- "Se estou aquí é por ela", Agustín Fernández Paz no seu blogue.
- "A xeración muda", Susana Méndez en Sermos Galiza.
- "Sobre encrucilhadas, normas ortográficas e independência", Teresa Moure en Praza Pública.
- "África é o continente menos produtivo do mundo", no Jornal de Angola.
- "Previsións do Banco de España para 2013: o paro dispárase por riba do 27% e o PIB caerá un 1,5%", en Sermos Galiza.
- Jacques-Alain Miller abriu blogue en La Règle du Jeu.
- "Lídia Jorge, o compromiso ético da escritora galega universal", no blogue da AELG.
Mostrando postagens com marcador Rosa Parks. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Rosa Parks. Mostrar todas as postagens
31 de mar. de 2013
14 de jan. de 2010
De fala a lingua: un proceso inacabado
Dentro da bibliografía recente para nos armarmos de munición cívica no combate en defensa do noso idioma, quero hoxe salientar o libro De fala a lingua: un proceso inacabado, onde se compilan varios traballos de Pilar García Negro, a prestixiosa sociolingüista e exemplar militante da defensa do idioma de noso.Extracto aquí un pedazo da introdución desta obra que vos recomendo ler e difundir:
Na década dos cincuenta do século XX, dous acontecementos en aparencia moi distintos e distantes teñen lugar: nos USA, en 1955, Rosa Parks, muller negra, costureira e activista do Movemento polos Dereitos Civís, en Montgomery, Alabama, négase a ceder o asento do autobús en que viaxaba, reservado aos brancos: rompe unha lei escrita -e moitas normas non escritas- e prosegue o camiño da inclusión dos pretos na sociedade norteamericana. Un ano antes, en 1954, a UNESCO receberá escrito de protesta, apoiado por centros galegos en América, pola discriminación sofrida pola lingua galega, en pleno franquismo. Deamos triplo salto mortal e reinstalémonos no presente: a exclusión do galego véstese hoxe de traxe bilingüe. Ao igual que no caso do racismo clásico, non é que non se admita a existencia do galego (como os negros naqueles anos, só pode viaxar na traseira do vehículo...): mesmamente, é imprescindíbel para marcar diferenzas de superioridade; por tanto, ao igual que os negros, cóntase con el en tanto en canto non ouse endexamais ocupar o asento do amo, isto é, se conforme coa súa existencia afastada e invisibilizada no mundo social e público. Negros? Si: nos traballos pior pagos, no baloncesto, no jazz ou no soul... Lingua galega? Si, por suposto: na cada vez máis deshabitada aldea, nos vellos, no coloquial, nalgunha canción, no Día das Letras Galegas, na literatura, nalgunha homenaxe limitada... Nunca no uso ubicuo que non se discute en absoluto para o español. En ambos casos, ¿inclusión é sinónimo de normalización? Coidamos que non.
Os vellos resaibos (endo)racistas reaparecen a nada que o negro se fai ver, isto é, a nada que penetre minimamente en espazos onde, lentamente, poda mudar a fotografía cualitativa da lingua galega e dotala (ensino, administración, sanidade...) dalgún efeito multiplicador... Rosa Parks (1913-2005) impuxo o seu direito a viaxar sentada no autobús dos brancos. Toda a nosa historia autónoma, desde hai cento e cincuenta anos, é a historia por poñer o galegos nos lugares visíbeis socialmente, por lle dar estatuto público (literatura, prensa, política, Xustiza, Igrexa...). E este esforzo pacífico, democrático, superador de barreiras artificiais, debelador do clasismo... é chamado imposición! Daquela, todos os avanzos históricos en termos de igualación e de superación de vellas inxustizas supuxeron imposicións da vítima: os pretos impuxeron a súa presenza, ao igual que a impuxeron as mulleres loitadoras pola súa liberación ou os escravos pola súa emancipación. ¡Avelloucada e resesa arma de quen practica a cotío a imposición real, refutar co mesmo que eles practican a cotío!: a imposición de verdade, dada por natural e inmutábel, sexa a prevalencia do branco dominante, do varón, do machismo, do amo ou do idioma hexemónico.
6 de out. de 2009
O compromiso individual na normalización do galego

Velaquí o artigo desta semana en Galicia Hoxe. Grazas ao web de Prolingua por se faceren eco.
Fartos de ceder e ceder
O compromiso individual na normalización do galego
Regueiros de esperanza percorren Galiza estes días. Non paran de abrollar xuntanzas e iniciativas en defensa do noso idioma. Aínda que a TVG nunca se faga eco (e cando digo “nunca” é “nunca”, non é que bote man da hipérbole), vemos que un día tras outro hai reunións para artellar respostas a este furibundo ataque contra a nosa lingua que encabeza Alberto Núñez Feijóo.
O compañeiro Fran Rei, vicepresidente da Mesa e esforzado coordinador da xestora de Queremos Galego, coméntame que unha vez que se puxo esta semana en funcionamento o web da plataforma, son xa 1.000 os seus adherentes individuais e van camiño das 200 as entidades integrantes. Ademais, as constitucións de Queremos Galego en cada comarca están a ter tamén unha presenza e unha viveza significativa. 95 persoas na Estrada, 75 en Ferrol, unhas 50 en Vigo e A Coruña etc etc. Como exclamaba coa súa tremenda enerxía Avelino Pousa Antelo ante os miles de manifestantes do 17 de maio: “Por xente coma vós, Galiza non morrerá, o galego non morrerá”.
Ademais da plataforma de entidades que é Queremos Galego, botan flor outras ideas e outras agrupacións irmás. Así mesmo, as organizacións sensíbeis colocan a situación da lingua nos primeiros puntos das súas ordes do día, conscientes do momento na verdade histórico e decisivo. As agresións son diarias e non son só simbólicas, mais os ventos frescos de resistencia tamén braman cargadiños de esperanza.
Este sábado participei na presentación dunha destoutras propostas: Prolingua. Os medios de comunicación que noticiaron o evento estimaban que na xuntanza nacional habería unhas 250 persoas. Eu penso que máis, aínda que non é cousa de discutir agora por números. O caso é que en todas estas xuntanzas que se están a convocar para defender o idioma, igual que o veremos na manifestación do vindeiro 18 de outubro, a participación está a ser ben relevante, non só dun punto de vista cualitativo, senón tamén do cuantitativo. Xa vedes. Agardaban un pobo abúlico e submiso e encóntranse con pescozos firmes e olladas en fite.
O compromiso individual
Na presentación de Prolingua, houbo discursos verdadeiramente memorábeis, dirixidos como unha frecha certeira ao corazón do monstro da galegofobia, ao centro do problema. Ademais, e fronte a quen quere presentar unhas entidades que defenden a lingua como más e outras como boas, ou mesmo como incompatíbeis unhas coas outras, a realidade é que o discurso deste sábado é o mesmiño que nos une a todas e todos os que preocupados polo galego. E o que non é menos importante: sinaláronse propostas de acción para axotar o perigo do testemuñalismo.
Agustín Fernández Paz foi, con certeza, moi crítico coas políticas lingüísticas aplicadas nesta etapa autonómica, ás veces caracterizadas pola desidia e moitas outras, como agora, pola insidia. “Fomos burlados pola teoría do amodiño”, exclamou, ao tempo que reclamou rebeldía fronte á consideración das usuarias e dos usuarios de galego como cidadáns de segunda. O exemplo que puxo é inmellorábel: o caso de Rosa Parks, a estadounidense negra que padeceu prisión por non abandonar o seu asento para que puidese acomodarse un racista cu branco, tal e como marcaba a inxusta e antidemocrática lei vixente. Ela declarou que o fixo porque “estaba farta de ceder e ceder”. Canto temos que aprender dun xesto coma ese!
Claro que as linguas son fenómenos sociais e colectivos. Unha obra de arte creada por un pobo, que describiu nalgún momento Castelao. Mais tamén é certo que os falantes, como tales, temos dereitos individuais que podemos e debemos reclamar. As persoas que queremos vivir en galego non somos sempre abondo conscientes do poder que temos, da nosa capacidade para incidir de verdade se non renunciamos a usar o noso idioma con normalidade e a pronunciar estas catro sinxelas palabras acompañadas dun sorriso: “por favor, en galego”.
Usar é defender
Hai anos, desde diferentes entidades, divulgouse un decálogo de defensa do galego baseado nun texto elaborado polo profesor Tilbert D. Stegmann, da Universidade de Frankfurt. En 2008, A Mesa pola Normalización Lingüística volveuno pór en circulación como proposta para difundir sobre todo nos centros de ensino. Hoxe continúa a ser plenamente útil e funcional.
Velaquí as súas propostas, que convido a asumir e practicar:
- Fala en galego sempre que poidas. Coa familia, cos amigos e amigas etc. Fai o propósito de falar en galego a quen sabes que te entende aínda que até o de agora lles falases en castelán.
- Respecta a aquelas persoas que che falen noutra lingua, mais exixe que tamén as outras persoas respecten a túa.
- Diríxete en galego a todos e todas: na rúa, por teléfono, no centro de ensino, no traballo. Verás que te entenden. Continúalles a falar en galego, aínda que che respondan noutro idioma.
- Ás persoas que coñezas que entenden o galego coloquial, mais mostran curiosidade por algún termo que ignoran, explícalles o significado desas palabras, axudándoas a ampliar o vocabulario. Se alguén se esforza en falar o noso idioma, axúdalle e demóstralle que valoras o seu comportamento.
- Respecta as diferenzas locais da lingua. Coñece as particularidades de cada zona. Esta é a riqueza do galego, como a de todas as linguas.
- Toma a decisión de escribir todos os apuntamentos, notas, correos electrónicos e cartas en galego. A partir de hoxe pon sempre o teu nome en galego. Fai mudar os teus papeis, impresos, rótulos etc. Sería ben triste que por aforrar uns pequenísimos gastos deixásemos de contribuír á expansión do noso idioma.
- Faite subscritor/a de publicacións escritas total ou en boa parte en galego. Le libros, asiste a espectáculos teatrais, musicais, cinematográficos, visita páxinas web etc, na nosa lingua.
- Exixe de todos, mesmo das institucións máis rutineiras, que che escriban en galego. Faino amabelmente. Non perdas o tempo e os nervios en pelexas cos inimigos declarados da lingua do país. Déixaos de lado, ignóraos.
- Se tes como lingua familiar o castelán, interésate pola nosa lingua. Loita contra a inxustiza fomentada durante tantos anos. Toda a represión dunha lingua é un acto de barbarie. E sobre todo tenta falala e escribila, porque a mellor defensa de calquera lingua é o seu uso.
- Se sentes un bloqueo psicolóxico, como adoita ocorrer para pasar a falar en galego con persoas e en ambientes en que sempre falaches castelán, comeza por usalo cos descoñecidos, a practicalo en situacións novas, para ilo introducindo despois na túa esfera habitual. Non te avergoñes dos defectos de pronuncia ou escrita; respectar o galego mais a distancia, “sen rompelo nin lixalo”, iso si que deteriora o idioma.
Todos estes consellos, que non mandamentos, podemos sintetizalos en dous. En primeiro lugar, darmos o paso de falar en galego sempre, con normalidade. Cambiar de lingua porque presupomos que non nos van entender ou porque é cortesía cun descoñecido é un puro prexuízo.
En segundo lugar, aínda que non menos importante, cómprenos dar o paso de solicitar atención e información neste idioma, como un dereito que debería darse por sentado. Non é só por defender a lingua, senón tamén porque é un dereito básico, un requisito para a convivencia en igualdade, sen cidadáns e cidadás de segunda por razón de lingua.
Non temos que achicarnos nin pedir perdón por querer vivir no noso propio idioma no seu territorio histórico, xenuíno, orixinal, natural e propio. Abondou xa de ceder e ceder.
[Na fotografía, Rosa Parks.]
23 de mai. de 2009
Erros e acertos
Hai moitas veces nas que non teño a razón porque non a teño e outras moitas en que desexaría que o tempo me levase a contraria. Mais, lamentabelmente, se alguén con sensibilidade polo galego puido pensar no seu día que A Mesa se equivocara ou se "pasara" coa súa valoración sobre o que na realidade significaba o nomeamento do actual secretario xeral de Política Lingüística, en moi poucos días as palabras dos dirixentes da asociación a respecto deste tema víronse ao cento por cento ratificadas polos feitos. Si, trátase cun cargo de verdugo do galego, chegado coa intención de narcotizar o problema para así poderen avanzar no proceso de desmantelamento da oficialidade da lingua. A min dáme entre mágoa, vergoña allea e verdadeira repulsión que haxa persoas que poidan entrar neste xogo da dereita galegófoba que agora goberna a Xunta.
Non lle faltaron argumentos ao PSOE para describir onte a Anxo Lorenzo como "cómplice na ofensiva contra o galego", aínda que o propio Lorenzo, nunha entrevista en El País, xa nos facía saber que as súas responsabilidades son totais e non só de complicidade. O gobernante do PP sinalaba que o seu departamento, a pesar de se situar en Educación, ten "funcións transversais" e que el ten "garantías para poder traballar sen ningún tipo de limitación".
Por se alguén o quería dubidar, el xa o deixa ben claro. El fai "sen limitacións" e dentro das súas "funcións traversais" o traballo día a día para a derrogación do decreto do galego (o primeiro grande paso atrás na política lingüística nestes 30 anos), a cínica consulta aos pais e ás nais (cal pode ser a resposta sen existiren condicións sociais de igualdade e habendo tanto autoodio e prexuízo alimentado e interiorizado?), a desaparición da proba en galego nas oposicións (para o cal é prescritivo o informe de Política Lingüística) e, aínda máis, a posibilidade de que se estabelezan prazas nas que non haxa por que entender para nada de nada o galego, como indica Vieiros. Auténticos fitos na historia da nosa cultura, si, aínda que fitos na tentativa de laminala.
Con dúbidas
Hoxe publica La Voz de Galicia a transcrición parcial dun debate que nos propuxeron entre Gloria Lago, a hipermediática presidenta de Galicia Bilingüe, e eu como presidente da Mesa. Non é fácil decidir que facer. Está o problema de que se poida caer nunha presentación equidistante entre ambas as entidades, como se fose o mesmo o agresor e o agredido, ou como dicía alguén nalgún blog, como se fosen o mesmo Rosa Parks (todo o que de colectivo significou) e o Ku Klux Klan. Con certeza, a fotografía que se publica, no resultado final, dá unha imaxe ben negativa, e agora mesmo teño que recoñecer que foi un erro grande prestarme a ese xogo.
Mais, claro, hai outro problema que non se pode esquecer. A Mesa non ten fácil acceso aos medios de comunicación con maior incidencia. Vou pór un exemplo moi clariño: nos 23 anos de historia desta asociación, os dous presidentes e a presidenta da Mesa, tiveron, todos xuntos, tantas entrevistas nas páxinas de Galiza no diario que nos convocou a ese debate como as que tivo Gloria Lago nos tres primeiros meses do ano 2009. E talvez me pase, porque nos sete anos que levo como portavoz da asociación, nunca tiven ningunha.
A cousa non é doada. Teño que recoñecer que non estou nada contento co resultado do que publica hoxe a Voz, mais tamén observo que calquera saída sería difícil. Ao menos, tento ver que se puideron introducir algúns dos argumentos da Mesa; de forma parcial e secundarizada, mais están. Aínda que teño que recoñecer tamén con humildade que non acabo de saber se o investido compensa de verdade o gañado.

Assinar:
Postagens (Atom)