Mostrando postagens com marcador Mauro Fernández. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Mauro Fernández. Mostrar todas as postagens

1 de jul. de 2018

"Falando ás claras", por Manuel Rodríguez Alonso

Coa desaparición de Blogaliza, moitos textos importantes da cultura galega perdéronse ou pasan a estar de difícil acceso. Nunha cultura como a nosa, sen apoios institucionais nin mediáticos sólidos, todo isto supón unha enorme perda, que se suma a outras clausuras dixitais dos últimos anos.

Pola miña banda, dei recuperado só algunhas cousas. Por exemplo, gardei textos do blogue do lingüista e profesor Manuel Rodríguez Alonso, quen se tiña ocupado, con moita amabilidade, de varias obras que publiquei.

Deixo aquí a súa reseña de En castellano no hay problema, que publicou no 15 de maio de 2010:

Falando ás claras
Manuel Rodríguez Alonso

Carlos Callón reúne neste libros un feixe de artigos que publicou ao longo de varios anos no xornal Galicia Hoxe, todos eles dedicados a analizar a situación pola que vén pasando o galego nestes últimos tempos, especialmente desde os ataques que a súa normalización está a sufrir por parte de colectivos como Galicia Bilingüe ou o Partido Popular e o seu goberno.
Callón defende dun xeito apropiado o labor da Mesa pola Normalización Lingüística ante as críticas de extremismo que recibe de parte dalgúns colectivos ou mesmo de arroutados, que lle dedican outros. Os argumentos de Callón resultan convincentes.

Gústanos tamén a ironía con que están escritas moitas das páxinas do libro. Así cando se compara o comportamento da Generalitat de Cataluña, que subvenciona as traducións ao catalán das películas de Disney ou do Windows, co da Xunta, que gasta os mesmos cartos nun estudo etnolingüístico sobre a vaca. Iso si, sinala que con estes estudos, como as da vaca, a Xunta tece unha boa rede clientelar.

Sen dramatismos, mais con rigor Callón amosa como resulta imposible hoxe por hoxe tentar vivir en galego ou facer efectivo o dereito ao uso do galego en moitos espazos da Administración, nas notarías, no exército, nos bancos, en moitas grandes empresas, na sanidade. Desmonta o tópico de defensa do bilingüismo que fan institucións como Galicia bilingüe, o PP ou mesmo sectores do PSOE (como os do antigo alcalde coruñés Francisco Vázquez), que é realmente defensa do unilingüismo castelán. Sinala, con argumentos e razóns, como en Galicia non se están realmente a cumprir as normas derivadas do Estatuto de Autonomía, da Lei de Normalización Lingüística ou da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias. Xa dicimos, non é esta unha crítica arroutada, senón alicerzada en datos e argumentos sólidos e dunha obxectivade indiscutible.

Desmonta os tópicos repetidos por toda a prensa españolista de Galicia e de fóra de Galicia, autoridades lingüísticas (a propia RAE) ou o propio Partido Popular, como o de que está a impoñerse o galego pola forza. A mellor proba da falacia destes argumentos españolistas –que só buscan que o galego desapareza– é a análise que Callón fai dos datos que nos proporciona  a sociolingüísticia científica. Abonde con dicir que só un 25% dos centros escolares vigueses cumpría co Decreto de impartir en galego un determinado número de materias. O 75% non cumpría este Decreto e primaba, xa que logo, contra a lei, o uso do castelán.

Hai que ler con suma atención os textos que dedica á análise da última edición do Mapa Sociolingüístico de Galicia (2009), que presenta a evolución no uso do galego entre 1992 e 2004. Callón analiza os datos con obxectividade e sinala o descenso que sufriu o galego, tanto cualitativa como cuantitativamente, nestes doce anos, fronte á interpretación optimista, pouco científica e interesada do que el chama narcosociolingüística (representada por analistas como H. Monteagudo ou M. Fernández). Outros, como Pilar García Negro, denominan a narcosociolingüística, suciolingüística. Cómpre ler a Callón e comparar co que din Fernández e Monteagudo no españolista El País. O lector decidirá quen ten razón.

O relato da presentación do Mapa o ano 2009 parece un esperpento de Valle. Nin a RAG nin o Goberno galego o querían presentar e tivo que facelo a Mesa. Léase este artigo porque é indispensable para comprender moitas das cousas que están a acontecer hoxe sobre o galego en Galicia.

Por outra banda, é moi ilustrativa a situación que dá do galego en eidos como a sanidade, a xustiza, a Administración, as notarías, a empresa privada, os medios de comunicación… Certamente que a situación é grave. Rechamante é a castelanización da universidade: na Coruña só é lingua das aulas nun 8%; en Vigo, nun 16% e en Santiago, nun 20%. Non é de estrañar o comportamento dos actuais conselleiros de Educación e do Secretario Xeral de Política Lingüística, pois os dous  proceden deste mundo castelanizado da universidade galega. Por certo, a análise do que pensaba en 2008 o actual Secretario Xeral de Política Lingüística e o que fai agora hai que lela nunhas das páxinas máis brillantes e incisivas deste libro de Callón.

Pero Callón non é pesimista sobre o galego e isto é o mellor. Malia que a situación sexa preocupante e que os inimigos do galego sexan poderosos, os que defendemos o galego tamén somos moitos e contamos, se non coa razón da forza, si coa forza da razón, como dixo o outro. Aí están os movementos cívicos de defensa do galego, como a propia Mesa ou a plataforma Queremos galego, que non están polo labor da castelanización monolingüe. Ademais, Callón ofrece solucións para que o galego supere esta situación de minorización, especialmente tomadas do Plan Xeral de Normalización do Galego de 2004.

Non o di Callón, pero dicímolo nós. Desde o remate dos anos sesenta a defensa do galego únese á defensa dunha sociedade progresista, multicultural, diversa e moderna. O problema do galego xa non é agora, desde o meu punto de vista, que se relacione a nosa lingua co mundo rural e o atraso. Os inimigos do galego están tan alporizados porque hoxe a defensa do galego e o propio galego, como acontece desde o remate dos anos sesenta, son sinónimos de progresismo, antiglobalización e  superación do pensamento único dos neocon. Por iso está a sufrir o galego tantos ataques. Mais nunca foi tanta a forza do galego, posto que, como xa dicimos, defender o galego é defender o progresismo e a liberdade e a multiplicidade do pensamento e da cultura e formas de vida diferentes fronte ao pensamento único globalizador neocon.

Non hai que deixar de ler, especialmente os que nos dedicamos ao ensino, o capítulo que dedica á estandarización do galego. Callón advirte contra a tendencia a usar os termos e estruturas comúns co castelán (aparato e non aparello, alcohol e non alcol, eliminación do infinitivo conxugado etc.). Esta postura é común, por exemplo, en moitos dos nosos libros de texto para ensino primario e secundario.
Desgraciadamente esta é tamén a postura da RAG no seu último dicionario (o castelán-galego, publicado en 2004) onde aínda que, por exemplo, considera igualmente correctos os membros de parellas como aparato-aparello, vegonza-vergoña, poñer-pór e tantas outras, no exemplo sempre usa a forma común co castelán, polo que a información oculta deste dicionario aposta claramente polo termo común co castelán. Xa non digamos do xeito como este dicionario evita o uso do infinitivo conxugado nos seus exemplos ou como, contra o que di a propia Normativa, non rexistra as formas en –bel e así dá só como equivalente dos adxectivos en –ble castelán os en –ble galegos e non os en –bel (este dicionario só ofrece como equivalente do amable castelán o amable galego, mais non amábel).

Por todo o dito, nesta semana do Día das Letras Galegas temos que ler o libro de Callón. É a mellor homenaxe que lle podemos facer por estas datas de exaltación do galego á nosa lingua propia.

22 de mai. de 2010

Evidencias, verdades, mistificacións

Recoméndovos a lectura e difusión deste artigo que Pilar García Negro publica no Terra e Tempo dixital. Pódese dicir máis alto; máis claro, véxoo difícil.

Este texto conta cunha primeira parte que podedes consultar nesta ligazón.

20 de fev. de 2010

Carta aberta a Don Mauro Fernández

Xabier P. Docampo publica en Vieiros unha moi recomendábel carta aberta a Mauro Fernández, en resposta a un artigo que este último publicou na edición galega de El País:

Carta aberta a Don Mauro Fernández

Prezado señor: Lin antonte un seu artigo titulado Entre impositor y galegófobo que, aínda que non me sorprendeu despois de telo escoitado a vostede no “Seminario sobre lingua, sociedade e política en Galicia” celebrado o 1 de decembro do pasado ano no CCG, contén cousas que me producen unha gran perplexidade.

Comezo por non dar comprendido a razón do uso que vostede fai da primeira persoa do plural. Certo que ese nós pode ter raíz maiestática en virtude de que vostede quere darlle ao texto un ton episcopal, o dunha carta pastoral dirixida aos fieis da súa doutrina. Outra razón para dirixirse aos lectores desde ese nosoutros pode estar en que porta vostede a representatividade dalgún grupo ou pluralidade. Entón sería ben poder identificalo, así que, vostede sabe quen son, fágao público. Eu barrunto de quen se trata, mais debo recoñecer que só son xogos da miña dedución, que é tanto como dicir da miña imaxinación.

Do contido do artigo quería atender a un par de cousas que non creo que se deban deixar sen comentar. En primeiro lugar ben sabe vostede que o xogo de dicirse equidistante a base de se arrogar o dereito a situar os extremos onde a un lle peta, é un xogo falsario de lado a lado. Porque, mire señor Fernández, se eu fago o mesmo, quero dicir, se poño o extremo dereito nas súas teses, vostede é, sen dúbida algunha, un galegófobo. O mesmo ocorre cando fala de equilibrio. A que equilibrio se refire? A aquel que, no mellor dos casos, só podería contribuír a manter a situación actual na balanza social do binomio galego-castelán? Pois mire, iso está moi perto das teses da galegofobia: deixar todo como está, que a inercia social se encargará de facer desaparecer o galego. Hai que se asegurar, din, de que non se leven a cabo ningún tipo de accións que promovan o uso do galego, facer del unha lingua inútil. Deixalo na escola (iso si, baixo férreo control), porque as competencias inútiles abandónanse.

Vese por onde quere ir vostede, señor Fernández, está claro que o obxectivo que ten posto no punto de mira é o PXNLG. E non está só neste camiño, non nos enganemos, o señor Secretario Xeral de Política Lingüística xa fixo declaracións nese mesmo ton. E para iso non se lle ocorre cousa mellor que negarlle lexitimidade ao Plan porque propón medidas de protección do galego e de promoción do seu uso. Vostede non é unha anomalía por falar castelán, cadaquén fala o que lle peta e nada teño eu contra o castelán nin contra os seus falantes, éo por negar o dereito á promoción do uso do galego. Agora compréndense ben as súas teimas, por máis que a realidade e a maioría dos expertos digan o contrario, en afirmar que o galego está a recuperar falantes: desarmar calquera acción de recuperación, conseguir que baixemos os brazos e os entreguemos ás alxemas. O seu (de vostedes, sexan quen sexan) intento de desprestixiar o PXNLG é unha argucia miserábel. Eliminar as referencias, desarmar as defensas para que o baleiro trague e destrúa a nosa lingua, merece o desprezo do pobo galego.

Señor Fernández abandone calquera disimulo. Negarlle ao pobo galego o dereito a se dotar de medios normativos de promoción do uso da súa lingua propia nunha situación coma a actual é un acto claro de galegofobia.

Atentamente,

Xabier P. Docampo

18 de dez. de 2009

Un pouco de cordura

Hoxe publico un artigo no suplemento Luces, que sae en galego dentro da edición para Galiza de El País. No básico, é unha réplica a un desafortunado escrito de Henrique Monteagudo a semana pasada nesas mesmas páxinas:

Un pouco de cordura

Hai unha liña da sociolingüística en Galiza que está a fomentar a idea de que o idioma galego está nun momento espléndido, para nada padecendo un ataque especial nin unha situación de emerxencia. Os principais valedores deste discurso son persoas que tiveron ou teñen altos cargos en gobernos do PP, como é o caso actual de Anxo Lorenzo ou o foi de Mauro Fernández. Tanto optimismo non se basea, porén, en ningún estudo que manteña un mínimo de rigor e credibilidade e tampouco ten constatación empírica na realidade.

É criticábel que o Consello da Cultura Galega (CCG) contribúa a divulgar esta propaganda inverosímil, organizando seminarios que na súa proxección pública parece que teñen como finalidade o que Manuel Fraga chamou a pax lingüística: aquí non pasa nada, o galego vai moi ben, así que non protestedes e deixade que vaia morrendo docemente. Resulta chocante que, na situación actual, o CCG non teña mellor ocorrencia que enviar un comunicado aos medios no que nos quere vender que "o galego é a lingua maioritaria" de Galiza. Negan o evidente e contribúen á narcotización do problema.

Se non se parte dos síntomas, non se poderá detectar a doenza nin pórlle remedio. O que nos din todas as pesquisas é que o idioma galego sofre unha caída en picado na transmisión entre xeracións, que en dez anos se duplicou o número de persoas que declaran non falalo nunca, que é residual na xente nova das cidades e que está ausente dos grupos e espazos sociais que marcan o futuro. Esta situación non é irreversíbel, pois hai posibilidades reais de rectificarmos, mais para iso hai que partir do real.

Isto que digo nas liñas anteriores foron as críticas substanciais cara ao CCG que realicei hai varios días en dous escritos asinados por min no meu blog persoal e no diario Galicia Hoxe. Tamén lamentaba que este organismo teña por norma excluír A Mesa de todas as súas actividades sobre a lingua. Manteño que é unha actitude grave porque desconsidera un sector e unha liña de opinión que existe e, sobre todo, porque, guste ou non, A Mesa é a maior asociación cultural de Galiza, cos seus case 4.000 socios e socias. Deixan fóra un inmenso movemento cidadán organizado en defensa da nosa cultura.

Lembro agora isto porque a semana pasada publicou Henrique Monteagudo, secretario do CCG e coordinador do seminario a que antes aludín, un artigo no suplemento Luces no cal se refería, en termos impropios para unha persoa coas súas responsabilidades, ás lexítimas críticas que realizamos desde A Mesa. En lugar de citalas e rebatelas cos argumentos que tivese a ben (e que sería un paso para un debate construtivo e útil), considerábaas despectivamente como "arroutadas" de quen anda "ghabeando polas paredes". Ademais, daba a entender unha división entre as plataformas e organizacións que traballamos en defensa do galego, que por fortuna non existe, e que non sería desexábel que chegase a existir.

Neste momento histórico estamos a xogar unha batalla crucial para gañar o futuro para o noso idioma. Non lle fagamos ningún favor aos inimigos (que existen e teñen moito poder) e non contribuamos á marxinación, á división e á caricaturización. É un tópico, mais é verdade: a todos os que defendemos o galego como idioma vivo, como patrimonio común e dereito individual e colectivo, únenos moitísimo máis do que nos separa. Por iso, camiñemos a senda da cordura e da unidade.

7 de dez. de 2009

A lingua maioritaria

Velaquí o artigo da miña páxina semanal en Galicia Hoxe:

A lingua maioritaria
Sobre estudos sociolingüísticos e narcóticos


Cando A Mesa pola Normalización Lingüística presentou o pasado marzo o segundo volume do Mapa Sociolingüístico, que elaborara a Real Academia Galega e financiara a Xunta, un grupo de sociolingüistas foron á carga contra esta asociación. Tildaban os datos de catastrofistas e enganosos porque sinalaban (igual que o resto de estudos anteriores) unha caída acusadísima, en picado, do idioma propio do país.

Entre os que ergueran a súa voz contra A Mesa estaban daquela Henrique Monteagudo, Mauro Fernández e Anxo Lorenzo. Este último aínda non fora nomeado secretario de Política Lingüística e, polo tanto, aínda non asinara ningún informe para que o galego deixase de ser requisito no acceso á función pública nin presentara as primeiras medidas para facer retroceder a presenza deste idioma no sistema educativo non universitario.

Nese mesmo mes de marzo, eu lembráballes a eses críticos que os datos non eran da Mesa, senón que os presentara esta entidade xa que non o fixeran nin quen elaborara a pesquisa nin quen a financiara, e non cun orzamento pequeno. Ademais, as obxeccións facíanas a partir do que saía nos medios de comunicación, sen leren o segundo volume do Mapa Sociolingüístico que criticaban, pois do contrario verían que moito do que lle achacaban non era certo (dicían que se comparaban grupos de idade diferentes, por exemplo, cando iso non é verdade).

Hai unha liña na sociolingüística galega, con intereses políticos ben delimitados, na cal se expresa á menor oportunidade que a situación do idioma galego non é para tanto e que estamos nun momento coma outro calquera. Mesmo hai quen ve unha recuperación de falantes nas xeracións novas, aínda que para iso haxa que confrontar (agora si) grupos de idade diferentes en estudos de metodoloxía diferente e sen ter en conta as limitacións dos inquéritos de lingua declarada.

Daquela, eu sinalaba xa no meu blog que o positivismo precario pode dar lugar a conclusións erradas:

Coido que era un debuxo do Carrabouxo de hai uns anos que amosaba un home traxeado, formulándolle unha pregunta a outro. “¿Usted habla gallego?” A resposta viña sendo: “¿Yo? ¡Siempre!”

Din que somos catastrofistas por amosar as tendencias de caída do galego, mais a situación é claramente peor do que din os datos do Mapa Sociolingüístico. De verdade un 16% da poboación de Galiza entre 16 e 54 anos usa “só o galego” e un 22,9% “máis galego”? Xa quereriamos que iso fose así e non na súa inmensa maioría con hábitos diglósicos! E que galego se usa? Un con balizas fortes ou outro cada vez máis diluído no castelán, na súa fraseoloxía, na súa sintaxe, no seu léxico...?

Nunha situación cunha consciencia lingüística feble, cun idioma desvalorizado en proceso de substitución e hibridación, paréceme incríbel que se consideren como datos inamovíbeis e totalmente fiábeis os que se extraen dos estudos cuantitativos de lingua declarada. Cando se teñen realizado pesquisas cualitativas en Galiza (...), a través de entrevistas en profundidade ou dinámicas de grupo, evidenciouse que a situación é ben peor.

As respostas directas en estudos cuantitativos teñen a fiabilidade que teñen, tanto no estudo de 1992 como no de 2004, fágase un cruzamento histórico ou non. É ou non é certo que, por exemplo, unha persoa que mudou de lingua se pode negar a recoñecer perante a persoa que lle fai o inquérito que deixou atrás ese idioma estigmatizado e formarse unha nova historia de vida? É ou non verdade que unha persoa pode responder cousas diferentes a respecto da(s) súa(s) lingua(s) inicial ou iniciais en diferentes momentos vitais? Por que este problema metodolóxico non é tido en conta? (Sei que é diferente, mais lémbrame a algo que con certeza Fermín Bouza sabe e pode explicar moitísimo mellor ca min: en boa parte dos inquéritos para estas autonómicas o “recordo de voto” era favorábel ao PSOE, cando resulta que a formación máis votada catro anos atrás fora con diferenza o PP. E non é que os cuestionarios estivesen mal!)


Esta semana, o Consello da Cultura Galega iniciou un Seminario sobre lingua, no cal curiosamente non estaban convidados a participar representantes nin da Mesa nin de Queremos Galego, nin sociolingüistas que se teñen posicionado frontalmente, e con datos, contra esta lectura edulcorada da situación do idioma. Cunha das intervencións, a de Mauro Fernández, o Consello enviou un comunicado aos medios indicando desde o titular que ficaba demostrado que o galego “segue a ser a lingua maioritaria” de Galiza.

Mais, tristemente, o que nos din todas as investigacións é que o galego é a lingua que sofre unha caída máis acusada de todas as que teñen algún rango de oficialidade no Estado, que en dez anos se duplicou o número de persoas que nunca o utilizan e que na xente nova das principais cidades é xa algo residual. Doe, mais é así: hoxe o galego non é lingua maioritaria do país, sendo algo constatábel de forma abrumadora nos grupos e espazos sociais que marcan o futuro. Tamén causa mágoa ver que, nalgúns sectores, constatar que isto é unha falacia leva a recibir críticas nas que parece que o acusan a un de ser o responsábel da realidade (Henrique Monteagudo, desde o seu posto de secretario do Consello e coordinador do evento, chegou a dicir que, pola miña visión discrepante, o “condeno coa pauliña”, cun vitimismo arrogante e incomprensíbel desde o seu lugar de poder.)

Que a situación sexa esta, claro é, non significa que a lingua galega estea condenada a morrer irremediabelmente, senón que son necesarias medidas para revitalizala e para que se poida exercer o dereito a utilizala e recibir información a través dela. Se non atendemos aos síntomas e pensamos que estamos estupendamente, si que nos abocamos a unha residualización e ritualización letal.

N’A vida de Brian, dos Monty Python, hai unha coñecida escena na que un grupo de resistentes se preguntan, con enfado, mentres planean o secuestro da muller de Pilatos: “Os romanos quitáronnolo todo. E que nos deron?!” Un dos reunidos intervén timidamente: “O acueduto”. “Si, iso é certo...”, asume o coordinador da xuntanza. “E os sumidoiros”, apunta outra voz. A cidade disque antes cheiraba moi mal. “E as estradas!”, advirte alguén. “A irrigación”, “a sanidade”, “o ensino”, “o viño”, “os baños públicos”, “a orde pública”... Os reunidos xa non poden parar de enumerar dunha e doutra banda todo o que trouxo a romanización. Por iso, o xefe dos resistentes sintetiza: “Ben, mais á parte dos sumidoiros, os acuedutos, a irrigación, a sanidade, o ensino, o viño, os baños públicos, as estradas, a orde pública... Que máis fixeron os romanos por nós?!”

Tomándoo con humor, esta consideración de que o galego é a lingua maioritaria lémbrame a esa hilarante escena. Porque o noso idioma é hoxe maioritario en Galiza se non contamos o ensino (en calquera das súas etapas: de infantil á universidade, e en calquer das súas titularidades, público, concertado ou privado), a publicidade, a etiquetaxe e a rotulaxe comercial, os prospectos dos medicamentos, a sanidade pública e privada, a atención ao público en todas as administracións, a documentación, a publicidade e as sinalizacións da Administración Xeral do Estado, as notarías, os xulgados, as radios, as televisións, os xornais impresos e os electrónicos, as revistas, os servizos de hostalaría, o transporte público, as aseguradoras, os bancos, as caixas de aforros, os supermercados, os talleres, a oferta editorial, as tendas de roupa, as conserveiras, as ETTs, a garda civil, o exército, as autoescolas, a policía nacional, os xoguetes, as estreas de cinema ou DVDs, os videoxogos, os servizos telefónicos de apoio ao cliente, os grupos máis novos en idade... Nese caso, o galego é a lingua maioritaria do país e, como dirían os versos de Celso Emilio Ferreiro, talvez sexa momento de falar seriamente de batallas de flores do día do patrón. Porque aquí non pasa nada, estamos moi ben e pode seguir a festa.

2 de dez. de 2009

Para que serve narcotizarse?

O Consello da Cultura Galega envía un comunicado de imprensa no que salienta que "o galego segue a ser a lingua maioritaria" en Galiza. Atribúelle a afirmación, á que lle dan prioridade sobre outras do día, a un "experto", mais un experto seleccionado para unhas xornadas nas cales non hai ninguén que dea unha visión diferente, o cal non deixa de ser tamén rechamante nunha institución como esta.

Que conste que iso me sorprende menos que cando se di que o galego se está a recuperar entre as xeracións máis novas, vendo, contra todo raciocinio, abrollos verdes en cada centésima, aínda que para iso haxa que comparar grupos de idade diferentes entre estudos con metodoloxías diferentes. Se iso for verdade e se basease nalgún estudo, sería un motivo de festexo. Mais o problema é que esa lectura que realizan algúns é, como mínimo, un autoengano. Non se alicerza nos datos das pesquisas máis recentes que dispomos. Nin tan sequera nas de lingua declarada, xa non digamos nas cualitativas.

Hai quen pensa que temos que dicir que todo vai moi ben, que estamos nun momento coma outro calquera e que siga a festa. Outros, no mellor dos casos, talvez se convenzan de que se se maquilla a realidade, esta xa muda. Mais, tristemente, o que nos din todas as investigacións é que o galego é a lingua que sofre unha caída máis acusada de todas as que teñen algún rango de oficialidade no Estado, que en dez anos se duplicou o número de persoas que nunca utilizan o galego e que na xente nova das principais cidades é xa algo residual. Doe, mais é así: hoxe o galego non é xa lingua maioritaria do país, sendo algo constatábel de forma abrumadora nos grupos e espazos sociais que marcan o futuro.

Non deixemos que nos vendan narcóticos. Temos que saber que a realidade é dura para a podermos transformar. Así, poderemos facelo.

26 de mar. de 2009

Temos que conseguir transformar isto


No perfil da CTNL no Facebook, no blog de Alema e, moi especialmente e sobre todo, no blog de Fermín Bouza producíronse unha serie de interesantes debates a respecto da saída do último volume do Mapa Sociolingüístico de Galiza, coa intervención de varios especialistas e xente interesada.

Non é esta a mellor semana para poder eu responder con certo vagar, mais aquí van algunhas ideas que coido que son importantes para o debate e que non debo demorar por máis tempo. Moitas persoas poden considerar que esta discusión é algo bizantina e penso que con razón: mentres a nosa cultura está asediada (as porcentaxes pódense discutir; as tendencias, non), preguntámonos sobre o sexo dos anxos.

A este respecto, concordo ao 100% co dito no blog de Fermín Bouza por Gabriel Rei Doval: “Os tempos non están para perderse en estériles campañas para dar caña ós que non están nas antípodas políticas. Espero que non sexa demasiado pedir. A promoción do galego debe ter algo máis de nivel, sobre todo coa que está caendo, e que o post-1 de marzo só vai acentuar. O que pense que a obra vai mal, que traballe. Deixémonos de canibalismos estériles. Hai sitio para todos.”

Velaquí algunhas cousas que quero aclarar:

1. A Mesa presentou un estudo oficial, da Real Academia Galega e do Goberno galego, non o elaborou.

Vexo que hai por parte dalgúns sectores moita insistencia en tentar matar o mensaxeiro (A Mesa) por presentar perante a opinión pública datos dun estudo financiado anualmente polo Goberno galego e elaborado pola Real Academia Galega. Cando hai discrepancias no campo académico é bastante habitual a triangulización das críticas, centrándoas no flanco que se observa máis feble e/ou máis heterodoxo (menos académico), como neste caso é A Mesa.

Henrique Monteagudo di no blog de Fermín Bouza que “a MNL utilizou a comparación de datos entre dous traballos que non son en absoluto comparables” e “nas conclusións da Mesa deslizáronse erros grosísimos como, só por poñer un exemplo, a comparanza dos datos sobre lingua inicial”. Sostén o profesor universitario e secretario do Consello da Cultura Galega que “non fai falta ser sabio para decatarse de que isto é totalmente inaceptable” e demanda “un mínimo de rigor”.

Eu desde aquí querería facerlle extensíbel esta petición de rigor ao propio Monteagudo, con todo o respecto (que el sabe que lle teño), mais tamén con toda a contundencia. Pídolle tamén que aclare se hai unha soa comparación, unha soa, que non se extraia literalmente, cifra a cifra e palabra a palabra, do estudo da Real Academia Galega e do Goberno galego. El di que “cita a nota da Mesa”, mais eu propóñolle que vaia á fonte limpa, aos estudos realizados e publicados. Por exemplo, á páxina 34 do volume I do MSG-2004 ou ás páxinas 40-42 do volume II. E que deixe de disparar ao pianista. Se ten problemas de criterio co secretario da Real Academia Galega e director deste estudo, que os formule directamente e non use á Mesa como sparring.

Tamén me sorprende que formule estas críticas publicamente contra A Mesa como secretario do Consello da Cultura Galega (véxase a súa entrevista en tal calidade no número de Santiago Siete correspondente ao pasado 20 de marzo, páxina 4, consultábel aquí en PDF). Aí di que desde A Mesa “sacan conclusións que rozan o disparate, cun discurso demasiado catastrofista”, mentres liñas arriba sinala con benevolencia que as políticas de Núñez Feijóo sobre a lingua lle dan unha “marxe de confianza”. Hai que lembrar que días antes o futuro presidente da Xunta estivera na sede do Consello (recibido disque como “presidente electo”!) declarando que, desde o Goberno, o PP vai garantir unha situación de “liberdade lingüística nas escolas e nas rúas”, que seica agora mesmo en Galiza non hai, como se estivésemos nunha situación totalitaria. O Consello da Cultura Galega non matizou nada, o secretario tampouco indica nada agora, mais, claro, contra o suposto catastrofismo e pretensos disparates da Mesa si que é necesario posicionarse.

Eu ben sei que Henrique Monteagudo é un acérrimo defensor da nosa lingua e máis dunha vez teño botado man de estudos ou análises súas. No entanto, cáusame mágoa ver estes posicionamentos perante os novos poderes. A mesma mágoa que me produce contemplar con que facilidade se arrea sen meditar aos febles mentres se cala a boca perante as gravísimas ameazas de desmantelar aspectos básicos da oficialidade da nosa lingua, como derrogar o artigo 10 da Lei de normalización lingüística, o modelo das Galescolas e o decreto que regula un mínimo do 50% do ensino en galego. Se o Consello da Cultura considera que esas promesas reiteradas cada día dan para unha “marxe de confianza” e non ten ningunha opinión ao respecto (igual que non a ten para os problemas “metodolóxicos” de quen fala da imposición do galego), sinceramente, non sei para que existe tal institución.

A min gustaríame que A Mesa non tivese que facer esta presentación do último volume do MSG. Primeiro, porque esta situación é desacougante e alarmante e, segundo, porque ese relatorio debería ser presentado de forma oficial por quen o elaborou e financiou, para a partir de aí tomar medidas. Medidas. Esa é a palabra chave. Do contrario, é como facerlle analíticas a un doente, observar a súas constantes vitais e, ao detectar e circunscribir os síntomas da doenza, cruzarse de brazos. (Ben, na realidade o que anuncia o novo Goberno do PP nin tan sequera son coidados paliativos...)

Xa en anteriores ocasións A Mesa se viu na obriga de facer algo semellante. Non tivo que presentar esta asociación o estudo sobre o topónimo A Coruña que elaborara o Consello da Cultura Galega hai anos e que non difundiran publicamente para non molestar ao daquela alcalde desa cidade que se negaba a utilizar o nome oficial? Canto tempo estiveron pendurados do web do Instituto Galego de Estatística os datos lingüísticos do Censo de poboación e vivendas de 2001 até que A Mesa tivo que facer a presentación pública dos mesmos e confrontalos cos de 1991? Por que tivo que ser esta asociación e non ningunha entidade oficial a que presentase e dese a coñecer os informes emitidos polo Consello de Europa sobre a Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias? Alguén lembra o que acontecera co anterior volume do MSG? A que se dedican mentres tanto a constelación de organismos oficiais que tamén teñen a lingua no seu frontispicio e que posúen recursos económicos e persoais moi superiores aos que ten esta asociación?

2. É falso que haxa unha comparación entre grupos de idade diferentes no volume que se acaba de presentar.

O volume II do MSG é tan descoñecido que mesmo especialistas como Henrique Monteagudo, Anxo Lorenzo ou Mauro Fernández afirman que nel se estabelecen comparacións entre grupos de idade diferentes. De profesores coma eles agardaría que lesen os estudos antes de criticalos. Como observaran esa discrepancia metodolóxica no primeiro volume dos datos de 2004 (p. 34), fixérona estensíbel a este último sen antes faceren a comprobación.

Na nota 3 da páxina 40 do segundo volume indícase o seguinte: “Mantívose o mesmo ítem utilizado no MSG-92 para sondar a lingua habitual. Para evitar o nesgo de comparar mostras con distintos grupos de idade, na análise de resultados seleccionouse o mesmo tramo de idade, 16 a 54 anos. Con estas solucións búscase unha comparación fiable dos resultados dunha e doutra mostra e unha avaliación da evolución do uso habitual nos doce anos que separan as dúas mostras.” Non fai falta ser sabio para lelo. De feito, un mínimo de rigor exixe como mínimo ler un estudo antes de criticalo, máxime con tal contundencia hiperbólica.

Tamén me produce estrañeza que o profesor Monteagudo diga que non se poden comparar os volumes I e II do MSG e, despois, el faga esas comparacións cos datos do IGE- 2003, cunha metodoloxía diferente, mostras diferentes e uns cortes de idade tamén diferentes. Agora ben, cómpre observar máis unha vez que tales comparacións son sobre lingua inicial, non sobre usos, que é ao que se refire o volume que agora se acaba de presentar e todas as gráficas e porcentaxes.

Con todo isto non nego que non se poidan discutir aspectos metodolóxicos. É máis: eu son crítico con varias cuestións do estudo (tamén do 92), mais parece sobre todo un debate académico e secundario, o cal non ten nada a ver coa Mesa. Porén, malia as diferenzas de matiz, o Mapa confirma máis unha vez as mesmas tendencias que apuntan todos os traballos existentes deste tipo, e que calquera persoa sensibilizada que saia todos os días á rúa pode corroborar.

3. O positivismo precario pode dar lugar a conclusións erradas.

Coido que era un debuxo do Carrabouxo de hai uns anos que amosaba un home traxeado, formulándolle unha pregunta a outro. “¿Usted habla gallego?” A resposta viña sendo: “¿Yo? ¡Siempre!”

Din que somos catastrofistas por amosar as tendencias de caída do galego, mais a situación é claramente peor do que din os datos do MSG. De verdade un 16% da poboación de Galiza entre 16 e 54 anos usa “só o galego” e un 22,9% “máis galego”? Xa quereriamos que iso fose así e non na súa inmensa maioría con hábitos diglósicos! E que galego se usa? Un con balizas fortes ou outro cada vez máis diluído no castelán, na súa fraseoloxía, na súa sintaxe, no seu léxico...?

Nunha situación cunha consciencia lingüística feble, cun idioma desvalorizado en proceso de substitución e hibridación, paréceme incríbel que se considere como datos inamovíbeis e totalmente fiábeis os que se extraen dos estudos cuantitativos de lingua declarada. Cando se teñen realizado pesquisas cualitativas en Galiza (o máis salientábel que eu coñezo é o referencial estudo de Ana Iglesias), a través de entrevistas en profundidade ou dinámicas de grupo, evidenciouse que a situación é ben peor.

As respostas directas en estudos cuantitativos teñen a fiabilidade que teñen, tanto no estudo de 1992 como no de 2004, fágase un cruzamento histórico ou non. É ou non é certo que, por exemplo, unha persoa que mudou de lingua se pode negar a recoñecer perante a persoa que lle fai o inquérito que deixou atrás ese idioma estigmatizado e formarse unha nova historia de vida? É ou non verdade que unha persoa pode responder cousas diferentes a respecto da(s) súa(s) lingua(s) inicial ou iniciais en diferentes momentos vitais? Por que este problema metodolóxico non é tido en conta? (Sei que é diferente, mais lémbrame a algo que con certeza Fermín Bouza sabe e pode explicar moitísimo mellor ca min: en boa parte dos inquéritos para estas autonómicas o “recordo de voto” era favorábel ao PSOE, cando resulta que a formación máis votada catro anos atrás fora con diferenza o PP. E non é que os cuestionarios estivesen mal!)

4. Edulcorar os datos é unha irresponsabilidade.

Todos os estudos, coas diferentes porcentaxes que se quixeren, amosan as mesmas caídas en picado para o galego tanto como lingua inicial como nos usos. Estas gráficas sinalan que é necesaria unha política de revitalización e que, se os dereitos lingüísticos individuais e colectivos estiveren garantidos de verdade, isto non se produciría.

Non teño vocación de narcótico nin de músico do Titánic. Hai unha fenda considerábel desde o mascarón de proa, cómpre saber que está a entrar auga, polo que haberá que achicar ou procurar outras alternativas. Iso non é catastrofismo nin tremendismo. Como di o profesor Carlos Valcárcel, autor de traballos de investigación que deberían ser máis coñecidos, “sermos positivos nom significa tampouco nom mencionar o essencial dos resultados dos estudos, que som negativos”.

O que si é unha irresponsabilidade é negar o problema, seguir a táctica da avestruz e aplaudir a política de homenaxe ao galego, como as campañas millonarias, de fogos artificiais, que fixo nos últimos anos a Presidencia da Xunta. Fronte a esa propaganda, hai áreas do ensino que deben ministrarse en galego e que hoxe non teñen material pedagóxico nesta lingua, persoas acosadas no seu posto de traballo por falaren neste idioma milenario, ámbitos da Administración nos que se nega a posibilidade de utilizar o galego...

Alén disto, como dicía a usuaria “Elisa Gz” no facebook, “se do que se trata é de transmitir sensación de positividade eu non sei para que se fan estudos”.

Unha coda, de momento

Hai cousas que me fican no tinteiro e, se hai pé para máis debate, comprométome a responder ao que for a partir da semana que vén, despois da Asemblea Xeral da Mesa, que se clausura este sábado 28 de marzo ás 19.30 horas, nun acto ao cal estades convidadas todas e todos!