Mostrando postagens com marcador Michel Foucault. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Michel Foucault. Mostrar todas as postagens

31 de ago. de 2014

Ligazóns ao desvío para un 31 de agosto

O fin da comida? Eu non o creo, porque a comida é moito máis que nutrientes, mais en fin...

"Lembranza de Vaamonde Lores", por Román Arén.

"Retrato do samurai", un divertido artigo do historiador Paul Veyne sobre o seu amigo Michel Foucault.

Disque os "dez países máis fermosos e menos visitados do mundo".

As dimensións da riqueza que atesoura o idioma galego na súa toponimia: o 96% dos topónimos de todo o Estado español están en Galiza, debido á dispersión poboacional; deses, o 70% existe exclusivamente dentro do noso país.

E, para finalizarmos, un pouco de humor:



24 de mar. de 2013

Auguiña de sete fontes

 - A triloxía Dragal, de Elena Gallego, convértese nun proxecto multimedia. Parabéns e que continúe o merecidísimo suceso!

- "E se fose a princesa a que salvase a Mario?", nova en Praza Pública.

- "A ética do coidado dun mesmo como práctica da liberdade", entrevista a Michel Foucault en 1984.

- Un matrimonio de sexaxenarios irán á cadea por violaren ambos as súas ordes de afastamento, nova en La Voz de Galicia.

- Novo libro de Xosé Ramón Freixeito Mato: Estilística da lingua galega.

- "Rosalía e nós", artigo de Francisco Rodríguez en Sermos Galiza.

- "Google aposta por voar tamén en galego", nova en Galicia Confidencial. O galego, entre os oito primeiros en que estrea en Europa este novo servizo.

13 de set. de 2010

Un homosexual declarado na corte de Afonso X?

Velaquí o artigo desta semana en Galicia Hoxe:

Alén do previsíbel?
Cantigas medievais e sexo entre homes


Se lle pedísemos a un grupo de xente que fechase os ollos por uns segundos e que imaxinase unha escena calquera vinculada coa frase “homosexualidade na Idade Media”, abofé que boa parte das persoas alí reunidas traerían á súa mente algún tipo de tortura inquisitorial. Con toda probabilidade, verían un facho a piques de acender unha pía de leña seca baixo os pés duns condenados. E cómpre comezarmos rompendo desde xa con ese tópico.

Como teñen demostrado rigorosas investigacións realizadas desde a década de 80, son moi poucos –tanto cualitativa como cuantitativamente– os casos documentados, nesta ben longa etapa histórica, de torturas a varóns ou a mulleres por ese motivo. Como sentenciou John Boswell con certo sarcasmo, “moitas das minorías europeas padeceron máis durante a ‘Renacenza’ que durante os ‘Tempos Escuros’”. No entanto, a imaxe tópica segue aí, ben afincada como un prexuízo inexpugnábel, e non só para o caso da homosexualidade; así nolo demostra por exemplo o uso figurado do adxectivo medieval como sinónimo de ‘intolerante’, ‘opresor’ etc. Como lle canta Lily Allen a un homófobo no seu tema “Fuck you”: “Your point of view is medieval”.

O citado John Boswell é o autor de dúas obras que son verdadeiros alicerces do estudo da homosexualidade na antigüidade clásica e, de forma máis singular, na Idade Media. Trátase de Christianity, Social Tolerance and Homosexuality. Gay People in Western Europe from the Beggining of the Christian Era to the Fourteenth Century e o seu inxente traballo póstumo Same-Sex Unions in Premodern Europe. Hai traducións para o español de ambos os libros, mais están esgotadas desde hai anos.

No primeiro destes volumes, o que foi profesor de historia medieval na Universidade de Yale debrúzase cunha ollada limpa sobre o período que vai estudar e tenta xuntar o maior número posíbel de pezas que lle permitan compor un puzzle amplo e con suficiente profundidade de campo. O esforzo que el mesmo invoca é o da obxectividade. Subliña que o seu labor como historiador non é eloxiar nin culpar, senón “to record and explain”, rexistrar e explicar, mais que se alguén considera que o seu é un posicionamento partidario é porque se puxo como meta fuxir das actitudes negativas contra a homosexualidade que lle son coetáneas.

Boswell evita a proxección dos prexuízos actuais e resetea as fontes documentais, para volver lelas como quen parte de cero, co cal obtén uns resultados verdadeiramente abraiantes. Até onde eu coñezo, os seus traballos poden ser matizados nalgúns aspectos, mais non están superados por ninguén.

Ao historiar o prexuízo anti homosexual, que para el é un caso moi acaído para estudar a evolución da intolerancia en xeral, quítalle o seu verniz de naturalidade e intemporalidade e devólveo como resultado dun proceso social e –redundemos as veces que for necesario nesta familia léxica– histórico. Non é estraño que, malia achegaren outras conclusións, os seus estudos fosen recibidos con profundo entusiasmo por Michel Foucault, quen, a partir doutras fontes documentais, xa tentara xeneralizar unha Histoire de la sexualité, que marcou un punto de inflexión nesta liña de investigación.

É unha mágoa que nin John Boswell nin Michel Foucault consultasen para estas súas pesquisas o corpus cancioneiril galego-portugués medieval. Non o digo por ningún estraño chauvinismo, que tantas veces se nos achaca se quixermos simplemente lembrar que Galiza existe no mapa e ten historia. De feito, é innegábel que este reino é o centro produtor (así como creador e irradiador de modelos) dun dos maiores tesouros documentais e literarios da Idade Media. Algúns destes textos depárannos sorpresas que nos obrigan a repensar e revisar tamén as conclusións a que chegaron investigadores como os citados.

Os documentos para estudar as relacións sexoafectivas son eminentemente literarios. No caso galego-portugués medieval, unha fonte privilexiábel de coñecemento son as sátiras que, a través do riso, ofrecen un mapa máis verosímil da realidade social que as previsíbeis e ben comportadas cantigas de amor ou –salvando algunhas excepcións– as de amigo. Dentro do corpus que chegou até nós rexistramos máis de 80 composicións onde existe algunha referencia literal ou (sobre todo) equívoca a relacións íntimas entre mulleres ou entre homes. Non falamos, pois, dun tema secundario nin marxinal.

Ás veces, a súa aparición é tan chocante que mesmo algúns editores se forzaron en interpretar o que aparece nos manuscritos de forma diferente ao que estes nos din. Reparemos, por exemplo, neste texto de Pero da Ponte, un compositor áulico que se supón de orixe galega:

Dom Tisso Pérez, queria hoj’ eu
seer guardado do trebelho seu
e er doar-lh’ o batom que fui meu;
mais nom me poss’ a seu jogo quitar,
e, Tisso Pérez, que demo mi o deu,
por sempre migo querer trebelhar?

De trebelhar mi há el gram sabor
e eu pesar, nunca vistes maior:
ca nom dórmio de noite com pavor,
ca me trebelha sempre ao lũar.
[Que] demo o fezo tam trebelhador,
por sempre migo querer trebelhar?

Cada que pode, mal me trebelhou,
e eu por en já mi assanhando vou
de seu trebelho mao, que vezou
com que me vem cada noit’ espertar,
e Tisso Pérez, demo mi o mostrou,
por sempre migo querer trebelhar?
Os cancioneiros son clarísimos no segundo verso: “guardado”, cun o final ben redondo e nítido. Porén, até as edicións de Saverio Panunzio e Graça Videira Lopes, transcribiuse como “guardada”, para así evitar a lectura declaradamente homosexual desta composición, aparentemente insólita e única.

Manuel Rodrigues Lapa resistiuse a esta edición e no seu monumental volume Cantigas d’escarnho e de maldizer dos cancioneiros medievais galego-portugueses feminizaba a voz que se queixa nestes versos. Aínda optando por “guardada”, Lapa anotou: “Cantiga de sentido confuso e que admite duas interpretações: uma que desabona a compostura moral do grande escritor galego, por no-lo mostrar muito à vontade nos seus vícios de pederasta, que também lhe serviam de tema, como se vê em outras composições; outra que consiste em vermos nela uma cantiga de mulher, a qual se queixa da insistência de certo Fulano em se servir dela, a seu pesar.” É rechamante que o profesor da Anadia privilexie na súa lectura unha interpretación que non escolle á hora de editar o texto.

Xa coa composición restituída, entendeuse como unha sátira contra a homosexualidade, en concreto de Tisso Pérez, que se nos nomea claramente, ben ao contrario da mesura prescrita para os outros xéneros. Mais se lermos os versos na súa literalidade, veremos que non é así. Non se lle recrimina a Tisso Pérez en ningún momento que goste de homes. O que se lle afea é, como sinalou Paulo Roberto Sodré, “a luxúria compulsiva, o desejo obcecado, o ‘trebelho’ incómodo”. Aínda nas palabras deste profesor brasileiro, “se há ensinamento aí, talvez seja o de que Tisso Pérez aprenda a dosar seus impulsos ao luar, exercitando-se melhor na prática amorosa e agradando o queixoso e sanhudo amante”. O motivo da burla, pois, non é que se deiten dous homes, senón a insistencia e o abuso. Se se ler “guardada” en troca de “guardado”, non se precisarían maiores explicacións.

É posíbel que Pero da Ponte sinalase aquí, a través do xogo trobadoresco, un episodio biográfico coñecido na Corte? Ou trátase máis ben dun maldizer aposto; isto é, colocado na boca doutra persoa, que sería a escarnecida? Para a semana trataremos sobre isto porque, como dicía liñas arriba, esta composición non é tan insólita como parece.

1 de jun. de 2009

Cronoloxía e modelos de 'homosexualidade'

No meu artigo desta semana en Galicia Hoxe fago unha aproximación sintética e esquemática á cronoloxía e aos modelos de 'homosexualidade'.

Delimitando o concepto ‘homosexualidade’
Unha achega esquemática á súa cronoloxía e aos seus modelos


No primeiro volume da súa Historia da sexualidade, a mediados da década de 70, Michel Foucault fai unha proposta que será crucial no desenvolvemento dos estudos gais e lésbicos: considera que se pode datar a fins do século XIX a construción do homosexual como individuo específico, caracterizado pola súa sexualidade, non un vago suxeito xurídico ou persoa que comete uns determinados pecados (sodomita) ou transgresións (libertino). En termos xerais, esta teoria é unanimemente aceptada. Foucault chega a ofrecer unha data exacta, 1870, o cal foi con razón severamente criticado, xa que se trata dun proceso social complexo, non delimitábel até eses extremos. Sexa como for, este aspecto é só a tona do seu contributo e non o seu cerne. Máis relevante é o facto, non observado decote, de que 15 anos antes, na súa Historia da loucura, Foucault propuxera outra data diferente: o século XVII.

Isto non quer dicir, en ningún dos dous casos, como simplistamente se ten interpretado algunhas veces, que a homosexualidade sexa un construto e a heterosexualidade sexa algo “natural”: a heterosexualidade insérese no mesmo proceso de configuración da orde sexual que o seu contrapunto. Tampouco significa que non existan relacións afectivas intensas ou prácticas sexuais intermasculinas ou interfemininas previamente ao século XIX: é máis, son documentábeis desde a mesma prehistoria.

O historiador John Boswell fala de tres tipos de teorías que poden delimitar a homosexualidade, que denomina A, B e C. As teorías de tipo A postulan que todos os seres humanos son sexualmente polimorfos (collendo a terminoloxía freudiana), isto é, que poden desenvolver interaccións sexoafectivas de calquera tipo, mais hai circunstancias externas que determinan a súa expresión. Segundo as teorías de tipo B, existen dúas ou máis categorías que se diferenciarán case sempre na elección do obxecto sexual (p. ex., pensar que en todas as sociedades e épocas se diferencia por hetero/homo/bisexuais). Por último, as teorías do tipo C consideran correctas e naturais unha forma de respostas sexuais e incorrectas e antinaturais as demais.

No caso A podemos falar, segundo Boswell, de “nominalismo”, xa que as etiquetas homo / hetero se presentan como convencións arbitrarias; noutras palabras, o construcionismo. As teorías B vínculanse co esencialismo, que Boswell denomina “realismo”. Reparemos en que aí se considera que hai unha “verdadeira” identidade sexual que non se constrúe, que é consubstancial á persoa. O último grupo de teorías non describen, senón que prescriben.

Seguindo a obra de Foucault, podemos dicir que a homosexualidade aparece, en principio, como unha categoría de discurso en case todas as culturas, adquirindo valores diferentes. Esta categoría intégrase na percepción cotiá do mundo, igual que outros conceptos como familia, lei, felicidade etc. O que parece evidente é que prácticas homosexuais houbo ao longo de toda a historia e que pode haber características concretas recorrentes, secularmente vinculadas a esas prácticas. Tan evidente como que esas prácticas, cando se converten en conceptos do discurso, difiren profundamente en cuestións como a delimitación (até onde?), ontoloxía (que?) e a valoración moral.

Hai unha serie de modelos históricos de relacionamento que aparecen ligados ao particular concepto de homosexualidade construído contemporaneamente. Relacionaremos estes modelos a seguir, partindo dun esquema realizado por Alberto Mira, no seu dicionario enciclopédico Para entendernos:

1. Homosexualidade ritual.- En varias culturas antigas. P. ex.: a prostitución ritual, que serve para tranquilizar os deuses.

2. Pederastia.- Na Antiga Grecia e na cultura islámica tradicional, entre outras. Xeralmente, dous varóns: un adulto e un adolescente imberbe. Na relación sexual, o adulto ten o rol “activo”; na emocional, exerce de mestre. Trátase dun modelo misóxino, pois a súa pretensión é estabelecer lazos de unión interxeracional que exclúan as mulleres dos círculos de poder.

3. Interclasismo.- Na Roma clásica. Xeralmente tamén había diferenza de idade e distribución de roles.

4. Sodomía.- Na Idade Media, no mundo cristián. Non fica claro quen comete sodomía: apenas que é un pecado de índole sexual (cunha ampla gama de posibilidades) e que se chega a asociar con algunhas herexías. Non é propiamente “homosexualidade”, aínda que se ten feito unha errónea equivalencia retrospectiva.

5. Travestismo.- Eixo de diferentes subculturas ocidentais entre os séculos XIV e XIX (p. ex., as Molly Houses de Inglaterra). Non se configura a través do desexo ou das prácticas sexuais, senón polo rol. Ao longo da historia, homosexualidade e travestismo aparecen como fenómenos independentes. Uniranse con forza a partir do século XIX, co discurso que patoloxiza a homosexualidade como inversión. (Aínda á parte, está a figura da transexual, que é a persoa bioloxicamente varón que desexa ser muller, ou á inversa, e, unha vez operada –cousa que se consegue realizar desde 1952–, costuma optar pola heterosexualidade.)

6. Helenismo.- Aparece na Renacenza ocidental (o Humanismo reintroduce os clásicos greco-latinos, que traen visións non homófobas), gañando forza no século XVIII, co novo revisitar dos clásicos, cos seus canons de beleza centrados máis no masculino que no feminino. Trátase dun discurso artístico e elitista de carácter retrospectivo, pois expresa o desexo homoerótico a través das fórmulas estéticas greco-latinas, que se converteron no mito homosexual por excelencia. A pesar de que o seu uso é especialmente feito polos varóns, tamén se utiliza desde o lesbianismo, tanto en referencia a Safo de Lesbos como ás amazonas.

7. Amizades íntimas.- Este modelo podemos encontralo practicamente en calquera época, aínda que moi especialmente nos sécs. XVIII e XIX. A conceptualización da amizade tamén difere diacronicamente, e en moitos casos tócase coa propia idea de “amor” (cfr. as “heterosexuais” cantigas de amigo). Xa de vello é complexo resolver a suposta dicotomía entre a “amizade” e o “amor”. Moitas das chamadas “relacións de amizade” están baseadas no desexo ou conlevan diferentes roles; quizais no que se diferencian do amor –e só en parte– é na súa secundarización dos actos sexuais. Exs.: os matrimonios á bostoniana ou a camaradaxe intermasculina.

8. Patoloxía.- Desde o último cuarto do século XIX, no Occidente. Nacen o homosexual e a homosexual, como “doentes” que identificar por invertidos.

9. Psicanálise.- Desde os anos 30 do século XX. Parte do modelo patolóxico, modificándoo cunha lectura homófoba –cos prexuízos do modelo sodomítico– da obra revolucionaria e liberadora de Sigmund Freud. Etioloxicamente, a homosexualidade explicarase polo “desvío” na elección do obxecto de desexo, pasando a un segundo lugar as prácticas.

10. Gai.- Configúrase xa nos anos 20 e estoura en 1969. Responde ás categorizacións homófobas. É central a idea de identidade e autoidentificación: tanto positivamente (o orgullo) como no que se podería ler negativamente (drag-queens, desfiles carnavalescos, etc). Trátase dunha identidade occidental e urbana e, por moito que se presente como un absoluto e un ideal, deixa fóra a moitas persoas e moitos modelos de relación.

11. Queer / antigai.- Desde a década de 90 do século XX (aínda que os seus xermolos se vexan con anterioridade). Embora o desexo homosexual se manifestar orgulladamente, cuestiónase a posibilidade de que exista unha identidade social estábel baseada nese desexo. Estes modelos baséanse na transgresión.

Está a vista de ollos que ningún dos modelos de homosexualidade indicados ten grande estabilidade, e nin presentan moitas concordancias entre eles. Sobre isto teremos que incidir nunha próxima semana.

26 de mai. de 2009

O heterosexismo, a homosexualidade e o sistema literario galego

No meu artigo de onte en Galicia Hoxe fixen a introdución para unha ampla serie sobre a homosexualidade no sistema literario galego, aínda que non será continuada semana a semana, senón salteada tamén con outras temáticas.

As portas do armario
O heterosexismo, a homosexualidade e o sistema literario galego


Entre outras cousas, para abrir un armario este ten que ter portas. As fechaduras poden estar enferruxadas ou inutilizadas, pode haber fondos duplos despois no seu interior, mais ten que haber algunha porta. Claro que antes de encontrar as portas... debemos localizar o armario.

Saír do armario

Hoxe, a expresión “saír do armario” é xa moi popular para se referir ao recoñecemento público por parte de alguén da súa opción / orientación homosexual. A orixe do dito é inglesa (“coming out of the closet”) e ten relación con esoutra que fala de ter “un cadáver no armario”, un “skeleton in the closet”; isto é, un segredo tráxico e molesto. Desde fins do século XIX a comezos do XX, esa frase especialízase para a homosexualidade, a cal pasou a se converter no maior dos segredos, no “amor que non ousa dicir o seu nome”, tras séculos xa sendo un innomeábel “pecado nefando”.

A estrutura do armario, así concibida, é mesmo máis forte do que poden ser os desexos individuais dunha persoa por difundir ou non a súa opción sexual. É unha estrutura social que exhibe ao tempo que silencia, constituída ao mesmo tempo que a identidade homosexual contemporánea. Trátase dun concepto contraditorio, paradoxal: como estrutura pola cal se agocha a identidade, mais tamén como estrutura hipercatalogada e sobredeterminada, sobre a cal se quere saber todo e que debe estar presente como tal no día a día, aínda que sexa como insulto aparentemente lexicalizado (“maricón”, “maricas”, “maricallas”, “marimacho”...).

Que entre o ar!

Con este artigo vou comezar unha serie de escritos nas segundas feiras en Galicia Hoxe para tentar arexar o armario metafórico do sistema literario galego. A miña pretensión é contribuír a relelo desde outro lugar; percorrer a súa historia e as súas historias, deterse nos textos que temos e tamén, con certa ousadía, nos textos que non conservamos, as biografías aproximadas e –como non– as construídas. Reler atendendo ao heterosexismo, a problematización da homosexualidade, para así coñecermos máis e mellor o mundo social e a nosa historia.

Abordar estudos que falen da homosexualidade na cultura e, en concreto, na literatura, presenta antes de máis un problema de perspectiva. Nestas entregas adentrarémonos nos pormenores de como este dilema foi recibindo respostas en diferentes terras e en diferentes tempos. Veremos que o máis habitual é botar man de dúas premisas. En primeiro lugar, a homosexualidade da autora ou autor e, en segundo lugar, a homosexualidade que se le (que se explicita ou que se interpreta) nos textos.

Ambas as premisas presentan varias e importantes debilidades epistemolóxicas. En primeiro lugar, reducen a institución social da literatura a unha suma de textos e unha nómina de autoras e autores, que poden ser bos puntos de partida para comezarmos a andar o camiño, mais que limitan as posibilidades de coñecemento. Por exemplo, que pasa cun autor ou cunha autora non homosexual que utiliza repertorios lidos ou lexíbeis como homosexuais? Quen, como, cando, onde e por que marca que haxa temas e estilos que se entendan como homosexuais? Non será tamén necesario, por exemplo, estudar aos que estudan, á crítica literaria que configura as interpretacións? Como estudamos o silencio? Debe ser estudado o que, podendo chegar a existir, non existiu ou, existindo, non se transmitiu por circunstancias que teñen a ver coa opción sexual?

Penso por iso que unha focaxe inserida dentro da tradición dos estudos culturais, sociolóxica e non textocentrista, é máis acaída por permitir facerse novas preguntas que, á súa vez, poden abrir máis portas ao coñecemento do mundo social. Mais para tentarmos dar resposta a algunhas das cuestións antes formuladas (singularmente, as dúas últimas do anterior parágrafo) tamén é moi necesario afinar os instrumentos sociolóxicos, pois hai socioloxismos que, ao pretenderen o mundo social só como “o que sucede”, poden condenar a homosexualidade a permanecer invisíbel (por tanto, inexistente) en importantes espazos do sistema literario onde a súa aparición sería máis dificilmente documentábel.

O rexime de sexualidade

Michel Foucault denomina “implantación perversa” da sexualidade o proceso de articulación discursiva que pasa a construír o sexo como un eixo de intelixibilidade e lexitimidade vital. Segundo el, sería un proceso comezado no século XVII, coa Contrarreforma, aínda que logre ser hexemónico no século XIX, coa explosión discursiva das ciencias sobre o sexo. Así, a característica fundamental do rexime de sexualidade (ou “dispositivo de sexualidade”, se seguirmos a terminoloxía do propio Foucault), conformado sobre o patriarcado, é a sua concepción do sexo como esencia ontolóxica do individuo. Nótese que a sexualidade se configura cun carácter paradoxal: entanto é obxecto de discursos múltiplos, é tamén expresión suprema da intimidade, do segredo.

Entre as moitas posibilidades existentes, o rexime só acepta unha práctica sexual, un tipo de desexo, un xogo de roles: a heterosexualidade, con alicerces sólidos no sexismo, a misoxinia e a homofobia. Varios teóricos, como Weeks ou o propio Foucault, sinalan que a ameaza cernida sobre o modelo patriarcal coa expansión capitalista pode explicar a construción da identidade homosexual, para reforzar –por contraste opositivo– a estrutura de economía sexual centrada na familia. Así, a homosexualidade, que era máis unha opción dentro dun amplo leque, configúrase como un “perigo” básico, que resume todos os perigos que axexan para romper os equilibrios do rexime de sexualidade. O binomio homosexual / heterosexual convértese desta maneira nun binomio que fundamenta e condiciona toda a vida occidental(izada) contemporánea, comparábel con outros eixos da organización social en diferentes épocas e culturas, como muller / varón ou libre / escrava – o.

A configuración do rexime de sexualidade vai parella á emerxencia do que o sociólogo Pierre Bourdieu definiu como diferentes campos sociais (relixioso, xurídico, burocrático, científico...), nos cales concorren diferentes axentes para lograren a lexitimidade cos seus discursos sobre o sexo.

Teño que sinalar que Bourdieu non se referiu nomeadamente ao campo científico ao enunciar esta idea, mais este é crucial na configuración do rexime de sexualidade contemporáneo. Como é sabido, o profesor francés elaborou unha teoría social centrada na idea dos campos sociais, concepto que foi articulando e reformulando progresivamente nas súas pesquisas sobre os diferentes ámbitos da sociedade gala e, en parte, das súas (neo)colonias. O que define a estrutura dos campos sociais é o estado das relacións de forza entre os seus axentes e institucións.

O rexime de sexualidade ten un papel fulcral na loita pola hexemonía das formas de poder e os varios capitais en xogo. Para comprendermos mellor o seu funcionamento, serannos moi útiles dous conceptos exitosamente propostos polo mesmo sociólogo: o de habitus (un sistema de esquemas incorporados e naturalizados como innatos tanto para o individuo como para o grupo) e o de violencia simbólica (unha violencia non física, exercida co consentimento de quen a padece, camuflando as relacións de forza que subxacen). O propio Pierre Bourdieu, na introdución á súa obra A dominación masculina, considera que as mulleres e as e os homosexuais son albo privilexiado deste tipo de discriminación simbólica. Nas Meditacións Pascalianas afirmara tamén que a dominación masculina é a forma “por antonomasia” de violencia simbólica.