Mostrando postagens com marcador Nel Vidal. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Nel Vidal. Mostrar todas as postagens

14 de jul. de 2017

Isto está en galego?

Nos últimos meses tiven que lle pedir catro veces á Deputación da Coruña que me entregase un expediente completo en galego.

Nalgunhas das primeiras veces fun conseguindo que me traducisen cousas. Dígoo por ver algún lado positivo.

Acabo de recibir a resposta á cuarta petición. Dinme que xa teño todo en galego e que non teñen que facer máis. Déixovos capturas de varios deses documentos, a ver que vos parece, se xa están en galego ou non.

O máis doloroso é que é nas áreas de Cultura e Normalización Lingüística (nin máis nin menos que nesas!), xestionadas polo BNG, organización á cal non fai falta que diga canto se lle debe na defensa e promoción do noso idioma.

Que estean a acontecer este tipo de cousas, e moitas outras que denunciaba Nel Vidal hai pouco nun valente artigo, dannos síntomas dunha situación preocupante, que cómpre atender.

Como xa levo moito tempo dicíndoo internamente e todo son ouvidos xordos, comezo a dicilo en público.

Rectifiquemos!









5 de jul. de 2017

Un artigo imprescindíbel

Este texto de Nel Vidal é FUNDAMENTAL. Ou reencamiñamos estas situacións ou haberá que dar a batalla da lingua por perdida. Así de claro. Estamos dispostas e dispostos?

"Política lingüística de xirasol", Nel Vidal

Á ensalada hai que lle botar aceite do bo, pero as croquetas pódense fritir en aceite do barato. De oliva, do bo, e de xirasol, do barato, que é o mesmo que dicir do malo, do cativo. Así é como sempre se diferenciou o aceite na miña casa. Por iso me chama a atención, cando almorzo pola mañá, que as galletas publiciten vistosamente no seu paquete que están feitas con aceite de xirasol. E por que ese empeño en que saiba, xa cando as vou mercar, que levan produto cativeiro? Pois porque seica xa hai outro peor, o de palma, que ese si que é malo malo.

Xa ves, para que algo deixe de ser malo, non ten por que mellorar. Abonda con que se cree algo peor. E seica coas cousas da lingua estamos en tempos en que o menos malo xa ben nos ten que valer. Así que, non te queixes porque sexa malo, que xa sabes que podía ser peor!

Se antes nos laiabamos do bilingüismo enredante, agora poñémolo en valor, que, a ver, polo menos tamén está en galego, non? Se agora obrigan a publicar todas as convocatorias de subvencións en castelán, para non “escurecer”, tampouco será para tanto, que polo menos non prohiben que tamén teñan unha versión en galego. Se mesmo lles chamamos dinamización lingüística ás actividades culturais con tal de que estean en galego e apoiamos que se fagan convocatorias de subvencións para, cos cartos da lingua, convocar certames literarios ou facer folletos (pero na nosa lingua, eh!). Non, se a política lingüística fraguiana tampouco debía estar tan mal, que a baixa intensidade sempre foi mellor que o amortuxamento ou o repregamento.

A acción e o interese pola posta en valor e o uso normalizado do galego sempre dependeu daquelas persoas activistas social ou politicamente organizadas. E son, somos, quen agora temos que loitar para procurar evitar que mesmo haxa institucións gobernadas polo nacionalismo en que a páxina web non teña versión en galego, que defendan xudicialmente que non teñen por que ter competencias en normalización lingüística ou que contraten servizos de atención telefónica en que se lle nega á cidadanía a atención na lingua propia do país. E si, iso está a pasar.

Son, somos nós quen nos temos que queixar e procurar evitar que nesas institucións nin sequera se cumpra a lexislación de mínimos cualificada de raquítica. Que a sinalización de obras ou estradas exclúa o galego. Que os pregos de contratación se fagan en castelán. Que a música en galego quede secundarizada nas festas e festivais. Que se desprace (ou desprece) o traballo técnico pola normalización lingüística. Que nin pola cabeza de ninguén pase fixar criterios idiomáticos para contratar servizos, mercar equipamentos ou encargar programas informáticos. Que o galego estea invisibilizado en campionatos deportivos ou campamentos xuvenís. Que nin haxa área política nin técnica específicas para a planificación e intervención na procura da mellora do uso e prestixio da lingua... Porque se esas persoas se desactivan, nos desactivamos, a pasividade e deixazón de organizacións e entidades vai ir, aínda, a máis.

E seguro que non queremos conformarnos coa política lingüística de xirasol, verdade? Aínda que nola poñan con apelido galego e aínda que nos digan que a mala mala é a de palma, unha mellor política lingüística teremos que desenvolver para o presente e futuro do noso idioma.

26 de abr. de 2012

«As maiores manifestacións do mundo en defensa dunha lingua nos últimos anos foron en Galiza»



Reproduzo aquí, por se vos for de interese, a entrevista que me fixo hai uns días Nel Vidal para a páxina web da CTNL:

«As maiores manifestacións do mundo en defensa dunha lingua nos últimos anos foron en Galiza» Entrevista a Carlos Callón

ENTREVISTA: por Nel Vidal 

Carlos Callón preside a Mesa desde hai 10 anos e di estar con enerxía e novas ideas para continuar á fronte da asociación en defensa da lingua, que desenvolverá asemblea xeral o vindeiro 28 de abril en Ourense. Desta etapa como presidente da entidade destaca o aumento da afiliación, a mellor estrutura organizativa e a maior capacidade mobilizadora. Conversamos con el sobre a Mesa, o discurso e as mensaxes a prol da normalización lingüística, a colaboración entre o social e o institucional, etc.


Carlos, vai agora para dez anos que fuches elixido presidente da Mesa, naquela disputada asemblea con dúas candidaturas en xuño de 2002. Que valoración xeral fas desta etapa?
Participei nas directivas dos dous anteriores presidentes da Mesa e por iso sei de primeira man que os adiantos para a asociación son acumulativos.
Se teño que avaliar esta última etapa salientaría como moi negativo que non damos tido a suficiente forza para mudar as políticas lingüísticas oficiais e poría no lado positivo o aumento da afiliación, a mellor estrutura organizativa e a maior capacidade mobilizadora. Mais isto non é resultado do traballo dunha persoa: é un labor de equipo.

De que accións desenvolvidas pola Mesa nestes 10 anos contigo como presidente te sentes máis satisfeito?

Talvez noutro momento dixese ou diga outra cousa, mais agora véñenme á cabeza a campaña de galeguización dos bancos e caixas de aforros, os paros estudantís, o proxecto Abertos ao Galego e todo o esforzo de resposta aos ataques contra a lingua que desembocou na constitución de Queremos Galego.

E de cales menos orgulloso?, ou, que cousas cres que se poderían facer mellor ou que aínda están por facer?
Por facer hai demasiado, porque só hai que ver como está o galego nos diferentes sectores...
Estou menos orgulloso de cando non temos suficiente capacidade de resposta a algunha agresión e síntome moi insatisfeito naquelas campañas que se planifican durante meses e que despois non se poden levar a cabo ou hai que aplicar as tesoiras económicas até que fican con moita menos forza que a que se pretendía. As nosas carencias económicas impídennos que moitas campañas que quereriamos facer se poidan levar a cabo e iso obríganos a deixalas na gabeta e agudizar o enxeño para tentar chegar aos mesmos obxectivos.
De calquera xeito, entre a acción e a inacción, escollo a primeira. Aínda que sexa imperfecta.
É sabido que a carón do ideal todos saímos perdendo, mais fai falta actuar.

O vindeiro 28 de abril está convocada asemblea xeral da Mesa, que terá lugar en Ourense. Haberá cambios na xunta directiva?
A Mesa realiza todos os anos unha asemblea xeral para se avaliar no curto prazo e, cada tres, para escoller nova Permanente e debater máis en profundidade. A do 28 de abril no Auditorio Municipal de Ourense será destas últimas.

Encabezarás unha candidatura?
Estiven moitos meses pensando se candidatarme para continuar na presidencia ou colaborar coa Mesa desde outras funcións, xa que traballo para facer hai abondo e desde moitos lugares. Non é unha decisión doada, sobre todo na situación actual para a lingua e para A Mesa. Falei con moita xente e só encontrei ánimos para continuar, así que todo apunta a que encabezarei unha candidatura.
A pesar de que o traballo nunha asociación como A Mesa resulta moi absorbente, estou con enerxía e novas ideas para levar a cabo. Falaremos de todo iso na Asemblea Xeral do 28!

Será o teu cuarto mandato. Hai limitacións no número de eleccións?
Tecnicamente sería o meu quinto mandato. O primeiro é de 2002 a 2003, o resto xa de tres en tres anos. Non hai esa restrición, aínda que non sei se propola, a verdade!

Nos últimos anos a Mesa centrou a súa actividade, principalmente, na denuncia dos ataques contra o galego e da conculcación dos dereitos lingüísticos. Cres que é mellor que a Mesa manteña unha liña máis defensiva ou reactiva ca unha liña máis proactiva na procura da normalización lingüística?
A Mesa sempre presentou propostas de actuación e procurou crear debates novos ("proactivos"). Outra cousa é que por razóns políticas non fosen suficientemente tidas en conta (pénsese no contexto mediático galego...) ou non se aplicasen (pénsese na correlación de forzas partidarias en Galiza e o que defenden...).
Ora ben, os ataques e as agresións precisan respostas, aínda que estas deban modularse segundo a situación. Mais que ninguén esqueza tampouco que con estas respostas se crean "marcos" novos.
Por outra banda, a min persoalmente toda esta terminoloxía de Lakoff paréceme moi feble. Penso que teñen unha aplicación difícil, bastante distorsionada, unhas ideas nadas para os debates electorais dos multimillonarios partidos estadounidenses a realidades como a galega.

E cres que o discurso a prol da normalización lingüística está sendo o suficientemente eficaz? Estamos convencendo socialmente?
O discurso haino que ir puíndo sempre, sen dúbidas, mais penso que o problema central non está aí. O reto é como facelo chegar máis e mellor e, sobre todo, como conseguir que se aplique máis e mellor, sen máis políticas de homenaxe (que ás veces se converten en debates sen fin sobre o discurso).
Non é un problema de discurso que se eliminen servizos municipais de normalización, que a nosa mensaxe non poida acceder aos medios de comunicación de acordo coa nosa representatividade social, que a maioría das institucións non cumpran cos mínimos da legalidade lingüística, etc. Iso non muda se á rosa a chamamos caravel.
Penso que todas as emendas que vaiamos decidindo facer teñen que ir tamén coa consciencia do que xa conseguimos. Por exemplo, as maiores manifestacións en Europa (e, até onde eu sei, no mundo) en defensa dunha lingua nestes tres últimos anos foron en Galiza.
En fin, coido que está moi de actualidade e é moi necesario revisitarmos ese gran pensador que é Daniel Castelao a respecto dese debate sobre os discursos: "hai que loitar e crear, e non imos perder a vida metidos nas tripas dos problemas".

Entón, que mensaxe ou mensaxes principais cres que deben ser as que a cidadanía debe percibir desde o movemento en defensa da lingua para que se sume ao uso e defensa do galego, para que cada vez haxa máis xente que defenda a normalización lingüística?
Esta resposta tería que ser amplísima, porque o corpo doutrinal tamén o é. Pódeselle dar prioridade a unhas ou outras ideas segundo a situación (falo un pouco diso no libro Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, p. ex.)
Mais xa que me pides escoller unhas poucas, alá van:
- O galego é a lingua propia de Galiza e non é porque o inventase ninguén. É a única lingua que naceu aquí e a que nos identifica.
- O galego únenos a todas as galegas e todos os galegos, mesmo a aqueles que non o falan ou aínda non o falan.
- As políticas de normalización son políticas democratizadoras: evitan discriminacións, que aínda persisten; crean igualdade de oportunidades, que aínda non hai.
- As políticas normalizadoras son políticas de cohesión social, necesaria para avanzarmos en novos retos sociais e económicos.
- Unha sociedade que non acredita nas súas propias capacidades mal pode avanzar con forza.
- Os mellores exemplos de que as políticas de normalización lingüística van acompañadas do desenvolvemento económico témolas ao carón: Cataluña e Euskadi.
- Se pensas que é posíbel vivir en galego sen problemas e que non fan falta políticas normalizadoras, tenta facelo, procura vivir en galego de forma plena as próximas 24 horas.
- Nestes momentos unha persoa que queira vivir en galego en Galiza non ten garantido ese dereito. Son necesarias as medidas para o garantir.
- As linguas suman. O galego, tamén. Aprendéndoo e usándoo serache máis doado aprender e usar tamén outros idiomas (por fonética, léxico, etc.).
- Todas as nenas e todos os nenos deberían saír da escola con competencias lingüísticas boas, como mínimo, en galego e español. Iso, agora mesmo, non acontece co galego, polo cal son necesarias medidas.
- Nun mundo cada vez máis intercomunicado, non aproveitarmos as oportunidades que nos brinda o galego a través do portugués é como dilapidar o patrimonio. Grazas ao galego, todo o alumnado de Galiza podería saír do instituto cun certificado oficial de coñecemento de portugués, en moi poucas horas.
- Non hai maior defensa dunha lingua que o seu uso. Usa galego, escolle galego, solicita galego, organízate polo galego!
- Etc.

Cres que se debe coordinar ou manter unha maior colaboración entre o traballo social a prol da lingua e o traballo institucional? Como? De que maneira?
É desexábel esa colaboración entre o movemento social e as institucións, sen dúbida, tanto no ámbito na defensa da lingua como noutros. O que resulta paradoxal, por non dicir nada democrático, é que entidades sociais representativas non teñan posibilidade de colaboración con algunhas institucións por motivos de sectarismo político. É presentábel que a maior asociación cultural de Galiza non recibise nin un só céntimo de axuda do Goberno galego para ningún dos seus proxectos en todo o que levamos de lexislatura?
En ocasións ténsenos insinuado que se queremos recibir ese apoio económico temos que deixar de ser combativos contra o Goberno. Haberá quen estea disposto a dicir que o rei vai nu para levar as prebendas, e mostras hai algunha nos xornais estes días, mais ese nin foi nin será o xeito de proceder da asociación.
Tamén me parece que non ten moito xeito que entidades como A Mesa ou a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega estean excluídas do Consello da Cultura Galega. No caso concreto da Mesa non é só que non poida ter voz no plenario (como si pertencen entidades sen case actividade coñecida ou mesmo sen vinculación coa vida cultural galega) senón que a representación da entidade está vetada na Sección de Lingua e no Centro de Documentación Sociolingüística do Consello. É iso presentábel?
A Mesa pode colaborar coas institucións coa súa experiencia, a súa información e as súas moitas e fundamentadas propostas de actuación, como o ten demostrado durante os seus 26 anos de existencia.

Hai quen acusa A Mesa de estar politizada... Que lles dirías?
Calquera que faga un traballo en defensa da lingua recibe esa acusación, porque a defensa do galego entra en contradición cos principios ideolóxicos que defenden algúns dunha España monolítica. Vexamos se non os ataques que reciben os equipos de normalización lingüística dos centros de ensino polo seu traballo, 100% formativo e non só legal, senón emanado dun mandato legal. Porén, mesmo se chegou a dicir deles que son niños de formación de terroristas... Así está o nivel!
No caso concreto da Mesa temos que destacar que está conformada por socias e socios que pertencen a todas as formacións partidarias presentes no Parlamento galego e tamén a varias que non están representadas no Hórreo. Estou seguro de que a maioría, que non a totalidade, da afiliación é nacionalista, porque é un movemento que ten a defensa da lingua na súa razón de ser; tan na súa razón de ser que ten como obxectivo que o galego sexa defendido por todas as formacións, alén do nacionalismo.
Sen dúbida que A Mesa fai política: política lingüística. Non política partidaria: non nos presentamos ás eleccións, claro, e só en casos moi puntuais entramos en cuestións que non sexan lingüísticas. (Teñen que ser de emerxencia nacional e que aprobarse por unanimidade na dirección. Que eu recorde, nos últimos dez anos só se fixo co caso do Prestige.) O que xa me parece que é unha estupidez que insulta a intelixencia é dicir que politizas a lingua por usala ou defendela. Que eu use un idioma impídelle ao do lado usalo tamén? Entón debería deixar de usalo e defendelo? Se se pensa un pouco na cuestión, percíbese axiña a trampa.
O que non imos facer é deixar nin de realizar propostas nin de expresar as críticas que consideremos polo feito de que nos vaian acusar disto ou do outro.

Retirada de colaboración e difamación sobre o Correlingua, recortes brutais nos orzamentos para o fomento do galego, retirada dun libro de texto por dicir que o galego é a lingua propia... O 19 de abril folga no ensino e o 17 de maio manifestación en defensa do galego. Parece que sobran os motivos...
Movámonos, pois!


PERFIL

Carlos Manuel Callón Torres (Castiñeiras, Ribeira, 1978)
Preside a Mesa pola Normalización Lingüística desde o 15 de xuño de 2002. Tamén é voceiro da plataforma Queremos Galego.
É profesor de lingua e literatura galegas desde 2004, e exerceu no IES Castroalobre de Vilagarcía e no IES de Bertamiráns. Ten o seu destino definitivo no CPI Afonso VII de Caldas de Reis.
Ademais de varios estudos literarios, no ámbito da lingua publicou En castellano no hay problema (2010) e Como defenderes os teus dereitos lingüísticos (2011), ambos en Xerais.

Nas redes sociais
-Facebook: www.facebook.com/carloscallon
-Twitter: @carloscallon
-Blog: www.carloscallon.com

21 de ago. de 2011

De Carballo a Carballo






En Carballo foi a "previa" á presentación nacional de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, adiantándose dous días ao acto do Festigal. A esa "previa" pertencen as fotografías que penduro hoxe.

Porén, ese acto tivo dúas particularidades a respecto da presentación deste mesmo libro que se vai realizar tamén en Carballo o vindeiro 25 de agosto. A primeira, que o de xullo foi un acto para o público asistente ao Curso de Verán en que colaboran cada ano a Universidade da Coruña e a Coordinadora de Técnicas/os de Normalización da Lingua, mentres que estoutro está aberto a todo o mundo que quixer ou puider participar. A segunda diferenza é que daquela os libros aínda non se distribuíran e agora si, de xeito que poderá adquirilo quen quixer ou mesmo vir a debater sobre el xa coñecéndoo.

En fin, que, se vos apetecer, vémonos o 25 de agosto ás oito e media do serán na Praza dos Libros de Carballo.

Defendamos os nosos dereitos lingüísticos!

27 de out. de 2010

Mexan na lingua

Reparade neste cadro:
Non é o declive acusado de falantes de galego que Anxo Lorenzo tanto gosta de negar, igual que agora dubida de que unha política lingüística teña responsabilidade directa en que aumenten ou diminúan os usuarios dun idioma. Cousas veredes e ouviredes!

O cadro amosa a evolución dos orzamentos da Secretaría Xeral de Política Lingüística desde o último ano de goberno de Manuel Fraga Iribarne até o proxecto de contas para 2011. A gráfica, elaborada pola CTNL, fala por si soa. E non imos dicir que chove.

30 de out. de 2009

Manifestacións preventivas

Unha das ideas forza coa que os dirixentes do PP pretenden deslexitimar as mobilizacións na defensa da nosa lingua é cualificándoas de "manifestacións preventivas". Repiten, cun descaro mentireiro que abruma, que a actual Xunta non tomou ningunha medida en contra do galego. Os voceiros mediáticos transmiten a idea e o anestésico actúa, en maior ou menor grao.

Tanto quen dirixe estas políticas nocivas (Alberto Núñez Feijóo) como quen executa (Anxo Lorenzo, e uso o verbo executar en dúas das súas acepcións) reiteraron iso da "manifestación preventiva" en varias ocasións, tanto para a mobilización do 17 de maio como para a do 18 de outubro. Núñez Feijóo, que foi alto cargo dos gobernos de Aznar, nunca tivera ningunha crítica contra a que el e os do seu partido chamaban "guerra preventiva" en Iraq, esa en que nos meteu o PP e que ocasionou máis de 1.300.000 mortos. De verdade será peor unha manifestación preventiva que unha guerra preventiva?

Mais que tamén continúen a botar man de discursos adormecedores é, no fondo, un bo sinal. Decátanse de que as políticas agresivas que están a levar a cabo contra o idioma que nos une como galegas e galegos teñen contestación social. É, por iso, labor das persoas sensibilizadas romper a mordaza comunicativa e explicar o que están a facer co noso idioma e achegar máis xente a esta causa xusta.

Nel Vidal, presidente da CTNL, desenvolve nun pedagóxico artigo o pouco que teñen de preventivo a restra de medidas galegófobas adoptadas polo PP no ensino, na administración, nos medios de comunicación públicos, nas novas tecnoloxías, no mercado editorial etc.

Polo demais, se queredes ver un presidente da Xunta mentindo, podedes darlle ao play a este vídeo de youtube, correspondente a unha entrevista no programa El gato al agua, de Intereconomía, coñecido pola súa credibilidade e pluralidade (modo retranca on):

23 de fev. de 2009

A política lingüística nesta lexislatura

No artigo desta semana fago unha avaliación a uña de cabalo do que foi a política lingüística nesta lexislatura, tanto no referente ao departamento con competencia nomeada na materia como no conxunto das áreas da administración autonómica.

Transcribo aquí os dous últimos parágrafos, onde reparo máis no copo medio cheo e expreso o meu temor polos pasos atrás que se puideren dar no caso de regresar o PP ao Goberno da Xunta, talvez con conselleiros como Carlos Negreira ou Corina Porro:

Aínda sendo insuficiente para avanzarmos con pasos firmes e determos o declive do galego, cómpre recoñecer o que agora hai e que hai catro anos, podendo existir, non existía. As Galescolas, as políticas xuvenís que si teñen a lingua como algo transversal, os programas informáticos galeguizados, as tímidas medidas no sector comercial etc. Tamén hai que subliñar os froitos da colaboración co movemento social en defensa do galego, que, aínda sendo moi mellorábel, antes era inexistente. O afortalamento do exitoso Correlingua, o Voluntariado de Activación Lingüística (con máis de 1.000 participantes e un recoñecemento por parte da Unión Europea) ou o servizo A Liña do Galego non serían posíbeis doutro xeito. Son proxectos que se incardinaron porque cómpre presionar e criticar cando for preciso, mais tamén é necesario arrimar o ombreiro e construír para transformar.

Pouco acertadas e reflexionadas son esas críticas de brocha grosa que pretenden igualar as políticas lingüísticas desenvolvidas por Manuel Fraga coas que agora mesmo están en andamento desde diferentes departamentos autonómicos. Como se pode ter saudades dun goberno que por exemplo pretendeu expedientar a empresas por etiquetar en galego (caso Erica Mel) ou a colexios por ensinaren en galego (caso Colexio de Palmeira)? Non hai dúbida de que, sendo insuficiente o feito nestes catro anos, non habería nada peor para a nosa lingua e cultura que o regreso do PP ao goberno da Xunta, algo que os inquéritos e o seu voto oculto amosan como un escenario posíbel o vindeiro un de marzo.

Así mesmo, aconséllovos a lectura desta entrevista a Nel Vidal, o dinámico presidente da Coordenadora de Técnicas/os de Normalización Lingüística, que tamén aborda o mesmo tema, desde o interesante e recomendábel relatorio que elaborou.