1 de set de 2009

Cando, como e por que emerxe o odio anti homosexual

Velaquí o meu artigo desta semana en Galicia Hoxe:

A homofobia e o heterosexismo
Cando, como e por que emerxe o odio anti homosexual


Homofobia é un termo, creado sobre a palabra homosexualidade, que se vén utilizando desde a década de 70 e que patoloxiza o odio anti homosexual. Podemos definilo como unha estrutura obxectiva e incorporada que é imposta pola orde estabelecida através da violencia simbólica, organizando un esquema de percepcións, pensamentos e accións contrario á homosexualidade e aos e ás homosexuais.

Para alén do uso do termo homofobia en xeral para gais e lésbicas, creouse outro termo específico para as mulleres: a lesbofobia, que ten como trazo particular a misoxinia, o cal fai que se explicite tamén acentuadamente nos varóns gais. Para Alberto Mira,“a lesbofobia é un odio menos ‘irracional’ que a homofobia en xeral, xa que se integra nun consistente proxecto masculinista para discriminar as mulleres e desautorizar o seu desexo”.

O matiz patolóxico e individualizado do termo homofobia levou á aparición e consolidación doutra denominación que subliñase a idea de que se trata dunha cuestión de poder social: heterosexismo. Este último concepto emparéntase moi directamente co de sexismo, proposto polo movemento feminista para se referir aos desequilibrios sociais relacionados co xénero.

Naturalizar o cultural

O preconcepto anti homosexual está, pois, totalmente naturalizado, polo cal cómpre, en palabras do sociólogo Pierre Bourdieu, “desmontar os procesos que son responsábeis pola transformación da historia en natureza, do arbitrario cultural en natural”. Fagamos un percurso a uña de cabalo por esta súa historia.

Entre os interditos sexuais existentes nas sociedades greco-romanas non había ningún que dixese respecto ao sexo do parceiro ou parceira, senón a distincións de poder ou outras prohibicións tradicionais. O historiador Paul Veyne subliña estas dúas fronteiras fundamentais: practicar sexo durante o día ou sen estabelecer escuridade e que a parceira na relación heterosexual estea completamente núa. Con certeza, na sociedade romana considerábanse os desexos e as prácticas físico-afectivas intermasculinas como máis unha posibilidade dun amplo leque.

No período que vai do comezo da Era Cristiá ao final do Medievo, as sociedades europeas variaron de vagar as súas actitudes a respecto de varios grupos minoritarios. En palabras do medievalista John Boswell, estes, “que formaban partes indiferenciábeis da gran corrente social, pasaron a constituír grupos marxinais segregados, desprezados e, ás veces, severamente oprimidos”. Ademais dos homosexuais, estarían nesta mesma situación as e os ciganos, as e os xudeus, etc. Son paradigmáticas destas perseguicións as cazas de bruxas e a loita virulenta contra a herexía. A Igrexa xustificou as torturas e execucións dos membros destes grupos. Fronte ao tópico tan arraigado no noso imaxinario, temos que facer notar que tales prácticas non foron moi empregadas até o fin da Idade Media e xa na Renacenza.

A homofobia configúrase, pois, a resultas da moral do decadente Imperio Romano e a nova mentalidade imbuída de estoicismo que triúnfa no Occidente. Deixándomos aberto un amplo abano de máis de cen anos, debemos datar entre fins do século XII –ou, quizá mellor, comezos do XIII– e o século XIV o nacemento deste prexuízo. Unhas décadas antes, dábanse as primeiras manifestacións anti homosexuais, que aínda non “gozaban” do predicamento que ben cedo gañarían. Aí temos o caso d’ O libro de Gomorra, de San Pedro Damián, mal aceptado pola xerarquía cristiá.

No século XI, co proceso reurbanizador e o conseguinte nacemento da burguesía, o ambiente que se respira non é propicio para que estas fóbicas ideas se estendan. Como explica con toda clareza Xosé Chao Rego, nesta altura, “na Igrexa déronse dúas actitudes opostas: mentres un pequeno e ruidoso número de ascetas satanizaba a homosexualidade como delicto comparable ó asasinato, as autoridades eclesiásticas resistiron esa batida vociferante e non aplicaron as penas solicitadas polos exaltados”.

Da tolerancia á represión

As historiadoras e os historiadores non coinciden á hora de se explicar a mudanza entre a “tolerancia” dos séculos XI e XII e a represión do XIII e XIV. As hipóteses son diversas, mais se hai algo que semelle resultar axial para explicar este nacemento da intolerancia é o xurdimento do goberno absoluto. É no século XIII cando se desenvolveron, en aras totalizadoras, os sistemas burocráticos de goberno. Estes trouxeron consigo un ríxido estabelecemento da xerarquía social que conlevou unhas estritas normas de control sexual, pois no sexo se baseaban as alianzas e herdanzas desta sociedade de estamentos.

Nunha interesantísima investigación, o xurista Francisco Tomás y Valiente realiza un esquema onde se pode ver que os graos da gravidade pecaminosa se marcan segundo afecte á orde estabelecida. Tomás y Valiente indica xa no seu traballo que a que el presenta, e aquí sigo simplificada e esquematizada, non é a únida gradación que se podería facer para a época. As súas fontes para dar esta clasificación son Santo Tomé –e a Segunda Escolástica española– e un confesor do século XVII que describiu en libro diversos casos morais.

Nun primeiro momento, a “homosexualidade” non sería un dos principais brancos de interdición. Estarían por diante a fornicación, o estupro, o adulterio, o incesto e o sacrilexio. Axiña fará a sua aparición o pecado contra natura, que inclúe calquera acto sexual do cal non se pode derivar a procreación, onde se abranxían desde a masturbación até a penetración anal –homo ou heterosexual–, pasando pola bestialidade (considerada como o mantemento de relacións sexuais con seres non humanos: animais ou mesmo diaños, grazas aos cales se poderían meter neste saco, por explicación sobrenatural, moitos tipos de relacións sexuais problematizadas). Considérase que o sodomita recusa colaborar coa obra divina ao transgredir as regras de procriación e rachar a orde universal.

Téndese a uniformizalo todo, procurando unir as cousas por sistemas: a teoloxía, o saber secular, o dereito, etc. É neste contexto que nace a Inquisición, coa funcionalidade de eliminar as e os diverxentes.

É en Castela a mediados do século XIII onde se data a primeira referencia que un dereito civil europeo fai á “natureza” para a condena a morte dos sodomitas. Trátase dun edito real en que se prohibía aos monxes abandonaren as ordes, que achegaba anexa a lei relativa ás relacións sexuais entre varóns. No Código das Sete Partidas que redixiu Afonso X O Sabio, novamente se salienta a natureza como fonte de xuízo para esta cuestión e se fala do pecado “sodomítico” e dos seus castigos civís.

O sexismo patriarcal e as novas condicións de controlo sexual posteriores ao século XIII alicerzaron a proliferación discursiva homófoba da Contrarreforma e a configuración do rexime de sexualidade que hoxe nos pode parecer eterno, natural e inmutábel, cando a historia nos amosa como e cando foi construído.

Um comentário:

  1. É verdade que Bourdieu adoita falar como se fose o primeiro en reparar nas ideas que expresa... mais creo que coñeces a obra de cando menos Foucault e media ducia de pensadoras feministas que dixeron antes ca el iso mesmo que ti lle atribúes a Bourdieu.

    ;)

    P.

    ResponderExcluir