Mostrando postagens com marcador galego no traballo. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador galego no traballo. Mostrar todas as postagens

4 de dez. de 2013

Deben rectificar de verdade

O Ministerio de Economía díxolle a algúns medios de comunicación, como por exemplo ao programa de Julia Otero en Onda Cero, que as persoas que entregaran un documento en galego aínda tiñan un tempo para rectificaren:



    
    
    
    
    
    
    
    

  
Más audios en Onda Cero

 
Xa vedes que para o Ministerio "rectificar" significa que esas persoas achanten e enterren / enterremos o galego como idioma de uso oficial. De calquera xeito, a vergoña sobe aínda algúns graos cando observamos que, menos de vinte e catro horas despois de declararen tal cousa, xa ditaron a resolución definitiva dos contratos predoutorais, onde toda esta xente fica excluída. Toda unha mostra de cinismo, insensibilidade e propaganda, que di moito de quen así actúa.

Quen debe rectificar, de verdade e con urxencia, é o Ministerio.

Mentres todo se consuma, a Xunta ofrécese para traducir a documentación en galego que o Goberno español debería admitir por Lei. Lembremos que é a propia Administración central a que ten a obriga de se encargar de traducir os documentos dun expediente redixidos nunha lingua oficial diferente do castelán cando teñan que surtir efectos fóra do territorio da correspondente comunidade autónoma. Non é o goberno autonómico o que ha de exercer de axencia de tradución gratuíta para os outros poderes públicos, pois tamén esoutras administracións teñen de recoñecer de seu a oficialidade do noso idioma. Entre outras normas, así o estabelece o artigo 36 da Lei 30/1992 de réxime xurídico das administración públicas e procedemento administrativo común e a disposición adicional sexta da Lei 11/2007, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.

O conselleiro de Educación, ademais, aproveita para animar as universidades a que deixen de utilizar a lingua de Galiza para os usos administrativos normais. Jesús Vázquez Abad, ben coñecido por todo o dano que ten feito ao noso idioma, non deixa pasar ningunha oportunidade para dar patadas na nosa cultura. É ben triste, ben indignante.


Non sería o lóxico, o cívico e o correcto institucionalmente que a Xunta instase o Ministerio a cumprir a Lei e defendese o galego, as nosas universidades e os nosos estudantes?

Onda fican os nosos dereitos se poden ser pisados desta maneira por uns poderes públicos intolerantes ante a diversidade cultural que existe no Estado español?

"Haberá que combatelo", concluía solidariamente a Julia Otero ao abordar este tema. Continuaremos a combatelo, abofé! Falamos galego e temos dereitos!

3 de dez. de 2013

Contestemos as agresións: usemos o galego

Hoxe está a ser un día moi intenso en actividade da Mesa, tanto polas repercusións que están a ter esas discriminacións laborais do Ministerio de Economía a quen entregaron UN DOCUMENTO EN GALEGO como por outros casos que estamos a tratar, tamén de discriminacións por razón de idioma, mais que aínda non se deron a coñecer publicamente.

Como xa comentei máis veces por aquí, son moitas as queixas de vulneracións de dereitos lingüísticos que nos chegan á Mesa, algunhas con consecuencias moi graves. No entanto, só unha parte delas acaban saíndo á luz pública. Na Mesa temos moito tino en garantir sempre a confidencialidade das persoas que chegan até nós coas súas reclamacións (iso si: non atendemos queixas anónimas) e non damos ningún paso sen que estas mulleres ou estes homes dean o seu visto e prace.

Existe unha ofensiva moi clara para borrar do mapa o noso idioma. Queren facelo recuar alí onde nalgún momento conquistou novos espazos, queren enviar a mensaxe de que é unha reliquia inútil, de que pretender usalo só supón buscarse problemas na vida.

Non queren que usemos o galego. Costestemos esas agresións usando de forma máis decidida e consciente a lingua de Galiza!

Apostemos pola convivencia, pola diversidade, pola igualdade de dereitos. Apostemos polo galego.

30 de nov. de 2013

Queremos igualdade de oportunidades

Se envías o certificado de estudos dunha universidade madrileña, vale. Se envías o certificado de estudos dunha universidade inglesa, vale. Se envías o certificado de estudos dunha universidade galega, non vale.

Non pode ser que este tipo de cousas continúen a acontecer no ano 2013.

Exiximos que se respecte a oficialidade da nosa lingua!

Exiximos igualdade de dereitos, igualdade de oportunidades!

11 de abr. de 2012

"Si haces la prueba en gallego no te la corregimos"


Esta frase foi a que lle soltaron, hai escasos días, a unha moza que se presentaba ás probas para unha bolsa de traballo no Concello de Redondela.

É isto admisíbel?

Canto máis temos que aturar até conquistarmos a igualdade de dereitos e a igualdade de oportunidades que merecemos as persoas que queremos vivir no noso idioma na nosa terra?

Sobre estas e outras cousas falarei hoxe ás 20 h. (con repetición ás 22 h.) en SantiagoTV. Sobre estas e outras cousas protestaremos nas rúas de Santiago de Compostela o vindeiro 17 de maio.

Pola lingua que nos une!

Paremos os ataques contra o galego!

28 de mar. de 2011

Da lingua tóxica á lingua prohibida

Velaquí o artigo desta semana en Galicia Hoxe, que comeza falando dos últimos histrionismos da asociación contra o galego que promoveu o PP e termina centrándose nun dos ámbitos onde se producen vulneracións moi graves dos nosos dereitos lingüísticos: o laboral.

A respecto do primeiro transmitir publicamente todo o meu apoio á profesora de Coñecemento do Medio do CEIP María Pita da Coruña, difamada por usar o galego na súa materia. O actual presidente da Xunta debería pedir perdón por todas estas barbaridades que el propiciou e propicia.


O galego no traballo
Os nosos dereitos lingüísticos no ámbito laboral


Esta semana saíu en varios medios de comunicación unha dirixente de Galicia Bilingüe (actuou como tal, por exemplo, en programas de Correo TV de xaneiro do ano pasado) que se queixaba de que o seu fillo tiña que utilizar na escola un libro de texto en galego. A portavoz desta asociación contra o galego que alimentou o Partido Popular demostraba, coa súa denuncia, a situación calamitosa que padece o noso idioma no ensino. Fronte aos cánticos da Xunta sobre unha situación de “equilibrio”, casos como o exposto demóstrannos que a lingua propia do país está case varrida nunha parte considerábel dos centros. A denuncia, observemos, non é porque haxa inmersión lingüística ou un 50% das aulas. A denuncia é porque o seu neno utiliza un único libro de texto en galego, que polos vistos ha de empregar a mesma tinta que a do bibliotecario Jorge de Burgos n’O nome da Rosa.

Mentres o histrionismo galegófobo continúa a campar, a realidade é que as persoas que queremos utilizar a lingua de Galiza nos continuamos a encontrar cunha sucesión de vulneracións graves dos nosos dereitos lingüísticos. Un dos ámbitos sobre o que nos seguen a chegar moitas queixas desacougadas á Mesa pola Normalización Lingüística é no laboral. Sorprenderíavos se soubésedes cantas empresas prohiben ou dificultan a utilización do noso idioma aos seus traballadoras e traballadores. Perante esta situación, é importante que coñezamos os nosos dereitos e que saibamos que é o que podemos facer.

Non á discriminación

A lexislación sobre dereitos laborais indica claramente que existe o dereito á non discriminación por causa de lingua, de xeito que as condicións laborais das traballadoras ou dos traballadores non se poidan ver prexudicadas por falaren un ou outro idioma.

O Estatuto dos Traballadores, no seu artigo 4.2.c sinala que as traballadoras e os traballadores teñen dereito “a non ser discriminados para o emprego, ou unha vez empregados”, entre outros motivos, “por razón de lingua”. É importante o feito de que os dereitos lingüísticos son formalmente amparados tanto no momento do acceso ao traballo como no posterior desenvolvemento da actividade laboral.

Perante a existencia de axencias de colocación tanto públicas como privadas, o Estatuto dos Traballadores tamén sinala no seu artigo 16 que ditas axencias non poden estabelecer tampouco discriminación, entre outros motivos, por “lingua dentro do Estado”. Os xuristas Xavier Ferreira, Alba Nogueira, Anxo Tato e Luís Villares consideran que este artigo do Estatuto dos Traballadores fai que mesmo un inquérito sobre lingua habitual empregada “podería chegar a constituír, segundo o caso, a vulneración deste precepto, o que iría acompañado da correspondente sanción administrativa á axencia que o efectuase”.

Así mesmo, no marco das relacións laborais indícase que se “entenderán nulos e sen efecto” aquelas normas que discriminen por razón de lingua. Nesta liña, no artigo 96.12 do Estatuto dos Traballadores dáselle a consideración de “moi grave” ás discriminacións por causa de lingua dentro do Estado español.

A Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, de obrigada aplicación no Estado, tamén sinala no artigo 13, parágrafo 1, que se debe eliminar toda cláusula que prohiba, limite ou desaconselle o uso do galego neste ámbito.

E se nos prohiben usar o galego?

Os dereitos lingüísticos no traballo teñen un amparo legal, mais os problemas chegan á hora de poder concretar tales dereitos.

Nas discriminacións lingüísticas no traballo, igual que nos casos de acoso laboral ou doutras discriminacións (razón de sexo, raza, opción sexual, etc.), a persoa áchase nunha particular situación de indefensión para probar o sucedido, polo que é fundamental contar con algunha proba (escrito, gravación, etc.) que o mostre. En Galiza xa se deron sentenzas xudiciais en favor de traballadores discriminados por falar en galego, unha vez que estes puideron demostrar de forma clara tal discriminación.

Que facermos polo galego desde o noso traballo?

O primeiro e máis importante, con certeza, é exercermos os dereitos que temos recoñecidos por lei, usando a nosa lingua con normalidade.

Se temos unha empresa ou capacidade de decisión no lugar onde traballemos, asegurémonos de que se redixan en galego os contratos, as nóminas, as facturas, os albarás, as notas internas, etc. Se non temos tal capacidade de decisión, sempre poderemos solicitalo (aínda que a lexislación non garante este dereito para as empresas privadas). Cando menos, podemos probar a pedir que a nosa documentación máis persoal, como contrato e nóminas, sexan no noso idioma.

Ademais, podemos propor, a través dos representantes sindicais, que o convenio colectivo se redixa en galego e que recolla unha cláusula de dereitos lingüísticos. A práctica de incluír este artigo nos convenios está tamén avalada polo Parlamento galego, que a amparou en dúas ocasións por unanimidade (en 2004 e en 2007). Velaquí unha posíbel redacción:

Artigo X.- Dereitos lingüísticos

Todas as traballadoras e todos os traballadores teñen dereito a desenvolver a súa actividade laboral e profesional en lingua galega.

A empresa favorecerá a formación en idioma galego para mellorar o servizo ao público nos postos de traballo, de acordo cos seus recursos e necesidades.

A dirección da empresa e os representantes dos traballadores e traballadoras potenciarán o uso da lingua galega nas actividades internas, nas relacións laborais, na formación profesional e nas súas relacións cos consumidores e consumidoras, coas administracións públicas e entidades privadas radicadas en Galiza, de xeito que se normalice a utilización da lingua galega como un instrumento de comunicación da empresa cos seus interlocutores internos e externos. Farase especial fincapé nas comunicacións cos traballadores e traballadoras e na utilización do galego como lingua da súa publicidade.



[Na fotografía, Xesús da Torre Martíns, que sufriu en primeira persoa o que é a discriminación lingüística por usar o galego.]

13 de mai. de 2009

Igualdade de oportunidades


O artigo en Galicia Hoxe desta semana continúa coa reflexión sobre as discriminacións lingüísticas que se producen no noso país e que dan razón a mobilizacións como a deste domingo.

Igualdade de oportunidades
Continúan as discriminacións laborais contra galego falantes


A maioría da sociedade galega está anestesiada no que di respecto ás discriminacións lingüísticas contra os falantes de galego. Mesmo a maioría dos usuarios e das usuarias habituais deste idioma. Mesmo, aínda que sexa noutro grao, aquelas e aqueles máis conscientes que non queremos renegar ao noso dereito básico a podermos vivir no noso idioma e transmitirllo aos nosos fillos e ás nosas fillas. De repetida e sistemática, a exclusión naturalízase. O proceso de desnarcotización, que é sacar do armario o verdadeiro e diario conflito lingüístico, é fundamental para garantirmos un presente en dignidade e un futuro ao noso idioma e á nosa cultura.

A situación dos dereitos lingüísticos dentro do ámbito laboral é un bo exemplo de como recibe carta de cotidianeidade unha inxustiza. Porque non sempre se trata de insultos contra o cadro de persoal (lembremos ese repugnante “¡Burra, no hables lenguas menores!” que se denunciou o ano pasado) ou de despidos (lembremos o caso da xestoría de Pontevedra: “Ya te advertí de que no hablaras en gallego”).

Pola contra, na maioría dos casos temos que observar unha represión máis sibilina. Por exemplo, unha moza que chega a unha entrevista de traballo para unha empresa de venda de téxtil, que comeza a falar en galego e recibe como resposta unha cara seria e unha pregunta directa, que se explica por si soa: “¿Podrías hablarme en castellano?” ou “¿Es que no sabes hablar en castellano?” ou “¡¿Siempre hablas en gallego?!” Se a lección non estaba aprendida, para a vindeira ocasión xa o sabe. En Galiza, non existe igualdade de oportunidades no ámbito laboral para as persoas que queiran utilizar o galego con normalidade.

Cobertura legal

Cando o Parlamento de Galiza aprobou por unanimidade o Plan xeral de normalización da lingua galega recoñeceu esta problemática tan profundamente inxusta, polo que estabeleceu como un dos seus obxectivos “garantir o dereito dos traballadores a utilizaren a lingua galega nas súas relacións laborais”.

Tratábase, con iso, nin máis nin menos que de instar ao Goberno galego a que dese cobertura real, no día a día, a un principio que xa estaba recollido no artigo 4 do Estatuto dos Traballadores. Segundo alí se indica, as condicións laborais das traballadoras ou dos traballadores non se poden ver prexudicadas por falaren un ou outro idioma.

Os dereitos lingüísticos son formalmente amparados tanto no momento do acceso ao traballo como no posterior desenvolvemento da actividade laboral. Tamén no marco das relacións laborais se indica que se “entenderán nulas e sen efectos” aquelas normas que discriminen por razón de lingua. Nesta liña, no artigo 96.12 do Estatuto dos Traballadores antes citado dáselle a consideración de “moi grave” ás discriminacións por causa de idioma dentro do Estado español.

O problema chega á hora de concretar o exercicio deste dereito. Nas discriminacións lingüísticas no traballo, igual que nos casos de acoso laboral ou doutras discriminacións (por razón de sexo, cor da pel, opción sexual, etc), a persoa áchase nunha particular situación de indefensión para probar o sucedido, ademais de se ter que enfrontar á incomprensión de moita xente que non entende que o galego sexa un dereito básico e irrenunciábel.

A Capitanía de Burela

Esta semana coñeceuse o caso de dúas traballadoras e un traballador da Capitanía Marítima de Burela que sufriron e sofren acoso laboral ou mobbing no seu posto de traballo debido á súa petición de poderen utilizar o galego e reclamaren que esta administración faga uso tamén da lingua propia e cooficial de Galiza. A pesar de que arredor do 90% das mulleres e homes dese concello da Mariña falan en galego no seu día a día, o 0% (non falta ningunha cifra á dereita: o cero por cento) da documentación da Capitanía está nesta lingua.

Cómpre ter presente que as capitanías marítimas depende da Dirección Xeral da Mariña Mercante do Ministerio de Fomento. Entre outras competencias, teñen funcións vencelladas aos buques e embarcacións que manteñen a súa actividade en augas e portos galegos (tamén os de baixura e litoral que unicamente desenvolven aquí o seu traballo), labores de inspección de buques e embarcacións e xestións relacionadas coas súas tripulacións, como os enroles, titulacións etc.

Brais Fernández Prieto, Carmen Ferreiro Seoane e Manuela Arias Estévez solicitaron o cumprimento da lexislación lingüística a nivel galego e estatal, así como dos tratados internacionais sobre dereitos idiomáticos subscritos polo Estado, como a Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias promovida polo Consello de Europa.

Durante cinco meses e medio, Brais, Carmen e Manuela tentaron resolver o problema por todas as vías internas que lles foi posíbel, petando nas portas de diferentes gabinetes do propio Ministerio de Fomento, na Oficina das Linguas Oficiais do Ministerio de Administracións Públicas, na Subdelegación do Goberno en Lugo... Reivindicaban algo tan cívico e elemental como o cumprimento da lei. Que os nosos nomes de lugar figurasen na súa única forma oficial, que é a galega. Que se aplicase a norma que fala da imaxe institucional da Administración Xeral do Estado, segundo a cal os impresos de solicitude que están ao dispor do público deben estar nas linguas cooficiais de Galiza e as cabeceiras dos documentos que se impriman tamén deben estar en galego etc. Que, en fin, a Capitanía Marítima asumise que o galego é a lingua propia de Galiza e que fose unha Administración que garantise os dereitos dos administrados e das administradas.

En troca de reaccionar como correspondería, corrixindo as irregularidades e tomando as medidas para que se cumprise a lexislación, recibiron unha resposta inxusta, xorda e agresiva. Aos tres traballadores prohibiúselles facer nada en galego e ordenouse retirar o único impreso que existía neste idioma, que fora traducido e elaborado por unha das persoas acosadas. As dúas traballadoras foron, a raíz disto, mudadas de posto sen recibiren nin instrucións de traballo nin ordes de aprendizaxe para as súas novas funcións. Ao traballador pasaron a marcarlle unhas pautas de actuación diferentes ás dos seus compañeiros, restrinxíndolle o acceso á información, dificultando as comunicacións coas persoas con que ten que estar en contacto para desenvoler o seu traballo etc.

Trátase dun caso claro de acoso laboral por razóns idiomáticas. Un mobbing lingüístico con todas as letras, que acarreou e está a acarrear consecuencias para a saúde destas persoas. De feito, dúas delas están agora mesmo de baixa por ansiedade.

Movámonos

Temos que movernos para que se corrixa esta inxustiza en concreto e para que en Galiza haxa igualdade de oportunidades tamén para todas as persoas que queren desenvolver a súa vida con normalidade en galego. Na convocatoria da manifestación do vindeiro domingo, en defensa do galego baixo o lema “O galego, a nosa columna vertebral”, estarán presentes os seus casos.

Teñen que saber que nas rúas de Santiago de Compostela se concentrará o 17 de maio unha forza que se vai expandir a partir desa data aínda con máis forza en todos os centros de traballo, concellos, colexios, institutos, rúas e parroquias. Teñen que saber que cando non contratan ou acosan ou despiden a unha persoa por falar en galego imos estar todas e todos aí. Pois cando discriminan a calquera muller ou a calquera home por falar en galego nos están a discriminar a todas e a todos. E non o imos permitir.

[Na fotografía, a conferencia de imprensa en Burela, coas dúas traballadoras e o traballador, representantes da CIG e CCOO e veciñas e veciños da localidade.]