Mostrando postagens com marcador Alba Nogueira. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Alba Nogueira. Mostrar todas as postagens

16 de out. de 2011

Reportaxe sobre a lingua en V TV

V TV emitiu o pasado mes de maio, dentro do programa "Mobilízate", un pequeno documentario, de pouco máis de 40 minutos, sobre a situación do noso idioma.

Penso que é interesante de ver.

28 de mar. de 2011

Da lingua tóxica á lingua prohibida

Velaquí o artigo desta semana en Galicia Hoxe, que comeza falando dos últimos histrionismos da asociación contra o galego que promoveu o PP e termina centrándose nun dos ámbitos onde se producen vulneracións moi graves dos nosos dereitos lingüísticos: o laboral.

A respecto do primeiro transmitir publicamente todo o meu apoio á profesora de Coñecemento do Medio do CEIP María Pita da Coruña, difamada por usar o galego na súa materia. O actual presidente da Xunta debería pedir perdón por todas estas barbaridades que el propiciou e propicia.


O galego no traballo
Os nosos dereitos lingüísticos no ámbito laboral


Esta semana saíu en varios medios de comunicación unha dirixente de Galicia Bilingüe (actuou como tal, por exemplo, en programas de Correo TV de xaneiro do ano pasado) que se queixaba de que o seu fillo tiña que utilizar na escola un libro de texto en galego. A portavoz desta asociación contra o galego que alimentou o Partido Popular demostraba, coa súa denuncia, a situación calamitosa que padece o noso idioma no ensino. Fronte aos cánticos da Xunta sobre unha situación de “equilibrio”, casos como o exposto demóstrannos que a lingua propia do país está case varrida nunha parte considerábel dos centros. A denuncia, observemos, non é porque haxa inmersión lingüística ou un 50% das aulas. A denuncia é porque o seu neno utiliza un único libro de texto en galego, que polos vistos ha de empregar a mesma tinta que a do bibliotecario Jorge de Burgos n’O nome da Rosa.

Mentres o histrionismo galegófobo continúa a campar, a realidade é que as persoas que queremos utilizar a lingua de Galiza nos continuamos a encontrar cunha sucesión de vulneracións graves dos nosos dereitos lingüísticos. Un dos ámbitos sobre o que nos seguen a chegar moitas queixas desacougadas á Mesa pola Normalización Lingüística é no laboral. Sorprenderíavos se soubésedes cantas empresas prohiben ou dificultan a utilización do noso idioma aos seus traballadoras e traballadores. Perante esta situación, é importante que coñezamos os nosos dereitos e que saibamos que é o que podemos facer.

Non á discriminación

A lexislación sobre dereitos laborais indica claramente que existe o dereito á non discriminación por causa de lingua, de xeito que as condicións laborais das traballadoras ou dos traballadores non se poidan ver prexudicadas por falaren un ou outro idioma.

O Estatuto dos Traballadores, no seu artigo 4.2.c sinala que as traballadoras e os traballadores teñen dereito “a non ser discriminados para o emprego, ou unha vez empregados”, entre outros motivos, “por razón de lingua”. É importante o feito de que os dereitos lingüísticos son formalmente amparados tanto no momento do acceso ao traballo como no posterior desenvolvemento da actividade laboral.

Perante a existencia de axencias de colocación tanto públicas como privadas, o Estatuto dos Traballadores tamén sinala no seu artigo 16 que ditas axencias non poden estabelecer tampouco discriminación, entre outros motivos, por “lingua dentro do Estado”. Os xuristas Xavier Ferreira, Alba Nogueira, Anxo Tato e Luís Villares consideran que este artigo do Estatuto dos Traballadores fai que mesmo un inquérito sobre lingua habitual empregada “podería chegar a constituír, segundo o caso, a vulneración deste precepto, o que iría acompañado da correspondente sanción administrativa á axencia que o efectuase”.

Así mesmo, no marco das relacións laborais indícase que se “entenderán nulos e sen efecto” aquelas normas que discriminen por razón de lingua. Nesta liña, no artigo 96.12 do Estatuto dos Traballadores dáselle a consideración de “moi grave” ás discriminacións por causa de lingua dentro do Estado español.

A Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, de obrigada aplicación no Estado, tamén sinala no artigo 13, parágrafo 1, que se debe eliminar toda cláusula que prohiba, limite ou desaconselle o uso do galego neste ámbito.

E se nos prohiben usar o galego?

Os dereitos lingüísticos no traballo teñen un amparo legal, mais os problemas chegan á hora de poder concretar tales dereitos.

Nas discriminacións lingüísticas no traballo, igual que nos casos de acoso laboral ou doutras discriminacións (razón de sexo, raza, opción sexual, etc.), a persoa áchase nunha particular situación de indefensión para probar o sucedido, polo que é fundamental contar con algunha proba (escrito, gravación, etc.) que o mostre. En Galiza xa se deron sentenzas xudiciais en favor de traballadores discriminados por falar en galego, unha vez que estes puideron demostrar de forma clara tal discriminación.

Que facermos polo galego desde o noso traballo?

O primeiro e máis importante, con certeza, é exercermos os dereitos que temos recoñecidos por lei, usando a nosa lingua con normalidade.

Se temos unha empresa ou capacidade de decisión no lugar onde traballemos, asegurémonos de que se redixan en galego os contratos, as nóminas, as facturas, os albarás, as notas internas, etc. Se non temos tal capacidade de decisión, sempre poderemos solicitalo (aínda que a lexislación non garante este dereito para as empresas privadas). Cando menos, podemos probar a pedir que a nosa documentación máis persoal, como contrato e nóminas, sexan no noso idioma.

Ademais, podemos propor, a través dos representantes sindicais, que o convenio colectivo se redixa en galego e que recolla unha cláusula de dereitos lingüísticos. A práctica de incluír este artigo nos convenios está tamén avalada polo Parlamento galego, que a amparou en dúas ocasións por unanimidade (en 2004 e en 2007). Velaquí unha posíbel redacción:

Artigo X.- Dereitos lingüísticos

Todas as traballadoras e todos os traballadores teñen dereito a desenvolver a súa actividade laboral e profesional en lingua galega.

A empresa favorecerá a formación en idioma galego para mellorar o servizo ao público nos postos de traballo, de acordo cos seus recursos e necesidades.

A dirección da empresa e os representantes dos traballadores e traballadoras potenciarán o uso da lingua galega nas actividades internas, nas relacións laborais, na formación profesional e nas súas relacións cos consumidores e consumidoras, coas administracións públicas e entidades privadas radicadas en Galiza, de xeito que se normalice a utilización da lingua galega como un instrumento de comunicación da empresa cos seus interlocutores internos e externos. Farase especial fincapé nas comunicacións cos traballadores e traballadoras e na utilización do galego como lingua da súa publicidade.



[Na fotografía, Xesús da Torre Martíns, que sufriu en primeira persoa o que é a discriminación lingüística por usar o galego.]

14 de fev. de 2011

Todo o que as administracións deberían facer en galego

Velaquí o artigo que publico esta semana en Galicia Hoxe, con propostas para activarmos o uso da lingua de Galiza nas administracións públicas:

E se a Administración non usa o galego?
Que os procedementos sexan na lingua do país depende de ti!

A lingua galega é oficial en Galiza e, ademais, está recoñecida como a “propia” do país, o cal supón un mandato para que sexa de uso normal por parte da administración local e da autonómica. Así, tanto desde o noso concello, desde a deputación correspondente ou desde calquera órgano da Xunta de Galiza a lingua galega ha de ser a utilizada inicialmente, por defecto, en todas as súas relacións coa cidadanía. Se non o fan (e, como é sabido, é o que acontece en moitos casos), se exclúen o galego en publicidade, sinalizacións, formularios, etc, podemos presentar un escrito para que se corrixa, pois a lei (aínda que escasamente desenvolta) está do noso lado.

No referido á Administración Xeral do Estado encontrámonos cunha casuística un pouco máis complexa. En síntese, e sinalando entre parénteses as normas que o sustentan, estes son os dereitos que nos recoñece a lexislación vixente ás usuarias e aos usuarios do galego:

- O material impreso e os formularios da Administración Xeral do Estado en Galiza han de estar dispoñíbeis en galego ou bilingües (art. 5.1 do real decreto 1465/99).

- Garantirase o uso do galego nas relacións por medios electrónicos, posibilitando o acceso aos servizos e contidos no noso idioma (lei 11/2007, disposición adicional sexta).

- As sinalizacións exteriores e os “contidos máis relevantes” dos cartaces de carácter informativo ou publicitario que se elaboren para se colocaren en Galiza han de ser bilingües: non poden excluír o galego (art. 6 e art. 11.2.b do real decreto 1465/99).

- As campañas informativas e publicitarias estarán tamén en galego, porén a verdade é que son moitísimos os exemplos que podemos pór de vulneración deste dereito (art. 11.2.b do real decreto 1465/99 e art. 9 da lei 29/2005).

- O material impreso dos órganos e unidades que teñen sede en Galiza e que se utilice a cotío para comunicacións dentro de Galiza tamén usará as denominacións bilingües (isto é, Ministerio de Sanidade, Tesouraría Xeral da Seguridade Social, etc. son formas que tamén deben figurar así, en galego, en sobres e formularios). Só pode excluírse o galego (aínda que non é obrigatoria a súa desaparición, senón unicamente opcional) cando ese material estea destinado a comunicacións fóra de Galiza (art. 5.2 do real decreto 1465/99).

- Os procedementos tramitaranse na lingua que use a administrada ou o administrado. Non é necesario facer ningunha solicitude expresa: se nos diriximos á Administración en galego, esta ten a obriga de remitirnos todo o resto da información en galego. Aínda que é un aspecto que costuma incumprirse, é importante saber que da lexislación vixente se desprende que a opción polo galego se realiza de xeito implícito: maniféstase no idioma que a interesada ou o interesado está a utilizar (art. 36.1 da lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, de rexime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común). Mesmo no caso de concorreren varios interesados e que un non quixer que a documentación estiver en galego, teremos dereito a que toda a información que a nós se nos remita vaia na lingua de Galiza (así o indica o mesmo art. 36.1 antes sinalado).

Sabemos, no entanto, que en moitos casos, a pesar de usarmos o galego, nos chega a documentación da Administración en castelán. Cando iso acontecer, o que podemos facer é unha sinxela instancia, dirixida á Administración correspondente (vale tanto para a Administración Xeral do Estado como para a autonómica ou local). Como resposta, a Administración debe achegar unha tradución fiel en galego, sen custo ningún para a cidadá ou o cidadán, e ademais tramitar todo o resto do procedemento na lingua de Galiza. O texto pode ser, máis ou menos, este:

“EXPÓN:

Que recibiu no seu domicilio unha notificación (da que se remesa copia), con data de..., en que se lle comunica a resolución dese organismo segundo a cal...

Que dita resolución non está redixida en galego.

Que segundo as disposición vixentes (Lei 3/83, de normalización lingüística; Lei 30/92, de rexime xurídico das Administracións Públicas e do procedemento administrativo común, etc.), a cidadanía galega ten dereito a exixir que calquera notificación, de calquera Administración Pública con sede no territorio da Comunidade Autónoma de Galiza, que afecte aos seus intereses, estea redixida en galego e que o procedemento se tramite na lingua elixida pola persoa interesada.

Polo exposto, SOLICITA:

Que teña por presentado este escrito e por efectuada reclamación do dereito a que se tramite o procedemento en lingua galega, invalidando consecuentemente a devandita resolución e remitindo no idioma indicado a mesma.”

Segundo os xuristas Antonio Xavier Ferreira Fernández, Alba Nogueira López, Anxo Tato Plaza e Luís Villares Naveira, autores do libro Estatuto xurídico da lingua galega (Xerais, 2005), “debe terse en conta que neste caso os efectos derivados da comunicación ou escrito (inicio de prazos para a realización de alegacións ou presentación de recursos, ou ben, inicio da eficacia do acto) suspenderanse dende o momento en que o cidadán requira á Administración para que realice a tradución pois, doutro xeito, a efectividade do dereito a optar lingüisticamente veríase frustrado e, ademais, o particular podería ser colocado nunha situación de manifesta indefensión ante o acto administrativo.”

- Cando un documento redixido en galego teña que surtir efectos fóra de Galiza, se foi entregado ou remitido a algunha Administración con sede en Galiza, será obriga desta Administración (e non da cidadá ou do cidadán!) a súa tradución (art. 36.3 da lei 4/1999). Ninguén nos debe nin mandar nin “aconsellar” que non utilicemos o galego neses casos, pois estamos no noso dereito. O art. 36.3 tamén sinala que se eses documentos, expedientes ou partes dos mesmos tivesen que “surtir efectos no territorio dunha Comunidade Autónoma onde sexa cooficial esa mesma lingua distinta do castelán, non será precisa a súa tradución”. A lei neste caso pensa no catalán e no vasco, xa que o galego, a pesar de se falar tamén en terreos pertencentes administrativamente a Asturias, Castela-León e Estremadura, carece de pleno recoñecemento oficial.

- Se presentas un documento nun rexistro fóra de Galiza mais vai dirixido a unha Administración radicada en Galiza, deberá admitirse aínda que vaia só en galego e expedirase unha copia do escrito, como recibo acreditativo da súa presentación (art. 10 do real decreto 772/1999).

Está na nosa man conseguir o uso do galego na Administración, non renunciando nunca ao se uso e exixindo de forma sistemática e firme que se respecten os nosos dereitos.

9 de nov. de 2010

Actos este serán en Compostela

Hoxe ás 20.30 h manteremos un intercambio de visións sobre a situación da música en galego e, en xeral, sobre o momento actual do noso idioma tendo como punto de partida o libro En castellano no hay problema. Será no local da veterá asociación cultural O Galo, en fronte da entrada da igrexa de San Martiño Pinario e con dúas figuras de excepción do noso panorama musical, dos que son declarado fan: Uxía e Carlos Valcárcel.

O evento ía ser inicialmente ás 20 h, mais pospómolo media hora para así podermos acudir á concentración en solidariedade co pobo saharaui que se vai desenvolver a esa hora na praza de Cervantes. Para quen non esteades en Compostela, lembrade que hai mobilizacións convocadas en todas as cidades do país.

En castellano no hay problema tamén foi unha escusa para o debate en Compostela o pasado mes de xullo no Festigal. Déixovos dúas fotografías desa data, tomadas da galería do xornal electrónico Terra e Tempo:


24 de jul. de 2010

O día de hoxe

A foto de arriba, co compañeiro Fran Rei e coa compañeira Iria Taibo, tomouna o fotógrafo Ramón Escudero esta mañá na conferencia de imprensa que deu A Mesa para anunciar a solicitude de supensión do decretazo contra o galego no ensino. Sobre esta cuestión, hoxe ás 22 h no Festigal darase a coñecer un interesantísimo e recomendábel libro coordinado polo maxistrado Luís Villares.

No mesmo lugar, mais tres horas antes (ás 19.15 h), presentarei En castellano no hay problema xunto con Alba Nogueira e Manuel Bragado. No evento de hoxe falarei de novo da actualidade, mais comentarei tamén algúns pormenores sobre a elaboración do volume nos que non me detiven moito noutros actos anteriores.

Entre os moitos eventos da xornada, nalgún momento terei que pórme a finalizar o artigo desta semana para Galicia Hoxe, no cal abordo o libro Lingua de calidade de Xosé Ramón Freixeiro Mato. Moito estrés con tanta cousa, si, aínda que nelas se conxugue obrigación e devoción.

Mais non podo finalizar esta entrada sen comunicar o meu profundo pesar, e mesmo desacougo, pola desaparición de dúas páxinas referenciais da información galega e en galego: Vieiros e Chuza! A noticia destes dous feches debe levarnos, como pouco, á reflexión.

22 de jul. de 2010

Grazas pola acollida!

Teño que continuarvos a agradecer a xenerosa acollida a En castellano no hay problema. A listaxe dos libros máis vendidos que publica A Nosa Terra neste último número sinálaa como a obra de non ficción no noso idioma que máis saída tivo esta semana. Obrigado.

As dúas próximas presentacións do libro serán:
  • Este sábado 24 de xullo ás 19.15 h, no marco do Festigal. Acompañaranme Alba Nogueira e Manuel Bragado.
  • A quinta feira 5 de agosto ás 18.30 h na Carpa da Semana Cultural da Carballeira de Zas (diante do centro sociocultural e da terceira idade). Intervirá tamén Pepe P. Alborés, técnico municipal de normalización lingüística.
Como veredes, no programa do Festigal hai moitísimas máis presentacións e actividades de enorme interese. Entre elas, A Mesa terá un posto permanente estes dous días para vender material, dar a coñecer as actividades da asociación e, claro, animar a que máis persoas fagan parte desta organización. Por certo, se aínda non es socia ou socio, a que agardas? Clica aquí!

22 de fev. de 2010

A Xunta vulnera dereitos lingüísticos recoñecidos a nivel europeo

Velaquí o meu artigo desta semana en Galicia Hoxe:

A Carta europea das linguas
A Xunta vulnera dereitos lingüísticos recoñecidos a nivel europeo


Hoxe e mañá desenvólvense en Santiago de Compostela unhas xornadas de análise sobre a Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias. O encontro, organizado polo Consello da Cultura Galega, está coordinado por Alba Nogueira e nel participarán coñecidos xuristas que valorarán as dimensións deste tratado internacional e a súa aplicación concreta no Estado español e en Galiza. Xunto co secretario do Consello da Cultura, Henrique Monteagudo, abrirá as xornadas Simone Klinge, pertencente ao secretariado do Consello de Europa encargado de avaliar periodicamente o nivel de aplicación deste tratado.

Hai que felicitar o Consello da Cultura Galega pola organización deste evento nun momento que é, por varias razóns, tan oportuno. En primeiro lugar, porque axudará a dar a coñecer este tratado internacional que pertence ao noso ordenamento xurídico e que nos recoñece unha serie de dereitos ás galegas e aos galegos que, inxustamente, aínda non podemos exercer. Ademais, nestes momentos o Consello de Europa está de novo no proceso de monitorización que desenvolve cada tres anos sobre o nivel de aplicación desta Carta no Estado español, polo que é acertado realizar un recordatorio en voz alta aos poderes públicos, para que asuman os seus compromisos e apliquen o sinalado neste tratado. Cómpre chamar a atención en especial ao nivel de incumprimentos por parte do Goberno galego. Desde que Alberto Núñez Feijóo asumiu a presidencia da Xunta non só non se avanzou en aplicar a Carta, senón que tamén se desmontaron algunhas medidas adoptadas polo goberno anterior no camiño do seu cumprimento.

O último informe realizado sobre a lingua galega polo Comité de Expertos do Consello de Europa encargado de avaliar o nivel de aplicación deste tratado internacional data de decembro de 2008. Repasemos as liñas básicas dese relatorio, para atendermos o que poderá dicirnos este organismo europeo dentro de poucos meses.

Visión xeral da política lingüística

O Consello de Europa consideraba xa na altura que, polo seu escaso desenvolvemento, estaba malogrado o Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado por unanimidade no Parlamento na derradeira lexislatura de Manuel Fraga Iribarne. Así, avaliaba que “os efectos derivados do plan de acción adoptado en 2004 polas autoridades galegas observáronse no ámbito da administración autonómica e local. Porén, non hai os efectos que se agardaba noutros ámbitos. No sector do ensino en particular, non obstante as interesantes iniciativas emprendidas polas autoridades, o número de alumnos que reciben educación escolar en galego segue sendo moi baixo”.

Ensino

A principal iniciativa no ensino a que se refiren é, con certeza, o decreto 124/2007, o que regula ao menos a metade das materias no noso idioma en cada etapa do ensino non universitario. Fronte ao discurso falaz da “imposición”, repetido onte e hoxe polo PP, o Consello de Europa é ben claro. Por unha banda, respalda o decreto que o actual goberno quere derrogar unilateralmente, mais pola outra sinala unha serie de melloras para a lingua galega.

Por exemplo, falan ás claras da obriga dos poderes públicos de desenvolver programas de inmersión en galego. Así, estabelece que, xunto co 50% mínimo, deberíanse implantar programas que estabelezan o galego como lingua vehicular en todas as materias e en todas as etapas. Iso desenvólveno tamén na epígrafe das “Conclusións” do seu relatorio para o conxunto do Estado español: “Na maioría das comunidades autónomas, o ensino na lingua cooficial baséase nun modelo bilingüe estruturado. Porén, isto non se corresponde cos compromisos elixidos polo Goberno español, que conlevan ofrecer así mesmo modelos de ensino impartido esencialmente nas linguas rexionais ou minoritarias. A elaboración dun modelo de plena inmersión sumado ao modelo bilingüe é o obxectivo que todas as comunidades autónomas interesadas deberían tratar de alcanzar con miras a cumpriren gradualmente os compromisos subscritos.” Por moito que lle proia aos dirixentes do PP, iso é o que di literalmente o Consello de Europa: “a elaboración dun modelo de plena inmersión sumado ao modelo bilingüe”. Nada di de que o galego sexa opcional nin de que teña topes do 30 ou do 50% como máximo nin ningunha das propostas que queren ou están xa a aplicar desde a Consellaría de Educación de Alberto Núñez Feijóo.

Por outra banda, no relatorio sobre Galiza sinálase que “o Comité de Expertos desexa eloxiar en particular as autoridades polo proxecto da Rede Galescolas”, por iren no camiño de aplicar a Carta. Non chama a atención que un dos poucos motivos de aplauso dos expertos deste organismo europeo desaparecese nun tempo récord?

Xustiza

Aínda que as modificacións substancias para garantir os dereitos lingüísticos na Administración de Xustiza non son competencia autonómica, si hai recomendacións que afectan de cheo á Xunta. En especial, que exista documentación con normalidade en galego, que se traduza a lexislación ao noso idioma e que se estabelezan “axeitados programas de formación orientados ao persoal da Administración de Xustiza e aos avogados.”

Autoridades administrativas e servizos públicos

No relatorio de finais de 2008, o Consello de Europa afea a ausencia de galego en formularios, sinalizacións e atención ao público sobre todo á Administración Xeral do Estado, mais se a cousa non muda vai ter que pór unha epígrafe específica no seu próximo relatorio sobre os retrocesos que se están a producir para o galego na Administración autonómica. Os expertos tamén constataron nesa avaliación unha “diminución do emprego das linguas cooficiais nos servizos públicos, na súa forma oral e escrita”.

Pode haber mellora cando a primeira medida adoptada por Alberto Núñez Feijóo foi modificar, por vía de urxencia, a Lei de función pública, para que o galego deixe de ser na práctica un requisito igual que o é o castelán?

Medios de comunicación

Neste punto hai dous niveis de incumprimento. En primeiro lugar, porque, a maiores da RTVG, debería existir como mínimo unha radio e televisión privadas que emitan con normalidade en galego para o conxunto de Galiza. A presenza en xeral da lingua galega nos medios considérana, con moita diplomacia, como “mellorábel”.

O articulado da Carta europea apunta tamén a obriga de que en Galiza se poidan recibir as radios e televisións portuguesas con normalidade. Sobre iso, o Parlamento galego asumiu un acordo por unanimidade na pasada lexislatura, mais aínda non se coñece a primeira medida para que chegue a concretarse.

Vida económica e social

O Consello de Europa lembra os “casos en que os traballadores foron obxecto de acoso por falar en galego” e sinala como unha das causas a “ausencia dun plan de acción para evitar estas situacións”. Dito plan continúa sen existir, nin está na axenda dunha Xunta que se encarga máis ben en desmantelar a oficialidade da nosa lingua e en considerala publicamente como “barreira” ou “muro”.

A respecto do servizo público de saúde, indica que “o persoal en cuestión fala fundamentalmente castelán, non existe un regulamento sobre o uso do galego no SERGAS e nos hospitais e non se emprenderon iniciativas para impartir formación ao persoal”. Fanse eco ademais da información recibida que apunta a que “a maior parte do persoal non está cualificado para prestar servizos en galego, e a situación é grave na atención privada de saúde, así como nos fogares de anciáns”. A situación non fixo máis que empeorar nestes meses.

A respecto do uso do galego nas sinalizacións de seguranza en todo tipo de edificios e tamén os indicadores dos soares en construción, o Comité de Expertos sinalaba con rotundidade que “non se cumpre”, mais tamén nisto os retrocesos son constatábeis.

Que facermos?

Podemos e debemos reclamar as medidas necesarias por parte dos poderes públicos para que se garantan os nosos dereitos lingüísticos. A Xunta ten obriga de cumprir os tratados internacionais subscritos en democracia, como a Carta europea das linguas. De continuar sen facelo, non só deberemos manter a tensión mobilizadora, senón iniciar vías de denuncia internacional da situación.

19 de jan. de 2010

Debate en Correo TV sobre o decretazo contra o galego

Déixovos aquí as ligazóns a un debate que emitiu onte pola noite Correo TV e que esta mañá redifundiu a emisora Radio Obradoiro.

Por outra banda, lémbrovos que aínda é moito o que podemos facer para mobilizar de aquí ao 21 de xaneiro.



27 de out. de 2009

As reaccións do PP á manifestación do 18 de outubro e a proposta de trilingüismo


Hai moitos textos de interese que se están a publicar sobre a situación do noso idioma. Hoxe quero recomendarvos a lectura de tres destes artigos:

- "Caamaño irrita a Feijóo".- Unha ben interesante análise política por parte de Anxo Lugilde, con algúns datos descoñecidos para a maioría, como o documento interno elaborado polo PP para avaliar a manifestación do 18 de outubro e o debate sobre o tema no seu comité de dirección.

- "Obsesións trilingües".- A profesora de tradución, activista e celebrada escritora María Reimóndez podería dicilo máis alto, porén non máis claro: "Que con estes señores parece que o único destino desexado por calquera galega ou galego é emigrar, tal obsesión teñen primeiro co castelán que vale para falar fóra de Galicia e logo co inglés, que vale para falar aínda máis fóra. E para falar dentro, que é onde polo menos eu quero vivir?"

- "Incompetentes en tres linguas... e en matemáticas".- Alba Nogueira, igual que Reimóndez, desmonta a propaganda do trilingüismo. "A verdade que é un problema que a poboación galega non se atope preparada para dar o salto e utilizar o inglés nas súas relacións diarias", ironiza para desenmascarar que o que fai esta Xunta é "utilizar o inglés para conseguir que o galego tan só represente un terzo do horario docente".

Sobra dicir que tanto María Reimóndez como Alba Nogueira falan un inglés fluído, ben lonxe da ignorancia supina (e má educación) que exhibiu o actual presidente da Xunta nas preguntas que lle fixo neste idioma hai uns meses un reporteiro de televisión.