28 de mar de 2013

Entrevista a Marguerite Yourcenar

Desexo que gustedes tanto como gustei eu desta deliciosa conversa entre Bernard Pivot e unha das miñas autoras favoritas. Preparádevos para a súa ollada pillabana e, sobre todo, para a súa sabedoría intelectual e vital, esa que tamén zumega dos seus libros.

A entrevista realizouse en 1979 na tranquilidade de Mount Desert Island, nos Estados Unidos, onde se foi vivir Yourcenar coa súa moza Grace Frick. Ese mesmo ano morreu Grace. Só a morte puido pór fin ás súas máis de catro décadas de relación.


24 de mar de 2013

Auguiña de sete fontes

 - A triloxía Dragal, de Elena Gallego, convértese nun proxecto multimedia. Parabéns e que continúe o merecidísimo suceso!

- "E se fose a princesa a que salvase a Mario?", nova en Praza Pública.

- "A ética do coidado dun mesmo como práctica da liberdade", entrevista a Michel Foucault en 1984.

- Un matrimonio de sexaxenarios irán á cadea por violaren ambos as súas ordes de afastamento, nova en La Voz de Galicia.

- Novo libro de Xosé Ramón Freixeito Mato: Estilística da lingua galega.

- "Rosalía e nós", artigo de Francisco Rodríguez en Sermos Galiza.

- "Google aposta por voar tamén en galego", nova en Galicia Confidencial. O galego, entre os oito primeiros en que estrea en Europa este novo servizo.

23 de mar de 2013

Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, finalista dos premios AELG

As votacións dos 473 membros da Asociación de Escritores en Lingua Galega puxeron o meu último ensaio, Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, entre as obras finalistas para os seus premios deste ano.

Obrigadísimo xa por ese recoñecemento e parabéns a todas as compañeiras e compañeiros que tamén se encontran na final!

Viva a nosa cultura, viva!


22 de mar de 2013

Cinco achegas a este novo papado

É indubidábel o éxito mediático e social do novo papa. A min, en principio, non me esperta moitas simpatías. É máis que excesiva a súa "guerra de Dios" (sic) contra os dereitos das e dos homosexuais e paréceme dun cinismo supino a súa presentación como "papa dos pobres", mentres por exemplo no Estado español a Igrexa católica, apostólica e romana continúa a beneficiarse duns privilexios que impiden unha mellor distribución da riqueza e unha maior igualdade de oportunidades para todas e todos. Tocar a trompeta para exclamar que axudas os pobres dicía Xesús Cristo que era farisaico e, cando menos de momento, tocar a trompeta foi o único que fixo Jorge Bergoglio. Todo iso sen entrarmos xa nas sombras sobre como pecou durante a ditadura arxentina: se por pensamento, palabra, obra ou omisión.

Así e todo, para tentarmos evitar as reflexións de brocha grosa, penduro aquí as ligazóns a cinco artiguiños que penso que nos poden axudar, desde os seus diferentes contributos, a pensarmos máis e mellor sobre este papado que está a comezar:

- "Unha ollada responsábel ao novo papa", Stella Calloni.

- "Jorge Bergoglio na ditadura arxentina", Horacio Verbitsky.

- "De Bergoglio a Francisco", Atilio A. Boron.

- "O deus dos ateos", Manuel Fernández Blanco (é un texto anterior á elección, mais que apunta cuestións de moito interese).

- "Benvido irmán Francisco", Victorino Pérez Prieto.

21 de mar de 2013

Os sinais en galego, especie para extinguir?

Onte chamáronme de Radiovoz e, coma sempre que me chaman dun medio para me convidaren a participar e me é posíbel acceder á petición, participei. O programa tratou sobre a sinalización en galego:



Como este foi o tema, e é un tema de triste actualidade, permitídeme que vos encamiñe a estoutras entradas anteriores neste mesmo blogue, que poden achegar información proveitosa para a reflexión:

- "A presenza do galego nas sinalizacións públicas".

- "Na catedral".

Continuamos!


15 de mar de 2013

Conversamos e camiñamos

O pasado sábado participei nun acto en Iruña sobre a situación das comunidades lingüísticas galega, catalá e vasca. Tratamos en especial a ameaza que supón a Lei Wert para os nosos dereitos e para o futuro das nosas culturas.

Entre os diversos axentes sociais de Euskal Herria que estiveron presentes, encontrábase Iñaki Irazabalbeitia, que o próximo mes de maio se incorporará como deputado no Parlamento europeo.

Continuamos!


14 de mar de 2013

Entrevista na radio Infozazpi

Antes da comparecencia desta semana no Congreso dos Deputados, mantiven unha entrevista con emisora Infozazpi Irratia. Se che interesa, podes ouvila aquí.

5 de mar de 2013

Presentación en Ferrol de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez

A Escola Oficial de Idiomas de Ferrol, o grupo de traballo da Mesa na comarca e Edicións Xerais organizan o acto de presentación na cidade departamental do meu último libro. A ligazón ao evento no facebook, aquí.

Participarán comigo no acto Henrique Dacosta López, escritor; Pedro Picallo Ramonde, xefe do Departamento de Galego da EOI de Ferrol, e Carlos Outeiro, coordinador da Mesa na zona.

A conversa realizarémola a quinta feira (xoves) 14 ás 20 h. A EOI está na rúa Real, número 29.

Continuamos!




1 de mar de 2013

Hoxe en Barcelona

Ás 19 h. estarei na Escola Oficial d'Idiomes de Drassanes para conversar, co alumnado dese centro que estiver interesado, sobre o libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez.

Aproveitando que hoxe andarei pola capital catalá, igual que hai uns días deixei por este blogue un par de fotos do último acto que realicei por aló, penduro agora a noticia con que recolleu o anterior evento a publicación galega A micro pechado:


Continuamos!