22 de set de 2009

Outro salto cualitativo


No que di respecto ao debate lingüístico, a maioría da xente falou onte da entrevista que publicou Xornal de Galicia, onde Gloria Lago exhibiu, máis unha vez, as súas limitacións intelectuais e o burdo do seu discurso. Talvez a súa declaración que merecería ser titular é: "Nós non avogamos polo bilingüismo".

Mais a entrevista do día de onte, do meu punto de vista, estaba noutro sitio. A TVG tivo no programa "Bos días" á conselleira de Sanidade, Pilar Farjas. Esta muller non se caracteriza tampouco por avogar por ningún tipo de "bilingüismo", pois só é capaz de falar en galego cando lle dan un papel para ler, aínda que é evidente que se non se sente capaz é porque quere que así sexa. A entrevista da conselleira na TVG foi en castelán, quitados os saúdos.

Reparemos. É un tremendo salto cualitativo para atrás. Non é que sexa unha conferencia de imprensa onde se fale en parte en galego e en parte en castelán para segundo que medios. Está a falar de xeito exclusivo para a única televisión que emite na nosa lingua, que foi creada de feito para iso e impulsar o proceso de normalización. Que sendo conselleira non tente nin falar en galego para a TVG di moito dela e do goberno ao que pertence.

Movámonos. O 18 de outubro, teremos que levar tamén faixas reclamando aos conselleiros e ás conselleiras que aprendan galego e que, como corresponde por corrección institucional e sentido de país, o falen no exercicio do seu cargo. Xa abonda de tanta exhibición de desprezo polo idioma que nos une como galegas e como galegos.

[Grazas ao Alberto Villarín por me achegar esta información.]

5 comentários:

  1. Que vergoña...
    E ti como te enteraches desta entrevista??
    Que vergoña...

    xDDDDDDD

    ResponderExcluir
  2. Pois sóubeno grazas a Alberto Villarín, a quen lle agradezo o aviso xD.

    ResponderExcluir
  3. Unha entrevista, a de Gloria Lago, que a deixa á altura do betún. Penso que temos que felicitarnos por ese retrato tan patético do personaxe. Fantástico, en principio cabreárame, ¿que fan éstes entrevistando a esta señora? Pero logo, de verdade, queda tan mal que só me puiden rir sen parar.

    ResponderExcluir
  4. O de "Nós nos avogamos polo bilingüismo" hai que difundilo, iso desmonta todas as súas falacias!

    ResponderExcluir
  5. Eu os conselleiros mandábaos ás galescolas... ;)
    se hai que volver berrar na rua, volvemos, e se hai que ir ensinarlles a falar ben e respectar o noso ao parlamento, tamén se vai :)

    ResponderExcluir