Mostrando postagens com marcador Francisco Vázquez. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Francisco Vázquez. Mostrar todas as postagens

1 de jul. de 2018

"Falando ás claras", por Manuel Rodríguez Alonso

Coa desaparición de Blogaliza, moitos textos importantes da cultura galega perdéronse ou pasan a estar de difícil acceso. Nunha cultura como a nosa, sen apoios institucionais nin mediáticos sólidos, todo isto supón unha enorme perda, que se suma a outras clausuras dixitais dos últimos anos.

Pola miña banda, dei recuperado só algunhas cousas. Por exemplo, gardei textos do blogue do lingüista e profesor Manuel Rodríguez Alonso, quen se tiña ocupado, con moita amabilidade, de varias obras que publiquei.

Deixo aquí a súa reseña de En castellano no hay problema, que publicou no 15 de maio de 2010:

Falando ás claras
Manuel Rodríguez Alonso

Carlos Callón reúne neste libros un feixe de artigos que publicou ao longo de varios anos no xornal Galicia Hoxe, todos eles dedicados a analizar a situación pola que vén pasando o galego nestes últimos tempos, especialmente desde os ataques que a súa normalización está a sufrir por parte de colectivos como Galicia Bilingüe ou o Partido Popular e o seu goberno.
Callón defende dun xeito apropiado o labor da Mesa pola Normalización Lingüística ante as críticas de extremismo que recibe de parte dalgúns colectivos ou mesmo de arroutados, que lle dedican outros. Os argumentos de Callón resultan convincentes.

Gústanos tamén a ironía con que están escritas moitas das páxinas do libro. Así cando se compara o comportamento da Generalitat de Cataluña, que subvenciona as traducións ao catalán das películas de Disney ou do Windows, co da Xunta, que gasta os mesmos cartos nun estudo etnolingüístico sobre a vaca. Iso si, sinala que con estes estudos, como as da vaca, a Xunta tece unha boa rede clientelar.

Sen dramatismos, mais con rigor Callón amosa como resulta imposible hoxe por hoxe tentar vivir en galego ou facer efectivo o dereito ao uso do galego en moitos espazos da Administración, nas notarías, no exército, nos bancos, en moitas grandes empresas, na sanidade. Desmonta o tópico de defensa do bilingüismo que fan institucións como Galicia bilingüe, o PP ou mesmo sectores do PSOE (como os do antigo alcalde coruñés Francisco Vázquez), que é realmente defensa do unilingüismo castelán. Sinala, con argumentos e razóns, como en Galicia non se están realmente a cumprir as normas derivadas do Estatuto de Autonomía, da Lei de Normalización Lingüística ou da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias. Xa dicimos, non é esta unha crítica arroutada, senón alicerzada en datos e argumentos sólidos e dunha obxectivade indiscutible.

Desmonta os tópicos repetidos por toda a prensa españolista de Galicia e de fóra de Galicia, autoridades lingüísticas (a propia RAE) ou o propio Partido Popular, como o de que está a impoñerse o galego pola forza. A mellor proba da falacia destes argumentos españolistas –que só buscan que o galego desapareza– é a análise que Callón fai dos datos que nos proporciona  a sociolingüísticia científica. Abonde con dicir que só un 25% dos centros escolares vigueses cumpría co Decreto de impartir en galego un determinado número de materias. O 75% non cumpría este Decreto e primaba, xa que logo, contra a lei, o uso do castelán.

Hai que ler con suma atención os textos que dedica á análise da última edición do Mapa Sociolingüístico de Galicia (2009), que presenta a evolución no uso do galego entre 1992 e 2004. Callón analiza os datos con obxectividade e sinala o descenso que sufriu o galego, tanto cualitativa como cuantitativamente, nestes doce anos, fronte á interpretación optimista, pouco científica e interesada do que el chama narcosociolingüística (representada por analistas como H. Monteagudo ou M. Fernández). Outros, como Pilar García Negro, denominan a narcosociolingüística, suciolingüística. Cómpre ler a Callón e comparar co que din Fernández e Monteagudo no españolista El País. O lector decidirá quen ten razón.

O relato da presentación do Mapa o ano 2009 parece un esperpento de Valle. Nin a RAG nin o Goberno galego o querían presentar e tivo que facelo a Mesa. Léase este artigo porque é indispensable para comprender moitas das cousas que están a acontecer hoxe sobre o galego en Galicia.

Por outra banda, é moi ilustrativa a situación que dá do galego en eidos como a sanidade, a xustiza, a Administración, as notarías, a empresa privada, os medios de comunicación… Certamente que a situación é grave. Rechamante é a castelanización da universidade: na Coruña só é lingua das aulas nun 8%; en Vigo, nun 16% e en Santiago, nun 20%. Non é de estrañar o comportamento dos actuais conselleiros de Educación e do Secretario Xeral de Política Lingüística, pois os dous  proceden deste mundo castelanizado da universidade galega. Por certo, a análise do que pensaba en 2008 o actual Secretario Xeral de Política Lingüística e o que fai agora hai que lela nunhas das páxinas máis brillantes e incisivas deste libro de Callón.

Pero Callón non é pesimista sobre o galego e isto é o mellor. Malia que a situación sexa preocupante e que os inimigos do galego sexan poderosos, os que defendemos o galego tamén somos moitos e contamos, se non coa razón da forza, si coa forza da razón, como dixo o outro. Aí están os movementos cívicos de defensa do galego, como a propia Mesa ou a plataforma Queremos galego, que non están polo labor da castelanización monolingüe. Ademais, Callón ofrece solucións para que o galego supere esta situación de minorización, especialmente tomadas do Plan Xeral de Normalización do Galego de 2004.

Non o di Callón, pero dicímolo nós. Desde o remate dos anos sesenta a defensa do galego únese á defensa dunha sociedade progresista, multicultural, diversa e moderna. O problema do galego xa non é agora, desde o meu punto de vista, que se relacione a nosa lingua co mundo rural e o atraso. Os inimigos do galego están tan alporizados porque hoxe a defensa do galego e o propio galego, como acontece desde o remate dos anos sesenta, son sinónimos de progresismo, antiglobalización e  superación do pensamento único dos neocon. Por iso está a sufrir o galego tantos ataques. Mais nunca foi tanta a forza do galego, posto que, como xa dicimos, defender o galego é defender o progresismo e a liberdade e a multiplicidade do pensamento e da cultura e formas de vida diferentes fronte ao pensamento único globalizador neocon.

Non hai que deixar de ler, especialmente os que nos dedicamos ao ensino, o capítulo que dedica á estandarización do galego. Callón advirte contra a tendencia a usar os termos e estruturas comúns co castelán (aparato e non aparello, alcohol e non alcol, eliminación do infinitivo conxugado etc.). Esta postura é común, por exemplo, en moitos dos nosos libros de texto para ensino primario e secundario.
Desgraciadamente esta é tamén a postura da RAG no seu último dicionario (o castelán-galego, publicado en 2004) onde aínda que, por exemplo, considera igualmente correctos os membros de parellas como aparato-aparello, vegonza-vergoña, poñer-pór e tantas outras, no exemplo sempre usa a forma común co castelán, polo que a información oculta deste dicionario aposta claramente polo termo común co castelán. Xa non digamos do xeito como este dicionario evita o uso do infinitivo conxugado nos seus exemplos ou como, contra o que di a propia Normativa, non rexistra as formas en –bel e así dá só como equivalente dos adxectivos en –ble castelán os en –ble galegos e non os en –bel (este dicionario só ofrece como equivalente do amable castelán o amable galego, mais non amábel).

Por todo o dito, nesta semana do Día das Letras Galegas temos que ler o libro de Callón. É a mellor homenaxe que lle podemos facer por estas datas de exaltación do galego á nosa lingua propia.

25 de mai. de 2015

Algúns flashes do día despois

  • Todo o que sexa menos dereita cavernícola e menos centralismo é positivo.
  • Son nacionalista galego e vouno continuar a ser sexan cales foren os ciclos electorais. Acredito na autoorganización e son feliz defendendo estas ideas de convivencia, xustiza, liberdade e igualdade. Aí estiven, aí estou e aí estarei.
  • As mudanzas de ventos electorais son nestes tempos tan rápidas que o que vale pola noite xa non vale na madrugada. Cómpre pensar, mais non precipitarse con fotos fixas.
  • A miña impresión é que o BNG saíu reforzado en militantes e novos cadros destas eleccións. Iso non se acompasou cos resultados electorais agardados na maioría dos concellos e, en especial, en varias das cidades.
  • Porén, tamén hai varias boas novas no cómputo electoral: o BNG aumenta o número de representantes no conxunto de Galiza, case duplica o número de maiorías absolutas, aumenta o número de concellos en que pode ser forza de goberno e, presumibelmente, terá a vicepresidencia de tres das catro deputacións galegas. Ademais, mantense como 3ª forza no conxunto do país e a décimo primeira do Estado en número de concelleiras e concelleiros. Tras todos os danos recibidos por esta marca electoral nos últimos tempos, non é pouco!
  • As outras forzas saídas do BNG e que se posicionan no campo nacionalista e/ou galeguista tiveron algúns grandes éxitos simbólicos, ben nas coalicións en que participaron ou que apoiaron (sobre todo as tan citadas A Coruña e Compostela) ben en solitario (a sorpresa de Lalín). Non vou ocultar que me preocupa a dependencia madrileña dalgunhas das forzas coaligadas nas chamadas mareas. Tamén hai que observar que o que gañan no cualitativo non o gañan no cuantitativo en votos / representantes no conxunto de Galiza e talvez iso deba ser razón para a reflexión pola súa banda.
  • Non está moi claro que pode acontecer nas vindeiras eleccións Xerais. Sería un desastre que se perdese a voz do nacionalismo galego no Congreso, máxime nun tempo en que se van debater moitas cuestións fundamentais para o futuro do noso país.
  • A grande imaxe da noite para min foi o rostro de Alberto Núñez Feijóo na súa comparecencia. Os principais gobernos locais que lle restan serán a un prezo elevadísimo nos pactos e perde todas as deputacións, xa que a de Ourense fica nas mans dos Baltar, inimigos internos. Parece evidente que non se vai presentar á reelección como presidente da Xunta e mesmo o seu salto á política estatal se ve gravemente comprometido.
  • Estou moi alegre porque o PP perdese a maioría absoluta na miña vila natal, Ribeira (só teño un recordo infantil de que iso acontecese con anterioridade!), e porque o BNG continúe como segunda forza do Concello, subindo mesmo en porcentaxe de voto a respecto da anterior convocatoria. Ábrese un novo ciclo de moito interese.
  • É un mazazo a perda da representación do BNG nas cidades de Vigo e Ourense. Haberá que ver caso por caso todo o que hai que facer para que a situación mude, e facelo. O nacionalismo é demasiado necesario. Iso si, como xa dixen máis veces e tamén con outras forzas, non podo deixar de apuntar o inxustísimo dunha lexislación electoral que provoca que, como nestes casos, o 4,82% e o 4,58% das persoas votantes fiquen sen representación a pesar de que, aritmeticamente, si lles correspondería.
  • Unha das peores novas da xornada é a maioría tan absoluta de Abel Caballero, que todo apunta a que quere asumir o negativo papel de "Paco Vázquez do sur". Por exemplo, parece que vai ser o único alcalde dunha cidade galega que se negue a falar con normalidade no seu cargo no idioma do país. Esa actitude é unha declaración de intencións sobre moitas máis cousas, como é ben sabido.
  • Hai moito que traballar tamén para que as eleccións sexan limpas e máis libres. Continúan a producirse casos de carretaxe, actitudes agresivas verbalmente por parte de representantes do PP polo menos nalgunhas zonas, etc. Sei ben do que falo, pois onte vin e vivín ambas as situacións no colexio electoral en que estiven...

17 de jan. de 2011

Sobre as mudanzas normativas en español e en galego


Cando no ano 2001 se tentou o consenso normativo do galego que frutificou en 2003, Francisco Vázquez (ex alcalde da Coruña e ex secretario xeral do PSdeG-PSOE) dicía que esas mudanzas na ortografía e morfoloxía oficial da lingua de Galiza se debían á "trama batasuneira do BNG". Agora, os medios de comunicación son unánimes para sinalar que as novas normas do español son "para modernizar a lingua". O que son as cousas, verdade?

Pois sobre isto vai o artigo desta semana en Galicia Hoxe.

Máis que ortografía
Sobre as mudanzas normativas en español e en galego


No ano 2003 realizouse un proceso para conseguir unha normativa ortográfica e morfolóxica oficial do idioma do país que supuxese un moito maior consenso que a vixente neses momentos. O diálogo produciuse grazas á iniciativa da Asociación Socio-Pedagóxica Galega e nel participaron tamén o Instituto da Lingua Galega da USC, os departamentos de Filoloxía Galega das tres universidades de Galiza e a Real Academia Galega, que, coas competencias que lle atribúe a Lei, ratificou o acordado.

Dous anos antes, en 2001, tentárase chegar ao mesmo consenso, mais nese caso non fora posíbel debido ás fortes inxerencias da Xunta de Galiza, presidida por Manuel Fraga Iribarne, quen, mesmo con chamadas persoais a algúns académicos, logrou imposibilitar esa unión na última hora. (Será este outro mérito polo que se lle concedeu o ano pasado o premio Ramón Otero Pedrayo?!) Cando xa a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, o Instituto da Lingua Galega e as tres universidades tiñan un texto acordado, a Real Academia Galega decidiu nunha das súas máis lamentábeis sesións rexeitar o pacto; algo que, por fortuna, esta institución soubo emendar dous anos máis tarde.

O caso é que as normas de 2003 supuxeron un paso adiante, non só polos cambios concretos que introducían, senón sobre todo polo espírito de diálogo e procura dun acordo multilateral que nelas reinou. As mudanzas a respecto da anterior norma oficial, de 1995, a verdade é cuantitativamente foron escasas. As máis relevantes podémolas resumir nestes dez puntiños:

1) Preferencia de ao sobre ó: Ao mellor, fágoo.
2) Admítese plenamente a terminación –bel / -beis (amábel, amábeis) .
3) Só é obrigatorio o uso da segunda forma do artigo coa preposición por (Vou polo camiño) e co adverbio interrogativo u (U-los óculos? ).
4) Os signos de interrogación e admiración só son obrigatorios ao final do enunciado: Dimo! Por que non mo dis?
5) Preferencia do sufixo –aría sobre –ería: Consellaría, libraría.
6) Galiza é recoñecida tamén como nome da nación, xunto a Galicia.
7) Nos grupos consonánticos cc e ct, suprímese a consoante que segue as vogais i e u (produto, conflito).
8) Elimínanse esto, eso e aquelo e considéranse como únicas normativas isto, iso e aquilo.
9) Recoñécense como plenamente admisíbeis os adverbios aquén e alén, o relativo cuxo, as preposicións e locucións a respecto de, após, até e canto a, e as conxuncións e locucións adversativas no entanto e porén.
10) Terminan en -zo / -za as palabras diferenza, espazo, estanza (‘estrofa’), graza, licenza, nacenza, novizo, perseveranza, presenza, sentenza, servizo e terzo.

A pesar do tempo transcorrido, aínda hoxe hai moitísima xente que segue a falar de que “unhas estrañas” formas como “grazas” ou “estrutura” se incorporaron coa “nova” normativa do galego. Oito longos anos despois, a verdade é que xa non resulta tan nova...

Ademais, a polémica estivo servida porque moitas persoas aducían e aducen como motivo para non usaren normalmente o idioma de Galiza argumentos como que “o galego sempre está a cambiar”, polo que –supostamente– se carecería dun referente de corrección claro e estábel. O galego sería, así, un idioma de laboratorio, en directa comparación co español, tan limpo, tan fixo, tan esplendoroso. E, sobre todo, tan natural.

O argumento, na realidade, é un prexuízo que responde ao resultado dunha realidade social inxusta, que bebe da exclusión secular do galego de moitos ámbitos de poder e cultura nos cales se fai necesaria a fixación dun estándar. A incomunicación de Galiza cos outros territorios do seu sistema lingüístico, especialmente o veciño e normalizado Portugal, é tamén chave para entendermos como chegamos até aquí. Mais non vaiamos moito para atrás no tempo e pensemos un pouquiño na máis estrita actualidade.

Os medios de comunicación informáronnos abondosamente nas últimas semanas da última reforma da ortografía do español: mudanza de denominación de letras (de y griega a ye é a máis rechamante), mudanzas na acentuación de moitas palabras habituais (solo, guion, guie, truhan, esta, hui, riais...) e na grafía doutras cantas (Catar, cuórum, seudo, posdata...). Ademais, sen que tal duplicidade causar escándalo, o conxunto da poboación soubo tamén que había algunhas destas formas que agora se oficializan que a Real Academia Española xa as levaba utilizando nas súas publicacións desde 1960. No entanto, neste tempo todas as nenas e todos os nenos poderían ver reducida a súa puntuación nos exames escolares se escribían dese xeito. Mais hai alguén que diga que vai deixar de usar o castelán por ese motivo? Evidentemente: non.

Se acudirmos ás hemerotecas e compararmos as reaccións producidas sobre esta última mudanza normativa do idioma español e o acordo normativo de 2001 do galego, teremos moito material para reflexionarmos sobre se o problema é na realidade que os idiomas vivos teñan cambios no seu estándar ou se se debe a problemas extralingüísticos.

9 de jul. de 2010

Reseña de Marga Romero no Faro da Cultura


Onte, Marga Romero publicou no suplemento cultural do Faro de Vigo unha crítica do libro En castellano no hay problema e A Nosa Terra sinalaba que a obriña está como o segundo título de non ficción en galego máis vendido esta semana. Agradezo as palabras xenerosas da crítica e a acollida de todas e todos vós. Ambas me serven de aliciente.

Transcribo a continuación a reseña, que tamén podedes consultar nesta ligazón en pdf:

RIGOR E LUCIDEZ
Contra os prexuízos do autoodio

Produto do combate cívico en defensa da normalización da lingua, a escrita volve exercer de transmisora de argumentos razoados contra os prexuízos do autoodio. Mostras de tal loita vén ser o volume que hoxe lles recomendo, asinado por Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística. O título En castellano no hay problema é o nome escollido por votación no blog persoal do autor e reúne unha selección de artigos publicados en diferentes medios que abranguen as datas de setembro de 1997 a xaneiro de 2010. Entre ambas, ofrece o autor unha radiografía “descarnada mais non catastrofista”, unha crónica da situación lingüístistica de Galicia, da desacertada e negativa política lingüística e da contestación da cidadanía. Entre unha e outra data, reflexións das dúas últimas lexistalturas de Manuel Fraga, como a importancia de exhibicións de filmes en lingua galega ou sobre o abandono do galego polo Centro Dramático Galego, a necesidade de chegarmos a “Un Acordo Nacional sobre a Lingua” ou as cartas abertas a Emilio Pérez Touriño e a Francisco Vázquez, que nos refresacan a memoria da política lingüística exercida desde o PSOE; análises máis demoradas da época do bipartito dedícanselle ao galego no ensino, á edición, á falacia da imposición lingüística, á razón desde o Consello de Europa e á ignorancia de G. Steiner, tan ben concretizados en “Adiantos, continuísmos e algúns retrocesos. Repaso a uña de cabalo á política lingüística nesta lexislatura”.

Desde a razón e o rigor, con ironía, sen dramatismos, recóllense os mellores argumentos para desbotar a “demagoxia” e o “disparate” que caracterizan a lexislatura de Feijóo, argumentos para ir en contra do novo “decretazo” que atenta contra o Estatuto de Autonomía ou a Carta Europea das Linguas Rexionais, a demostración das dificultades do galego na xustiza ou na administración e achégase a análise real dos datos do Mapa Sociolingüístico de Galicia (2009) que se enfronta interpretación da “narcosociolingüística” (H. Monteagudo). As solucións son as legais e están no Plan Xeral de Normalización do Galego de 2004. Unha aposta pola mellora cuantitativa e culitativa da lingua que nos descobre a lúcidez de Carlos Callón.