27 de mai de 2011

A perda dunha lingua non é un proceso espontáneo

Para xustificar a súa acción letal contra o noso idioma, o autodenominado ex sociolingüista e actual verdugo do galego, Anxo Lorenzo, afirma de cando en vez que a política dun goberno non repercute sobre a saúde dun idioma. Se en realidade pensase iso, por honestidade debería propor que se fechase a Secretaría Xeral de Política Lingüística, pois non se entendería moi ben xa non só a súa existencia continxente, senón a súa propia razón de ser.

Mais non nos enganemos; non nos deixemos enganar. Se o galego é a única lingua con algún rango de oficialidade no Estado que perde falantes é por algo. A desprotección xurídica real e a farsa que moitas veces se agocha en supostas promocións institucionais do noso idioma explícannos esta situación.

Comparemos, por exemplo, o que o PP fai aquí en Galiza co que acontece en Euskadi, onde este partido dá soporte a un goberno do PSOE que mantén modelos de inmersión lingüística aquí prohibidos, que financia no País Vasco francés escolas en euskara (aquí prohibidas para o galego!) e que agora, por exemplo, acaba de destinar 12,5 millóns de euros a proxectos que serven para promocionar este milenario idioma no día a día.

Non digo isto para que nos queimemos pensando o mal que estamos, senón para que tomemos forzas e nos decatemos de que, a pesar das moitas dificultades, outra realidade é posíbel.

O euskara encontrouse en momentos de menor vitalidade que a que ten hoxe o galego e porén foi capaz de tomar o camiño da súa restauración e recuperación. A perda dunha lingua non é un proceso espontáneo. A súa revitalización, tampouco.

2 comentários:

  1. Paréceme unha reflexión moi ben atinada. A mágoa é que quede neste blogue, que non se difunda moito máis. Con todo, coido que é evidentemente certo: outra realidade moi diferente é posíbel e non é tan tan difícil atinxírmola.
    Grazas, Carlos, polo ar fresco.

    ResponderExcluir
  2. Faise o que se pode. Cando menos, hai que dicilo por aquí.

    Moitas grazas a ti! Unha aperta!

    ResponderExcluir