25 de fev. de 2010

Terra e Tempo dixital


Recoméndovos a visita frecuente ao novo xornal electrónico Terra e Tempo, que toma a cabeceira da histórica publicación da Unión do Povo Galego, que se continuará a editar en papel con artigos máis en profundidade.

O novo medio está promovido pola Fundación Bautista Álvarez e actualizarase diariamente con artigos que fomentarán o debate, a análise e o contraste de opinións, dentro dunha visión nacionalista, especialmente necesitada destas ferramentas para non se ver sempre sometida á negación ou á caricaturización.

O deseño e a nómina de colaboracións é excelente, así que non dubidedes en pólo entre os vosos marcadores!

24 de fev. de 2010

Primeiras reunións co Consello de Europa

Onte, varios membros da Comisión Xestora de Queremos Galego mantivemos unha reunión con Simone Klinge, do secretariado do Comité de Expertos encargado de facer seguimento do nivel de aplicación da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias.

Temos por diante un longo proceso de denuncia internacional dos ataques contra o noso idioma por parte do goberno de Núñez Feijóo. Un camiño que imos facer con enerxía e convicción de vitoria.

Non lle imos deixar a esta Xunta que vulnere os nosos dereitos lingüísticos e que se burle de tratados internacionais asinados en democracia, como é a Carta Europea das Linguas.

Temos dereito e temos razón, así que forza e adiante!

23 de fev. de 2010

Chove para que eu soñe

Menos mal que nos queda a poesía de Novoneyra, porque todos os mapas de Meteogalicia para os próximos días parecen idénticos.

A luz de Tieta



Todo dia é o mesmo dia
A vida é tão tacanha
Nada novo sob o sol
Tem que se esconder no escuro
Quem na luz se banha
Por debaixo do lençol...

Nessa terra a dor é grande
A ambição pequena
Carnaval e futebol
Quem não finge
Quem não mente
Quem mais goza e pena
É que serve de farol...

Existe alguém em nós
Em muitos dentre nós
Esse alguém
Que brilha mais do que
Milhões de sóis
E que a escuridão
Conhece também...

Existe alguém aqui
Fundo no fundo de você
De mim
Que grita para quem quiser ouvir
Quando canta assim...

Toda noite é a mesma noite
A vida é tão estreita
Nada de novo ao luar
Todo mundo quer saber
Com quem você se deita
Nada pode prosperar...

É domingo, é fevereiro
É sete de setembro
Futebol e carnaval
Nada muda, é tudo escuro
Até onde eu me lembro
Uma dor que é sempre igual...

Existe alguém em nós
Em muitos dentre nós
Esse alguém
Que brilha mais do que
Milhões de sóis
E que a escuridão
Conhece também...

Existe alguém aqui
Fundo no fundo de você
De mim
Que grita para quem quiser ouvir
Quando canta assim...

Êta!
Êta, êta, êta
É a lua, é o sol é a luz de Tiêta
Êta, êta!...(2x)

Existe alguém em nós
Em muitos dentre nós
Esse alguém
Que brilha mais do que
Milhões de sóis
E que a escuridão
Conhece também...

Existe alguém aqui
Fundo no fundo de você
De mim
Que grita para quem quiser ouvir
Quando canta assim...

Toda noite é a mesma noite
A vida é tão estreita
Nada de novo ao luar
Todo mundo quer saber
Com quem você se deita
Nada pode prosperar...

É domingo, é fevereiro
É sete de setembro
Futebol e carnaval
Nada muda, é tudo escuro
Até onde eu me lembro
Uma dor que é sempre igual...

Existe alguém em nós
Em muitos dentre nós
Esse alguém
Que brilha mais do que
Milhões de sóis
E que a escuridão
Conhece também...

Existe alguém aqui
Fundo no fundo de você
De mim
Que grita para quem quiser ouvir
Quando canta assim...

Êta
Êta, êta, êta
É a lua, é o sol é a luz de Tiêta
Êta, êta!...(4x)

22 de fev. de 2010

A Xunta vulnera dereitos lingüísticos recoñecidos a nivel europeo

Velaquí o meu artigo desta semana en Galicia Hoxe:

A Carta europea das linguas
A Xunta vulnera dereitos lingüísticos recoñecidos a nivel europeo


Hoxe e mañá desenvólvense en Santiago de Compostela unhas xornadas de análise sobre a Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias. O encontro, organizado polo Consello da Cultura Galega, está coordinado por Alba Nogueira e nel participarán coñecidos xuristas que valorarán as dimensións deste tratado internacional e a súa aplicación concreta no Estado español e en Galiza. Xunto co secretario do Consello da Cultura, Henrique Monteagudo, abrirá as xornadas Simone Klinge, pertencente ao secretariado do Consello de Europa encargado de avaliar periodicamente o nivel de aplicación deste tratado.

Hai que felicitar o Consello da Cultura Galega pola organización deste evento nun momento que é, por varias razóns, tan oportuno. En primeiro lugar, porque axudará a dar a coñecer este tratado internacional que pertence ao noso ordenamento xurídico e que nos recoñece unha serie de dereitos ás galegas e aos galegos que, inxustamente, aínda non podemos exercer. Ademais, nestes momentos o Consello de Europa está de novo no proceso de monitorización que desenvolve cada tres anos sobre o nivel de aplicación desta Carta no Estado español, polo que é acertado realizar un recordatorio en voz alta aos poderes públicos, para que asuman os seus compromisos e apliquen o sinalado neste tratado. Cómpre chamar a atención en especial ao nivel de incumprimentos por parte do Goberno galego. Desde que Alberto Núñez Feijóo asumiu a presidencia da Xunta non só non se avanzou en aplicar a Carta, senón que tamén se desmontaron algunhas medidas adoptadas polo goberno anterior no camiño do seu cumprimento.

O último informe realizado sobre a lingua galega polo Comité de Expertos do Consello de Europa encargado de avaliar o nivel de aplicación deste tratado internacional data de decembro de 2008. Repasemos as liñas básicas dese relatorio, para atendermos o que poderá dicirnos este organismo europeo dentro de poucos meses.

Visión xeral da política lingüística

O Consello de Europa consideraba xa na altura que, polo seu escaso desenvolvemento, estaba malogrado o Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado por unanimidade no Parlamento na derradeira lexislatura de Manuel Fraga Iribarne. Así, avaliaba que “os efectos derivados do plan de acción adoptado en 2004 polas autoridades galegas observáronse no ámbito da administración autonómica e local. Porén, non hai os efectos que se agardaba noutros ámbitos. No sector do ensino en particular, non obstante as interesantes iniciativas emprendidas polas autoridades, o número de alumnos que reciben educación escolar en galego segue sendo moi baixo”.

Ensino

A principal iniciativa no ensino a que se refiren é, con certeza, o decreto 124/2007, o que regula ao menos a metade das materias no noso idioma en cada etapa do ensino non universitario. Fronte ao discurso falaz da “imposición”, repetido onte e hoxe polo PP, o Consello de Europa é ben claro. Por unha banda, respalda o decreto que o actual goberno quere derrogar unilateralmente, mais pola outra sinala unha serie de melloras para a lingua galega.

Por exemplo, falan ás claras da obriga dos poderes públicos de desenvolver programas de inmersión en galego. Así, estabelece que, xunto co 50% mínimo, deberíanse implantar programas que estabelezan o galego como lingua vehicular en todas as materias e en todas as etapas. Iso desenvólveno tamén na epígrafe das “Conclusións” do seu relatorio para o conxunto do Estado español: “Na maioría das comunidades autónomas, o ensino na lingua cooficial baséase nun modelo bilingüe estruturado. Porén, isto non se corresponde cos compromisos elixidos polo Goberno español, que conlevan ofrecer así mesmo modelos de ensino impartido esencialmente nas linguas rexionais ou minoritarias. A elaboración dun modelo de plena inmersión sumado ao modelo bilingüe é o obxectivo que todas as comunidades autónomas interesadas deberían tratar de alcanzar con miras a cumpriren gradualmente os compromisos subscritos.” Por moito que lle proia aos dirixentes do PP, iso é o que di literalmente o Consello de Europa: “a elaboración dun modelo de plena inmersión sumado ao modelo bilingüe”. Nada di de que o galego sexa opcional nin de que teña topes do 30 ou do 50% como máximo nin ningunha das propostas que queren ou están xa a aplicar desde a Consellaría de Educación de Alberto Núñez Feijóo.

Por outra banda, no relatorio sobre Galiza sinálase que “o Comité de Expertos desexa eloxiar en particular as autoridades polo proxecto da Rede Galescolas”, por iren no camiño de aplicar a Carta. Non chama a atención que un dos poucos motivos de aplauso dos expertos deste organismo europeo desaparecese nun tempo récord?

Xustiza

Aínda que as modificacións substancias para garantir os dereitos lingüísticos na Administración de Xustiza non son competencia autonómica, si hai recomendacións que afectan de cheo á Xunta. En especial, que exista documentación con normalidade en galego, que se traduza a lexislación ao noso idioma e que se estabelezan “axeitados programas de formación orientados ao persoal da Administración de Xustiza e aos avogados.”

Autoridades administrativas e servizos públicos

No relatorio de finais de 2008, o Consello de Europa afea a ausencia de galego en formularios, sinalizacións e atención ao público sobre todo á Administración Xeral do Estado, mais se a cousa non muda vai ter que pór unha epígrafe específica no seu próximo relatorio sobre os retrocesos que se están a producir para o galego na Administración autonómica. Os expertos tamén constataron nesa avaliación unha “diminución do emprego das linguas cooficiais nos servizos públicos, na súa forma oral e escrita”.

Pode haber mellora cando a primeira medida adoptada por Alberto Núñez Feijóo foi modificar, por vía de urxencia, a Lei de función pública, para que o galego deixe de ser na práctica un requisito igual que o é o castelán?

Medios de comunicación

Neste punto hai dous niveis de incumprimento. En primeiro lugar, porque, a maiores da RTVG, debería existir como mínimo unha radio e televisión privadas que emitan con normalidade en galego para o conxunto de Galiza. A presenza en xeral da lingua galega nos medios considérana, con moita diplomacia, como “mellorábel”.

O articulado da Carta europea apunta tamén a obriga de que en Galiza se poidan recibir as radios e televisións portuguesas con normalidade. Sobre iso, o Parlamento galego asumiu un acordo por unanimidade na pasada lexislatura, mais aínda non se coñece a primeira medida para que chegue a concretarse.

Vida económica e social

O Consello de Europa lembra os “casos en que os traballadores foron obxecto de acoso por falar en galego” e sinala como unha das causas a “ausencia dun plan de acción para evitar estas situacións”. Dito plan continúa sen existir, nin está na axenda dunha Xunta que se encarga máis ben en desmantelar a oficialidade da nosa lingua e en considerala publicamente como “barreira” ou “muro”.

A respecto do servizo público de saúde, indica que “o persoal en cuestión fala fundamentalmente castelán, non existe un regulamento sobre o uso do galego no SERGAS e nos hospitais e non se emprenderon iniciativas para impartir formación ao persoal”. Fanse eco ademais da información recibida que apunta a que “a maior parte do persoal non está cualificado para prestar servizos en galego, e a situación é grave na atención privada de saúde, así como nos fogares de anciáns”. A situación non fixo máis que empeorar nestes meses.

A respecto do uso do galego nas sinalizacións de seguranza en todo tipo de edificios e tamén os indicadores dos soares en construción, o Comité de Expertos sinalaba con rotundidade que “non se cumpre”, mais tamén nisto os retrocesos son constatábeis.

Que facermos?

Podemos e debemos reclamar as medidas necesarias por parte dos poderes públicos para que se garantan os nosos dereitos lingüísticos. A Xunta ten obriga de cumprir os tratados internacionais subscritos en democracia, como a Carta europea das linguas. De continuar sen facelo, non só deberemos manter a tensión mobilizadora, senón iniciar vías de denuncia internacional da situación.

21 de fev. de 2010

21 días... vivindo en galego

Tirado do blog Naitologic:


Ola, Son Samanta Villar e son periodista.

Milleiros de persoas viven cada día falando soamente unha lingua, o galego. Saen a rúa, fan a compra... Porén, algo que parece un feito tan normal como é falar unha lingua, tórnase nun verdadeiro suplicio. Por que a xente é sometida a tal calvario?

Pasarei 21 días falando galego, e vivirei situacións como que alguén se negue a facerme unha entrevista de traballo por falar en galego, ou a imposibilidade de ver unha película no cine en galego...

Toda unha mostra de estoicismo lingüístico que vivirei en primeira persoa.

Isto é 21 días falando galego.

20 de fev. de 2010

Carta aberta a Don Mauro Fernández

Xabier P. Docampo publica en Vieiros unha moi recomendábel carta aberta a Mauro Fernández, en resposta a un artigo que este último publicou na edición galega de El País:

Carta aberta a Don Mauro Fernández

Prezado señor: Lin antonte un seu artigo titulado Entre impositor y galegófobo que, aínda que non me sorprendeu despois de telo escoitado a vostede no “Seminario sobre lingua, sociedade e política en Galicia” celebrado o 1 de decembro do pasado ano no CCG, contén cousas que me producen unha gran perplexidade.

Comezo por non dar comprendido a razón do uso que vostede fai da primeira persoa do plural. Certo que ese nós pode ter raíz maiestática en virtude de que vostede quere darlle ao texto un ton episcopal, o dunha carta pastoral dirixida aos fieis da súa doutrina. Outra razón para dirixirse aos lectores desde ese nosoutros pode estar en que porta vostede a representatividade dalgún grupo ou pluralidade. Entón sería ben poder identificalo, así que, vostede sabe quen son, fágao público. Eu barrunto de quen se trata, mais debo recoñecer que só son xogos da miña dedución, que é tanto como dicir da miña imaxinación.

Do contido do artigo quería atender a un par de cousas que non creo que se deban deixar sen comentar. En primeiro lugar ben sabe vostede que o xogo de dicirse equidistante a base de se arrogar o dereito a situar os extremos onde a un lle peta, é un xogo falsario de lado a lado. Porque, mire señor Fernández, se eu fago o mesmo, quero dicir, se poño o extremo dereito nas súas teses, vostede é, sen dúbida algunha, un galegófobo. O mesmo ocorre cando fala de equilibrio. A que equilibrio se refire? A aquel que, no mellor dos casos, só podería contribuír a manter a situación actual na balanza social do binomio galego-castelán? Pois mire, iso está moi perto das teses da galegofobia: deixar todo como está, que a inercia social se encargará de facer desaparecer o galego. Hai que se asegurar, din, de que non se leven a cabo ningún tipo de accións que promovan o uso do galego, facer del unha lingua inútil. Deixalo na escola (iso si, baixo férreo control), porque as competencias inútiles abandónanse.

Vese por onde quere ir vostede, señor Fernández, está claro que o obxectivo que ten posto no punto de mira é o PXNLG. E non está só neste camiño, non nos enganemos, o señor Secretario Xeral de Política Lingüística xa fixo declaracións nese mesmo ton. E para iso non se lle ocorre cousa mellor que negarlle lexitimidade ao Plan porque propón medidas de protección do galego e de promoción do seu uso. Vostede non é unha anomalía por falar castelán, cadaquén fala o que lle peta e nada teño eu contra o castelán nin contra os seus falantes, éo por negar o dereito á promoción do uso do galego. Agora compréndense ben as súas teimas, por máis que a realidade e a maioría dos expertos digan o contrario, en afirmar que o galego está a recuperar falantes: desarmar calquera acción de recuperación, conseguir que baixemos os brazos e os entreguemos ás alxemas. O seu (de vostedes, sexan quen sexan) intento de desprestixiar o PXNLG é unha argucia miserábel. Eliminar as referencias, desarmar as defensas para que o baleiro trague e destrúa a nosa lingua, merece o desprezo do pobo galego.

Señor Fernández abandone calquera disimulo. Negarlle ao pobo galego o dereito a se dotar de medios normativos de promoción do uso da súa lingua propia nunha situación coma a actual é un acto claro de galegofobia.

Atentamente,

Xabier P. Docampo

19 de fev. de 2010

Os amores covardes



Versos perfectos da coñecida canción "Óleo de mujer con sombrero", pertencente ao disco "Al final de este viaje...", de Silvio Rodríguez:
La cobardía es asunto
de los hombres, no de los amantes.
Los amores cobardes no llegan a amores
ni a historias, se quedan allí.
Ni el recuerdo los puede salvar,
ni el mejor orador conjugar.


Na mesma liña vai tamén estoutra canción do Silvio,"Con diez años de menos", do disco "Rabo de nube":
Con diez años de menos habría blasfemado.
Con savia de su cuerpo quemaría los templos
para que los cobardes tomaran ejemplo.

17 de fev. de 2010

A mellor escusa

O Adoniran Barbosa puxo nesta canción, coa súa voz tan grave, a mellor escusa para non ficar a carón da amada / pretendente. É tarde, hai un único tren para alí onde vive, que sae xustiño agora e, aínda por riba, é fillo único e súa nai non dorme até que el chegue. Todas xuntas, eh?!

Gozade, cantade e bailade!



Não posso ficar
Nem mais um minuto com você
Sinto muito, amor
Mas não pode ser

Moro em Jaçanã
Se eu perder esse trem
Que sai agora, às 11 horas
Só amanhã de manhã

E além disso mulher
Tem outra coisa
Minha mãe não dorme
Enquanto eu não chegar
Sou filho único
Tenho minha casa p'ra olhar

16 de fev. de 2010

"A partir de ahora voy a vetar de verdad"

Reproduzo o comunicado emitido pola sección da CIG na CRTVG, onde se recollen algúns acontecementos sobre a manipulación informativa da Radio Galega na xornada de folga e manifestación do 21 de xaneiro. Urxe unha investigación a fondo, porque isto non é de recibo nos nosos medios públicos:
A Coordinadora da CIG viña prestando especial atención á situación creada nos departamentos de Informativos e Programas durante as últimas semanas, sobre todo a raíz das mobilizacións contra o Decreto do Plurilingüismo.

Tras debater sobre os feitos relatados por algúns dos seus membros e corroborados por diferentes testemuñas de traballadores, acordou propor ó Comité de Empresa a aprobación dun escrito denunciando a situación. Pero por diferentes causas alleas á vontade desta Coordinadora, o Comité non se reuniu este pasado xoves como adoita facer e como estaba convocado.

Daquela a CIG considera que non se pode agardar máis para reaccionar ante uns feitos que consideramos graves e que expomos de contado.

Na xuntanza de hoxe a CIG ACORDOU:

Lamentar e condenar as ameazas que a Subdirectora de Contido, Rosa Sierra, lanzou a toda a redacción, de viva voz , nun intento de meterlle medo ós traballadores que “ousen” falar de vetos ós redactores.

As súas palabras, dirixidas a toda a redacción , “a partir de ahora voy a vetar de verdad” , nun ton exaltado e ameazador, non se poden consentir nunha empresa cunhas relacións laborais ordenadas e razoables. Por se non abondase , ó dia seguinte chegou a repetir a advertencia : "Hasta ahora fui una señora. A partir de ahora se van a cagar”, frase pronunciada nunha conversa cun traballador pero en ton moi alto e perfectamente audible en boa parte da redacción, con clara intención de que todos a escoitasen.

Os feitos descualifícanse de seu e non pasarían de ser unha lamentable “saída do testo” se non fose porque representan un intento de asustar os traballadores ós que se considera co-partícipes do “pecado” de preguntar polos motivos dunha decisión da Dirección. Estas ameazas son, ademais, un ataque á independencia profesional dos xornalistas, incompatible coa propia existencia dun medio público como a Radio Galega.

Este episodio complétase co tratamento informativo que tivo todo o referido ó polémico Decreto, tratamento no que a RG amosou, unha vez máis, que está só para servir os intereses da Xunta.

Poderase negar esta afirmación, pero a realidade é teimuda en demostralo. Dende entrevistas a eito a prol do decreto, con preguntas do entrevistador cargadas de opinión, ata intentos de impoñer convidados en determinados programas, pasando por ordes para abrir as información con determinadas frases, compuxeron un panorama de manipulación informativa só superado coa propia noticia do día da manifestación contra o Decreto. Chegouse a facer “contra-información preventiva”: na véspera da protesta, o Redactor Xefe xa tiña escrito un texto con cortes de voz de persoas opostas á xornada de folga no ensino. Se os convocantes non tiveron voz para falar da incidencia do paro, si falaron un representante dunha ANPA e o secretario dun CEIP que, a título particular , amosaron a súa oposición á folga.

E nestes días as medidas de control sobre o que escribe o persoal, subiron un grao: ós traballadores de programas e ás delegacións, obrígaselles a escribir no sistema aberto, algo que se levaba pedindo dende hai tempo por necesidades operativas. Pero adoptar agora esa decisión parece obedecer a un intento dos xefes por aumentar o control preventivo da censura, máis que por solucionar os problemas que había de acceso á información.

Resulta particularmente rechamante que estas actuacións partan da Directora de Contido e do Redactor Xefe, dúas persoas que ata hai pouco tempo tiñan responsabilidades ó máis alto nivel na representación dos traballadores: presidenta do Comité de Empresa e Delegado Sindical, respectivamente.

A Coordinadora da CIG considera que sería fundamental, para tratar de atallar esta desfeita na política informativa da RG, botar a andar, dunha vez por todas, os Consellos de Redacción, cuxa constitución está dende sempre recollida nos distintos Convenios Colectivos da CRTVG. E nese senso lembrámoslle ó Director Xeral que moitos dos membros do seu actual equipo directivo na TVG foron arduos defensores, radicais reclamantes, da creación deses Consellos. Nas súas mans está, agora, facelo. Nese labor pode contar con este sindicato.

Acórdase dar publicidade a este escrito e remitirlle copias ó Director Xeral e á Directora Xerente da Radio Galega, como responsables últimos de todo o aquí recollido, facéndolles a petición de que reclamen dos seus mandos intermedios un pouco de sosego e sentidiño, un chisco máis de profesionalidade e o respecto á liberdade no exercicio xornalístico dos seus locutores e redactores. Seguiremos tentando que o Comité de Empresa se pronuncie sobre a situación.

O enterro do burrador

Mañá, a plataforma Queremos Galego da Estrada fechará o Antroido co Enterro do Burrador, das 18 ás 21 h:
CONVIDÁMOSVOS A ACOMPAÑAR AO BURRADOR polas rúas desta vila até a Praza do Mercado para logo darlle alí, A LUME E BRASA con fume purificador de esquecemento para sempre, o despido festivo que merece, a compás de rogos devotísimos, cantigas de sons purísimos e vivas moi sentidas. Todo así para a súa marcha definitiva, proclamando xubilosamente
QUE NOS DEIXE EN PAZ

15 de fev. de 2010

A homofobia e o touro verde

No meu artigo desta semana en Galicia Hoxe fago unha aproximación ao poema de Lorenzo Varela "O Touro". Nesta ocasión, repaso aspectos que xa expuxera no meu libro Unha historia que nos pertence, mais voltarei ben axiña sobre o tema con algunhas anécdotas interesantes sobre a cuestión.


O TOURO
(Na proba do bispo Adaúlfo)

¿Quen lle dixo ó touro verde
nas ribeiras verdes de Iria
o que non sabía a morte
o que a serpe non sabía?
-¿Onde vades, feligreses,
que non levades folía?
-Imos ver si a cruz é demo,
si é muller a varonía,
si o que era peito foi lombo
si se trabucóu a vida.
¿Quen lle dixo ó touro verde
segredos de sodomía?
¿Ou como viron seus ollos
unha verdade escondida?
De corno a corno levaba
o touro verde de Iria,
unha aureola dourada
como un sol morto na ría.
¡Aquel touriño non era
touro como os desta vida!

14 de fev. de 2010

Pero bicas ben e gústame estar contigo

Se hai uns días actualizaba o blog co desgarro do desamor nos versos de Pilar Pallarés, hoxe é a vez da celebración do gozo cómplice e correspondido, aínda que sexa sen pronunciar sílabas supremas e sublimes como as que tanto se estilan nunha data como a de hoxe.

Os dous poemas a seguir pertencen a Delicia, de Yolanda Castaño, e poden encontrarse en Erofanía. Triloxía poética (1995-1998), a recente compilación dos tres primeiros libros da autora (con Elevar as pálpebras e Vivimos no ciclo das erofanías), que vos recomendo que compredes e leades. Estas obras marcaron un punto de inflexión na poesía galega, cun renovado protagonismo feminino que fala, libre, do sexo e do desexo.

Se falase de ti non pronunciaría
as sílabas supremas
pero bicas ben e gústame estar contigo.
O meu verde co teu azul.
Delirio de ramas.
O meu verde co teu azul.

Abstéñome de pronunciar esas sílabas sublimes
pero gústame como abrazas e o teu pelo fai xogo co teu vestido.

Os teus dedos patinan nas miñas medias.
O meu verde co teu azul.



DELICIA

Aliméntasme co sangue da fresca confitura
deses marmelos loiros
que amarelan coa maturidade do abrazo.
Epiderme en ambrosías
delicadamente zumosas e lentas coma vagas lentas.
Ven a confortar, a sustentarme o padal enfeitizado
para caer encol de min coma maná...

Agasallas as papilas expectantes con macedonia escarchada,
nésperos de mel e leves malvasías.

Deixa que sexa
unha boca de fame cada poro. Nútreme
das froitas e dos níscalos
deste estío delicioso



11 de fev. de 2010

Nadiña cotidiano

Hai moitas cousas que quero pór no blog, mais non dou feito. Ando xusto de tempo, entre moitos líos persoais que se entrecruzan e tamén moitos proxectos por finalizar.

Nin para o bo nin para o mao teño unha vida tan pautada como a da marabillosa canción "Cotidiano" do Chico Buarque:

9 de fev. de 2010

Solidariedade urxente cos Tres do Eixo

o3doeixo468x60

Fágome eco dunha acción urxente que cómpre divulgar e apoiar:

Hoxe máis que nunca é urxente a vosa solidariedade cos 3 do Eixo.

Neste momento teñen que facer fronte ao desembolso de 35.000 € en concepto de xuros de mora, que se suman ás importantes cantidadades que xa tiveron que pagar. Esta situación é absolutamente insostible para a súa economía e están abocados a un inminente embargo das súas vivendas e salarios se non satisfacen este pagamento en dez días. É, pois, moi urxente a solidariedade de todos nós para que isto non aconteza.

Pedimos a vosa colaboración para difundir a campaña “35.000 para os 3 do Eixo”, así como as achegadas individuais e colectivas na conta de Caixa Galiza 2091 0348 12 3040012185

Nesta páxina podedes atopar os banners para difundir esta camapaña nas vosas webs e blogs persoais. É imprescindíbel tamén a difusión desta mensaxe entre as vosas amizades vía: SMS, correo-e, teléfono, twitter, facebook…

Para calquera aclaración, dúbida ou suxestión podedes contactarnos no enderezo ostresdoeixo@gmail.com

Agradecemos por anticipado a vosa solidariedade.

PLATAFORMA POLO INDULTO DOS 3 DO EIXO

8 de fev. de 2010

Rosalía nos ollos de Curros

Velaquí o artigo desta semana en Galicia Hoxe:


Rosalía nos ollos de Curros
No 125 aniversario da morte de Rosalía de Castro

No emerxente sistema literario galego do século XIX cobra un especial relevo o recoñecemento inter pares dos escritores, ante a carencia ou inmensa fraxilidade doutras posibilidades de institucionalización. Así, na obra de Manuel Curros Enríquez aparece reiteradamente a exortación a ler escritores galegos, co argumento de evitar a alienación.

Entre estes autores ten unha relevancia especial unha muller, Rosalía de Castro, casada (co que iso ten de proxección pública) cun dos nomes máis importantes do movemento protonacionalista: Manuel Murguía. Ademais de convidar a ler os textos da escritora, a aparición rosaliana na obra de Curros prodúcese basicamente introducindo a propia autora como elemento temático, dándolle a consideración de símbolo da patria e vítima dos grupos que están contra o recoñecemento de Galiza. A creadora dos Cantares gallegos aparece nos versos de Curros sobre todo despois da súa morte, aínda que o escritor non deixará de recoñecela xa en vida (por exemplo, denominando a lingua como “harpa inmortal da doce Rosalía”, nos Aires da miña terra).

Curros posiciónase firme para reivindicar a pervivencia da autora na memoria do país en momentos históricos especialmente adversos. Por exemplo, en 1891, cando se data o poema “A Rosalía”, existía unha fortísima polémica sobre o traslado dos seus restos desde o cemiterio da Adina até San Domingos de Bonaval, onde hoxe repousan. Ese traslado foi boicotado pola Igrexa e as forzas da Restauración, mais abre unha etapa de utilización de Rosalía como símbolo da patria (así denominada) por parte dos rexionalistas.

Por outra banda, en 1904, cando se data o excepcional poema “Na tumba de Rosalía”, esta caera nun período de escasa difusión popular e aínda carecía de recoñecemento académico, que comezaría a producirse en 1909, coa edición madrileña en tres tomos das súas obras completas. Mais en 1904, cando Curros realiza a ofrenda floral e poética, nunha pequena visita a Galiza despois de dez anos en Cuba por perseguición política, o mausoleo compostelán onde se trasladaran os restos da escritora encontrábase nunha situación de abandono. Así, este poema é tamén un alegato contra o esquecemento dunha figura que loitou polos dereitos de Galiza e das que consideraba as súas representantes máis xenuínas: as clases traballadoras.

“Na tumba de Rosalía” constitúe, así mesmo, unha contundente crítica ao imperialismo a nivel internacional unida a unha vivisección da alienación de Galiza, onde “cecais que gabar grorias estrañas/ nos console das propias que perdemos”. Hai unha preocupación concreta polo desprazamento da cultura galega pola española, que se produce tamén reprimindo con métodos violentos nas escolas o uso do noso idioma ou o mantemento dos nosos costumes:
O valor, o carácter, as ideas,
fala, costumes... son “lendas douradas”.
¿De que coor serán ¡ai! as alleas
que nos fan ler a couces e pancadas?


N’O divino sainete contestara Curros as primeiras manipulacións de sentido da obra rosaliana, identificando Emilia Pardo Bazán –a principal representante do subsistema literario español na Galiza– como figura antitética. Mesmo na homenaxe póstuma a Rosalía que organizou o Círculo de Artesáns da Coruña a condesa criticou o “renacimiento” literario e considerou as composicións de Follas novas como “poemitas”. Por iso estes diálogo no canto III d’O divino sainete:

Eu sosteño, e traio probas,
que Galicia esperta; dígao
a autora das
Follas novas.

-¡Valente choromiqueira!
Poetas dese feitío
cómpranse a centos na feira.

Fai anos que unha mala peza
quixo coroala en vida
i eu tireillo da cabeza.

-Agora comprendo o gusto
con que lle rezou pola alma...
-Honrar aos mortos é xusto.

-Ese deber todos temos;
pero inda máis xusto acho
que os vivos non deshonremos.
Tamén nesta liña, nun fragmento do poema “O convento” (que é o número 31 da edicición testamentaria dos Aires da miña terra) faise un panorama da vida artística (sobre todo literaria) galega, onde uns loitaban por identificarse co país que emerxía, con toda a hostilidade social a que iso correspondía, e outros manifestábanse en contra da existencia dun campo cultural galego. Curros non anda con medias tintas:
Á cencia, á industria, ó arte
podes tamén, si queres, dedicarte:
Vivir do merodeo
do pensamento alleo
no cadro, na novela, na poesía;
faguerlle en vida ás nosas grorias guerra,
e sólo cando está baixo da terra
acordarte da probe Rosalía...
Os poemas “A Rosalía” e “Na tumba de Rosalía” padeceron modificacións significativas na súa transmisión textual, que mudaban aspectos importantes do seu sentido xenuíno, como a defensa explícita da lingua galega e a denuncia da agresividade contra Rosalía de Castro. Foi a crítica literaria desde o campo nacionalista –co nome chave de Francisco Rodríguez– quen alertará destas manipulacións, aínda hoxe rotineiramente repetidas, mesmo nalgúns manuais escolares.

En ambos os textos, hai unhas estratexias textuais que rompen de vez coa imaxe máis tópica e deturpada da escritora. Quen os lea, verá que se describe Rosalía como unha profeta (alguén que chega cunha mensaxe de redención), presentada como símbolo da patria galega e referente dunha loita de todos os pobos. Mais, polo contrario, no proceso de mitificación distorsionadora a respecto do que representou e significou en vida, no futuro poríase o acento na “Pobre da Tola”, esquecendo a “Musa dos Pobos”; triunfou a idea da “santiña”, igual que a da “choromiqueira” e a da “intuitiva xenial” fronte á noción da muller combativa e consciente, vítima da hostilidade social.

Este ano 2010 conmemoramos o 125 aniversario da morte de Rosalía de Castro. A efeméride podería ser unha boa escusa para divulgarmos mellor na sociedade, lonxe das deturpacións repetidas e tópicas, tanto a obra como o sentido das loitas revolucionarias da autora inaugural da literatura galega contemporánea. Ademais da indispensábel lectura completa e directa dos seus textos, os ollos poéticos de Curros sobre ela pódennos ser de grande axuda.

7 de fev. de 2010

Porque se amas serás o abandonado

Un precioso poema de Pilar Pallarés, do Livro das Devoracións, reeditado o ano pasado e que vos recomendo que compredes e leades quen aínda non o fixésedes:

Arte do gato

Ollar pausadamente o mundo desde lonxe
porque chegache ao alvo,
atrapache a sua eséncia
e era de desposesión.

Pero às veces o mundo ten a forma
deste sol de mañá que aquece os músculos,
deste ceu maternal que te amolece:
dar-se por hoxe ao éxtase,
render-se ante este asédio,
fazer como que a vida decidiu a xogada
e ten o rosto de deus.

Indolente e soberbo,
epicúreo
e escéptico,
contemplar o vazio na multiplicidade
e non desexar nada
e non amar
porque o amor é ficción, o anseio un canto
que as sereas erraron,
porque se amas serás o abandonado.

Deixar que as águas pasen
e os exércitos,
e un dia máis se incline baixo o peso de Hércules.

Só unha lene araxe arrepia o teu flanco,
distende a tua pupila.


5 de fev. de 2010

Desmontando a galegofobia


O libro 55 mentiras sobre a lingua galega ten hoxe unha presentación de Guinnes, con 69 lugares do mundo dando a coñecer este libro de forma simultánea. Aquí e aquí podedes consultar cal é o acto que vos queda máis próximo. Eu irei escoitar e aplaudir ás 20.30 h na libraría Couceiro de Santiago aos compañeiros Xosé Luís Regueira, Antón Dobao e Mª do Carme Ríos Panisse.

Quen non vos poidades achegar a ningunha das numerosas presentacións, sabede que tamén podedes ver en directo, desde aquí, a presentación en Vigo, con Agustín Fernández Paz, Manuel Bragado e Xosé Henrique Costas. Este último, sempre dinámico, activo e pedagóxico na defensa do noso idioma, foi o coordinador deste volume para ler e agasallar.

A profesora Pilar Ponte preparou esta presentación coas respostas a 20 das falsidades que se verten contra o noso idioma:

4 de fev. de 2010

Nine: un filme malogrado

Encántanme os filmes musicais. Desde The Sound of Music até Dancer in the Dark, pasando por Cabaret, Chicago, Moulin Rouge, Hedwig and the Angry Inch, Mamma Mia! e tantísimos outros. Atráenme ademais as películas con protagonismo coral feminino, como 8 femmes e Volver.

Pensaba que en Nine había algo disto, mais todo o que encontrei foi unha trama superflua e previsíbel, cunhas cancións orixinais malísimas e ridículas, nas que o hortera mesmo se presenta como algo tan sublime e profundo que só produce vergoña allea.

Aínda que algunhas actuacións poñan todo o seu esforzo en salvar as planísimas personaxes do filme e a fotografía estea moi coidada, desaconséllovos pagar entrada por ver iso.

3 de fev. de 2010

Saudoso

Aínda que non me gustan moito os vídeos que consisten nunha sucesión de fotografías, aquí vos deixo o que encontrei en youtube coa canción "¿A dónde van?", do Silvio Rodríguez, por ser o que tiña o mellor audio nestes momentos. Por certo, agardemos que o Silvio non demore moito en sacar o seu novo disco, Segunda cita, que xa nos anunciara para 2009 e que agora parece que chegará para mediados deste ano.

2 de fev. de 2010

As dúas principais institucións culturais do país critican a fondo o decretazo

Falaron as dúas principais institucións culturais do país sobre o decretazo e fixérono con absoluta claridade. Agora é responsabilidade do Goberno escoitalas a elas e a todas as entidades sociais que, nun clamor unánime, reivindican unha política de promoción do noso idioma no sistema educativo, de acordo co Estatuto, a Lei de normalización lingüística, o Plan xeral de normalización da lingua galega e a Carta europea de linguas rexionais ou minoritarias; isto é, os consensos que nos representan a todas e a todos.

Cómpre lembrar, ademais, e isto é moi importante, que a análise da Academia Galega se aprobou por unanimidade e o ditame do Consello da Cultura Galega sen ningún voto en contra, a pesar de que no plenario desta última institución está representado o propio Goberno galego.

Velaquí os documentos oficiais, para ler e divulgar:

Vídeo do discurso final da manifestación do 21 de xaneiro

Deixo aquí o vídeo, gravado da man de Xoán Carlos Garrido Couceiro, da miña intervención no feche da manifestación do pasado 21 de xaneiro.

Podedes ler a transcrición do discurso nestas dúas entradas anteriores. Ademais, lembrade que hai un precioso vídeo-crónica do que foi esa xornada nesta ligazón; aí, poderedes escoitar tamén aos compañeiros e compañeiras que leron o manifesto da convocatoria, que sinalan as liñas básicas que non cruzaremos, por moito que queiran confundirnos.

Intervención de Carlos Callón desde o perfil de Queremos Galego en Vimeo.

1 de fev. de 2010

Todos os galegos e todas as galegas somos responsábeis da nosa lingua

Continúo e finalizo esta semana en Galicia Hoxe coa transcrición (de novo, con escasas mudanzas) do meu discurso na praza do Obradoiro no final da mobilización do pasado 21 de xaneiro, para nos defendermos do decretazo contra o galego. É significativo que, a pesar da unanimidade das comunidades educativas, a Xunta aínda manteña a súa postura intransixente a respecto do decretazo e insultante cara á maioría do profesorado, estudantado e familias, que participaron na folga e nos actos convocados. Imos seguir adiante até o final con forza, intelixencia e entusiasmo!



Somos responsábeis do galego

E aínda máis. Señor conselleiro de Presidencia, señor conselleiro de Cultura, señor conselleiro de Educación, señor presidente da Xunta: Hai algún lugar do Estado español, de Europa, do mundo onde se aplique unha proposta de decreto como a que vostedes defenden? Dígannolo!

Que nos pasa? Por que nós non podemos ter ese mesmo dereito que teñen outros lugares do mundo no cal o seu sistema educativo reforza –evidentemente!–, e garante a competencia na súa lingua propia? Que acontece? Por que iso non pode ser así?

Tamén entrando na política lingüística en xeral podemos dicir o mesmo. Como todo o que estamos vendo coa Lei de función pública, na televisión pública, na radio pública... Os Teletubbies, por exemplo, que pode parecer unha anécdota, pero non o é. Era da pouquiña programación infantil que tiñamos en galego e deciden emitila en inglés. Din: “No, es que así los niños ya se van habituando a escuchar inglés. Pero lo emitimos subtitulado, ¡eh!”

Os Teletubbies, como sabedes, son para nenos e nenas menores de tres anos. Se algún neno ou nena de menos de tres anos ve os Teletubbies e le os subtítulos, entrevísteno na TVG!

Pero é máis. Como sabedes, na maioría dos lugares do mundo non dobran, subtitulan, excepto a programación infantil, porque as crianzas máis pequenas non saben ler. Somos o único lugar do mundo onde emiten os Teletubbies subtitulados! En ningún outro! En ningún outro lugar do mundo!

Porque o que lles molesta é a nosa lingua, o que lles molesta é que a defendamos, o que lles molesta é que defendamos o dereito básico (que a ninguén prexudica, excepto a quen teña prexuízos ideolóxicos) que é o dereito a vivirmos no noso idioma.

Pero vemos como o galego une. Vémolo hoxe, vémolo aquí e nas mobilizacións que se están a realizar simultaneamente en moitas comarcas do país, en Bruxelas, en Bos Aires e en moitos outros lugares. Dicía Uxío Novoneyra, compañeiro sempre presente nestas mobilizacións, a quen este ano se lle dedica o Día das Letras: “Todos os galegos e galegas somos responsábeis da nosa lingua”. Todos os galegos e galegas, mesmo aqueles que no día a día non o falan e que, desde logo, están convidados, estades convidados tamén os que estades presentes se aínda non destes ese salto, a facelo. Porque, sempre, a mellor defensa que se pode facer dun idioma é utilizalo.

Pero une. O galego une; Feijóo, separa. O galego une; esta Xunta que non nos merecemos, lamentebelmente, divide, enfronta, separa.

Dicían onte ou antonte desde o Partido Popular: “¡Si van a ir los mismos que van siempre!”, “esos cuatro gatos”... Podédelo ver nas súas notas de imprensa, na súa páxina web. Mais deberían escoitar a sociedade. Debería aprender, señor presidente da Xunta, a conxugación do verbo escoitar, do verbo dialogar, e atender de verdade o que di a sociedade.

Vemos tamén que queren criminalizar. Din que vimos coaccionados, que coaccionamos e non se sabe cantas máis barbaridades facemos! Vemos que queren enmerdar as nosas lexítimas reivindicacións e solicitudes. Vemos que queren cansarnos nunha carreira longa, de fondo, para que acabemos baixando a bandeira da lexítima defensa do noso idioma.

Ante iso, xa que agora temos que aprender tanto inglés, acordeime dun soneto de Shakespeare. E, por certo, nin que estivésemos en contra da aprendizaxe de linguas! En todo caso, son eles os que na realidade non reforzan a aprendizaxe do inglés no sistema educativo! Aquí non hai un dilema “ou inglés ou galego”. Ou é que os galegos temos algo que nolo impida? Hai que repetilo: Somos máis parvos e non podemos aprender galego, castelán, inglés etc? Hai algo que nos impida de verdade aprender idiomas?

Recórdanme, digo, o soneto 66 de Shakespeare, especialmente lindo, onde fala como ante as inxustizas, quen ostenta o poder logra presentarnos o mundo xusto ao revés de como acontece. Finaliza Shakespeare o seu poema: “Canso de todo isto, deixaría o mundo,/ salvo porque, ao morrer, deixaría só a quen amo.” Temos que ter presente o noso amor pola lingua galega, do que tanto falamos nestas mobilizacións, con ese verso do compañeiro Uxío Novoneyra, de que “a forza do noso amor non pode ser inútil”.

Esta vai ser unha loita seguramente longa, porque estamos ante un goberno que se nega a escoitar a voz unánime da sociedade galega; unha loita na cal non podemos desfalecer. Mirade ao voso redor! Hai moitísimas razóns, máis razóns que nunca, para defendermos o noso idioma. Teñamos ben claro que a nosa é unha loita lexítima, en contra de ninguén, e en defensa de algo que nos beneficia a todas e a todos, ao conxunto da sociedade.

Mirade ao voso redor! Collede forzas, porque temos unha longa batalla por diante! Agora ben, queremos que o goberno escoite, que retire este decreto. De nós depende!

Este decreto ímolo tombar!

Viva Galiza! Viva a lingua galega!