Mostrando postagens com marcador galego estremeiro. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador galego estremeiro. Mostrar todas as postagens

20 de jun. de 2011

Apoiemos o galego no Bierzo!

Desde o colectivo cultural Fala Ceibe do Bierzo denuncian que no instituto de Vilafranca (IES Padre Sarmiento) se obstaculiza o ensino da lingua galega.

Segundo comunican, desde a dirección do centro están a pór obstáculos á libre elección polo seu alumnado da materia de lingua galega para o próximo curso, 2011-12.

Para lle faceren fronte, comezaron cunha campaña reivindicativa perante o instituto, na cal nos convidan a colaborar.

A campaña consiste en entrar na páxina web do instituto, premer en "Contacta" e cubrir un formulario no cal se indique, coa maior corrección, que se solicita que non haxa presións para que o alumnado non escolla a materia optativa de galego.

15 de fev. de 2011

Lingua: bicos e labazadas

A pesar da chuvia, onte realizamos a bicada en defensa do galego, cuxo acto central foi na praza do Toural de Compostela. Ademais das demostracións románticas dos alí concentrados, estannos a chegar fotos de diferentes lugares do mundo onde tamén se deron un bico á hora convida como manifestación de amor... tamén á lingua que nos une.

Velaquí un dos vídeos que recolleron o acontecido na xornada:



O galego ben precisa de demostracións de amor, ante tantas labazadas como recibe día si e día tamén. Vexamos, se non, algunhas das últimas novidades de ataque ao noso idioma:

a) as estupideces galegófobas que soltou unha concorrente de Gran Hermano, que orneou, entre outras barbaridades, que lle dá "bajón" escoitar un mozo guapo falando galego (ela o perde!);

b) a decisión dunha concesionaria de aparcadoiros públicos no Concello de Vigo que quixo deixar de entender o galego desde que Alberto Núñez Feijóo entrou na Xunta (antes entendíao) e mesmo denunciou o Concello ante os tribunais para deixar de recibir as comunicacións na lingua de Galiza (se queredes enviarlle unha queixa, podédelo facer desde esta ligazón);

c) a convocatoria por parte da "Academia de la Llingua Asturiana" de exames escritos e orais para que os docentes do Eo-Navia poidan acreditar un ‘Curso de Capaticación en gallego-asturiano’; trátase dunha propositada deturpación do noso idioma ante a que deberían posicionarse a Xunta de Galiza, a Real Academia Galega e o Consello da Cultura Galega.

14 de fev. de 2011

Todo o que as administracións deberían facer en galego

Velaquí o artigo que publico esta semana en Galicia Hoxe, con propostas para activarmos o uso da lingua de Galiza nas administracións públicas:

E se a Administración non usa o galego?
Que os procedementos sexan na lingua do país depende de ti!

A lingua galega é oficial en Galiza e, ademais, está recoñecida como a “propia” do país, o cal supón un mandato para que sexa de uso normal por parte da administración local e da autonómica. Así, tanto desde o noso concello, desde a deputación correspondente ou desde calquera órgano da Xunta de Galiza a lingua galega ha de ser a utilizada inicialmente, por defecto, en todas as súas relacións coa cidadanía. Se non o fan (e, como é sabido, é o que acontece en moitos casos), se exclúen o galego en publicidade, sinalizacións, formularios, etc, podemos presentar un escrito para que se corrixa, pois a lei (aínda que escasamente desenvolta) está do noso lado.

No referido á Administración Xeral do Estado encontrámonos cunha casuística un pouco máis complexa. En síntese, e sinalando entre parénteses as normas que o sustentan, estes son os dereitos que nos recoñece a lexislación vixente ás usuarias e aos usuarios do galego:

- O material impreso e os formularios da Administración Xeral do Estado en Galiza han de estar dispoñíbeis en galego ou bilingües (art. 5.1 do real decreto 1465/99).

- Garantirase o uso do galego nas relacións por medios electrónicos, posibilitando o acceso aos servizos e contidos no noso idioma (lei 11/2007, disposición adicional sexta).

- As sinalizacións exteriores e os “contidos máis relevantes” dos cartaces de carácter informativo ou publicitario que se elaboren para se colocaren en Galiza han de ser bilingües: non poden excluír o galego (art. 6 e art. 11.2.b do real decreto 1465/99).

- As campañas informativas e publicitarias estarán tamén en galego, porén a verdade é que son moitísimos os exemplos que podemos pór de vulneración deste dereito (art. 11.2.b do real decreto 1465/99 e art. 9 da lei 29/2005).

- O material impreso dos órganos e unidades que teñen sede en Galiza e que se utilice a cotío para comunicacións dentro de Galiza tamén usará as denominacións bilingües (isto é, Ministerio de Sanidade, Tesouraría Xeral da Seguridade Social, etc. son formas que tamén deben figurar así, en galego, en sobres e formularios). Só pode excluírse o galego (aínda que non é obrigatoria a súa desaparición, senón unicamente opcional) cando ese material estea destinado a comunicacións fóra de Galiza (art. 5.2 do real decreto 1465/99).

- Os procedementos tramitaranse na lingua que use a administrada ou o administrado. Non é necesario facer ningunha solicitude expresa: se nos diriximos á Administración en galego, esta ten a obriga de remitirnos todo o resto da información en galego. Aínda que é un aspecto que costuma incumprirse, é importante saber que da lexislación vixente se desprende que a opción polo galego se realiza de xeito implícito: maniféstase no idioma que a interesada ou o interesado está a utilizar (art. 36.1 da lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, de rexime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común). Mesmo no caso de concorreren varios interesados e que un non quixer que a documentación estiver en galego, teremos dereito a que toda a información que a nós se nos remita vaia na lingua de Galiza (así o indica o mesmo art. 36.1 antes sinalado).

Sabemos, no entanto, que en moitos casos, a pesar de usarmos o galego, nos chega a documentación da Administración en castelán. Cando iso acontecer, o que podemos facer é unha sinxela instancia, dirixida á Administración correspondente (vale tanto para a Administración Xeral do Estado como para a autonómica ou local). Como resposta, a Administración debe achegar unha tradución fiel en galego, sen custo ningún para a cidadá ou o cidadán, e ademais tramitar todo o resto do procedemento na lingua de Galiza. O texto pode ser, máis ou menos, este:

“EXPÓN:

Que recibiu no seu domicilio unha notificación (da que se remesa copia), con data de..., en que se lle comunica a resolución dese organismo segundo a cal...

Que dita resolución non está redixida en galego.

Que segundo as disposición vixentes (Lei 3/83, de normalización lingüística; Lei 30/92, de rexime xurídico das Administracións Públicas e do procedemento administrativo común, etc.), a cidadanía galega ten dereito a exixir que calquera notificación, de calquera Administración Pública con sede no territorio da Comunidade Autónoma de Galiza, que afecte aos seus intereses, estea redixida en galego e que o procedemento se tramite na lingua elixida pola persoa interesada.

Polo exposto, SOLICITA:

Que teña por presentado este escrito e por efectuada reclamación do dereito a que se tramite o procedemento en lingua galega, invalidando consecuentemente a devandita resolución e remitindo no idioma indicado a mesma.”

Segundo os xuristas Antonio Xavier Ferreira Fernández, Alba Nogueira López, Anxo Tato Plaza e Luís Villares Naveira, autores do libro Estatuto xurídico da lingua galega (Xerais, 2005), “debe terse en conta que neste caso os efectos derivados da comunicación ou escrito (inicio de prazos para a realización de alegacións ou presentación de recursos, ou ben, inicio da eficacia do acto) suspenderanse dende o momento en que o cidadán requira á Administración para que realice a tradución pois, doutro xeito, a efectividade do dereito a optar lingüisticamente veríase frustrado e, ademais, o particular podería ser colocado nunha situación de manifesta indefensión ante o acto administrativo.”

- Cando un documento redixido en galego teña que surtir efectos fóra de Galiza, se foi entregado ou remitido a algunha Administración con sede en Galiza, será obriga desta Administración (e non da cidadá ou do cidadán!) a súa tradución (art. 36.3 da lei 4/1999). Ninguén nos debe nin mandar nin “aconsellar” que non utilicemos o galego neses casos, pois estamos no noso dereito. O art. 36.3 tamén sinala que se eses documentos, expedientes ou partes dos mesmos tivesen que “surtir efectos no territorio dunha Comunidade Autónoma onde sexa cooficial esa mesma lingua distinta do castelán, non será precisa a súa tradución”. A lei neste caso pensa no catalán e no vasco, xa que o galego, a pesar de se falar tamén en terreos pertencentes administrativamente a Asturias, Castela-León e Estremadura, carece de pleno recoñecemento oficial.

- Se presentas un documento nun rexistro fóra de Galiza mais vai dirixido a unha Administración radicada en Galiza, deberá admitirse aínda que vaia só en galego e expedirase unha copia do escrito, como recibo acreditativo da súa presentación (art. 10 do real decreto 772/1999).

Está na nosa man conseguir o uso do galego na Administración, non renunciando nunca ao se uso e exixindo de forma sistemática e firme que se respecten os nosos dereitos.