30 de set de 2009

Hoxe ás 18.30, ruada en defensa do galego


A plataforma Queremos Galego convoca para hoxe ás 18.30 en Santiago, desde a praza Roxa, unha ruada para divulgar a manifestación do vindeiro 18 de outubro. Se podes, participa.

Ademais de ser moi necesario, será moi divertido.

28 de set de 2009

Reto 18-OU


Velaquí o artigo desta semana en Galicia Hoxe:

18 de outubro
Mobilizándonos, gañaremos o futuro para o galego


Tras o final da Ditadura, no Estado español iniciouse un proceso de democratización que se trasladou tamén parcialmente ao recoñecemento da pluralidade de nacións (“nacionalidades”) e linguas. O galego entrou nesa vía, tanto pola presión dun segmento da poboación que colocou a dignificación do idioma como unha marca básica de novos tempos, como polo feito incontestábel de que, nese momento, Galiza era a comunidade do Estado español onde se daba un uso menos habitual do castelán na oralidade. Cómpre subliñar que nunca houbo ningún adianto para a nosa lingua que non fose gañado a pulso, como froito da presión social e non por imitación nin dádiva xenerosa por comparación co que se facía noutros lugares.

Aínda que non se garantiu unha igualdade xurídica entre o galego (ou catalán ou éuscaro) e o castelán, si que se puxeron as pezas para que se puider construír un proceso de recuperación e extensión social. No entanto, unha constante destes 30 anos é que no Estado español se recoñecen dereitos lingüísticos a condición de que non se poidan exercer, aprobando leis e ratificando tratados internacionais cuxo cumprimento é postergado e dificultado en maior ou menor medida.

Esta afirmación aplicouse e aplícase en Galiza como en ningún outro lugar e ademais en aspectos chave. Exemplos temos abondo. O Parlamento Galego aproba en 1983 unha Lei de normalización lingüística por unanimidade, mais ningún Goberno a fixo cumprir na súa plenitude. Este mesmo Parlamento votou en 2004, tamén con todos os grupos a favor, o Plan xeral de normalización da lingua galega; era daquela vicepresidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo, que abxura hoxe de tal aprobación. No ano 2001, todos os deputados e deputadas do Congreso secundan tamén a Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias, segundo a cal todo o ensino non universitario en Galiza se debería desenvolver a través de modelos en galego, os xuízos deberían ser nesta lingua a petición dunha das partes, deberiamos recibir as radios e televisións portuguesas e moitas outras aparentes utopías, que na nosa man está lembrar que son posíbeis e que é de xustiza que se fagan realidade.

En todo isto hai un evidente problema político de fondo, nada inocente. Por iso se dan situacións tan contraditorias como que se fale de “normalización lingüística” (que significaría, para Galiza, converter o galego en lingua normal a todos os efectos), mais non hai ningún interese desde os lugares onde se concentra o poder en que tal proceso vaia adiante. Nesas bocas e nese contexto, “normalización lingüística” non pasa, no mellor dos casos, dunha declaración retórica, un lugar común do politicamente correcto, un narcotizante dun verdadeiro proceso de “substitución lingüística”.

Aparencias, sucedáneos e homenaxes

Esta situación contraditoria provoca que, aínda que non haxa bases legais realmente igualitarias e que desde a Administración autonómica non houbese nin haxa unha aposta global dirixida á normalización do galego, si se conte cunha importante partida orzamentaria, da cal tamén goza a Secretaría Xeral de Política Lingüística do actual Goberno do PP.

Non hai impedimento para que, por unha banda, se pretenda desmantelar a oficialidade do galego e, pola outra, se manteña un departamento que supostamente sirva para “promover” este idioma. Tal burocratización embaucadora da política lingüística facilita o camiño para a denominada política de homenaxe, que consiste en dar voltas arredor do obxectivo mais sen chegar a entrar en materia, sen incorporar o idioma en novos ámbitos nin garantir dereitos lingüísticos. É esta unha política aparencial e, como ben a describiu Pilar García Negro no seu libro Sempre en galego, unha “política de sucedáneos”. Un problema que temos na actualidade é que esa forma de actuar é a predominante na maioría das institucións, mesmo as rexidas por grupos e persoas sensíbeis á promoción do galego.

Ás patadas

Está á vista de ollos que este é o primeiro Goberno galego que, aínda non querendo renunciar de vez aos narcotizantes (“somos galeguistas”, “apoiamos o galego”...), opta por andar ás patadas coa lingua propia, xa de seu tan discriminada aínda.

Xa vimos como consideraron intolerábel que houbese unha rede galega de escolas infantís onde non se daban as costas ao noso idioma e como emprenderon unha campaña noxenta de desprestixio das mesmas a base de falacias. Vemos tamén como, nesta vaga de galegofobia, a Consellaría de Educación de Núñez Feijóo tolera casos gravísimos de exclusión do galego, aínda que supoñan unha vulneración da letra e o espírito da que aínda é a legalidade vixente. Así, o responsábel da Mesa pola Normalización Lingüística na zona de Ferrol, Carlos Outeiro, documentou casos concretos de colexios que en varios cursos só recomendan libros de texto en castelán e inglés para este ano escolar 2009/2010. Nada sabemos aínda sobre ningunha acción nin opinión dos gobernantes perante tan manifesta vulneración das normas, que diminúe a calidade do ensino e mingua a capacidade de formación lingüística do alumnado.

Esta mesma semana viamos tamén como a conselleira de Sanidade saltaba unha outra barreira dos mínimos de consenso destas últimas décadas. A polémica Pilar Farjas respondía en castelán unha entrevista para a TVG, a televisión creada para promover o galego, a única que para toda Galiza emite decote neste noso idioma. No seu desprezo galegófobo, a titular de Sanidade chegou mesmo a traducir o nome do SERGAS como “Servicio Gallego de Salud”.

Por se for pouco, están a tentar irradiar esta política de racismo lingüístico cara a outras administracións. Tamén esta semana trascendeu que o ex falanxista que Alfonso Rueda fichou para a Dirección Xeral de Administración Local, José Norberto Uzal, lle remitiu unha carta ao alcalde de Vigo ameazando con parar unhas oposicións municipais se non se retira unha pequenísima proba de galego, que só é escrita e non eliminatoria. Xa sabiamos que o goberno de Núñez Feijóo quere que para ser funcionaria/o da Xunta non se teña que saber máis que castelán como requisito. Mais dá un outro paso, impulsando este ataque tamén nas outras administracións, mesmo rozando a ilegalidade, porque o aviso realizado por ese alto cargo (ese que non hai tanto ía nas listas da Falange) non se axusta a dereito.

Reto 18-OU

As agresións son fortes e continuas, mais non podemos dobrar o pescozo nin caer en ningunha síndrome de Estocolmo. Temos dereitos lingüísticos, temos dereito ao futuro como pobo cun idioma de seu. Respondendo con intelixencia e firmeza, poderemos mudar a situación.

A cita máis importante dos próximos meses é para a manifestación convocada pola plataforma social Queremos Galego para o vindeiro 18 de outubro, que sairá ás 12 do mediodía da Alameda de Santiago de Compostela. Hai máis razóns que nunca para nos movermos.

26 de set de 2009

Un ex falanxista contra o galego nos concellos


O director xeral de Administración Local, José Norberto Uzal, que antes de entrar no goberno de Núñez Feijóo foi varias veces en candidaturas da Falange, envioulle unha carta ao Concello de Vigo ameazando con parar unhas oposicións se non retira unha pequena proba de galego.

Digo o de pequena porque é só un exercicio escrito de tradución galego-castelán e castelán-galego e porque ten un rango menor ao non ser unha proba eliminatoria. Vaia, que na realidade a lingua propia de Galiza e cooficial tampouco é tratada nesas oposicións como un requisito, aínda que mesmo así lle molesta a este Desgoberno.

Cando lin a noticia, viñéronme á cabeza dúas ideas. A primeira, a importancia crucial de que a manifestación do 18 de outubro sexa un evento significativo en participación, porque só poderemos parar esta expedicion de caza contra a lingua galega cunha mobilización social á altura das agresións. Todas e todos temos un papel importante que cumprir para que sexa así.

A segunda idea é que resulta chave que desde as institucións onde hai posibilidades de "resistencia" á ofensiva, se apliquen políticas lingüísticas tanto á altura das agresións como tamén para gañarmos espazos reais para a igualdade de dereitos do galego. Cónstanme moitos esforzos que se fan nese sentido. Collamos ese camiño.
[A foto é de Tamara de la Fuente e pertence ao pasarrúas que organizou Queremos Galego esta semana pasada para animar a participar na manifestación do 18 de outubro.]

24 de set de 2009

Pilar Farjas, a TVG e as faltas de ortografía

Onte pola mañá, desde A Mesa realizouse un acto simbólico de protesta polo feito de que a conselleira de Sanidade non quixese responder en galego unha entrevista na TVG. Levámoslle un manual de aprendizaxe do noso idioma para o ensino infantil e, o máis importante, o volume Sobre o racismo lingüístico, que é a nai do año da súa actuación.

No acto houbo ben de medios gráficos, tamén da TVG. Porén, seguindo a liña da televisión gobernamental, silenciaron a noticia. É que, claro, imaxínadevos, tiñan novas tan trascendentes para nos daren como que uns deputados do PNV cometeron o sacrilexio de escribir unha emenda en castelán con dúas faltas de ortografía. Sabedes como era iso dos que ven a palla nos ollos dos demais? Pois xustiño así.

23 de set de 2009

O 18 de outubro faremos historia

A plataforma Queremos Galego convócanos a unha manifestación en defensa da nosa lingua para o domingo 18 de outubro. Os vindeiros meses serán cruciais para gañarmos o futuro para o noso idioma propio. Temos que movernos!

Velaquí o vídeo de presentación do evento a pasada sexta feira. Non o procuredes no web da TVG, porque a televisión pública galega non acudiu ao evento:



22 de set de 2009

Outro salto cualitativo


No que di respecto ao debate lingüístico, a maioría da xente falou onte da entrevista que publicou Xornal de Galicia, onde Gloria Lago exhibiu, máis unha vez, as súas limitacións intelectuais e o burdo do seu discurso. Talvez a súa declaración que merecería ser titular é: "Nós non avogamos polo bilingüismo".

Mais a entrevista do día de onte, do meu punto de vista, estaba noutro sitio. A TVG tivo no programa "Bos días" á conselleira de Sanidade, Pilar Farjas. Esta muller non se caracteriza tampouco por avogar por ningún tipo de "bilingüismo", pois só é capaz de falar en galego cando lle dan un papel para ler, aínda que é evidente que se non se sente capaz é porque quere que así sexa. A entrevista da conselleira na TVG foi en castelán, quitados os saúdos.

Reparemos. É un tremendo salto cualitativo para atrás. Non é que sexa unha conferencia de imprensa onde se fale en parte en galego e en parte en castelán para segundo que medios. Está a falar de xeito exclusivo para a única televisión que emite na nosa lingua, que foi creada de feito para iso e impulsar o proceso de normalización. Que sendo conselleira non tente nin falar en galego para a TVG di moito dela e do goberno ao que pertence.

Movámonos. O 18 de outubro, teremos que levar tamén faixas reclamando aos conselleiros e ás conselleiras que aprendan galego e que, como corresponde por corrección institucional e sentido de país, o falen no exercicio do seu cargo. Xa abonda de tanta exhibición de desprezo polo idioma que nos une como galegas e como galegos.

[Grazas ao Alberto Villarín por me achegar esta información.]

21 de set de 2009

Gais no teatro dos 90


O artigo desta semana é continuación do publicado na pasada:

Gais no teatro dos 90
Os casos de Pa, O regreso e Detritus corazón<


No artigo da semana pasada abordamos como na escena galega de mediados da década de 90 comezaron a incorporarse personaxes de varóns homosexuais, até daquela invisibilizadas. A obra Venenos, de Xesús Pisón e representada por Uvegá Teatro en 1996 tras acadar o premio Rafael Dieste foi a pioneira. Ao ano seguinte, subirían aos escenarios dous textos no mesmo camiño: O regreso, de Manuel Lourenzo, e Pa, de Vicente Montoto. No 97, sería a vez de Detritus corazón, de Xavier Picallo, que Teatro Bruto denunciou que ficara sen axudas públicas por homofobia. Con esta liña do tempo non quero dicir que unhas pezas sexan debedoras doutras, aínda que haxa ligazóns entre autores e compañías nomeadamente fortes nos tres primeiros casos.

A diferenza de Venenos, que gozou de dúas edicións, as tres outras obras permanecen (até onde eu sei) inéditas. Desde este espazo, quero hoxe contribuír un pouco a dalas a coñecer, coa esperanza de que ben axiña estean ao dispor das lectoras e dos lectores, amén de que poidan gozar de futuras representacións.

O regreso

A peza xira á volta de dúas personaxes anónimas (UN e DOUS) que agardan a chegada dos seus respectivos pares, que os citaron alí, nun hotel acarón da praia. Si coñecemos os nomes das persoas polas que agardan: Herminia e Bruno.

A normalidade con que o heterosexual UN olla a homosexualidade, mesmo do seu fillo, é significativa, como o é a falta de tapullos de DOUS para expresar a súa relación (aínda que comece encobríndoa de intensa amizade). Esta ausencia de conflitividade é de grande importancia: “ás veces, o facto de que nada importante aconteza é a única mensaxe da obra”, como afirma Alberto Mira. Neste caso non é a única mensaxe, mais ten unha inmensa e innegábel carga semántica.

Xa desde o angustiante motivo temático da espera, a obra ten moitas concomitancias co grande clásico de Samuel Beckett. Ese pouso do absurdo reforza simbolicamente a historia. A soidade e illamento das dúas personaxes agudízase coa visión de máis xente nunha praia, en referencias case oníricas inexistentes no cadro. No que di respecto á temporalidade, esta pasará dunha simple ambigüidade á súa confusa iteración; así, as personaxes non teñen ningún control sobre o tempo: son incapaces de reconstruír o pasado inmediato e na agobiante espera transmítesenos a imposibilidade de acceder a un futuro.

Os amores deste singular dúo protagónico son amores prohibidos, problematizados socialmente: UN era un home respectábel que o deixou todo pola súa sogra, DOUS está namorado doutro rapaz. Mais aquí non é que se igualen os problemas dun casal homo e dun casal hetero, como fixo Xesús Pisón en “Como Jekyll e Hyde”, senón que se mostran dúas posibilidades de disidencia ao modelo estabelecido de relación e familia. A marxinación social das súas opcións e toda a súa interiorización sublíñanse no retraso até o infinito dos seus pares, o cal detén a vida nas súas crises persoais, deixando as dúas voces suspensas no espazo.

Pa

A obra está protagonizada por Paco e Francisco, pai e fillo, que veñen de enterrar a súa esposa e nai. Nunha suxestión psicanalítica evidente, morta esta, entenden que teñen o camiño libre para se encontraren sexualmente, o cal fan compartíndose nun trío cunha mulller.

Pódese considerar toda a obra como a vinganza do fillo, que garda rancor ao Paco por reprimir a súa homosexualidade cando el era púber, pois esta represión viña motivada polas aparencias: quen ditaba as normas da homofobia na familia mesmo era homosexual. A vinganza do Francisco é afirmarse a si mesmo como heterosexual, deixando en vergoña ao seu proxenitor: un reprimido que non recoñece a súa propria orientación, aínda que mesmo se viste con roupa interior feminina. O desexo sexual de Francisco vaise definindo na súa propria negación, que o fai ir para a sexualidade “normativa”: a heterosexual.

A obra de Vicente Montoto configúrase dun xeito complexo, presentando un leque amplo de condutas sexuais, e unha importante presenza de elementos do repertorio temático gai. A peza móvese, así, entre a represión e a afirmación orgullosa, entre a militanza gai e as saídas individuais contraditorias.

Detritus corazón

Xavier Picallo móstrasenos como un bo coñecedor do repertorio queer, con moitos puntos en común co gai, mais que, a diferenza deste, non pretende integrarse nas estruturas sociais existentes, senón que procura modificar a sociedade, “homosexualizando o heterosexual”. Aínda que, na súa composición, homosexual quere dicir que alguén gosta sexualmente de, ou mantén relacións desa índole con alguén do seu mesmo sexo, tamén se foron introducindo nesta palabra todas as acepcións referidas a efeminamento, travestismo ou mesmo transexualismo (en fin, todo o que non for heterosexual). Estes elementos son moi útiles para xogar cos xéneros, pois supoñen un cuestionamento dos absolutos sexuais, mais poden resultar confusionistas.

Nesta obra, Brétema, transexual que tamén desenvolve espectáculos transformistas, é atacada por unha banda homófoba. O inspector Glande Ford, encargado de perseguir esa banda, vai entrevistar a agredida; esta nega o acontecido, até que se sente novamente en perigo e solicita protección. O suposto agresor, Skip Lavaconas, tentará, infrutuosamente, asasinar o inspector nunha sauna. Quen o contratou foi Vulva –amiga, tamén transexual, de Brétema–, coa intención de que a súa desexada compañeira buscase apoio nela. Ao ver que as cousas van demasiado lonxe, tenta “cancelar o pedido”, mais para iso tería que pagar un diñeiro de que non dispón. Vulva deitárase con Glande e roubáralle un CD autografado de Milli Vanilli; ese CD agasallarao a Brétema, dándollo esta, pola súa vez, a Escroto, o DJ de Detritus corazón, o local onde actúa. Mais Vulva necesitará recuperar esa xoia de coleccionista para poder pagarlle a Skip. Sospeitando a existencia de perigo, Glande substitúe a Brétema no seu espectáculo, para así poder capturar o agresor. Vulva, que non sabe que non é a súa amiga a que actúa, interponse e morre pinchada por Skip, a quen mata o inspector. A obra remata con Glande e Brétema bicándose e definitivamente conformados xa como par.

Chegados aquí, debemos facernos a seguinte pregunta: Como se percibiu no público a personaxe de Brétema? Na posta en escena, os agresores caracterízana como “una maricona disfrazada de mujer”. Así mesmo, a súa ansia por mudar de sexo, xa en primeira persoa, aparece con claridade no cadro 8, cunha profundidade angustiante que se relativiza e achega ao público por medio do humor:

“A condea de habitar un corpo limitado pola psique. Un cárcere que aprisiona todo desvelo de femineidade. Desconexión de funcións entre o que sintes e o que es. Como a vinganza dun inimigo. Como un fado ebrio de mezcal e éxtase. E o inevitable chiste barato de ese cacho que sobra e fas por non ver. Que agochas entre as nalgas como unha vergonza máis do teu ser que se avergonza. Que duro é espreitar o espello e non recoñecerte. Sempre a imaxe virada doutro a quen non coñeces. Ese descoñecido que te acompaña nos momentos de intimidade: ollando dende o teito como defecas, como fodes, como límpa-las unllas despois de visitar as fosas nasais e comer o teu tesouro”

Tanto a personaxe de Escroto como as personaxes de Vulva e Brétema foron representadas por actrices, o cal deu aínda un plus de riqueza a todo o xogo de identidades. Reparemos no caso de Brétema: unha actriz (presupostamente heterosexual, pois nesta sociedade todo o mundo ha de ser heterosexual mentres non se demostre o contrario) interpreta un varón que quere ser muller e que se construíu xa con tal xénero feminino, mais que desenvolve un espectáculo transformista en que canta como os varóns Milli Vanilli que, na verdade, facían play-back... En conclusión, un complexísimo xogo de bonecas rusas identitario.

É de grande interese toda a cuestión da violencia homófoba que se pon sobre a mesa, obrigando ao público a se posicionar. Ten especial relevancia se observamos que isto acontece nos dous primeiros cadros, representados no vestíbulo da sala onde se vai desenvolver o espectáculo, de xeito que a implicación das e dos asistentes ten que ser maior.

18 de set de 2009

O 18 de outubro, todas e todos a Compostela!


Hoxe presentouse a plataforma Queremos Galego, que convoca manifestación en defensa da nosa lingua para o vindeiro 18 de outubro, domingo, en Santiago de Compostela.

Os próximos meses van ser decisivos para o futuro da nosa lingua. Ninguén pode faltar! Espalla a convocatoria!

17 de set de 2009

Quen se lembra de Romay Beccaría?


Ninguén que siga a política galega dubida de que José Manuel Romay Beccaría ten unha influencia decisiva no actual PP. Porén, parece que non é moi coñecido a nivel social, porque así é como o presenta a súa correlixionaria alcaldesa de Betanzos, María Faraldo, nun xesto de protocolo tan pomposo que só pode obedecer ao furor partidario:

A Alcaldesa-Presidenta do
Excmo. Concello de Betanzos
María Dolores Faraldo Botana

ten a honra de convidar a Vostede á presentación do
ANUARIO BRIGANTINO 2008, nº 31, acto que terá lugar na Aula de Cultura do Edificio Liceo o venres 18 de setembro deste 2009, ás 20,30 h.

Fará a presentación Don JOSÉ MANUEL ROMAY BECCARÍA, letrado do "Consejo de Estado", que foi, entre outros cargos: vicepresidente do primeiro goberno da Xunta de Galicia, deputado no Congreso, presidente da Deputación Provincial da Coruña, conselleiro de Agricultura, Gandeiría e Política Forestal da XG, conselleiro de Sanidade da XG, ministro de "Sanidad y Consumo", presidente da "Comisión de Justicia e Interior" do Congreso, presidente do "Consejo de Estado"..


Como vedes, o convite é para un acto cultural. Aínda que non o pareza.

Un fascista é un fascista é un fascista


Cópiolle descaradamente a montaxe e o título ao Arturo Casas, que ademais nesta entrada ten un outro diálogo que paga a pena ler.

16 de set de 2009

A Andreíta de Belén Esteban e as fillas dos príncipes de España

Sacando punta como tan ben saben facelo, desde Sei O Que chámannos a atención sobre esta contraditoria portada de La Razón. O tomate, claro, non estaba na orixinal.

Menos galego no Parlamento galego

Dentro da crónica política desta semana de Anxo Lugilde, leo esta interesante reflexión, que vos copio, porque informa de aspectos que non se salientan na maioría dos medios de comunicación, a pesar do seu forte valor simbólico, e fornece elementos importantes para o debate:

"La castellanización del Parlamento gallego"

A última hora de la tarde del martes, el diputado del PP Pedro Arias, ex dirigente comunista, subió por primera vez a la tribuna. Tenía la intención de no pasar desapercibido. Lo logró. Prescindió de los papeles e hizo una intervención más fresca de lo habitual en las soporíferas sesiones parlamentarias. Sin embargo, su estilo de monólogo abochornó a más de un diputado del PP y a toda la oposición, mientras se escuchaban fuertes insultos desde los bancos del BNG. “Vostede pasou da extrema esquerda ao circo”, sentenció la socialista Sestayo.

Arias habló en castellano, lo que supone un salto cualitativo, pues es la primera vez que se recuerde que un diputado que no tiene ninguna dificultad para expresarse en gallego, prescinde del idioma propio de Galicia a fin de provocar. La legalidad le ampara. Lo que no resulta tan lícito es su argumento de que “yo usaba el gallego cuando estaba prohibido”, dando a entender que en la sociedad gallega actual hay impedimentos para hablar en castellano.

A Arias lo ovacionaron con gran entusiasmo los diputados del PP más beligerantes con lo que consideran “la imposición del gallego”, como el vigués López Chaves, los coruñeses Negreira, Cobián y Escribano y la compostelana Prado. Feijóo no estaba en su escaño. Los de la boina también aplaudieron, pero con menos ganas. “No Parlamento galego débese falar en galego, a non ser que non se saiba”, sostiene un diputado del PP. Una parte de sus compañeros piensa lo mismo. Era la postura que tenía el propio Manuel Fraga.

La división en el PP sobre el gallego es notoria, lo que puede generar grandes tensiones cuando se apruebe el nuevo decreto sobre su uso en la enseñanza.

Convennos repescar ese atinadísima carta aberta a Pedro Arias que publicou Xabier P. Docampo nas primeiras semanas da lexislatura:

Vén a cousa a conto de que vostede di no Xornal de Galicia do 6 de maio pasado, que falará no Parlamento na lingua que lle “salga”, e entendo que se refire a falar en castelán cando lle pete. Si, xa sei que invoca vostede o dereito á liberdade para facelo así, pero a min lémbrame máis ben a actitude dos adolescentes que no seu instituto aducen o dereito á liberdade individual, ese “yo voy como me da la gana”, cando alguén os advirte da inconveniencia de se presentaren na clase, poño por caso, en traxe de baño. Adoitan dicir que os profes van como lles sae de onde sexa e el tamén, esquecendo que hai profesores que como máis a gustiño están é en pixama e pantuflas e máis non van así dar as súas clases.

Sabe vostede de sobra que non todos os lugares son iguais, non nos comportamos nunha catedral cristiá ou nunha mesquita, por máis ateos que sexamos, de xeito que ofenda aos crentes da fe que alí os convoca. Sabemos que hai normas coas que manifestamos o noso respecto polo lugar no que nos atopamos por máis que non estean escritas e por máis que forcen un chisco a nosa liberdade. Son normas que temos interiorizadas de vello. Vostede, que foi abandeirado do dereito a estar na praia marrancho de todo, ben recoñecerá a inconveniencia de se presentar espido no Parlamento, por máis que poida invocar para elo a liberdade, porque sabe que o Parlamento non é unha praia.

Falar en castelán no Parlamento Galego vai ser facer desprezo público e notorio da lingua galega. Representará perderlle o respecto á lingua que os nosos trouxeron até hoxe para que significase o sermos galegos. Vai ser blasfemar sobre dos que sempre foron humillados polos falantes da outra lingua. O Parlamento tamén é o portador dos símbolos e dos signos da galeguidade, entre eles o idioma. Non é necesario que lle diga que vostede na súa casa, na súa vida privada pode, e debe, falar como lle dea a gana, pero tamén lle digo que no Parlamento Galego ten a obriga non escrita de facelo en galego (e os que non o saiban de aprendelo). Para isto non lle hai desculpa posíbel. Si, si, xa sei que as dúas linguas son oficiais e todo iso, mais as cousas son como son e non como nos convén que sexan.

15 de set de 2009

Apoio o boicote a Pescanova


Desde hoxe, xa sei que nas miñas visitas ao supermercado non comprarei produtos Pescanova e anímovos a que tampouco os merquedes.

ADEGA fixo o chamamento a boicotar esta empresa como forma de presionar para salvar a nosa costa, coa barbaridade de destruír Touriñán con 350.000 metros cadrados de cemento e plástico.

A actitude da Xunta de Galiza neste tema é unha boa mostra do talante incívico e prepotente do goberno de Alberto Núñez Feijóo.

Felices e diferentes

A min non me vai ser posíbel asistir á presentación do novo libro de Xavier Queipo, este serán en Vigo, mais penso que pode ser un evento ben interesante para os que hoxe andedes por esa cidade. Lembrade: ás 20 h na coctelaría Uno está.

14 de set de 2009

A irrupción da temática homosexual no teatro galego


Velaquí o artigo desta semana en Galicia Hoxe:

Unha escena sen armarios

A irrupción da temática homosexual no teatro galego


“... somos xente irreal, non che parece, David?, non existimos, agachamo-nos nas tobeiras, e o que non se ve é irreal... Ha-ha, pantasmas da noite. Que cínicos son, David, os que se chufan de normais, como se a normalidade estivese escrita no carallo... Si, o meu ton atalla o riso, mais ri, ri, pois tamén eu me rio desta eterna obra de teatro na que nos meteron...”
(Lois Diéguez, Monólogos do espello)

É a mediados da década pasada, os 90 do século XX, cando a figura do homosexual comeza a ter presenza explícita e protagónica no noso teatro, nunha liña que ían seguindo tamén o resto das escenas peninsulares. Ben é certo que se poden rastrexar unha cosmovisión ou unhas referencias culturais do mesmo tipo en obras de dramaturgos precedentes como Eduardo Blanco Amor ou Álvaro das Casas (por exemplo, no caso do teatro de Blanco Amor, Euloxio Ruibal considera sutilmente homofílica a obra Carauta).

As mudanzas socioculturais e a superación da identificación homófoba da SIDA coa homosexualidade ao longo da década de 80 foron decisivas no novo cadro creado por todo o mundo occidental, e que tamén repercutiron nas súas periferias, como é a Galiza. No que é propiamente o noso sistema cultural, as portas deste repertorio foron abertas cando Xesús Pisón abordou este tema na segunda parte de Venenos, gañadora do prestixioso premio Rafael Dieste, da Deputación da Coruña, na convocatoria de 1994, sendo un importante paso adiante na proxección pública do autor.

Ese recoñecemento abriulle as portas á publicación (o mesmo 1994, mais reeditaríase anos despois de xeito masivo dentro da colección Biblioteca 120, con leves modificacións) e á representación, que se levou a cabo en 1995 por parte da compañía Uvegá Teatro. Nos anos en que o gañou Pisón (xa o obtivera en 1991, na primeira convocatoria), este galardón era, xunto co Álvaro Cunqueiro, o máis cobizado polos autores teatrais galegos. Ao prestixio de o conceder unha institución pública, únese que se garanten edición e posta en escena, algo moi importante se temos en conta o desfase xeral nas últimas décadas entre as representacións e a minguante edición de textos teatrais.

Venenos está formado por dúas partes: “A Vía Láctea” e “Como Jekyll e Hyde”, sobre unha relación heterosexual e outra gai, respectivamente. No primeiro, Pisón bota man da técnica dos monólogos intercalados en contrapunto, un diálogo de xordos que transmite á perfección o conflito desa muller e ese home que, sentíndose culpábeis do fracaso da súa relación sentimental, renuncian no entanto a construíren un futuro por separado.

En “Como Jekyll e Hyde” abórdase, pola súa banda, un conflito de parasitismo entre dous escritores que son tamén parella. Porén, a crítica o que priorizou na súa recepción foi a constatación de que esta era, con toda probabilidade, a vez primeira que se abordaba “de forma explícita desde o teatro galego o conflito interno dunha parella homosexual”, como indicaba Damián Villalaín no propio ano 1994.

A irrupción dunha temática

Aínda que hoxe navegaremos nesta páxina falando de Venenos, hai outras obras que tamén hai que citar cando se fala do xurdimento da temática homosexual nos nosos escenarios. Penso n’O regreso, de Manuel Lourenzo, e Pa, de Vicente Montoto, representadas ambas en 1996, así como en Detritus corazón, escrita por Xavier Picallo e cenificada en 1997. Mención á parte merecerían outros textos dramáticos onde aparecen referencias homosexuais mais a homosexualidade non é significante protagónico (por pórmos un só exemplo, Maremia, de Eloxio Ruibal). Tampouco entrarán nestas navegacións de hoxe performances como Lob*s, de Antón Lopo e Ana Romaní, pois aí a espectacularización colócase como un proxecto poético, cunha casuística diferente á da literatura dramática e o feito teatral.

Quitando o caso de Venenos, nas pezas que tomamos como prototípicas da inserción da temática homosexual no teatro galego de 90 maniféstase o problema da edición-representación da dramaturxia galega neses anos, que sintetiza así Dolores Vilavedra na súa Historia da literatura galega: “O panorama dos dramaturgos inéditos está protagonizado polos profesionais do mundo do teatro (directores, actores) que conciben as súas creacións máis como libretos de escena que como textos inseribles nunha tradición e nun sistema literarios, polo que raramente se esforzan en buscarlles unha saída editorial, na medida en que consideran que, unha vez representado, o texto cumpriu xa a función para a que foi concibido. Isto explica que se trate de productos que abrollan moi condicionados no seu número de personaxes, mesmo na configuración destes (que se definen a miúdo en función do actor ou actriz que os vai representar).”

Como Jekyll e Hyde

A tensión dramática nace en “Como Jekyll e Hyde” da competencia dos membros do par por gañaren un premio literario. Adolfo sorprende a Carlos no seu gabinete e este xustifícase dicindo que non lle quería plaxiar os textos, senón que só pretendía coller inspiración no seu lugar de traballo. Adolfo dá ao seu amante un argumento para o certame, a historia da súa mesma relación, mais Carlos acaba refugando dese tema e desa redacción, pois a axuda do compañeiro faille perder a propiedade do escrito. O final parece orientarse cara ao asasinio violento do escritor recoñecido –como lle aconteceu ao dramaturgo Joe Orton, e como se recrearía no filme Prick up your ears. De feito, nunha recensión en 1995 ao volume Venenos, xa Manuel Vieites detectaba nesta peza ecos entre o conflito que se nos narra e as relacións entre os escritores Kenneth Halliwell e Joe Orton.

Identitariamente, na relación homosexual móstranse diferenzas substanciais coa heterosexual, que conforma a primeira parte de Venenos, pois mentres estes desenvolven a súa vida seguindo –até o sufrimento máis abnegado– as convencións de relacionamento, os primeiros fan o propio a través dun implícito modelo que podemos denominar “pederástico”, pensando no da Grecia antiga.

Con certeza, entre os dous varóns existe un desequilibrio de idade e de poder, e mesmo un proceso de aprendizaxe, a pesar de que o título, coa referencia a Jekyll e Hyde, nos evoca unha unión profunda entre dous antagonismos. O modelo que se segue é publicamente coñecido, mais non ten o valor de paradigma, que, como é sabido, se reserva en exclusividade para o casal tradicional. Isto constátase no mero nome das personaxes: na primeira parte, abonda con identificar un EL e unha ELA; na segunda, son necesarios os nomes propios: Adolfo e Carlos.

É importante repararmos en que, a diferenza doutras obras que tematizan a homosexualidade, no caso dos Venenos de Xesús Pisón os problemas tanto do par heterosexual como do par gai son estritamente internos, pasando por acima da opción sexual. Así, que en “Como Jekyll e Hyde” estes varóns vivan nunha situación de conflito persoal non parte da premisa de que esta problemática veña dada por unha psicoloxía perversa e doentía, como podían facer os dramas anglosaxónicos da década de 50 e a súa patoloxización característica. Ao cabo, “porque hai unha diferenza abismal entre o problema de ser homosexual e o ser un homosexual con problemas”, como matizou con acerto Alberto Mira.

[A fotografía correspóndese coa primeira representación de Venenos, da man de Uvegá Teatro, en 1995.]

12 de set de 2009

Declaración en defensa do galego na cidade de Vigo


Tres compañeiros da Mesa e o coñecido ilustrador Pepe Carreiro presentamos en Vigo un manifesto en defensa da nosa lingua na nosa cidade máis habitada:

DECLARACIÓN EN DEFENSA DO GALEGO NA CIDADE DE VIGO

Veciñas e veciños de Vigo observamos con estupor como determinados grupos sociais comezaron na nosa cidade unha ofensiva crecente contra a lingua galega. Perante esta situación, queremos declarar:

  • Exclamamos a firme convicción de que inmensa maioría dos cidadáns e das cidadás de Vigo, independentemente da lingua que utilicemos no noso día a día, estamos en contra de calquera discriminación idiomática e defendemos o galego como un elemento de unión de todas e todos, un patrimonio común e un dereito colectivo.

  • Instamos a todos os poderes públicos sen excepción a que cumpran o mandato estatutario de promover o galego, discriminado secularmente e que aínda hoxe continúa a padecer exclusión en ámbitos básicos da vida social.

  • Nesa liña, apoiamos a aplicación dos consensos construídos entre todas e todos, que non deberían ser rotos unilateralmente, como propoñen determinados grupúsculos e os actuais dirixentes do PP, os cales provocan unha crispación e un enfrontamento cidadán indesexábel. A Lei de normalización lingüística, o Plan xeral de normalización da lingua galega e a Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias, igual que a Ordenanza de normalización lingüística do Concello de Vigo, foron aprobadas por unanimidade, tamén por quen agora irresponsabelmente pretende deslexitimalas.

  • Advertimos, no entanto, da importancia de que todos estes consensos non fiquen en puro papel mollado, senón que os poderes públicos garantan a súa aplicación. Non haberá liberdade lingüística mentres non haxa igualdade entre galego e castelán. Para construíla, é necesario que se promova a lingua discriminada, que ademais é a propia, natural e histórica de Galiza.

  • Rexeitamos actitudes fóbicas como a da Deputación de Pontevedra, que decidiu hai poucas semanas deixar de comprar libros en galego, como se dotar as bibliotecas da provincia de obras neste idioma fose algo tóxico. Esta mesma institución organizou para mañá e pasado unhas xornadas que promoven os prexuízos contra todas as linguas existentes no Estado que non sexan o castelán. Xa é irónico que chamen “Jornadas Bilingües” a unha actividade que máis parece un monólogo de defensores da supremacía do español, sen ningún contraste entre opinións diferentes nin a participación de especialistas en pedagoxía. Como recoñecía unha das organizadoras, é a primeira vez na historia da democracia en todo o Estado que unha administración financia unhas xornadas como estas.


  • Vigo, 10 de setembro de 2009

    10 de set de 2009

    Unha causa vital para o pobo galego

    O vindeiro 19 de setembro, sábado, o BNG vai realizar unhas xornadas de formación en Pontevedra so o nome "A defensa do idioma, unha causa vital para o pobo galego". Aquí podedes consultar máis información sobre como se desenvolverá o programa.

    Unha semana antes (mañá e pasado), na mesma cidade, a Deputación de Pontevedra organiza, con Galicia Bilingüe, unhas outras xornadas. Esas están pagas co diñeiro de todas e todos e o que fan é alentar os prexuízos contra todas as linguas existentes no Estado que non sexan o castelán.

    Como eles mesmo recoñecían, é a primeira vez en todo o Estado, e en toda a historia da democracia, que unha administración financia unha actividade como esta. E non é de estrañar. Reparemos no sectarismo de convidar só a unha parte (a máis extremista contra a diversidade lingüística) e de nin tan sequera realizar mesas redondas para contrastar opinións, cando menos de profesionais da pedagoxía.

    Esas non son xornadas de formación. É un mitin de extremistas.

    8 de set de 2009

    Aquí hai outro

    Veño dunha sucursal dunha caixa de aforros. Mentres facía fila, púxenme a mirar todos os cartaces e rótulos: dous cartaces fotocopiados nas portas sinalaban cunha frecha a situación do caixeiro, outras dúas fotocopias en diferentes sitios indicaban que para retirar cantidades inferiores a 600 euros se debería utilizar ese servizo; había tamén soportes de folletos e moitos e diversos cartaces publicitarios.

    Cando chegou a miña vez, ademais de facer a xestión para a que ía, comenteille sorrinte á moza que alí atendía: "E logo como non tedes nin un só rótulo en galego?" Un segundo máis tarde, antes de que ela respondese, corrixinme, mentres sinalaba para un recantiño: "Ben, hai un". Era un sinal pequerrecho que, debaixo de "Avisos a los clientes", puña "Avisos ós clientes". Mais a traballadora retrucoume, afábel, indicándome un texto que tamén estaba en galego nun dos soportes de folletos: "Aquí hai outro".

    Esta situación debe mudar. Na nosa man está conseguírmolo.

    7 de set de 2009

    Damas, concubinas e mecenas


    Velaquí o meu artigo desta semana en Galicia Hoxe:

    Damas, concubinas e mecenas
    As nosas antepasadas e a literatura culta medieval


    Calquera persoa que cursase algunha vez no ensino a literatura galego-portuguesa medieval coñece as ideas xerais sobre a presenza das mulleres no espectáculo trobadoresco, que é na verdade ausencia e marxinación. A dama ou moza cantada nos xéneros amorosos configúrase incorpórea ou tópica, e non chegou até nós ningunha composición que poidamos testemuñar como escrita polas nosas devanceiras.

    Lembremos que as cantigas de amigo, como algúns maldizeres apostos, están en boca feminina, mais non pasan de ser os travestimentos vocais dun varón, nun xogo que subliña aínda máis a exclusión real do suposto obxecto de desexo. Sobre as barreiras (auto)impostas no amor cortés, sobre todo na lingua de Oc, realizou unhas reflexións ben suxerentes Jacques Lacan, que tamén son aplicábeis para a outra grande lírica baixomedieval en lingua romance, a nosa; aínda que no artigo de hoxe non imos adentrarnos máis por ese camiño, non podo deixar de citar ao psicanalista francés: “O amor cortés é o máis enxeñoso que se inventou: suple a ausencia de relación sexual finxindo que somos nós os que a obstaculizamos”.

    Entre Ave e Eva

    O coñecemento básico e común sobre o tema é o bosquexado nas primeiras liñas, mais por fortuna as investigadoras e os investigadores van abrindo novos espazos de observación e reflexión que nos permiten entender de forma máis completa a presenza das mulleres no trobadorismo en galego e da literatura medieval culta en xeral. O libro Damas, santas y pecadoras. Hijas medievales de Eva, do profesor Rafael Mérida, na editorial Icaria, repensa e convídanos a repensar o tema.

    Nesa obra, o docente da Universitat de Lleida compila trece textos diversos, falándonos das trobairitz e das trouvères femininas, de amazonas e de imagoloxía lésbica, das xigantas e da configuración da Dulcinea del Toboso, chegando tamén alén dos limites temporais do medievo. Nas súas palabras: “Estamos a descubrir novas coordenadas e estamos a dar voz a moitas mulleres, históricas e literarias, que foran esquecidas, menosprezadas ou postas de lado. Estamos a descubrir tamén que debemos aprender a reler os clásicos e debemos desentrañar a través de que vías as nosas antepasadas se apropiaron ou transformaron os aplastantes discursos masculinos”.

    Autoría feminina

    En primeiro lugar, o que temos que recoñecer é que sobre a Idade Media, e en concreto sobre a nosa lírica medieval, sabemos máis ben pouco e que, sobre iso que chegou até nós, tentamos reconstruír o posíbel. Decatémonos: se for polos textos conservados en territorio galego (ningún!), a existencia das cantigas non pasaría de ser unha hipótese. Fronte ás trobadoras coñecidas, por exemplo en Cataluña, das que se conservan os textos ou ao menos os seus nomes, non temos ningunha mínima proba que faga pensar que iso mesmo aconteceu na nosa lingua en ningunha das múltiplas cortes señoriais onde se escribiu, cantou e propagou.

    O filólogo austríaco Wilhelm Scherer considerou a finais do século XIX que moitos poemas medievais en alemán postos na voz dunha muller poderían ser na realidade de autoría feminina. Desde unha perspectiva lóxica e racional, cae de caixón aceptar como teoría válida que o anónimo non ten por que ser masculino e que hai razóns históricas moi fortes, nunha situación patriarcal e fondamente misóxina, para eliminar a pegada autorial das mulleres. É xusto a iso ao que se referiu Virginia Woolf cando en 1929, n’Un cuarto propio, aseverou con moita ironía: “Na realidade, atreveríame a dicir que Anón, que escribiu tantos poemas sen os asinar, foi con frecuencia unha muller”.

    No noso ámbito, hai tamén quen adheriu a estas hipóteses, como a profesora Ria Lemaire, da Universidade de Poitiers, ou a catedrática Camiño Noia, da Universidade de Vigo. No entanto, como ambas saben, son teorías imposíbeis de contrastar e que en moitos casos teñen o risco de caer de cheo no terreo da especulación.

    Cos datos que temos agora mesmo, se alguén pregunta se houbo mulleres que escribisen cantigas en galego-portugués, a resposta debe ser negativa. Iso non quita, claro, que lembremos que todo o que chegou a nós desa época é só a punta do iceberg do que na realidade se escribiu. Recordemos, con humildade ante a repetición das aseveracións fixadas na época contemporánea, que as composicións que conservamos do longo período que duraron as escolas trobadorescas en galego medieval dan un promedio de 10 cantigas profanas ao ano. Sen dúbidas, é moito o que se nos escapa.

    Caixa negra

    Ben para alén dos tópicos das cantigas de amigo ou de amor, e quitando a información que nos achega a fragmentaria Arte de Trovar, a verdadeira caixa negra do noso espectáculo trobadoresco son as cantigas satíricas, as cales, por certo, a diferenza doutras épocas históricas, formaron parte dun xénero canónico e ben estabelecido. Non eran nada marxinais, a pesar da súa obscenidade e, en ocasións, mesmo sacrilexio.

    Unha das grandes protagonistas do repertorio de escarnio e de maldizer é a figura da soldadeira, nome proveniente da soldada que cobraban ou talvez de acompañaren os soldados, como prostitución organizada, tal e como ben acreditan numerosas crónicas en diferentes etapas históricas, tamén nesta. Moitas veces ían alén de recibiren remuneración polos seus servizos sexuais, senón que entraban nunha sorte de concubinato que é ben diferente do que os nosos preconceptos poderían facernos ver de xeito retrospectivo.

    As concubinas, grazas á súa situación periférica, mantiñan unhas marxes de actuación e incidencia política e social superiores ás das damas casadas. Entre outras accións consideradas heterodoxas para o seu sexo, podían ter un maior acceso á cultura escrita e participar nos xogos trobadorescos, a través da danza, de tocar algún instrumento musical e, é probábel, do canto. Pódese supor que isto último sería sobre todo nas cantigas de amigo, aínda que non temos tampouco razóns para descartar as interpretacións por parte de varóns, que darían lugar a unha escenificación moi próxima á coñecida do posterior teatro isabelino, onde eran tamén homes os que actuaban nos papeis femininos. No caso da lírica galego-portuguesa medieval, algunhas concubinas tiveron un grande protagonismo e mesmo poder, como pode ser a coñecida e tan suxerente soldadeira María Balteira.

    Un outro aspecto que aborda Rafael Mérida é o das mulleres mecenas. Para o caso galego, hai un estudo moi recomendábel da profesora Yara Frateschi Vieira, En cas Dona Maior, editado por Laiovento. É unha mágoa que Mérida non o utilizase para a elaboración deste seu libro, porque o estudo da investigadora brasileira dá as chaves para abrir novas portas, aínda que conclúa que, en base á información de que dispón, non se poida determinar que Dona Maior exercese o mecenado. Mais, de novo con humildade, temos que recoñecer que sabemos moi pouco sobre como funcionaron as cortes señoriais, nas cales había tamén mulleres, moitas delas en clara situación de poder.

    Quero insistir un pouco nesta última idea, porque unha visión simplista do patriarcado e da Idade Media pódenos levar a unha serie de prexuízos indesexábeis. Como lembra a catedrática de Historia Medieval María-Milagros Rivera Gareta, “o alleamento das mulleres cara á política con poder foi, sorprendentemente, menor na Europa feudal que no Occidente capitalista” (no seu libro La diferencia sexual en la historia, editado pola Universitat de València).

    A participación das mecenas no espectáculo trobadoresco é un fío moi suxerente polo que tirar. Cómpre lembrarmos que a maioría dos autores do noso trobadorismo costumaban depender materialmente dos gustos alleos, entre os que merece salientar os das damas nobres. Podería ser, así, que non compuxesen directamente os versos, mais si que procurasen quen escribise por elas aquilo que quererían poder ouvir.

    6 de set de 2009

    'Ter vergonza'

    Recoméndovos "Ter vergonza", unha atinadísima entrada do blog de Perfecto Conde.

    Lémbrovos tamén, para os que estades nisto das redes sociais, que hai un evento en tuenti e outro en facebook reclamando o cesamento da persoa que ocupa, sen a vergoña que debería ter, este cargo público, así como da conselleira que lle dá amparo.

    Vai rexeneración democrática, señor Feijóo!

    5 de set de 2009

    'Mentía': o novo de Miranda

    Este clip, da canción "Mentía", pertence ao último disco de Miranda. Téñolle moitas ganas a algún concerto deste grupo arxentino, mais parece que non se prodigan moito fóra do cono sur, ao menos nos últimos meses.

    2 de set de 2009

    Outro vídeo de La Casa Azul: 'La nueva Yma Sumac'

    Saíu un novo clip de La Casa Azul, coa canción "La nueva Yma Sumac". Moi irónica tendo en conta por que era coñecida esa cantora peruana e a voz que ten o noso Guille Milkiway.

    Se xa nas actuacións en directo os debuxiños que acompañan este tema eran lindísimos, o vídeo supón un novo xiro na liña deste grupo inexistente, mais moi vinculado tanto á estética que tanto lle mola á súa alma mater como aos Archies dos que tantas veces ten falado como referentes:

    1 de set de 2009

    Cando, como e por que emerxe o odio anti homosexual

    Velaquí o meu artigo desta semana en Galicia Hoxe:

    A homofobia e o heterosexismo
    Cando, como e por que emerxe o odio anti homosexual


    Homofobia é un termo, creado sobre a palabra homosexualidade, que se vén utilizando desde a década de 70 e que patoloxiza o odio anti homosexual. Podemos definilo como unha estrutura obxectiva e incorporada que é imposta pola orde estabelecida através da violencia simbólica, organizando un esquema de percepcións, pensamentos e accións contrario á homosexualidade e aos e ás homosexuais.

    Para alén do uso do termo homofobia en xeral para gais e lésbicas, creouse outro termo específico para as mulleres: a lesbofobia, que ten como trazo particular a misoxinia, o cal fai que se explicite tamén acentuadamente nos varóns gais. Para Alberto Mira,“a lesbofobia é un odio menos ‘irracional’ que a homofobia en xeral, xa que se integra nun consistente proxecto masculinista para discriminar as mulleres e desautorizar o seu desexo”.

    O matiz patolóxico e individualizado do termo homofobia levou á aparición e consolidación doutra denominación que subliñase a idea de que se trata dunha cuestión de poder social: heterosexismo. Este último concepto emparéntase moi directamente co de sexismo, proposto polo movemento feminista para se referir aos desequilibrios sociais relacionados co xénero.

    Naturalizar o cultural

    O preconcepto anti homosexual está, pois, totalmente naturalizado, polo cal cómpre, en palabras do sociólogo Pierre Bourdieu, “desmontar os procesos que son responsábeis pola transformación da historia en natureza, do arbitrario cultural en natural”. Fagamos un percurso a uña de cabalo por esta súa historia.

    Entre os interditos sexuais existentes nas sociedades greco-romanas non había ningún que dixese respecto ao sexo do parceiro ou parceira, senón a distincións de poder ou outras prohibicións tradicionais. O historiador Paul Veyne subliña estas dúas fronteiras fundamentais: practicar sexo durante o día ou sen estabelecer escuridade e que a parceira na relación heterosexual estea completamente núa. Con certeza, na sociedade romana considerábanse os desexos e as prácticas físico-afectivas intermasculinas como máis unha posibilidade dun amplo leque.

    No período que vai do comezo da Era Cristiá ao final do Medievo, as sociedades europeas variaron de vagar as súas actitudes a respecto de varios grupos minoritarios. En palabras do medievalista John Boswell, estes, “que formaban partes indiferenciábeis da gran corrente social, pasaron a constituír grupos marxinais segregados, desprezados e, ás veces, severamente oprimidos”. Ademais dos homosexuais, estarían nesta mesma situación as e os ciganos, as e os xudeus, etc. Son paradigmáticas destas perseguicións as cazas de bruxas e a loita virulenta contra a herexía. A Igrexa xustificou as torturas e execucións dos membros destes grupos. Fronte ao tópico tan arraigado no noso imaxinario, temos que facer notar que tales prácticas non foron moi empregadas até o fin da Idade Media e xa na Renacenza.

    A homofobia configúrase, pois, a resultas da moral do decadente Imperio Romano e a nova mentalidade imbuída de estoicismo que triúnfa no Occidente. Deixándomos aberto un amplo abano de máis de cen anos, debemos datar entre fins do século XII –ou, quizá mellor, comezos do XIII– e o século XIV o nacemento deste prexuízo. Unhas décadas antes, dábanse as primeiras manifestacións anti homosexuais, que aínda non “gozaban” do predicamento que ben cedo gañarían. Aí temos o caso d’ O libro de Gomorra, de San Pedro Damián, mal aceptado pola xerarquía cristiá.

    No século XI, co proceso reurbanizador e o conseguinte nacemento da burguesía, o ambiente que se respira non é propicio para que estas fóbicas ideas se estendan. Como explica con toda clareza Xosé Chao Rego, nesta altura, “na Igrexa déronse dúas actitudes opostas: mentres un pequeno e ruidoso número de ascetas satanizaba a homosexualidade como delicto comparable ó asasinato, as autoridades eclesiásticas resistiron esa batida vociferante e non aplicaron as penas solicitadas polos exaltados”.

    Da tolerancia á represión

    As historiadoras e os historiadores non coinciden á hora de se explicar a mudanza entre a “tolerancia” dos séculos XI e XII e a represión do XIII e XIV. As hipóteses son diversas, mais se hai algo que semelle resultar axial para explicar este nacemento da intolerancia é o xurdimento do goberno absoluto. É no século XIII cando se desenvolveron, en aras totalizadoras, os sistemas burocráticos de goberno. Estes trouxeron consigo un ríxido estabelecemento da xerarquía social que conlevou unhas estritas normas de control sexual, pois no sexo se baseaban as alianzas e herdanzas desta sociedade de estamentos.

    Nunha interesantísima investigación, o xurista Francisco Tomás y Valiente realiza un esquema onde se pode ver que os graos da gravidade pecaminosa se marcan segundo afecte á orde estabelecida. Tomás y Valiente indica xa no seu traballo que a que el presenta, e aquí sigo simplificada e esquematizada, non é a únida gradación que se podería facer para a época. As súas fontes para dar esta clasificación son Santo Tomé –e a Segunda Escolástica española– e un confesor do século XVII que describiu en libro diversos casos morais.

    Nun primeiro momento, a “homosexualidade” non sería un dos principais brancos de interdición. Estarían por diante a fornicación, o estupro, o adulterio, o incesto e o sacrilexio. Axiña fará a sua aparición o pecado contra natura, que inclúe calquera acto sexual do cal non se pode derivar a procreación, onde se abranxían desde a masturbación até a penetración anal –homo ou heterosexual–, pasando pola bestialidade (considerada como o mantemento de relacións sexuais con seres non humanos: animais ou mesmo diaños, grazas aos cales se poderían meter neste saco, por explicación sobrenatural, moitos tipos de relacións sexuais problematizadas). Considérase que o sodomita recusa colaborar coa obra divina ao transgredir as regras de procriación e rachar a orde universal.

    Téndese a uniformizalo todo, procurando unir as cousas por sistemas: a teoloxía, o saber secular, o dereito, etc. É neste contexto que nace a Inquisición, coa funcionalidade de eliminar as e os diverxentes.

    É en Castela a mediados do século XIII onde se data a primeira referencia que un dereito civil europeo fai á “natureza” para a condena a morte dos sodomitas. Trátase dun edito real en que se prohibía aos monxes abandonaren as ordes, que achegaba anexa a lei relativa ás relacións sexuais entre varóns. No Código das Sete Partidas que redixiu Afonso X O Sabio, novamente se salienta a natureza como fonte de xuízo para esta cuestión e se fala do pecado “sodomítico” e dos seus castigos civís.

    O sexismo patriarcal e as novas condicións de controlo sexual posteriores ao século XIII alicerzaron a proliferación discursiva homófoba da Contrarreforma e a configuración do rexime de sexualidade que hoxe nos pode parecer eterno, natural e inmutábel, cando a historia nos amosa como e cando foi construído.