Mostrando postagens com marcador Serxio Abalo. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Serxio Abalo. Mostrar todas as postagens

30 de abr. de 2020

Corona Ipsum

Leite Edicións publicou no seu Instagram vídeos de persoas que achegan os seus versos para acender algunhas cociñas de ferro no medio do confinamento. Non sei se era mellor outra metáfora, mais saíume esa da cociña de ferro, que para min evoca calor, protección, contos, comida e xogos.

Tamén en Leite Edicións é (ou era?) onde se vai (ou ía?) publicar o meu seguinte poemario, que tiña (e ten!) por título Só se pode ser inxenuo. Vivimos nun tempo de poucas certezas e, aínda que talvez sexa máis verdade hoxe que hai dous meses iso de que a inxenuidade é o camiño máis transitábel, non sei como terminará a cousa. Só se pode ser inxenuo.

Quero xa publicar ese libro? Pois non o sei. Por un lado, si, porque temo arrependerme un algo de deixar cousas atrás, como penso ás veces que aconteceu con outros poemarios que se perderon no limbo do inédito e das caixas de mudanzas. Mais, polo outro lado, non sei canto pode haber de continuidade deses versos en tempos de pandemia. É o aí escrito un tempo fósil? Se a resposta for afirmativa, vai a seguinte cuestión: Cando se sabe o momento de desenterrar un tempo fósil?

Pensarei. Falarei con Leite Edicións para ver tamén que é o que se pode facer (antes redixía a pergunta co verbo querer, como se fose só querer) e irei contando.

En fin. Ao que iamos. Leite Edicións convocou nestas semanas unha iniciativa chamada Corona Ipsum, á cal nos xuntamos as voces de Pablo Rodríguez, Miguel Cavadas, Mario Regueira, Laura Ramos, María Villamarín, Samuel L. París, Carmela Franco, Serxio Abalo, Diego Bará, Irene Pin, Sara Caride... por citar só os últimos nomes dun gorentoso etcétera que vos aconsello que olledes completo no seu Instagram.

Deixo por aquí o vídeo con que participei, no 23 de marzo. E nesta outra ligazón podedes ver un pequeno making of :)

16 de jun. de 2019

Inscricións: a ollada do asasino

Penduro aquí a leitura do poemario Inscricións que fixo o tamén poeta Serxio Abalo. Agradecidísimo polo seu tempo e pola súa sinceridade!

Esta recensión publicouse orixinalmente na versión en liña do Sermos Galiza.

"Inscricións: a ollada do asasino", por Serxio Abalo

"Non entre ninguén que non saiba Xeometría, disque puña na porta da Academia de Platón", advírtesenos antes de pór o corpo a servizo do novo libro de poemas de Carlos Callón, Inscricións (Galaxia, 2019), como unha especie de premonición ou misericordia ante aqueles que escriben e inscriben. Pois este libro non fala doutra cousa ca diso: a escritura e as súas múltiplas formas. «A morte. A vida. O que as une. Todo», podemos ler na descrición da contracapa. 
 
Lonxe de parecer unha celebración da vida para comprendermos as desgrazas, ou, no seu reverso, unha celebración das desgrazas para aprehendermos a vida, o que fan precisamente as diferentes voces do poema é xogar connosco e coa maneira en que nos escribimos. O autor téntanos de a pouco a querer saber máis e devólvenos diáfana a nosa caluga a través do espello mentres penetramos nese canto ambiguo que é o sufrimento do outro.

libros-novelas-D_NP_667596-MLA29533436760_032019-Q
Cando se escribe un libro no que se intenta aplacar o sentimento de dó é sinxelo cruzar a estreita liña entre a incomprensión que causa a recente ausencia dun ser querido e o tópico. Esa é a dificultade que presenta o papel en branco. Cada perda é unha comuñón de todas as perdas enmascaradas na escrita. Esa é a lección. «O que inscrebo/ ten máis vida que quen o escrebe./ É un resto que apousenta,/ un furado de enigmas e falsos recordos,/ unha casa solitaria/ que sente a tronada ao lonxe».

E é precisamente a resonancia da voz que Callón escolle o que desconcerta e impacta. «Nunca máis nos vimos, / e un día morres, / e penso en ti facéndome filloas». Así, a morte. «Intérnome nas miñas enrugas,/ primeiro de expresión,/ despois porque fago anos». Así, o paso do tempo. Igual que o brillo inocente dos ollos que queren descubrir, aquí palpita a mirada dun asasino, tan fráxil e desvalido ante o que non comprende coma os versos que o delatan: «Mentres descías, sempre ti vertical,/ dos teus labios saía a neve suxa./ Eu non podía co frío./ Contemplaba».

Con todo, hai unha serie de cuestións que frean e entorpecen o ritmo de lectura. Por unha banda, a dinámica do verso libre e contido  ̶̶ que predomina ̶  rómpese ao atoparmos unha serie de poemas cun formato diferente, como no caso do que lle dá título ao libro «Inscricións» ou o soneto «Arcanos». Por outra, a escolla de termos e/ou aforismos da corrente psicanalítica, aínda que acertada en moitos casos en favor dunha amplitude de posibilidades, noutros quedan simplemente reducidos ao seu valor teórico: «O infinito é un oito deitado/ ou un sete en transubstanciación./ A Matemática é Simbólico e Real». Ha haber espazo para o xogo: procurar novos camiños para as mesmas afrontas.

A medida que imos avanzando na lectura, por veces temos a sensación de que o autor consegue atravesar a cerna e, dalgunha maneira, esa explosión desborda e chega ata nós. A mesma sensación efémera que nos fornece cando cremos ter a chave ante aquilo que nos desacouga. Unha «fugacidade indelébel»: «Penso no frío e digo:/ Unha muller camiña./ Unha muller camiña./ Unha muller camiña./ E non é ela».

Escribe Angélica Liddell, dramaturga e directora de escena  ̶ entre outras moitas cousas ̶  no seu último libro de poemas, Una costilla sobre la mesa (La uÑa RoTa, 2018): «Antes pensaba que era imposible que las palabras estuvieran a la altura del sufrimiento. Ahora pienso que no sabemos estar a la altura de las palabras». Todo o demais, unha promesa que reverbera. 

13 de jun. de 2019

Gravar para o perenne

"E no universo en expansión do querer e do lembrar óbrase o milagre de tatuar as palabras no silencio".

O grande poeta Román Raña publicou no Faro de Vigo esta reseña de Inscricións. É a segunda recensión que se publica deste libro, tras a do tamén poeta Serxio Abalo. Obrigado aos dous escritores, de dúas xeracións tan diferentes, que se debruzaron sobre esas páxinas.

14 de ago. de 2018

Seis poetas que comezan

Ver especial A Fondo: "Seis poetas que comezan"

Nos primeiros días de maio saíu un especial, que coordinei para o semanario Sermos Galiza, con seis poetas moz@s: Serxio Abalo, Jorge Durán, Carlos Lixó, Arancha Nogueira, Belén Senín e Regina Touceda. A fotografía da cuberta e contracuberta é de Pauloff.

Podedes consultalo en PDF aquí.

Quero deixar constancia do apoio técnico, desde o semanario, de Cristian López e María Obelleiro.

Como digo alí, que viva a poesía e que viva a lingua que a constrúe!