Mostrando postagens com marcador humor. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador humor. Mostrar todas as postagens

10 de jun. de 2018

Mellor en Madrid ca no mesmo ceo


Nunha páxina humorística do Facebook, Forocarros, penduraban este cadriño do presidente do Goberno galego queimando con satisfacción un exemplar de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez. Se por el fose, non hai dúbidas de que poderían ir para o lixo todos os libros do mesmo estilo, igual que foron para o lixo pola súa orde os miles de manuais escolares escritos en galego das materias científico-técnicas.

Agora que en todo o Estado español se fala deste amigo do narcotraficante Marcial Dorado como posíbel novo líder do PP, é bo lembrarmos que un dos eixos fundamentais da súa acción de goberno foi, e está a ser, a aceleración da perda do noso idioma, o desamparo aos nosos dereitos lingüísticos. Sabemos que é un "mérito" que lle valorarán moitos dos seus seguidores, e é unha mágoa. Quen despreza unha cultura, despreza todas as culturas.

1 de nov. de 2014

Nanowrimo

 

Xa ouvira falar hai uns anos do proxecto Nanowrimo, que é o acróstico de National Novel Writing Month, ou sexa, o Mes Nacional de Escribir Romances (permitídeme que diferencie romance de novela, como sería propio do noso ámbito lingüístico, a diferenza do que fai o español, que os da RAG nos propoñen mimetizar acho que sen moito sentidiño).

Desde 1999 realízase un certame, primeiro a nivel anglosaxón e despois xa en moitas linguas e culturas, que consiste en autoimporse o reto de escribir un romance dun mínimo de 50.000 palabras ao longo de todo o mes de novembro. Non hai máis premio nin recoñecemento que saber que terminaches, aínda que for só para gardar dito romance nun caixón ou para tratar iso que conseguiches como un rascuño do cal se puider sacar algo mellor traballándoo máis en profundidade nos meses seguintes.

Este ano voume autoimpor a participación e tentarei xuntar cada día do mes eses 1.667 vocábulos que fan falta para conseguir o obxectivo. Contarei por aquí se dou logrado rabuñar o tempo e como vai saíndo a cousa :)

16 de mai. de 2014

O raposo Núñez Feijóo a coidar do galiñeiro

A xente da revista de humor Enchufados púxose en contacto comigo para unha entrevistiña. Pasáronme as preguntas cunha mensaxe na miña páxina no Facebook, respondinlles coas respostas, mais... Tristemente, pasoulles o que a tantas publicacións galegas: que o proxecto non pode continuar por problemas económicos.

Xa que lle dediquei un tempiño ao cuestionario, pendúroo por aquí por se a alguén lle interesar.

Ah! E non esquezades que esta noite vai participar o Marcos Maceira no programa Vía V e que mañá temos as mobilizacións de Queremos Galego en defensa do noso idioma! Continuamos!!!!

ENTREVISTA PARA ENCHUFADOS

- Está un máis relaxado despois de deixar un cargo como o que tiñas?
Aínda que xa non son presidente da Mesa desde o pasado 26 de abril, continuarei de vez na sala de máquinas até o verán, que supoño que será cando comece de verdade o período de descompresión.
De calquera xeito, non animei o meu relevo no cargo para estar máis relaxado, eh. A actividade vai co bicho, nun lugar ou noutro...

- Había moito ruído arredor da Mesa?
Por veces houbo ruído, si. Tentaron en varias ocasións difamala, porque hai grupos de poder aos que incomoda que exista un escudo cidadán organizado para defender o noso idioma. Porén, tivemos peito para dalas e lombo para levalas! Aquí continuamos!

- Do 1 ao 10, canto conseguiches normalizar a lingua?
Non todo se pode medir na vida. Coido que me esforcei en dar resposta cando había que dala e en propor adiantos cando se abriron espazos para iso. Estivese eu como presidente ou calquera outra persoa, o que non hai dúbida é de que A Mesa ten un papel fundamental na cultura galega e que continúa a ser moi necesaria.

- De verdade hai un monstro de 3 cabezas que ataca o galego?
Nunca o pensara así, mais podemos imaxinar a cabeza do poder económico, a cabeza do poder político e a cabeza do poder mediático. Van contra o galego porque van contra Galiza.
Iso si: todos os monstros teñen o seu punto feble. Galiza pode gañar o futuro.

- Dinos algún exemplo concreto para os que no día a día non nos decatamos dos obstáculos que lle están pondo á lingua.
Vou dicir tres. A Xunta ten prohibicións contra o galego no ensino que non se dan nin na hipercentralista República Francesa. A Xunta decidiu mudar o programa informático dos xulgados para que non se puidese usar o galego. O Goberno español comezou a impedir nos últimos dous anos o uso do galego en xestións que se podían facer neste idioma nas tres décadas anteriores. Se alguén pensa que en Galiza hai liberdade para usar o galego, por favor que faga a proba de tentar vivir nesta lingua.

- Que lle dirías ao que pensa que falar en galego é de nacionalistas?
Hai quen di que falan galego só nacionalistas e aldeáns. Primeiro, haberá que contestar que tanto uns como outros son fillos de deus. Cómpre tamén facer notar que se trata dun prexuízo que hai quen fomenta para considerar o galego non como unha lingua de verdade, senón unha xiria só apta para contextos moi concretos.
Cando Alberto Núñez Feijóo dicía en 2009 que a xente da Mesa nos queriamos apropiar do galego, retrucámoslle que a nosa reivindicación era que el se apropiase un pouco do idioma do país, por pouquerrechiño que fose.

- En que liga xoga o galego na actualidade?
Na das linguas minorizadas que aspiran á normalidade. A cousa está mal, porén non se chegou a un punto de non retorno. Podemos revitalizar o noso idioma se actuarmos con intelixencia, pedagoxía e decisión. Se non o facemos, o camiño que levamos é o da residualización.

- Que fai falta para o ascenso: máis socios, xogar bonito, cambiar de adestrador...?
Que haxa máis falantes, sen dúbida: a mellor defensa de calquera idioma é o seu uso. O xogo, bonito ou feo, sería o da propia sociedade; mais o que cómpre é poder xogalo tamén na casa e non que se conciba Galiza como un almacén de man de obra barata e recursos para malgastar. En cousas coma esas entendemos por que todas as linguas que se revitalizaron no mundo foron de países que avanzaron na súa soberanía.
Dos tres puntos que comentades, coido que o do adestrador é fulcral. Agora mesmo temos o raposo Núñez Feijóo a coidar do galiñeiro. Así, quen debería ser o principal defensor do galego está a ser o seu inimigo público número un.

- Moita xente que se manifesta a prol do galego pero logo as librarías non as cheiran. Isto é así? Por que cres que é?
Non creo que esa afirmación poida sosterse. A xente que se mobiliza en defensa dunha lingua é xente que ama a cultura. De feito –como é lóxico– véndense bastantes máis libros no noso idioma do que persoas veñen ás manis multitudinarias da Mesa ou de Queremos Galego.

- Coñecías a nosa revista?
Vira algo pola rede, porén o certo é que non me detivera até que vos puxestes en contacto comigo. Seguireina e comprareina! [Mágoa que isto xa non poderá ser...]

- Estamos a pensar en crear unha plataforma chamada "Queremos humor en galego", que che parece o lema?
Aínda que agora eu pasase dalgún xeito á reserva, podedes contar coa miña axuda naquilo en que vos puider axudar ;)

- Fai falta humor en galego?

Canto máis humor do bo, mellor. En galego, tamén.

- Que farás o Día das Letras Galegas?

Ás 12 do mediodía irei a unha das mobilizacións convocadas por Queremos Galego.
Pola tarde conto con participar na Carreira Popular Virxe da Guía, na parroquia de Ribeira que se chama como a actividade: Carreira. Non sei se darei terminado os dez quilómetros, mais a ver que dou feito... [Finalmente houbo mudanza de plans e o 17 pola tarde será con menos exercicio físico. A Carreira de Carreira tocará para 2015! xD]

16 de jan. de 2014

Nin iso!

Esta mañá participei, en representación da Mesa pola Normalización Lingüística, nunha conferencia de imprensa no Parlamento galego para reclamar a racionalización e dignificación do sistema de certificación oficial de lingua galega, os Celga.

A miña chegada á sala da conferencia de imprensa -solicitada por PSOE, BNG e AGE- acabou sendo un sainete, polos hiperburocratizados métodos de acceso que ten a cámara do Hórreo. Demorei un bo tempiño entre que me querían dar un adhesivo na primeira porta de entrada e ficaron sen papel, que foron procurar á segunda porta (pola que eu tería que pasar inmediatamente, mais para a cal non tiña licenza para me achegar sen esa identificación); na seguinte porta colleron ese adhesivo (que ninguén máis viu porque o traxecto entre un punto e outro é moi curto), tirárono (!) e mudárono por outro. Por último, indicáronme que debería ir ao balcón que está en fronte do punto anterior para que informase de que ía entrar...

Tampouco é que accedese na miña vida a moitos Parlamentos, mais en ningún dos que o fixen (o Congreso dos Deputados, o Parlamento europeo, o Parlamento catalán, a Asemblea Nacional de Gales...) vin tal nivel de barreiras e normas absurdas que supostamente se fan por seguridade. Cal será a seguridade que supón a mudanza de adhesivos?

Bon, en calquera caso, imos ao importante. Na conferencia de imprensa repasamos o substrato caciquil da concesión dos cursos, a falta de dereitos laborais do profesorado, a proposta de sanción por case 300.000 euros que ten a Xunta pola vulneración de tales dereitos... E, en fin, recordamos que o máis básico de entre os básicos que pode facer o Goberno galego para apoiar o noso idioma é garantir que calquera persoa que quixer estudar galego teña a posibilidade de o facer, que exista unha oferta de cursos Celga que satisfaga a demanda que hai na sociedade. Mais, con este goberno, nin iso. Nin iso!

24 de dez. de 2013

A mensaxe de Nadal do Rei de España

Dese xeito que propón o Carrabouxo, eu si que a vía...

E xa que falamos da mensaxe de Nadal do Xefe de Estado, que senso fai que todas as televisións, incluídas a TVG e a TVG2, emitan o mesmo? Non é unha metáfora perfecta da democracia limitada en que vivimos, na cal en teoría temos opción de elixir, sempre e cando elixamos o eternizado statu quo?

7 de dez. de 2012

Presentación mundial


Esta quinta feira (xoves) 13 de decembro ás 20 h. realizarase a presentación non só nacional nin estatal, senón tamén mundial, do libriño Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez. Nesta ligazón podedes consultar o evento no facebook.

Será no Centro Sociocultural do Ensanche en Santiago de Compostela (na rúa Frei Rosendo Salvado, 14-16 baixo). No acto, organizado pola asociación Cultural O Galo, acompañaranme o secretario desta entidade, Marcos Maceira, o director de Xerais, Manuel Bragado, e a lingüista Luz Cures, que me axudou moitísimo a puír a última versión do libro.

Agardo ter dúas pequenas sorpresiñas para ese día ;)

Continuamos!


16 de jul. de 2009

La Casa Azul, financiamento e estatutos

Con todo o que se está a falar estes días sobre financiamento autoanémico, lembreime dun divertido sketch da televisión catalá que coñecín grazas ao Paulo. Pertence ao exitoso Polònia:



Mais, ao final, xa se ve que non é o mesmo ter ou non ter un estatuto de primeira...

Velaquí a canción en que se basean, "Vull saber-ho tot de tú", de La Casa Azul, que no seguinte vídeo aparece con Guille Milkyway clonado (e nestoutra ligazón co clip de TV3 que parodian en Polònia):