Mostrando postagens com marcador Joseph Ratzinger. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Joseph Ratzinger. Mostrar todas as postagens

22 de mar. de 2013

Cinco achegas a este novo papado

É indubidábel o éxito mediático e social do novo papa. A min, en principio, non me esperta moitas simpatías. É máis que excesiva a súa "guerra de Dios" (sic) contra os dereitos das e dos homosexuais e paréceme dun cinismo supino a súa presentación como "papa dos pobres", mentres por exemplo no Estado español a Igrexa católica, apostólica e romana continúa a beneficiarse duns privilexios que impiden unha mellor distribución da riqueza e unha maior igualdade de oportunidades para todas e todos. Tocar a trompeta para exclamar que axudas os pobres dicía Xesús Cristo que era farisaico e, cando menos de momento, tocar a trompeta foi o único que fixo Jorge Bergoglio. Todo iso sen entrarmos xa nas sombras sobre como pecou durante a ditadura arxentina: se por pensamento, palabra, obra ou omisión.

Así e todo, para tentarmos evitar as reflexións de brocha grosa, penduro aquí as ligazóns a cinco artiguiños que penso que nos poden axudar, desde os seus diferentes contributos, a pensarmos máis e mellor sobre este papado que está a comezar:

- "Unha ollada responsábel ao novo papa", Stella Calloni.

- "Jorge Bergoglio na ditadura arxentina", Horacio Verbitsky.

- "De Bergoglio a Francisco", Atilio A. Boron.

- "O deus dos ateos", Manuel Fernández Blanco (é un texto anterior á elección, mais que apunta cuestións de moito interese).

- "Benvido irmán Francisco", Victorino Pérez Prieto.

17 de ago. de 2011

Recordemos o xenocidio franquista



Hoxe é o Día da Galiza Mártir, que non ten a conmemoración oficial que debería en todo o país, só coa excepción do realizado por algunhas institucións municipais e polo asociacionismo de base (ese que non está representado no Consello da Cultura).

Fanse este 17 de agosto os 75 anos do fusilamento de Alexandre Bóveda por nacionalista. Esta sexta será tamén o aniversario polo asasinato polo mesmo motivo de Ánxel Casal, que se conmemorará ás 12.30 h na rúa do Vilar, 15, de Compostela, diante de onde ten o seu local actual A Mesa pola Normalización Lingüística. Aliás, na miña vila, Ribeira, tamén se recordará o xenocidio franquista este sábado 20 ás 20.30 h na rúa Alexandre Bóveda.

Un dos apoios centrais polos que o fascismo puido acometer este masacre e se asentou en Galiza e no conxunto do Estado veulle da xerarquía eclesiástica e do Vaticano, como ben o retrata Luís Seoane nos debuxos que encabezan esta entrada.

Sería un bo xesto que Joseph Ratzinger aproveitase a suntuosa reunión católica en Madrid destes días para examinar as barbaridades de que foi responsábel a xerarquía eclesiástica no Estado español, pedir perdón e amosar un propósito de emenda. Actuar doutro xeito sería ir contra o corazón mesmo das mensaxes de Xesús Cristo que conteñen os Evanxeos.

22 de nov. de 2010

O don da infalibilidade

Joseph Ratzinger, que reina como papa baixo o nome de Bieito XVI, acaba de dar o visto e prace á utilización do preservativo en determinados casos illados. Cita en concreto a permisividade do seu uso para o exercicio da prostitución.

Ábrese así unha pequena fenda na liña doutrinal que iniciara Giovanni Montini, Paulo VI, en 1968. Este fixera uso da súa infalibilidade para condenar os novos métodos profilácticos e anticonceptivos, a pesar da opinión favorábel que mantiña a ese respecto unha comisión vaticana encargada de estudar se se admitía ou non o seu uso. A diferenza doutras prácticas ou doutros artiluxios rudimentarios, estes viñan cun altísimo grao de efectividade tanto para evitar gravideces non desexadas (a súa decisión era nomeadamente sobre a pílula) como para deter a propagación de infeccións e doenzas.

Esta minimísima abertura de Ratzinger –tan infalíbel como o seu antecesor– é unha boa nova. Pásase dunha postura de intransixencia absoluta e de insensibilidade cínica a, cando menos, dar pé a un debate importante, interesante e socialmente útil entre as bases católicas.

Mais todo motivo de celebración finaliza aquí. A xerarquía eclesiástica mantense inamovíbel de vez no resto das súas cruzadas, tentando impor os seus ideais de vida tamén a millóns de persoas que non teñen fe católica ou que, aínda téndoa, prefiren atender en primeiro termo as mensaxes de Xesús Cristo e non aos seus declarados intermediarios. Non é de estrañar este desapego crecente cara ás xerarquías apostólicas e romanas cando, a título de exemplo, observamos os excesos luxosos e as mensaxes carcas da rápida visita de Joseph Ratzinger a Santiago de Compostela o pasado 6 de novembro.

10 de nov. de 2010

Curas, policías e "a querida de Feijóo"


O pasado sábado Santiago de Compostela converteuse nunha cidade sitiada por curas e policías. A pesar dos ultracatólicos e dos curiosos que se desprazaron á capital de Galiza para veren o que se presentaba como un acontecemento histórico, a parada de Ratzinger no noso país só pode considerarse como un rotundo fracaso.

Para alén do que supoña este pinchazo para a cruzada de intolerancia que promove o Vaticano, as galegas e os galegos temos que preguntarnos por que se malgastaron millóns de euros dos nosos orzamentos para este evento. Mentres se condena á inanición á cultura galega, se deixan nos ósos os centros Quérote, se fecha o Noitebús e un longo etcétera, tírase diñeiro a moreas neste acto eclesiástico.

Dicían que os beneficios ían ser inmensos, mais xa coñecemos os resultados. Unha ocupación hostaleira equiparábel á de calquera sábado de novembro, cafetarías e bares que tiveron importantes perdas (mesmo nalgúns casos tiveron que tirar centos de bocadillos que ninguén pasou a adquirir), souvenirs de Bieito XVI que permanecerán en stock para as tendas vintage do futuro e a exportación da imaxe de Compostela como unha cidade onde se limitan as liberdades, por exemplo cunha zona vella á que non podía acceder ningunha persoa que portase camisolas que, dentro da liberdade de expresión, criticaban á xerarquía eclesiástica.

A Xunta fala dunha asistencia de 30.000 persoas, o cal suporía chegar ao 15% das expectativas. Mais é certo que había 30.000 persoas atendendo a Joseph Ratzinger? Onde? Na praza do Obradoiro chea de cadeiras? Na baixada do papamóbil desde San Lázaro case deserta, o que mesmo obrigou a mudar os planos de retransmisión da TVG?

Sobre o aspecto ideolóxico da convocatoria, pouco máis se pode dicir que o que xa apuntaron diversos analistas. A min resúltame especialmente repugnante que Joseph Ratzinger se poña a pontificar (nunca mellor usado este verbo) a través de hipérboles contra o laicismo e que o vincule cos movementos anticlericais da década de 30. Antes de pórse a falar dese pasado con tanto entusiasmo, debería lembrar con humildade onde se encontraba militando el nos anos 1941 e 1942 ou a que exército serviu na II Guerra Mundial. Para non caer neste tipo de discursos de mal gusto, seríalle bo repasar os catro evanxeos e as súas parábolas.

O punto máis humorístico no día da súa visita tíveno cando, estando nun engarrafamento camiño da Coruña, ás 18.55 h para ser máis exacto, me puxen a mudar de emisora no dial, para ver o que se comentaba desde diferentes lugares sobre o que estaba a acontecer en Compostela. Así me encontrei con Radio María, onde o locutor falaba con arrebato sobre Ratzinger, mais tamén anunciaba que tiña que facer "una denuncia" porque disque fora un tema moi comentado na xornada: "Núñez Feijóo se fue con su querida a ver al Papa". Crítico, expuxo que viven xuntos e non están casados, a pesar de que así o manda a Santa Nai Igrexa á que tan fielmente quere o PP que sigamos todas e todos, con independencia do que eles fagan no seu día a día. Ao ouvir unha expresión tan cavernícola, rin moito, non pola dupla moral conservadora, senón porque, como ben di o refrán, así lle paga o demo a quen o serve.

2 de nov. de 2010

Quen teña ouvidos para ouvir, que ouza

Este sábado está completiño. De mañá, agardo ir, cando menos en parte, ao Camiño a_Teo, como un xeito de protestar contra esta visita papal. O dispendio público (a Xunta paga un millón de euros por cada hora que Joseph Ratzinger permaneza en chan compostelán) e as ideas involucionistas que fomentan o Vaticano e a Igrexa española son os motivos polos que acudirei a este evento e, tamén, á manifestación que sairá esta quinta feira (xoves) ás 20.30 horas da Alameda de Santiago.

Xa pola tarde e ao serán deste sábado, asistirei a unha parte do programa do V encontro de escritoras novas e escritores novos. Estas xornadas organízaas a AELG. Desde a chegada de Núñez Feijóo á presidencia da Xunta, deixaron de recibir calquera tipo de axuda da Xunta de Galiza para a súa organización. Por fortuna, continúa co apoio da Concellaría da Cultura da Coruña e da Deputación.

Que elocuente, verdade? A Xunta paga arredor de 6 millóns de euros para a visita de Joseph Ratzinger, Bieito XVI, e cero céntimos de euro para o evento nacional que cada ano organizan os escritores e escritoras que comezan a crear novos mundos desde o noso idioma.

Quen teña ouvidos para ouvir, que ouza.

29 de out. de 2010

A visita do Bieito XVI en tres imaxes

Clicando en cada unha delas iredes dar a algún evento ou algunha información de interese sobre o tema. Non vos parece un despropósito todo o que rodea a visita de Joseph Ratzinger durante unhas horas a Santiago o vindeiro sábado?