Mostrando postagens com marcador Hugo Chávez. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Hugo Chávez. Mostrar todas as postagens

3 de out. de 2010

Que pasou en Venezuela?

No Ecuador xa sabemos que non houbo unha tentativa de golpe de Estado. Como ben afirmou a maioría dos medios, esa é unha interpretación dos gobernantes de aló. Alí houbo unha revolta policial por reivindicacións corporativas (dos oficiais, por certo) e, despois, moito alarmista e vitimista. Onde se viu que secuestrar o presidente e agredilo sexa un golpe de Estado?

Nas eleccións en Venezuela tamén aconteceu algo semellante, mais aínda con maior descaro manipulador. As primeiras noticias foron que o partido liderado por Hugo Chávez conseguira máis da metade dos escanos, porén os medios subliñaban que así perdía a maioría absoluta. Mesmo o repetían varios xornais electrónicos que se poden considerar alternativos. Eu non entendía nada. Desde cando a maioría absoluta non é contar coa metade máis un dos asentos?

Horas máis tarde, xa alguén indicaba que o agora partido gobernante, o Partido Socialista Unificado de Venezuela (PSUV), mantiña esa maioría na cámara, porén non tería a cualificada de dous terzos para aprobar leis orgánicas por si só, o cal se debería considerar unha derrota. Algo así como se no Estado español cando gañou Aznar no ano 2000 os medios encabezasen:

Aznar perde as eleccións
O PP non terá maioría suficiente para mudar a Constitución só cos seus votos

Despois, aínda se nos dixo unha e outra vez que o partido de Chávez gañaba en escanos mais perdía en apoios populares. Porén, como ben nos indica Xosé Antón de la Fuente Subiela, no seu recomendabilísimo blog, a verdade é que a oposición conseguiu o 35% dos votos e o PSUV e o PCV chegaron ao 55% dos sufraxios. É máis: confrontando os datos das últimas lexislativas ás que quixo concorrer a oposición, as forzas revolucionarias aumentaron en apoios (de 86 a 98 escanos) e as contrarias diminuíron (de 79 a 65). Estas teimudas matemáticas!

Canta razón tiña Hugo Chávez cando exclamou: "Din os escuálidos que gañaron. Pois sigan gañando así!"

8 de dez. de 2008

Sean Penn e Venezuela

Hoxe teño un día blogueiro, polo que se ve, e non me podo resistir a pendurar este vídeo que collo da bitácora de Xosé Mexuto, cun fragmento dunha entrevista ao actor Sean Penn nun late show:



Pódese expresar máis alto, porén non máis claro: "Unha das cousas que se dixeron sobre Hugo Chávez é que fechou unha estación de televisión. O que sucedeu é que desde 1998 estiveron exhortando ao asasinato de Chávez todos os días nese canal. Algo polo que irían presos se estivesen aquí [nos USA]. El simplemente non lles renovou a licenza."

Que acontecería no Estado español se Antena 3 ou Tele 5 estivesen chamando ao asasinato de Zapatero ou de Juan Carlos I?