8 de fev de 2010

Rosalía nos ollos de Curros

Velaquí o artigo desta semana en Galicia Hoxe:


Rosalía nos ollos de Curros
No 125 aniversario da morte de Rosalía de Castro

No emerxente sistema literario galego do século XIX cobra un especial relevo o recoñecemento inter pares dos escritores, ante a carencia ou inmensa fraxilidade doutras posibilidades de institucionalización. Así, na obra de Manuel Curros Enríquez aparece reiteradamente a exortación a ler escritores galegos, co argumento de evitar a alienación.

Entre estes autores ten unha relevancia especial unha muller, Rosalía de Castro, casada (co que iso ten de proxección pública) cun dos nomes máis importantes do movemento protonacionalista: Manuel Murguía. Ademais de convidar a ler os textos da escritora, a aparición rosaliana na obra de Curros prodúcese basicamente introducindo a propia autora como elemento temático, dándolle a consideración de símbolo da patria e vítima dos grupos que están contra o recoñecemento de Galiza. A creadora dos Cantares gallegos aparece nos versos de Curros sobre todo despois da súa morte, aínda que o escritor non deixará de recoñecela xa en vida (por exemplo, denominando a lingua como “harpa inmortal da doce Rosalía”, nos Aires da miña terra).

Curros posiciónase firme para reivindicar a pervivencia da autora na memoria do país en momentos históricos especialmente adversos. Por exemplo, en 1891, cando se data o poema “A Rosalía”, existía unha fortísima polémica sobre o traslado dos seus restos desde o cemiterio da Adina até San Domingos de Bonaval, onde hoxe repousan. Ese traslado foi boicotado pola Igrexa e as forzas da Restauración, mais abre unha etapa de utilización de Rosalía como símbolo da patria (así denominada) por parte dos rexionalistas.

Por outra banda, en 1904, cando se data o excepcional poema “Na tumba de Rosalía”, esta caera nun período de escasa difusión popular e aínda carecía de recoñecemento académico, que comezaría a producirse en 1909, coa edición madrileña en tres tomos das súas obras completas. Mais en 1904, cando Curros realiza a ofrenda floral e poética, nunha pequena visita a Galiza despois de dez anos en Cuba por perseguición política, o mausoleo compostelán onde se trasladaran os restos da escritora encontrábase nunha situación de abandono. Así, este poema é tamén un alegato contra o esquecemento dunha figura que loitou polos dereitos de Galiza e das que consideraba as súas representantes máis xenuínas: as clases traballadoras.

“Na tumba de Rosalía” constitúe, así mesmo, unha contundente crítica ao imperialismo a nivel internacional unida a unha vivisección da alienación de Galiza, onde “cecais que gabar grorias estrañas/ nos console das propias que perdemos”. Hai unha preocupación concreta polo desprazamento da cultura galega pola española, que se produce tamén reprimindo con métodos violentos nas escolas o uso do noso idioma ou o mantemento dos nosos costumes:
O valor, o carácter, as ideas,
fala, costumes... son “lendas douradas”.
¿De que coor serán ¡ai! as alleas
que nos fan ler a couces e pancadas?


N’O divino sainete contestara Curros as primeiras manipulacións de sentido da obra rosaliana, identificando Emilia Pardo Bazán –a principal representante do subsistema literario español na Galiza– como figura antitética. Mesmo na homenaxe póstuma a Rosalía que organizou o Círculo de Artesáns da Coruña a condesa criticou o “renacimiento” literario e considerou as composicións de Follas novas como “poemitas”. Por iso estes diálogo no canto III d’O divino sainete:

Eu sosteño, e traio probas,
que Galicia esperta; dígao
a autora das
Follas novas.

-¡Valente choromiqueira!
Poetas dese feitío
cómpranse a centos na feira.

Fai anos que unha mala peza
quixo coroala en vida
i eu tireillo da cabeza.

-Agora comprendo o gusto
con que lle rezou pola alma...
-Honrar aos mortos é xusto.

-Ese deber todos temos;
pero inda máis xusto acho
que os vivos non deshonremos.
Tamén nesta liña, nun fragmento do poema “O convento” (que é o número 31 da edicición testamentaria dos Aires da miña terra) faise un panorama da vida artística (sobre todo literaria) galega, onde uns loitaban por identificarse co país que emerxía, con toda a hostilidade social a que iso correspondía, e outros manifestábanse en contra da existencia dun campo cultural galego. Curros non anda con medias tintas:
Á cencia, á industria, ó arte
podes tamén, si queres, dedicarte:
Vivir do merodeo
do pensamento alleo
no cadro, na novela, na poesía;
faguerlle en vida ás nosas grorias guerra,
e sólo cando está baixo da terra
acordarte da probe Rosalía...
Os poemas “A Rosalía” e “Na tumba de Rosalía” padeceron modificacións significativas na súa transmisión textual, que mudaban aspectos importantes do seu sentido xenuíno, como a defensa explícita da lingua galega e a denuncia da agresividade contra Rosalía de Castro. Foi a crítica literaria desde o campo nacionalista –co nome chave de Francisco Rodríguez– quen alertará destas manipulacións, aínda hoxe rotineiramente repetidas, mesmo nalgúns manuais escolares.

En ambos os textos, hai unhas estratexias textuais que rompen de vez coa imaxe máis tópica e deturpada da escritora. Quen os lea, verá que se describe Rosalía como unha profeta (alguén que chega cunha mensaxe de redención), presentada como símbolo da patria galega e referente dunha loita de todos os pobos. Mais, polo contrario, no proceso de mitificación distorsionadora a respecto do que representou e significou en vida, no futuro poríase o acento na “Pobre da Tola”, esquecendo a “Musa dos Pobos”; triunfou a idea da “santiña”, igual que a da “choromiqueira” e a da “intuitiva xenial” fronte á noción da muller combativa e consciente, vítima da hostilidade social.

Este ano 2010 conmemoramos o 125 aniversario da morte de Rosalía de Castro. A efeméride podería ser unha boa escusa para divulgarmos mellor na sociedade, lonxe das deturpacións repetidas e tópicas, tanto a obra como o sentido das loitas revolucionarias da autora inaugural da literatura galega contemporánea. Ademais da indispensábel lectura completa e directa dos seus textos, os ollos poéticos de Curros sobre ela pódennos ser de grande axuda.

2 comentários:

  1. Grazas por esta magnífica lección. Tes razón este ano podiamos intentar que o mundo coñeza a Rosalia galega. Eu apúntome

    ResponderExcluir
  2. Pois poñámonos a iso, compañeira, e reclamémosllo ás institucións!

    Unha apertiña e moitas grazas!

    ResponderExcluir