de Rosalía Castro, encargada al Canónigo Sr. Portal (...)”

Dícennos nuestros corresponsales que una comisión del Comité Regionalista y otras personas graves visitaron al Sr. Arzobispo y le suplicaron encarecidamente que revocase la orden estrechísima de no conceder a la poetisa católica, cantora de la Virgen de la Barca, del admirable Pórtico de la Gloria, Santa Escolástica, del Cementerio de Iria, de las Campanas, etc., todos los honores de la Iglesia en un simple funeral con elogio, como se concede a todas las personas, aunque profanas, ilustres!

La Comisión expuso a S. E. que en las catedrales de Galicia se acostumbran estos elogios a todas las personas que mueren en el seno de la Iglesia y corren impresas muchas de esas oraciones. Que presidiendo el Excmo. Sr. Cardenal Payá un acto fúnebre en honor del Batallón Literario de Compostela, dijo la oración fúnebre en el Gran templo de San Martín el mismo Rector que hoy es del Seminario, Sr. Lavin; que en el mismo grandioso templo, lleno de hachones y cubierto hasta las altas bóvedas por inmenso catafalco con cañones y banderas profanas, predicó en honor de O'Donnell, jefe de la Unión Liberal y de un Gobierno que acababa de reconocer el reino de Italia el Sr. Zunzúnegui, Magistrado hoy de la Rota... y en fin que en todas las Iglesias de la Diócesis hubo por Reyes, Príncipes y actos célebres, como en la Coruña el de María Pita, y aún con ideas políticas, aunque siempre dentro del catolicismo, esos elogios fúnebres.
É salientábel a intención de facer unha relectura beatífica do que significou Rosalía (“poeta católica”), para o cal se citan todos os poemas que poidan ter algunha relación coa cultura cristiá. No entanto, óbvianse os textos máis problemáticos e pásanse por alto o fondo controvertido das composicións citadas. Por exemplo, en “Santa Escolástica” dubídase da existencia de Deus e no poema sobre a romaría da Nosa Señora da Barca critícase o afán de lucro da xerarquía católica. Mais os problemas non son só debidos á heterodoxia relixiosa, senón tamén á súa localización política e á dos promotores do acto. Repárese cando se di “aún con ideas políticas”.

Os rexionalistas tiveron que dulcificar algo o acto para que se puidese desenvolver. Talvez o feito de teren que pactar o evento co arcebispado fose o motivo polo que Manuel Murguía non participou na comitiva de dó. Aínda sendo boicotados pola Igrexa e as forzas dominantes da Restauración, o traslado abriu unha etapa de utilización de Rosalía como símbolo da Patria Galega.

En pleno século XXI, o Panteón de San Domingos volve ser propiedade da Igrexa. Polo que se sabe, parece que a xerarquía católica só estará disposta a reabrilo ao público previo pagamento por parte da Xunta de Galiza. Para forzar esa negociación coa administración, decidiron fechar as portas dun día para outro. O acto do vindeiro día 15 será tamén para que finalice ese secuestro eclesiástico motivado pola cobiza.

5 de jul. de 2010

Ventos de involución

Esta semana publiquei en Galicia Hoxe o esqueleto da miña intervención no XXIII Congreso da Asociación Internacional de Linguas e Culturas Ameazadas:

Desmantelar a oficialidade
Ventos de involución lingüística e cultural no Estado


Esta sexta feira, sábado e domingo participei no XXIII Congreso da Asociación Internacional de Linguas e Culturas Ameazadas, unha organización creada a mediados do século pasado. No encontro, realizado en Barcelona, intervín avaliando a situación actual do noso idioma, mais tamén o contexto xeral de involución cultural que se vive no Estado:

Esta semana adiantáronse algúns dos recortes máis significativos que o Tribunal Constitucional lle impón ao Estatut de Cataluña. Cando coñezamos a sentenza ao completo, non saberemos só das barreiras que se lle impoñen ao idioma catalán. Teremos tamén a información de cales son os recoñecementos máximos que, coa actual configuración constitucional, o Estado español está disposto a admitir para as linguas que non son o castelán.

É xusto e democrático que a sociedade catalá –igual que a galega– reivindique que o seu idioma ocupe un lugar plenamente normalizado. O que non é nin xusto nin democrático é que un Tribunal partidista se erixa en substituto plenipotenciario da soberanía popular. Tampouco é xusto nin democrático que se nos diga que no Estado hai e sempre haberá unha lingua de primeira, con todas as proteccións e promocións, cuxos falantes serán os únicos suxeitos de dereitos plenos; un lugar ao que, segundo nos din, nunca poderían aspirar os outros idiomas existentes.

Vista desde Galiza, esta sentenza dá tamén para varias reflexións. Porque, aínda cos recortes, sábese que o Alto Tribunal dá o seu visto e prace matizado á consideración do catalán como dereito de uso e deber de coñecemento, avanzando así un degrao na equiparación xurídica co castelán. É preciso lembrar que, de non facelo, o Constitucional estaría a quebrar a súa propia xurisprudencia. Na década de 80, anulara un artigo da Lei de normalización lingüística de Galiza en que se igualaba o galego co castelán. Daquela, o Tribunal sentenciara que tal consideración debería figurar no Estatuto para ser válida e que, por iso, rexeitaba ese precepto que, democrática, libre e unanimemente, aprobara o Parlamento galego.

Da sentenza de agora, sabemos tamén que o Constitucional non puxo óbice en que se sinale no Estatuto que o idioma propio sexa o vehicular do ensino. Como é sabido, corrobora así unha práctica educativa realizada con éxito polo Goberno catalán desde os inicios da restauración democrática. Xa en ditames anteriores, dos anos 90, este Tribunal non só xustificou, senón que tamén valorou positivamente a inmersión lingüística. Afirmaba que con ese método pedagóxico se pulaba pola igualdade real, pois os idiomas do Estado diferentes do castelán foran desfavorecidos historicamente e aínda padecían na sociedade dos resultados de tantos anos de proscrición.

Non é curioso que grupos políticos como o PP (quen quixo gañar no Constitucional o que non gañou nas urnas) se neguen a admitir estes principios mínimos, mesmo recoñecidos por un Tribunal Constitucional tan partidista e deslexitimado? Xa que tanto presumen do respecto a este Tribunal (en cuxa composición son decisivos…), para cando ouviremos unha declaración súa rectificando os seus discursos que este órgano xurisdicional invalida totalmente? Por exemplo: “De acordo, a inmersión lingüística non só dá bos resultados e está recoñecida por organismos internacionais, senón que é constitucional”. Reparemos: a verdade é que desde este partido político non se conforman cos recortes conseguidos, senón que levan tempo nunha campaña para consolidar unha redución moito maior da diversidade lingüística e cultural do Estado.

Agora mesmo, Galiza está a ser o laboratorio de probas da maior involución neste sentido. Despois dunha campaña sucísima e chea de mentiras, o PP regresou á Xunta o pasado marzo de 2009. Conta cunha maioría absoluta pola mínima, pois ten só un deputado máis que a oposición de PSdeG-PSOE e BNG, aínda que conseguiu 5.000 votos menos que a suma destas dúas últimas forzas políticas.

Mais están a utilizar esta maioría absoluta para cabalgaren como o cabalo de Atila sobre o noso idioma. Desde a súa nova chegada ao goberno, o PP comezou cun proceso de desmantelamento da oficialidade do galego pola vía dos feitos. Por exemplo, a súa primeira medida lexislativa, realizada por trámite de urxencia, foi anular a obriga de que as persoas que se presentasen a unha oposición pública da administración galega teñan que demostrar o seu coñecemento do idioma propio a través da realización dun exame. A nosa lingua deixou de ser un requisito e o grupo que sustenta o goberno xustificouno argumentando que o galego era unha “barreira” (sic) para que chegue a traballar na Xunta xente procedente doutras comunidades do Estado. Elocuente, verdade?

Ademais, mentres o Tribunal Constitucional ratificaba a inmersión lingüística, en Galiza aprobábase un decreto polo cal se prohibe (si: falo de prohibir, e non é ningunha hipérbole); polo cal se prohibe, digo, a docencia en galego de matemáticas, tecnoloxía e física e química. Tamén se prohibe que se poidan recomendar libros en galego para estas materias. Segundo o Conselleiro de Educación, esta erradicación do galego das disciplinas científico-técnicas é por “tradición” (!) e para garantir “o equilibrio e a liberdade lingüística” (!). Estamos nunha situación que nunca se producira nestas tres décadas de autonomía en Galiza; tampouco nos gobernos de Manuel Fraga Iribarne. Ademais, a través deste decreto (coñecido como “o decretazo contra o galego”) impídese que ningún centro de ensino poida aplicar programas de inmersión lingüística. Os demandados proxectos que existían para a aprendizaxe en galego en zonas máis castelanizadas foron anulados dun día para outro.

Podería comezar a indicar unha listaxe longuísima de moitas máis medidas adoptadas por esta Xunta contra o idioma galego, mais podemos quedar con estas dúas como paradigmáticas do desmantelamento da oficialidade. Porque… é oficial unha lingua cuxo coñecemento non é un requisito para acceder a un posto de traballo? É oficial unha lingua que está prohibida como vehículo de aprendizaxe de determinadas materias?

É evidente que hai un problema democrático cando o Parlamento de Cataluña, o Congreso dos Deputados e o pobo catalán en referendo aproban un Estatuto que é recortado de forma unilateral por un Tribunal Constitucional tan politizado. Agora ben, tamén hai un problema democrático cando este Alto Tribunal sinala uns camiños, incuestionados como constitucionais, de revitalización da lingua propia e a Xunta de Galiza se nega a percorrelos. É ben curioso que os que nos din “nada por riba da Constitución do 78” sexan os mesmos que se negan a cumprila; os que fan ouvidos xordos cando lles dicimos “pois tampouco nada por baixo da Constitución do 78!”

Na Transición, Galiza era a comunidade do Estado onde máis se falaba de forma espontánea a lingua propia; ou dito noutros termos: era o lugar do Estado onde menos se falaba español nas rúas e nas casas. Nestas décadas, a caída de falantes foi enorme; nos últimos anos, en picado. Agora, co novo presidente da Xunta, pasamos dunha política de narcotización da morte do galego a un goberno que anda a patadas con esta lingua.

Esta involución pon o noso idioma ao borde do precipicio, mais tamén fai que moitas persoas acorden a súa consciencia lingüística. Así, en doce meses, cinco manifestacións multitudinarias encheron as rúas de Santiago de Compostela reclamando o cesamento destas políticas nefastas. O propio PP está sorprendido con esta resposta social. Aínda que os medios de comunicación do Estado non lle dean a importancia que ten, estamos a vivir as maiores mobilización da historia de Galiza en defensa da súa lingua, só comparábeis en asistencia ás manifestacións da Transición por un Estatuto igualitario para Galiza e ás realizadas tras o afundimento do Prestige.

Estas políticas desenvolvidas polo PP na Xunta son a aplicación dunha ofensiva contra a diversidade do Estado que se deseñou na rúa Génova de Madrid. Non obedecen a unha demanda real da sociedade galega nin cousa que se lle pareza. O decreto do ensino é a mostra máis palpábel. A Xunta aprobou esta norma a pesar de contar co rexeitamento da comunidade educativa: todos os sindicatos, de todas as asociacións estudantís e de todas as asociacións e federacións de nais e pais (excepto unha, vinculada ao PP), ademais dos informes negativos das principais institucións culturais.

Galiza é, pois, o lugar onde o PP está a probar até que punto é posíbel reverter o edificio institucional da normalización, coa pretensión de estendelo a outros lugares. O pasado mes de xuño, en visita a Galiza, Alicia Fernández Camacho asegurou que o PP catalán terá a política lingüística aplicada agora pola Xunta como bandeira electoral á Generalitat…

Mentres, institucións como o Consello Consultivo de Galiza declaran que o decreto contra o galego no ensino é “inconstitucional”, sen que iso impida a súa promulgación. Porque esa forma de ser inconstitucional parece que si vale.

21 de jun. de 2010

As primeiras letras


Velaquí o artigo desta semana en Galicia Hoxe, sobre a nosa lingua na educación infantil e, en xeral, nos nosos pequenos e nas nosas pequenas:

As primeiras letras
O galego na escola, un ben colectivo


“Temen que a nuestros propios hijos les enseñemos a volar”, canta Silvio Rodríguez na canción “Expedición”, dentro do seu disco do mesmo nome. Se quixésemos adaptar este verso aos tempos que nos toca vivir en Galiza, non abondaría con traducilo á nosa lingua. Teriamos que mudar a última palabra por outra moito menos metafórica, porén máis fundamental: “Temen que aos nosos propios fillos lles aprendamos a falar”.

Non me refiro, claro, só ao ámbito educativo, onde Alberto Núñez Feijóo está especialmente empecinado en reducir á mínima expresión a presenza do galego. No entanto, como demostran diferentes casos ao longo e largo do planeta, o ensino é unha condición necesaria mais non suficiente para o proceso de normalización dun idioma.

Para alén da escola, en todo o resto dos ámbitos da vida social dos nosos pequechos e das nosas pequechas, este goberno da Xunta actúa contra a nosa lingua, for por acción (p. ex., o caso dos Teletubbies) ou por omisión (ningunha medida na defensa do idioma galego desde marzo de 2009...). En pleno século XXI e despois de tres décadas de autonomía, unha crianza que ten como lingua familiar a propia de Galiza ten serias dificultades para acceder a xogos, filmes, cancións etc neste idioma, dependendo dun tremendo esforzo voluntarista dos pais que se poida corrixir parcialmente (e nada máis que parcialmente) esta situación.

Se Alberto Núñez Feijóo quixese ver con honestidade algún lugar onde haxa carencias de “liberdade lingüística” e onde debería tomar medidas compensatorias, debería comezar mirando para aquí. Mais, como calquera persoa que teña ollos na cara pode saber, a “liberdade lingüística” non é nada máis que un lema propagandístico cheo de hipocrisía para defender unha ofensiva política para a proscrición do galego. Unha ofensiva meditada, máis estratéxica que táctica, coa que perseguen a desaparición de Galiza como tal sociedade diferente, con cultura e historia de seu.

Sinalaba antes a escola como unha condición necesaria mais non suficiente para a revitalización dun idioma. En Galiza, a tal condición necesaria non era realidade xa antes do decretazo 79/2010, de forma máis grave e especial na etapa da educación infantil. É incríbel a capacidade que determinados medios de comunicación e poderes económicos teñen para facer ver o mundo ao revés e que haxa xente que continúe a falar da “imposición del gallego en la enseñanza”, cando a realidade dos centros é totalmente diferente.

Podería citar aquí datos extraídos de estudos elaborados pola Mesa pola Normalización Lingüística, mais é que xa o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega e o propio Parlamento galego (por unanimidade, hai que subliñalo) elaboraron e aprobaron informes nos que sinalaban a mesma conclusión: nas etapas máis temperás da escolarización é onde menos presenza ten a nosa lingua. Contribúese así á castelanización dos falantes de galego e a que os nenos que chegan tendo como idioma inicial o castelán vexan o idioma de Galiza como algo foráneo e alleo. Seguro que moitas das persoas que ledes estas liñas podedes contar historias de nenas e nenos das cidades, ou mesmo dalgunhas vilas, que ao veren alguén falar a nosa lingua exclaman: “¡Mira, mamá, un gallego!” Estranxeiros na propia patria, como na denuncia rosaliana.

Co decretazo contra o galego, a situación empeora cualitativa e cuantitativamente, non só polas regresivas medidas que estipula (contra todo criterio pedagóxico ou construtivo), senón tamén pola negativa mensaxe gobernamental de que o idioma de Galiza non ten futuro.

Ante isto, cómpre que as nais e os pais ergan a súa voz na defensa de que os seus fillos e as súas fillas poidan ter unha educación en lingua galega. Por iso, non podo deixar de aproveitar este espazo para difundir unha proposta de texto elaborado por Queremos Galego, que se pode descargar desde o web desta plataforma cidadá. Esta campaña ten importantes dificultades de intendencia debido ao momento do curso no que estamos e ás carencias humanas e económicas de Queremos Galego, polo que é básico que nos impliquemos a nivel individual na súa divulgación. Xa que estas agresións colocan a nosa lingua nunha posición moi delicada de cara ao futuro, temos que estar á altura do momento en que nos encontramos.

Velaquí o formulario, dirixido ao conselleiro de Educación:

Comunícolle a miña solicitude para que me informen das medidas pedagóxicas que se van adoptar para que a miña filla / o meu fillo aprenda en galego, reforzando e afianzando o noso idioma propio.

A escola segue a ser unha institución fortemente castelanizante e a experiencia indica que, sen unha atención específica, os nenos falantes de galego perden o seu idioma, mesturándoo caoticamente nun xeito de castrapo que afecta gravemente á fixación da lingua. O resultado é que a nena ou o neno infravalora o seu idioma e acaba por abandonalo.

Pola súa banda, todos os estudos oficiais demostran que os nenos que entran na escola falando castelán non conseguen as competencias comunicativas en galego, pois a lingua propia continúa a estar desfavorecida a nivel social. Se xa antes existía este problema, co decreto 79/2010, esta situación agrávase, pois non se ofrecen as garantías para unha docencia mínima na lingua propia da nosa sociedade.

A Lei de normalización lingüística, que desenvolve o artigo 5 do Estatuto de Autonomía, sinala que o galego é tamén lingua oficial do ensino en todos os tramos educativos (art. 12) e que as autoridades arbitrarán as medidas encamiñadas a promover o uso progresivo do galego (art. 13). Ademais, a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, ratificada polo Estado en 2001 e que forma parte do noso ordenamento xurídico constitucional, sinala no seu artigo 8 que os poderes públicos deben promover un modelo educativo con garantías para a lingua propia. Así mesmo, aínda que o decreto 79/2010 vulnera o dereito a unha formación escolar en galego, conculcando así dereitos lingüísticos individuais e colectivos, sinala no seu artigo 5 que se “procurará” que o alumnado adquira, de forma oral e escrita, o coñecemento das dúas linguas oficiais, mais sen determinar como.

Por todo isto, SOLICITO:
1. Que se me informe por escrito das medidas pedagóxicas que se van adoptar para que a miña filla / o meu fillo aprenda en galego, reforzando e afianzando o noso idioma propio.
2. Que se me garanta o dereito a dispor dun ensino en galego na etapa educación infantil, de acordo coa art. .8.1.a.i da Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias e co disposto no art. 13.1 da Lei de normalización lingüística.
3. Que se me informe das medidas concretas de atendemento individualizado que a miña filla / o meu fillo vai recibir en lingua galega, de acordo co que o artigo 5.3 do decreto 79/2010 estipula.

Non reclamo estas medidas exclusivamente en beneficio da miña filla / do meu fillo. Teño en consideración que a lingua galega é patrimonio de todas e todos e, por tanto, tamén dos seus compañeiros e do profesorado. O esforzo especial que se faga desde a escola en favor da nosa lingua propia perseguirá un beneficio colectivo e non individual.

14 de jun. de 2010

Núñez Feijóo tira 5 millóns de euros para reducir a presenza do galego no ensino

Que se coñeza: Alberto Núñez Feijóo, en pouco máis dun ano como presidente da Xunta, malgasta un mínimo de 5 millóns de euros só en reducir a presenza do galego no ensino. A súa última novidade: tirar á cañeira 190.000 libros de texto, valorados en 3,8 millóns de euros, polo feito de que están en galego. É isto un gobernante serio, responsábel, cívico...?

Sobre isto trata o artigo que publico esta semana en Galicia Hoxe:

Indecencia, malgasto e galegofobia
A Xunta tira 190.000 libros de texto por estaren en galego


190.000 libros de texto gratuítos para as familias, adquiridos polo goberno bipartito, van ir parar ao lixo, a pesar de teren unha vida útil de dous anos máis. Así o recoñece a propia Consellaría de Educación aos medios de comunicación que se fixeron eco da noticia. O motivo? Eses manuais están en galego e refírense a materias científico-técnicas cuxa docencia no noso idioma quere prohibir o goberno Feijóo a través do decretazo 79/2010.

Cómpre que a sociedade o saiba. Temos que movernos por riba das mordazas mediáticas do PP para que se coñeza que o presidente da Xunta ordena deitar ao caldeiro do lixo todos estes manuais, cuxo valor económico a Asociación Galega de Editores estima en 3,8 millóns de euros. Todos estes libros de texto non son substituídos porque houbese algunha descuberta excepcional neses ámbitos de coñecemento que os convertese en anticuados, nin porque houbese mudanzas no temario, nin porque tivesen erros pedagóxicos, nin por ningún outro motivo racional e comprensíbel. O único que lles acontece é que teñen un erro insubsanábel, un pecado orixinal: están escritos en galego, ese idioma que “por tradición” (Jesús Vázquez Abad dixit) non está feito para disciplinas como as matemáticas, a física, a química e a tecnoloxía.

Cultural e pedagoxicamente, é unha vergoña, pois supón darlle un mazazo ao proceso de recuperación e extensión social da nosa desfavorecida lingua. Mais nos aspectos político e económico, non podemos menos que falar de indecencia. Porque é indecente que, na situación actual desta grave crise económica, o presidente da Xunta obrigue as familias a adquiriren 190.000 libros de texto novos, cun desembolso monetario importantísimo.

Trascendeu nalgún medio de comunicación que o Goberno galego valorou facer unha moratoria para que, a pesar da prohibición de docencia na lingua de Galiza nalgunhas materias, cando menos se permitise a utilización de todos estes miles de libros de texto. No entanto, os grupos máis reaccionarios dentro do PP, os que teñen a capacidade decisoria a día de hoxe neste partido, concluíron que era fundamental deixar clara a mensaxe de que non se ía permitir nada de galego. Que así se tiran polo desaugue 3,8 millóns de euros? Pois xa se sabe, esta Xunta non sabe nada do que significa a austeridade cando de atacar o noso idioma se trata.

Esta decisión é sintomática da forma de gobernar de Núñez Feijóo: propaganda sobre aforro da administración que despois non se corresponde coa realidade, discursos ampulosos sobre liberdade lingüística que se concretan en limitacións e prohibicións do galego, despreocupación polas economías familiares e comprensión polas grandes fortunas... Co que nos encontramos, en definitiva, é cun xestor pésimo que só é coñecido pola súa falaz propaganda da austeridade e polos seus ataques contra o galego.

Que a moderación no gasto por parte de Núñez Feijóo é pura mentira vese ben cando nos decatamos de que, en pouco máis dun ano, a Xunta dilapida un mínimo de 5 millóns de euros só en reducir o galego no ensino. Sumemos, se non, e para que ninguén acuse de engano nin manipulación, fagamos as contas tendo en conta só os datos oficiais (que, é curioso, son sempre as estimacións máis baixas).

Collamos, pois, a calculadora. A Xunta recoñeceu que nas próximas semanas vai presentar unha campaña para convencernos das bondades do decretazo contra o galego; o seu custo, segundo o secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, é dun millón de euros (819.000 € máis o IVE). O cambio das Galescolas a Galiñas Azuis, destruíndo o modelo pedagóxico en galego que fora eloxiado polo Consello de Europa, significou un desembolso das arcas públicas, segundo datos achegados pola Consellaría de Traballo e Benestar, de 40.000 €. A pseudoconsulta trampeada que se formulou ás familias o ano pasado significou un gasto público de 160.995 €, segundo indicou o secretario xeral de Política Lingüística (aínda que este dato ten moi pouca fiabilidade, é o oficial). A todo isto teriamos que agrecentarlle agora os 3,8 millóns de euros en libros de texto que irán para a cañeira, segundo a valoración da Asociación Galega de Editores. Seguro que faltan cousas por termos presentes, mais só con isto dá a cifra calafriante dos cinco millóns de euros. E só no referido a reducir a presenza do galego no ámbito educativo.

Mais sabe a cidadanía isto? Sabe que o presidente que realiza discursos inzados de chulería e prepotencia sobre “liberdade lingüística” e “austeridade” está a malgastar o diñeiro público en atacar o galego e en reducir os dereitos lingüísticos? Na nosa man está utilizarmos todas as ferramentas ao noso dispor para que se saiba.

31 de mai. de 2010

As reviravoltas da CONGAPA

No artigo desta semana en Galicia Hoxe abordo os cambios de opinión que tivo a CONGAPA ao longo dos últimos tempos a respecto da presenza do galego no ensino. A única entidade do ámbito educativo que apoia o decretazo fixo un seguidismo partidario que enrubia, sen ter presentes nin criterios pedagóxicos nin a procura dunha calidade educativa para os seus fillos e as súas fillas.

Velaquí o texto:

A CONGAPA e a nosa lingua

Esta semana pasada soubemos xa os artigos definitivos que configuran o decretazo contra o galego, unha vez que se publicou no Diario Oficial de Galiza. Ademais, segundo se soubo tamén estes días, se non se coñeceu antes a redacción última do decretazo non se debeu -desta vez- ao escurantismo do PP na cuestión. Parece que o que pasou foi que a norma recibiu a aprobación no Consello da Xunta antes mesmo de estar redixida, o cal sería unha nova irregularidade ás moitas que hai que sumar no proceso de elaboración e aprobación deste enganosamente chamado "decreto do plurilingüismo". Ou é que o Consello da Xunta pode darlle o visto e prace para a publicación no DOG a unha norma legal que aínda non está totalmente terminada, á que lle faltan aínda algúns artigos por escribir? Son moi precisos, tamén aquí, ben de luz e ben de taquígrafos.

Nos tribunais


Na súa concreción final, a norma mantén todos os trazos fundamentais que levaron ao seu rexeitamento polo Consello Consultivo, a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega, así como das diferentes organizacións representativas das comunidades educativas. Por iso nada máis saír publicado o decretazo no DOG xa foron varias as entidades que anunciaron que van presentar recursos para o tombaren nos tribunais. Ábrense así varios procesos xudiciais paralelos, que se suman á vía da denuncia internacional, nomeadamente ante o Consello de Europa.

Hai que subliñalo máis unha vez, porque é un feito moi grave. Non se coñece outro goberno democrático en todo o mundo que leve a cabo unha reforma educativa de tanto calado como a que está a facer Alberto Núñez Feijóo a nivel lingüístico en Galiza sen contar coa opinión de sindicatos, organizacións estudantís e asociacións de nais e pais. Lembrémolo: o decretazo nace rexeitado por todos os sindicatos do profesorado, por todas as agrupacións de estudantes con presenza e actuación no noso país e por todas as asociacións e federacións de nais e pais, agás unha. Esa excepción é a CONGAPA, a sucursal galega da CONCAPA, a Confederación Católica Nacional de Padres de Familia y padres de Alumnos. Que esta entidade de nais e pais de centros católicos apoie a norma non debe levarnos a engano, pois nin os sindicatos con presenza nestes colexios e institutos, nin a propia federación dos 125 centros católicos de Galiza están de acordo con esta medida unilateral que impón o goberno de Núñez Feijóo.

A remolque


Se analizamos un pouco a evolución da postura da CONGAPA a respecto da presenza do galego no sistema educativo, veremos que nos últimos anos actuou a remolque da opinión que en cada momento tivese o Partido Popular. Así, cando na última lexislatura de Manuel Fraga Iribarne se aprobou o Plan xeral de normalización da lingua galega, onde se falaba de impartir en galego a materia de matemáticas e de garantir un mínimo de presenza do 50% do noso idioma nas aulas, os portavoces desta confederación aplaudiron a proposta.

Quen procure nas hemerotecas, verá que cando o PP participou coa Consellaría de Educación do bipartito na presentación do novo decreto de fomento do galego que este partido tamén negociara, a CONGAPA tamén saíu adheríndose á nova norma. A promoción do galego nese momento estaba ben, non habería problema por incorporalo a novas materias, o 50% era de xustiza...

Mais cando, ao cabo de tres meses, o PP trasacordou e comezou a rexeitar o decretazo, a CONGAPA seguiuno. De feito, seguiu até tal punto o discurso de atacar o galego que algún dos seus portavoces (José Ramón Hermida) chegou a soltar esta xoia o ano pasado pola súa boca: "Utilicemos el sentido común. Químicas o Físicas, con tantas nomenclaturas internacionales, no se pueden dar en gallego. No podemos retroceder".

No proceso de elaboración do decretazo, a CONGAPA tamén foi mudando de postura, segundo o punto onde puxese o seu acento nese momento o Partido Popular. Cando o presidente da Xunta dixo na véspera de fin de ano que o novo decreto ía basearse na aprendizaxe do inglés, todo foron louvores a esa idea. Desde a CONGAPA asegurábase que eles apoiaban a proposta porque era necesario garantir a aprendizaxe do inglés.

Cando se demostrou cantas sentenzas en contra acumulaban algunhas das ideas que o PP tiña a este respecto e se puxo o acento na idea da "elección dos pais", ese pasou a ser o seguinte punto polo que a CONGAPA se adhería ao decretazo. Se o PP pasaba a falar tamén na súa propaganda, e tras as inmensas mobilizacións sociais, dun 50% de galego nas aulas, entón esa cifra había que apoiala de novo.

O tema da suposta "elección das familias" é interesantísima. Porque o pasado 14 de maio a CONGAPA dubidaba de que puidese ser inconstitucional esta escolla, que apoiaban con fervor. No entanto, seis días despois, cando Alberto Núñez Feijóo presentou os trazos definitivos do decretazo, tras o Consello da Xunta semanal que aprobou esa norma que aínda non fora redixida, a CONGAPA volveu mudar de opinión. Xa que o presidente do Goberno galego anunciaba que non ía haber consulta (ou pseudoconsulta, máis ben) en primaria e en secundaria, Jorge Villarino, o presidente desta confederación de nais e pais de centros católicos, pasou a sinalar que esa posibilidade de escolla de materias nesas etapas "non aportaba gran cousa" (sic).

O que vemos, pois, é que a CONGAPA, a única entidade do ámbito educativo que apoia o decretazo, non seguiu en ningún momento ningún criterio pedagóxico nin racional de ningún tipo á hora de adherirse ás propostas que sucesivamente foi realizando o PP ao longo destes anos. Nin tan sequera -hai que dicilo- seguiu ningún criterio sustentado en pensar de forma seria e responsábel que sería o mellor para a educación dos seus fillos e das súas fillas. A única razón que guiou as sucesivas mudanzas de postura desta confederación (mesmo con algún cambio tan abrupto como o que experimentaron entre os días 14 e 20 deste mesmo mes de maio) foi servir de respaldo político para o partido ao que tan estreitamente se vincula.

24 de mai. de 2010

Até onde queren chegar?

Velaquí o artigo desta semana en Galicia Hoxe. A primeira parte é unha pequena reflexión sobre as mudanzas do decretazo; a segunda, é a transcrición do comezo da miña intervención no acto final do 17 de maio pasado:


Até onde queren chegar?

En moi poucos días, talvez hoxe, cando se publique este artigo, promulgarase no Diario Oficial de Galiza a maior navallada contra o galego en toda a historia autonómica: o decretazo contra o noso idioma no ensino, o mal chamado "decreto do plurilingüismo".

Na súa presentación, o presidente da Xunta obviou o rexeitamento tremendo que trae consigo esa norma e pasou tamén por alto os informes xurídicos de altísimo nivel, como o do Consello Consultivo, que a cualifican de ilegal e mesmo inconstitucional.

Para tapar todo o resto do relatorio do Consultivo, só fixo referencia á desautorización das pseudoconsultas ás familias, eses "circunloquios para conculcar a Lei de normalización lingüística". No entanto, o máis curioso é que se retira esa pregunta só en primaria e secundaria, alí onde menos importancia tiña e máis ridículo resultaba o inquérito. Lembremos que na versión que existía até o de agora do decretazo para esas etapas só se poderían intercambiar bloques de materias para impartir nunha lingua ou noutra, cada catro anos e se o solicitaban a metade máis unha das familias matriculadas no ano en que se formulase a cuestión (non valería tampouco a metade máis unha das familias que participasen). A falta de que se publique o decretazo, o que parece é que o que se fai é determinar de forma inamovíbel en que materias estará prohibido o uso do galego. Unha barbaridade.

Ademais, o presidente da Xunta transmite que non se poderá formular tal pregunta porque non o permite a Lei, así que o que vai facer é... mudar o marco normativo. O que nos está a dicir é que pensa derrogar de forma unilateral a Lei de normalización lingüística, que nun dos seus títulos básicos estabelece o fomento e promoción do idioma galego no sistema educativo. Lembremos que esa lei foi aprobada por unanimidade e é de desenvolvemento básico do Estatuto, polo que se trata dun dos piares que sosteñen a Autonomía. Veñen a por todas, coa firme intención de destruír a nosa cultura. Temos tamén nós que manternos firmes na súa defensa. Máis que nunca!

A nosa lingua é a nosa patria

Transcribo a continuación a primeira parte da miña intervención no acto final da manifestación do pasado 17 de maio de 2010. Parabéns a todas as persoas que volveron a ateigar as rúas de Santiago de Compostela exclamando a lexítima e xusta reivindicación de que se garanta o dereito a vivir no noso idioma propio, natural e xenuíno. Temos que continuar por ese vieiro!

Moi bo día, compañeiras e compañeiros. Antes de máis, teño que realizar un saúdo de parte da familia de Uxío Novoneyra, que nos envía desde o Courel a Compostela:


"Prezadas compañeiras, prezados compañeiros:


Saudámosvos desde o Courel, neste acto de defensa da nosa lingua. Meu pai, hoxe, está convosco, connosco, chantado no medio da praza, defendendo a lingua galega, base da nosa identidade e verdade do noso ser. Traémosvos a súa verba en ofrenda para oular desde os tesos cumes: QUEREMOS GALEGO!"


A familia achéganos ademais un fragmento dun pregón lido no ano 1987 polo compañeiro, o gran poeta, Uxío Novoneyra, quen sempre que houbo unha manifestación en defensa do idioma galego estivo aquí connosco, e hoxe continúa a estalo. Dicía isto no ano 1987, mais reparade en que actualidade nas súas palabras:


"A nosa lingua é a nosa patria, aínda máis que o propio territorio. Nela, aínda o descoñecido, nunca é alleo para nós. Retomo o fío de que neste intre estamos todos os galegos, os de todos os credos e de todos os partidos implicados no afianzamento da nosa lingua e a nosa cultura no noso país.


Iste afianzamento faranos ver máis craramente os nosos problemas e os nosos problemas da nosa relación con outros pobos. Se non somos capaces de deslindar e defender a nosa identidade, que problema común poderemos atopar que non seña o de acetar a imposición que nos veña de fóra? A imposición de quen non pensa en nós como pobo, senón como territorio, como simple ouxeto.


Todo político que non vexa isto, todo home galego que non vexa isto, queda fóra, queda deslexitimado para exercer a responsabilidade da representación cidadá na súa terra, no seu pobo, neste pobo en transo de recuperación ou de extinción."


Dicía con claridade Uxío Novoneyra:


"Todos somos galegos e todos temos responsabilidade como tales galegos. E estas responsabilidades, repito outra vez máis, ultrapasan as ideoloxías e as premisas do propio partido. Responden a algo máis profundo e non valen medias tintas. Hai que estar, si ou non, con Galicia".

E isto que di Novoneyra é moi importante, moi actual:

"E non se pode dicir que se está con Galicia cando non se sente a responsabilidade da pervivencia da nosa lingua como meta primordial.Eiquí é onde está o futuro de Galicia. Eiquí está, inclusive, o poder político do futuro, que será moi distinto segundo a nosa lingua se sosteña ou non. Así nos gobernaremos de verdade algún día ou seremos gobernados. Seremos o que fomos e somos gleba, carne da historia, e non homes libres dun pobo libre".

Até aquí as palabras do compañeiro Uxío Novoneyra, nese vínculo de amor que chega desde O Courel, nese acto institucional da Real Academia Galega, tamén en defensa da lingua galega, até Compostela, esta manifestación unitaria polo noso idioma. Unha mobilización unitaria -mirade ao voso redor!- na que está representada toda a sociedade galega; toda a sociedade galega excepto, lamentabelmente, un partido político que se autoexclúe da súa defensa. Aquí estamos organizacións políticas, sindicais, culturais, veciñais, deportivas... do máis diferente tipo. Mirade ao voso redor e veredes o clamor unánime na defensa da nosa lingua. Acaban de indicarme que aínda hai xente na praza de Galiza. Conseguímolo unha vez máis!

Despois dunha das últimas manifestacións en defensa da lingua galega, o Partido Popular debateu en dous comités de dirección un informe interno no que se sorprendían. Dicían: "Pero estes de Queremos Galego, mira que case non teñen recursos humanos e económicos, mais comparamos as súas manifestacións con outras que convocamos nós e aínda teñen máis xente...". Están abraiados porque pensaban que iamos dobrar a cabeza, que iamos permitir que ese proceso de desmantelamento da oficialidade da nosa lingua triunfase. Mais aquí estamos, máis unha vez, demostrando que, na loita polo noso idioma, a forza do noso amor non vai ser inútil.

Dicía esta fin de semana o número dous do Goberno galego e o número dous do Partido Popular en Galiza que os que hoxe aquí estamos reunidos defendemos unha "ditadura lingüística". Máis unha vez terei que preguntarvos que é o que facedes aquí. E máis unha vez teremos que preguntarnos até onde queren chegar con ese tipo de discursos. Que liña vermella están aínda dispostos e dispostas a cruzaren no seu ataque feroz en contra da nosa lingua, en contra da nosa cultura?


Que o diga, ademais, un señor que ficha para a súa Consellaría a cargos procedentes da extrema dereita... Lembremos ese ex candidato da Falange, unha organización que si ten a ver con ditaduras lingüísticas de verdade e que agora se encarga, desde a Xunta, en enviar cartas amoestando aos concellos que queren promover e defender a nosa lingua. Até onde queren chegar con esa política de exclusión, de mentiras, de ataques feroces e impresentábeis contra o noso idioma?

17 de mai. de 2010

A falsa escolla

Velaquí o meu artigo desta semana en Galicia Hoxe.

Vémonos todas e todos ás 12 na Alameda de Santiago!

A falsa escolla
Polo verdadeiro dereito a vivirmos en galego


O número dous da sucursal galega do PP e do Goberno de Núñez Feijóo, Alfonso Rueda, declarou que a manifestación convocada para hoxe por Queremos Galego é para clamar por unha ditadura lingüística. É certo que este señor non se caracteriza pola súa capacidade para o diálogo nin para concitar consensos, igual que é coñecida a súa propensión case doentía á mentira; no entanto, realizar afirmacións públicas dese calibre é aprofundar un degrao máis nunha fenda social moi grave. Hai piares básicos da convivencia e da democracia que o PP quere esnaquizar desde a Xunta e a todas e todos nós nos corresponde evitalo.

Rueda pertence ao sector máis extremista do PP contra o galego. Sendo conselleiro levou a cabo por vía de urxencia a primeira medida para desmantelar na práctica a oficialidade da nosa lingua (a reforma unilateral da Lei de función pública) e nomeou altos cargos con currículo de extrema dereita que, desde San Caetano, se encargan de enviar cartas admonitorias aos concellos que queren defender e potenciar o idioma natural de Galiza; isto é, que queren cumprir co Estatuto. Antes, na precampaña das autonómicas, Alfonso Rueda foi un dos asistentes á manifestación convocada polo grupúsculo Galicia Bilingüe contra o galego “en el sentido peyorativo”, como diría Rosa Díez, que tamén era das que encabezaban esa marcha do odio.

Vistas as compañas das que se rodea, non sería estraño que fose o propio Rueda o que orquestrase os exercicios de ventriloquía con Galicia Bilingüe. Que o PP precisa vender a imaxe de que está no “centro” para ver se así logra atraer algún incauto ao seu consenso mortal para o galego? Pois entón que saia esa asociación criticando, para dar a impresión de que non se contenta nin a uns nin a outros. Que o PP non consegue ningún apoio ao seu decretazo? Pois entón que este grupúsculo sen presenza social e que só conta con sustento mediático e económico (sobre o cal, por certo, reina a escuridade) saia aclamando a Alberto Núñez Feijóo.

É nese contexto de falsa distribución de papeis onde hai que situar o comunicado de Galicia Bilingüe da semana pasada. Na nota, a entidade satélite do PP reclámalle ao conselleiro de Educación que evite, coas medidas cautelares que foren precisas, que os consellos escolares debatan (quero subliñalo: debatan) o decretazo.

Jesús Vázquez Abad e Anxo Lorenzo teñen así quen lle faga o traballo sucio de intimidación e criminalización do contraste e intercambio de pareceres. Para que pensarán que están os consellos escolares, se mesmo lles queren impedir dar a súa opinión sobre aspectos centrais do funcionamento dos propios centros e que afectan a toda a comunidade educativa?

Sen opción

A mesma semana pasada, a entidade galegófoba iniciaba tamén unha campaña ás portas dalgúns colexios e institutos. A través dela, supostamente animaban á xente a que escollese o idioma para a educación dos seus fillos ou fillas, aínda que dando a entender en todo momento que optar polo galego sería crear problemas no proceso de ensino-aprendizaxe. Na súa basta propaganda, lembran que a materia de Coñecemento do medio ten “máis terminoloxía e texto”, mais que nas Matemáticas “a dificultade (...) estriba principalemente na comprensión dos enunciados dos exercicios”. Vaia, que o galego é unha incomodidade en calquera caso, polo que a medio prazo debería irse reducindo aínda máis a súa presenza...

Nos materiais que editaron, inclúen textos desas dúas disciplinas, para os cales seleccionaron en todos os casos as palabras que poderían resultar máis diferentes entre os dous idiomas romances que son oficiais en Galiza, mesmo con manipulacións tan grotescas como esta que cito a seguir de “zorra” e “carrito de madera”:
A modo de breve pincelada ofrecémosvos unhas frases de mostra. En que idioma aprenderán mellor os vosos fillos?
A modo de breve pincelada os ofrecemos unas frases de muestra. ¿En qué idioma aprenderán mejor vuestros hijos? (...)

No Reino Unido os pescadores utilizan a zorra para escorregar sobre a lama das marismas e así poder transportar os mexilóns que recolleron.
En el Reino Unido los pescadores utilizan un carrito de madera para deslizarse sobre el barro de las marismas y así poder transportar los mejillones que recogieron.

É como se eu digo que o castelán é máis difícil porque a frase “Después de enjalbegar, recogieron el pan revenido” en galego se diría “Despois de pintaren as casas de branco, recolleron o pan reseso.”

Esta campaña lembroume ao convite que me fixo un amigo a semana anterior. El propúxome de irmos ao cinema os dous xuntos e deume a entender que eu podería escoller cal era o filme que iriamos ver. Porén, cando lle preguntei que era o que botaban nesa sesión el explicoume con enorme entusiasmo que podiamos ir ver “a última de Tim Burton, que ten pintas de estar moi ben e o pasaremos xenial” ou, se non, indicoume con cara de reprobación que eu tamén podería optar por “algunha destas pelis aborrecidas que falan da guerra de Iraq”. A aparente opción de escolla, claro, era falsa, pois xa na súa presentación me deixaba ben claro que no seu convite só podería ter unha resposta que el dese por válida, polo que non quedou outra que ir ver esa malograda versión de Alicia no país das marabillas.

Isto é xustamente o que nos di Galicia Bilingüe tanto na súa campaña como cando reclama que non se poida debater nos consellos escolares. Isto é, nin máis nin menos, ao que se refire Alberto Núñez Feijóo cando fala de “libertad lingüística”: “mientras pueda, escoja usted entre el castellano, un idioma de verdad, o el gallego, esa cosa”. Vaia, que a hipócrita “libertad para elegir” significa “escoja usted, pero escoja castellano”.

Do Courel a Compostela

A pesar de todos estes feroces ataques, a lingua galega existe e resiste. Ben o imos amosar neste Día das Letras no que se escoitarán voces na defensa da nosa cultura desde o Courel até Compostela. Da capital de Galiza sairá hoxe ás 12 do mediodía unha manifestación unitaria, convocada por Queremos Galego e da cal só se autoexclúe o Partido Popular. É unha marcha en defensa do noso idioma, pola retirada do inconstitucional decretazo e por unhas políticas de normalización lingüística acordes cos consensos aos que chegamos entre todas e todos.

Non defendemos nesta manifestación que se lle retire ningún dereito a ninguén, senón que haxa todas as garantías para que, tanto individual como colectivamente, poidamos vivir na lingua que nos une como galegas e como galegos. Porque, tal e como dixo Castelao, todo dereito non garantido deixa de ser un dereito.

3 de mai. de 2010

Os libros nadan mal

O artigo desta semana en Galicia Hoxe:

Os libros nadan mal
Triste exemplo dunha nefasta política cultural

Cando se soubo o nome do novo conselleiro de Cultura afirmouse que Alberto Núñez Feijóo cazara un merlo branco: un home con carreira diplomática, de talante dialogante e altas capacidades para a xestión. Para os optimistas por necesidade, era a mostra de que o novo presidente da Xunta non ía ser tan fero contra a cultura galega como el mesmo se pintara nos seus agresivos discursos; para os optimistas ben informados, semellaba máis ben que a anunciada política galegófoba ía executarse con luvas brancas e narcotizantes a eito.

No entanto, pasados os meses, o que sorprende é que Roberto Varela continúe, a pesar da súa demostradísima incompetencia como xestor e -grazas á mobilización social, que non foi allea ás súas provocacións- ao seu fracaso como anestesista. Calquera observador imparcial, sexa cal for a súa adscrición ideolóxica, sabe que o cargo de conselleiro de Cultura de Galiza lle queda moi moi grande a este home. Indo só a un indicador mensurábel, podemos observar que nestes 30 anos de autonomía ningún responsábel desta área no Goberno galego acumulou no seu caixón tantísimas solicitudes de dimisión chegadas desde tantos lugares en tan pouco tempo. Nin Ánxela Bugallo, a pesar dos titulares sensacionalistas que a perseguiron, nin Pérez Varela pondo a tiro a Carmiña Burana.

Botando a ollada a pouco máis dun ano atrás, un pensa que foi o que levou a Núñez Feijóo a fichar esta persoa para pór rostro á súa política cultural. Sería talvez porque sabe inglés? Ben se ve que con autoodio e con complexos non se toman as mellores decisións!

Mais vaiamos ao miolo da cuestión. Alguén sabe cal é a política cultural deste goberno? Se atendermos os discursos e a propaganda, veremos que sobrancea unha idea en negativo: a de desprotexer institucionalmente a cultura galega. Aí é onde se inseren as declaracións do conselleiro asegurando que "la cultura gallega está bien, pero limita", que "la cultura gallega está acomplejada y ensimismada", os chamamentos que ten realizado ás editoras en galego para que aposten por outros idiomas (eufemisticamente, pola "edición trilingüe") e a súa colaboración na extensión da mentira de que a cultura galega está hipersubvencionada, cando a verdade é que é unha das que menos apoio público ten de toda a Unión Europea e, incontestabelmente, a que menos amparos institucionais ten de todo o Estado español, a anos luz das culturas española, catalá ou vasca.

En teoría, neste ano 2010 o labor da Consellaría de Cultura incardínase en dous proxectos estrela. Por unha banda, o Xacobeo, cuxo evidente bluf na xestión e nos resultados se tenta disimular varrendo as miserias cara ao Goberno central. Ademais, aínda que non o notemos en nada, este foi proclamado como o Ano do Libro e da Lectura. O lema que poderían ter escollido é: "Temos dereito a ler sen darnos conta".

A frase que propoño como slogan é outra das xenialidades do propio Roberto Varela, que asegurou no Parlamento que el dixo nun acto "Desván de los Monjes" ou "Toro" -en troca de Sobrado dos Monxes e Touro- porque foi o que os seus colaboradores lle escribiron nun discurso (ao que parece que lle pasaron un tradutor automático e despois non revisaron). "Teño dereito a ler sen darme conta!", reprochoulle ao PSOE e ao BNG polas súas críticas, inaugurando así un novo dereito humano, aínda que seguro que sen ser consciente de tal inauguración (el ou quen lle escribise esa resposta parlamentaria). Pois xusto así nos pasa a nós co Ano do Libro e a Lectura: que estamos nel sen darnos conta.

Mais o problema non é só en concreto coa cultura galega, non. A ignorancia e o desprezo que manifestan estes gobernantes pola nosa cultura en particular o que espella é un problema global: a carencia dun proxecto construtivo, en positivo, e de coñecementos sobre políticas culturais serias e efectivas.

Talvez un dos mellores e máis tristes exemplos estea nos festexos organizados para o Día do Libro por parte do Goberno galego. O 23 de abril, no chan de cadansúa praza das cidades da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo escribíronse varios versos do poema Negra sombra de Rosalía de Castro. Para iso, a Consellaría utilizou "cerca de 100.000 libros ou 14 toneladas de mercancía", segundo estimou, literalmente, unha das notas oficiais enviadas aos medios de comunicación. A Xunta informou de que eses quilos de libros os doaron para o evento unhas indefinidas "diferentes entidades e institucións". Ese mesmo comunicado, emitido tres días antes do evento, sinala que "como colofón ao acto, simultáneo nas prazas máis representativas das cidades galegas, os libros entregaranse o mesmo día 23 aos viandantes que se acheguen á hora de deconstruír os tapices de libros ou ás asociacións que os soliciten con antelación e os recollan". Sabiamos que nesta Consellaría de Cultura non se destila amor pola lingua galega e que os actos de promoción dos libros neste idioma son realizados con desgana, mais o deste día debe pasar á historia do disparate universal.

O caso é que na xornada se cumpriu o prognóstico do refraneiro, que asegura que "en abril, augas mil". Os libros, ordenados baixo a chuva para formar palabras e versos, quedaron enchoupados, nun espectáculo tan dantesco como vergoñento. Manuel Rivas, que está a ser un dos mellores cronistas da desfeita cultural deste goberno que non nos merecemos, ten no episodio do 23 de abril de 2010 bo material para unha novela, que talvez podería levar aquí por título Os libros nadan mal.

Ante unha chafallada de tal calibre, a Xunta de Galiza debería dar explicacións públicas. Cren que repartindo libros por quilos, sen criterio, se fomenta o achegamento a bibliotecas ou librarías? A que grupos sociais ía destinada esta acción e que carencias se pensaba suplir con ela? Por que estes 100.000 volumes poden ser gratis e os manuais do ensino obrigatorio asegura o Conselleiro de Educación que non poden selo? Se a pretensión inxenua era achegar a cultura a novos espazos, por que xustamente se organizou nas cidades, onde existen máis infraestruturas e máis posibilidades de acceso á oferta editorial? Cantos destes 100.000 libros foron destruídos pola auga? Por que a Consellaría non preveu esta eventualidade anunciada polos servizos meteorolóxicos e continuou coa acción propagandística, aínda que esta supuxese -como ao final aconteceu- inutilizar milleiros de obras? Que pasou con todos os libros destruídos pola chuva? Foron parar ao lixo ou a un colector de reciclaxe? Saben as entidades que doaron as obras que ían para esta finalidade e que terían un tratamento tan coidadoso? Imitará a acción a Consellaría de Sanidade e, para festexar o Día da Saúde ou outro semellante, tamén vai agasallar medicamentos á rapañota á xente que pase por algunhas rúas a determinada hora dese día?

Cómpre mobilizarse contra tanto disparate. O 17 de maio, na praza do Obradoiro, reclamaremos unha mudanza profunda na política educativa, cultural e lingüística. Movámonos!