28 de fev de 2009

"Voces", de Miranda!



Se vedes que a pantalla está totalmente escura, non pensedes que é un problema técnico. Quen subiu a canción, subiuna dese xeito. A verdade, non fica mal para este tema en concreto.

Gozade do sol nesta xornada de reflexión!

27 de fev de 2009

Pequena reportaxe de AVUI.cat

AVUI.cat dedica unha pequena reportaxe, de menos de cinco minutos, á situación da nosa lingua, con entrevistas a Marisol López, Carlos Blanco e a min mesmo, acompañadas dun artigo de Lois Oreiro. Podedes vela aquí.

Cal é o proxecto educativo do PP?

O candidato do PP á presidencia da Xunta quere contentar todos os flecos de votante e con tal versatilidade á hora de prometer demostra que non ten nin idea do que facer no caso de que poida chegar a gobernar o vindeiro domingo, como parece posíbel se hai unha abstención superior ao 38%.

Di que concorda coas propostas de apartheid lingüístico de Galicia Bilingüe (aínda que el non as chame así, mais ao pan, pan, e ao viño, viño), porén ao mesmo tempo descarta tamén as mesmas propostas. Di que os nenos deben poder non falar, se non queren, na lingua en que se imparta a clase, mais ao mesmo tempo di que se estabelecerán uns mínimos para "equilibrar" a docencia nunha lingua e noutra. Non aclara se a liberdade individual para non falar unha lingua na clase chega tamén ás disciplinas de lingua e literatura castelá e inglés e ás materias que se impartan en inglés ou francés, ou se só será de aplicación para as de galego porque esta é unha lingua de segunda. Tampouco aclara como se poden conseguir as competencias lingüísticas se unha nena ou un neno pode ter a liberdade para non practicar ese idioma na clase. Porque se o que se trata é de que faga prácticas o profesorado, non fai moito sentido.

Ademais da súa promesa firme de que o primeiro que farán de gobernaren será derrogar o decreto que marca o mínimo do 50% do ensino en galego, alguén sabe cal é o proxecto educativo do PP?

Nunha entrevista onte na edición galega de El País, que reproduzo literalmente, sementaba todas estas estrañas contradicións:

P. ¿Asumirá las tesis de Galicia Bilingüe de tres sistemas educativos según la lengua de los alumnos?

R. Yo asumo lo que asumo. Apoyé la manifestación, parte de los planteamientos son muy aprovechables y no es una plataforma contra el gallego porque si no, no la apoyaría. Está a favor de los derechos civiles. El primer Gobierno que ha separado a los niños en aulas es éste, que ha dado la posibilidad a los que quieren que sus niños se eduquen en gallego a que se le impartan todas las asignaturas en gallego. Más de 2.000 personas estudian sólo en gallego. Ampliaremos los derechos civiles para que los niños de 0 a 3 años aprendan en el idioma que quieran los padres, y daremos derecho a los alumnos para comprar los libros en el idioma que quieran, a hacer los exámenes y a dirigirse a los profesores en el idioma que quieran. En el sobre de matrícula meteré una casilla para que los padres elijan el idioma de las asignaturas troncales. Y luego haremos una propuesta de proporcionalidad entre las dos lenguas.

P. ¿No propone usted un sistema en castellano, otro en gallego y un tercero de tipo mixto?

R. No me gusta ese sistema. Pero me vinculará mucho la propuesta de los padres en el sobre de matrícula.

Por certo, o candidato do PP amósase escandalizado pola súa estimación de que hai 2.000 estudantes que estudan "só en galego". Aínda non tendo eu nin idea de onde puido tirar a cifra (acho que ten o mesmo rigor que o resto do seu discurso), esa cantidade representa o 0,52% das alumnas e dos alumnos no ensino non universitario en Galiza.

26 de fev de 2009

A Mesa perante as eleccións autonómicas

A Mesa pola Normalización Lingüística enviou hoxe un comunicado posicionándose a respecto das eleccións deste domingo. Habitualmente non me fago eco aquí de todo o que fai A Mesa, mais acho que nesta ocasión é ben importante:

A Mesa anima a sociedade galega a participar masivamente nas urnas o 1 de marzo para que “non se desampare o dereito a utilizar o galego”

A Mesa propón que non se vote ás forzas que quererían lexislar contra o galego, como o PP

A Mesa considera que un goberno do PP sería “un retroceso letal para a lingua que nos une como galegas e como galegos”


A Mesa pola Normalización Lingüística chama a sociedade galega a participar masivamente nas urnas este próximo domingo 1 de marzo para respaldar máis avances no proceso de normalización de usos e funcións do idioma propio da Galiza na lexislatura que saia destas eleccións.


A maior asociación cultural do país propón que non se vote ás forzas políticas que quererían lexislar contra o galego, como é o caso do PP, que anunciou que no caso de gobernar derrogaría o decreto que regula un mínimo do 50% do ensino neste idioma. Segundo indica esta entidade, o PP debería aclarar se Galiza vai ser a única comunidade autónoma con lingua propia diferente ao castelán que non vai regular de ningún xeito a presenza do seu idioma no sistema educativo.

A Mesa critica a “insolvencia do proxecto educativo e cultural do PP, ben visíbel nas erráticas declaracións do seu candidato á presidencia da Xunta”. A asociación en defensa do idioma propio de Galiza chama á sociedade a “non lle permitirmos ao candidato do PP ser o enterrador do galego coas súas políticas contra a nosa cultura”, pois consideran que “un novo goberno do PP suporía un retroceso letal para a lingua que nos une como galegas e como galegos”.


A Mesa rexeita os discursos demagóxicos e tremendistas de determinadas forzas políticas nos cales se axita unha inventada “imposición del gallego” e, pola contra, que estas mesmas forzas “fuxan a fume de carozo” de denunciar e combater a verdadeira “imposición lingüística” que segue padecendo a maioría social do país: “a imposibilidade de vivir en galego as 24 horas quen así o desexar”, advertida mesmo por organismos internacionais.

A asociación cidadá en defensa do galego sinala que os sectores, grupos e persoas que falan de “imposición del gallego” e claman contra a lexislación que dá carácter de oficialidade á nosa lingua propia, chegando mesmo a pedir a súa derrogación total, “son os mesmos” aos que “obxectivamente interesa” desmobilizar o electorado e que o 1 de marzo haxa unha escasa participación.]

Campaña suxa

A miña principal fonte de información desta campaña está a ser o blog de Anxo Lugilde para La Vanguardia, que trae datos e análises que ou non se ven nos medios galegos (xa non digamos nos madrileños!) ou chegan máis tarde. É a bitácora dun xornalista galego con moi boas fontes que pode escribir desde un medio catalán. O resultado é, con certeza, moi interesante.

Na súa entrada de hoxe, tras facer un repaso por algúns erros cometidos polo BNG na súa xestión e na campaña, conclúe dun xeito moi claro, co que concordo totalmente:

"Quintana está siendo objeto de un juego muy sucio, en el que están involucrados el PP de Ourense y otras instancias. Nunca hasta ahora en Galicia se habían traspasado de esta manera los límites de la vida privada, ni había pasado nada parecido a la increíble historia del teletipo apócrifo. Son asuntos más parecidos a la guerra de los espías de Madrid que a los clásicos líos de la política gallega. Y generan solidaridad con Quintana (...)."

Días atrás analizaba tamén, coa ollada limpa, que ao mesmo candidato do BNG "un poderoso grupo fáctico le somete a un diario examen por el que no pasaron nunca ni Fraga, ni Touriño, ni Feijoo."

A respecto das fotos de actualidade con Jacinto Rey, El Correo Gallego indica hoxe que xa as publicaran eles... en setembro de 2005.

Que opinades de todo isto?

25 de fev de 2009

Coa pequena Xulia en Bruxelas


A pequena Xulia sabe por súa nai, a incansábel Ana Miranda, todos os trámites que hai que facer para ir dun lado a outro polas institucións europeas en Bruxelas. Para me evitar problemas á hora de acceder ás diferentes salas e polos controis de seguranza, fíxome os pases que aquí luzo. Ela, como non, tamén ten o seu propio!

Moitos "bilingüistas" que din que as crianciñas non poden aprender varios idiomas e que o galego é un obstáculo deberían escoitar á pequena Xulia, que cos seus cinco aniños comenta o seu día a día en galego e en francés, é capaz de falar tamén sen ningún problema en castelán e ten rudimentos de inglés e neerlandés. De feito, axudoume con esmero, a través dunha cancionciña e dun pequeno baile coas mans, para que eu soubese diferenciar ben como se di "ola" e "adeus" nesta última lingua.

Cos pases da pequena Xulia puidemos facer isto, que a TVG recolleu así.

Concentración contra a inxustiza e a homofobia


A Federación Aturuxo convocou para hoxe ás 20 h na praza do Toural de Santiago unha manifestación de repulsa á inxusta sentenza xudicial e de solidariedade coas familias das vítimas de Vigo.

Dáme moitísima raiba non poder estar alí, pois teño que desprazarme a outra cidade por razóns persoais e de traballo impostergábeis.

Por favor, todas e todos os que puiderdes, acudide.

23 de fev de 2009

A política lingüística nesta lexislatura

No artigo desta semana fago unha avaliación a uña de cabalo do que foi a política lingüística nesta lexislatura, tanto no referente ao departamento con competencia nomeada na materia como no conxunto das áreas da administración autonómica.

Transcribo aquí os dous últimos parágrafos, onde reparo máis no copo medio cheo e expreso o meu temor polos pasos atrás que se puideren dar no caso de regresar o PP ao Goberno da Xunta, talvez con conselleiros como Carlos Negreira ou Corina Porro:

Aínda sendo insuficiente para avanzarmos con pasos firmes e determos o declive do galego, cómpre recoñecer o que agora hai e que hai catro anos, podendo existir, non existía. As Galescolas, as políticas xuvenís que si teñen a lingua como algo transversal, os programas informáticos galeguizados, as tímidas medidas no sector comercial etc. Tamén hai que subliñar os froitos da colaboración co movemento social en defensa do galego, que, aínda sendo moi mellorábel, antes era inexistente. O afortalamento do exitoso Correlingua, o Voluntariado de Activación Lingüística (con máis de 1.000 participantes e un recoñecemento por parte da Unión Europea) ou o servizo A Liña do Galego non serían posíbeis doutro xeito. Son proxectos que se incardinaron porque cómpre presionar e criticar cando for preciso, mais tamén é necesario arrimar o ombreiro e construír para transformar.

Pouco acertadas e reflexionadas son esas críticas de brocha grosa que pretenden igualar as políticas lingüísticas desenvolvidas por Manuel Fraga coas que agora mesmo están en andamento desde diferentes departamentos autonómicos. Como se pode ter saudades dun goberno que por exemplo pretendeu expedientar a empresas por etiquetar en galego (caso Erica Mel) ou a colexios por ensinaren en galego (caso Colexio de Palmeira)? Non hai dúbida de que, sendo insuficiente o feito nestes catro anos, non habería nada peor para a nosa lingua e cultura que o regreso do PP ao goberno da Xunta, algo que os inquéritos e o seu voto oculto amosan como un escenario posíbel o vindeiro un de marzo.

Así mesmo, aconséllovos a lectura desta entrevista a Nel Vidal, o dinámico presidente da Coordenadora de Técnicas/os de Normalización Lingüística, que tamén aborda o mesmo tema, desde o interesante e recomendábel relatorio que elaborou.

22 de fev de 2009

Encomana el català

Velaquí o anuncio da nova campaña da Secretaria General de Política Lingüística da Generalitat de Catalunya, destinada a potenciar as conversas en catalán para os grupos sociais de novas catalás e novos cataláns. Unha campaña con obxectivos, ben feita, que responde a puntos febles concretos e prioritarios para axudar a que deixen de existir e moito menos custosa que as macroaccións propagandísticas da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galiza.



21 de fev de 2009

Eran maricóns


Estou moi indignado coa absolución por parte dun xurado popular ao homicida confeso de dous gais en Vigo. O veredito libra de responsabilidade (esta palabra é importante: responsabilidade) a alguén que recoñece que matou a dous rapaces con 57 puñaladas e despois queimou o piso e os corpos para eliminar pegadas. Todas as probas e a propia confesión do acusado así o sinalan. Si será condenado por prender lume á vivenda, mais sae totalmente sen castigo por acabar coa vida de dúas persoas.

Os motivos da absolución, que só estiveron presentes na declaración do imputado, son que este tivo medo de que o violasen e que antes de ensañarse coas vítimas tomou grandes cantidades de alcol e drogas. Ambos os eximentes son, do meu punto de vista, unha inmensa atrocidade que crean inseguranza social e indefensión.

Sobre o primeiro hai unha longa listaxe de tristes sentenzas en diversas partes do planeta nas cales se defende a violencia polo denominado "pánico homosexual", segundo o cal unha insinuación sexual por parte dun gai (ou unha lésbica ou un travestí ou un transexual...) xustifica calquera agresión. Calquera.

A respecto do segundo motivo para non condenalo por asasinato ou homicidio, teremos que preguntarnos se doravante se van despenalizar os crimes se quen os cometer toma previamente suficiente alcol e drogas para ser non-responsábel dos propios actos.

Agardo que na apelación se mude a sentenza e que as instancias xudiciais superiores dean un forte correctivo aos vergoñentos erros manifestados no proceso.

O pánico homosexual


A respecto deste suceso, propóñovos a lectura dunhas liñas de Eve Kosofsky Sedgwick sobre o concepto do "pánico homosexual":

(...) o "pánico homosexual" [é] unha estratexia que se usa comunmente para impedir a condena ou para reducir as sentenzas dos agresores de gais (...). Xudicialmente, a defensa do "pánico homosexual" dunha persoa (normalmente dun home) acusada de violencia contra persoas gais implica que diminúe a súa responsabilidade no delito por unha condición psicolóxica patolóxica, quizais provocada por unha insinuación sexual non desexada do home a quen despois atacou. Ademais de se basear en suposicións inxustificadas de que todos os homes gais poden ser cribelmente acusados de faceren insinuacións sexuais a estraños e, aínda peor, que a violencia, a miúdo até o punto do homicidio, sexa unha resposta lexítima a calquera insinuación sexual, tanto se for grata como se non o for, a defensa do "pánico homosexual" tamén se basea na suposición falsamente individualizante e patoloxizante de que o odio cara aos homosexuais é un fenómeno tan persoal e atípico nesta cultura como para ser clasificábel como unha doenza que diminúe a responsabilidade nun delito. O que realmente parece demostrar a aceptación xeneralizada desta defensa, polo contrario, é que o odio aos homosexuais é aínda máis público, máis típico e, por tanto, máis difícil de contrarrestar que o odio cara a outros grupos desfavorecidos. O "pánico racial" ou o "pánico de xénero", por exemplo, non son aceptados como defensa para a violencia contra a xente de cor ou das mulleres; no que di respecto ao "pánico heterosexual", David Wertheimer, director executivo do programa contra a violencia gai e lésbica da cidade de Nova York, observa: "se todas as mulleres heterosexuais que foron obxecto dunha insinuación sexual dun home tivesen o dereito a asasinalo, as rúas desta cidade estarían cheas de cadáveres de homes heterosexuais". Un avogado da organización National Gay Rights Advocates pon de manifesto o contraste que hai co trato legal que se dá a outros delitos relacionados cos prexuízos: "Non hai ningunha xustificación obxectiva ou legal para o uso desta defensa [o pánico homosexual]. Do mesmo xeito que a nosa sociedade non permite que un acusado utilice prexuízos baseados na raza ou o xénero como escusa para os seus actos violentos, a homofobia do acusado non é defensa algunha para un delito violento. Así, pois, gran parte da responsabilidade da defensa do "pánico homosexual" parece sinxelamente provir da súa capacidade para permitir e "situar", mediante a patoloxización, a representación dun prexuízo socialmente aprobado contra unha minoría estigmatizada, particularmente humillada entre outras moitas. (...) O motivo polo cal esta defensa toma o nome da clasificación psiquiátrica "pánico homosexual" (...) é que se refire á suposta incerteza do agresor sobre a súa propia identidade sexual (...). (...) A eficacia do pretexto depende da súa forza universalizadora, de se, como di Wertheimer, pode "crear un clima no cal os membros do xurado sexan capaces de se identificaren co agresor, pensando: 'Meu deus, quizais eu reaccionaría do mesmo xeito'".

(Tradución miña de fragmentos das páxinas 31-33 do libro Epistemoloxía do armario, de Eve Kosofsky Sedgwick, a partir da versión ao castelán realizada por Teresa Bladé Costa para Ediciones de la Tempestad.)

[Na fotografía, Matthew Shepard, rapaz asasinado nos Estados Unidos en 1998 por ser gai. Os imputados tamén tentaron utilizar a estratexia defensiva do "pánico homosexual" como atenuante, responsabilizando a vítima por querer manter relacións sexuais con eles, mais a xustiza desestimou tal argumentación. O seu caso supuxo un pequeno punto de inflexión no tratamento destas agresións non só a nivel xurídico, senón tamén mediático e social.]

20 de fev de 2009

O mapa das linguas en perigo da UNESCO

O equipo da UNESCO encargado de elaborar o Atlas das Linguas en Perigo do Mundo decidiu non incluír desta volta o galego porque a súa igualdade profunda na estrutura lingüística co portugués fai que desconsideren a súa situación en Galiza. Como é bo de ver, o galego non mudou para ben nos sete anos que transcorreron desde a anterior edición deste mapa, só mudou a metodoloxía deste equipo, e por certo dun xeito bastante incomprensíbel.

Do mesmo xeito, como o catalán ten unha política lingüística avanzada en Cataluña e é oficial en Andorra, tampouco teñen presente a súa situación noutras zonas en que está moi precarizado, como no estado francés ou en L'Alguer, en Sardeña. Tampouco se menciona o español en Puerto Rico porque noutras zonas do planeta ten unha vitalidade incuestionábel. E así co resto dos idiomas que se poden cotexar no seu web.

Non vos parece que hai un importante problema de criterio cando se quere facer un Atlas de Linguas e despois non teñen en conta a situación das linguas nos territorios? Para iso, non lles sería mellor facer unha listaxe?

Desde A Mesa valoramos isto hoxe nun comunicado de imprensa e nunha pequena entrevista que me fixeron hoxe para a desconexión galega dos informativos de TVE.

"...e tudo se acaba na quarta feira"

Continuemos coa liña optimista:

18 de fev de 2009

"Sozinho", de Caetano Veloso



Sozinho

Às vezes, no silêncio da noite
eu fico imaginando nós dois.
Eu fico ali sonhando acordado, juntando
o antes, o agora e o depois.
Por que você me deixa tão solto?
Por que você não cola em mim?
Tô me sentindo muito sozinho!

Não sou nem quero ser o seu dono,
é que um carinho às vezes cai bem.
Eu tenho meus segredos e planos secretos,
só abro pra você mais ninguém.
Por que você me esquece e some?
E se eu me interessar por alguém?
E se ela, de repente, me ganha?

Quando a gente gosta
é claro que a gente cuida.
Fala que me ama
só que é da boca pra fora.
Ou você me engana
ou não está madura.
Onde está você agora?

Alexa e Google Analytics: ránkings e estatísticas

Se a alguén lle interesaren algunhas cifras sobre a vida deste blog, pode continuar a ler. Se non lle interesaren, pode pasar desta aborrecida entrada.

Segundo o ránking de Alexa, o meu blog está nestes momentos no posto 5,519,766 dos webs máis consultados do mundo, un posto que sinceramente vos quero agradecer. Aínda que a cifra poida parecerlle a alguén moi afastada, a verdade é que a min me causa sorpresa estar tan arriba neste mes e medio que levo nese ránking, mesmo por diante dalgunhas páxinas da cultura galega que deberían ser máis consultadas, porque esta é unha bitácora persoal na cal deixo testemuño de intereses moi diversos (ou esa é a miña percepción).

Porén, lin por algures que tampouco é que tal listaxe de Alexa sexa moi fiábel, mais eu teño que recoñecer que non acabo de entender moi ben como se elabora. E non digo isto xactándome como o típico paspán que se amosa orgulloso de non saber nada das novas tecnoloxías, como se a falta de coñecemento fose algo de que fachendear. Simplemente, recoñezo que hai moitas cousas nestes mundos virtuais que se me escapan ao meu pesar porque non teño tempo ou formación para me deter nelas, aínda que agardo pórlle remedio dentro do que estea na miña man.

Segundo os datos que me proporciona Google Analytics, máis da metade dos visitantes deste blog viñeron desde o pasado un de xaneiro deste ano, cando comecei a actualizalo máis decote e mudei o anterior enderezo camacato.blogspot.com por carloscallon.com, que é tamén cando seica comezou a figurar este meu web na información de Alexa, por ter dominio propio.

17 de fev de 2009

Acto en Ourense

Mañá e pasado preséntanseme como uns días bastante movidiños de acó para aló, aínda que o único acto aberto ao público que teño axendado é o que organiza para esta cuarta feira 18 de febreiro A Mesa de Ourense.

Se vos coincidir ben e vos apetecer, ás 20 h do serán na Aula 0.7 do Edificio de Ferro (Facultade de Ciencias da Educación) da cidade das Burgas falarei sobre a situación do galego no ensino. Despois da conferencia, abrirase un debate, que é o importante.

No acto tamén se achegará información diversa sobre as actividades actuais da Mesa, entre elas o Manifesto pola convivencia lingüística e a igualdade de dereitos para o galego.

16 de fev de 2009

O dereito á ignorancia

No artigo desta semana en Galicia Hoxe, reflexiono sobre un dos puntos centrais do argumentario contra o galego nos últimos tempos. A idea que divulgan entidades como Galicia Bilingüe, á cal se sumou o PP, é que a lingua de Galiza é máis difícil e que iso fai que á hora de estudar ou facer os deberes se lle compliquen as cousas aos estudantes; ergo, o ensino en galego debería ser voluntario, a elección das familias ou do propio alumnado. Fronte a iso, lembro que non existe o dereito á ignorancia.

15 de fev de 2009

Público e privado

Acaba de chegarme ao correo electrónico que o diario La Opinión de A Coruña publicou hoxe partes da información do meu facebook, dentro dunha reportaxe sobre xente coñecida na cidade que ten perfil nesta páxina. Coas novas tecnoloxías rómpense e reconfiguránse, sen remedio, as barreiras entre o público e o privado. Isto acontece téñase ou non unha conta en facebook, tuenti, fotolog, un blog, unha canle en youtube...

Claro que o xeito de transmitir determinados datos pode dar lugar a lecturas un algo distorsionadoras sobre as miñas ideas e os meus gostos persoais:

Carlos Callón. El polémico presidente de A Mesa pola Normalización Lingüística no duda en calificarse en su perfil de Facebook como un seguidor de Lenin, Evo Morales y Karl Marx -lo que aporta información sobre sus ideas-. El perfil también permite conocer sus gustos cinematográficos, pues se declara admirador de las películas Mary Poppins y Grease, así como del director Pedro Almodóvar. Amante de los "cubatas servidos en vaso ancho" y de las canciones de Ana Kiro y Rafaela Carrá; Callón asegura en su espacio de Facebook haber perdido mucho tiempo jugando a un videojuego para el teléfono móvil. Los grupos a los que pertenece están relacionados con la política y con el cometido de la institución que dirige.

Nin Mary Poppins está entre os meus vinte filmes favoritos nin perdo tempo pensando nas dimensións dos copos para os cubatas, mais ao menos podo consolarme pensando que non puxeron as veces que me secuestraron en serie nin o reconto dos bicos que recibiu a miña esquecidiña mascota virtual.

Cómeme el coco, negro

Tras algunhas frustrada tentativa hai algúns meses en Barcelona, a semana pasada puiden ir ver o musical Cómeme el coco, negro, nunha das últimas entradas que restaban no seu derradeiro día en Madrid. O espectáculo ten xa bastantes anos, mais a compañía catalá La Cubana repúxoo para festexaren o seu cuarto de século en activo.

Se continuaren coa xira por algures e tedes oportunidade de acudir, recoméndovolo con todo o entusiasmo. Non vos podo pór aquí información ningunha para non vos estropear algunhas sorpresas e mesmo vos aconsello que non fedelledes na rede a ver se descubrides algo máis sobre o argumento. En calquera caso, de irdes, tentade ser puntuais, que en La Cubana levan os horarios moi a serio.

Rosa Valenty cantando "Que viene el coco":


Pedazo da representación en 1995:

14 de fev de 2009

Dúas cancións para o San Valentín

Custoume escoller cal canción de Paquita la del Barrio será máis acaída para festexarmos o día de hoxe, así que finalmente seleccionei "Rata de dos patas" e "Tres veces te engañé". Non deixedes de escoitalas! Que vos presten!

"Rata de dos patas"


"Tres veces te engañé"

11 de fev de 2009

Presentación de Nos camiños do entusiasmo

Mañá, quinta feira 12 de febreiro, ás 20:30 h do serán, a Libraría Pedreira de Santiago acolle a presentación da última obra de Goretti Sanmartín Rei, Nos camiños do entusiasmo, que se pon mañá mesmo á venda.

Ademais da autora, no acto intervirán Xosé Manuel Sánchez Rei, Teresa Moure e Manuel Bragado.

Vémonos alí!

10 de fev de 2009

Homenaxe a Lois Obelleiro

Este domingo 15 de febreiro, ás 18 h, terá lugar un acto de festa-homenaxe a Lois Obelleiro, no cabodano do seu falecemento. Esta actividade está organizada pola Asemblea Local do BNG de Soutomaior. O lema da mesma é "Lois Obelleiro, compromiso e loita".

A actividade desenvolverase no Multiúsos de Arcade e terá diversas actividades. Unha delas consistirá nunha charla onde intervirán: Bieito Alonso (historiador), Alberte Ansede (secretario de Organización do BNG), Francisco Rodríguez (secretario de Política Institucional do BNG), Fernando Herrero (voceiro municipal do BNG) e Antonio Fernández (da Asemblea Local de Soutomaior).

9 de fev de 2009

A fracasada marcha do odio


O meu artigo desta semana vai sobre a fracasada manifestación de onte e as piruetas do PP no seu discurso lingüístico nos últimos anos.

Quixeron convocar a mobilización para condicionar as eleccións, mais van influír xusto no sentido contrario, pois demostraron que nin con todos os apoios chegados de fóra lograron xuntar 5.000 persoas, nos cálculos máis exaxerados (os propios organizadores falaron de 3.000, cando a policía local reduciu a cifra oficial a 2.500).

Por certo, mentres o PP galego facía o ridículo deste xeito, o PP catalán, máis intelixente a pesar de non estar agora en campaña, non secundou a mobilización de antonte en Barcelona contra a política lingüística da Generalitat e que tamén foi un rotundo fracaso de afluencia.

De calquera xeito, que os fumes e as mentiras non nos fagan esquecer o fundamental. A realidade é que a lexislación lingüística e o Plan xeral están sen aplicar, e aí xogámonos o presente e o futuro do noso idioma. Estes teñen que ser os nosos obxectivos inmediatos.

7 de fev de 2009

Águas de Março

Mañá agardo actualizar comentando un pouco o debate do outro día e outras cuestións de actualidade lingüística. Quero adiantar o meu agradecemento polos comentarios no blog, no facebook, os múltiplos sms e as chamadas a respecto disto. Tamén quero transmitir as miñas desculpas por non dar respondido aínda a toda a xente. Que saibades que un sente ese agarimo e esa proximidade, mesmo coas necesarias críticas, para continuar adiante. De verdade: obrigado.

Mais hoxe é sábado e vou pór un pouco de música para desconectar. Esta canción tan linda de Elis Regina dedícolla á grande Alicia Fernández, amiga da cal xa falei noutros momentos deste blog pola súa faceta como escritora. Aínda que na nosa latitutde non sexan as "águas de março" as que fechan o verán, aí vai esta marabilliña:

5 de fev de 2009

Esta noite debato en PopularTV

Esta noite, un pouco despois de que o compañeiro Fran Rei comece a debater en Televigo (22 h) eu iniciarei unha outra confrontación de ideas durante unha hora en PopularTV (23h) para o conxunto do Estado.

Participarán tamén Montserrat Nebrera (deputada do PP por Cataluña), Ramoncín (cantante e comunicador), Albert Rivera (deputado por Ciutadans de Catalunya) e un representante do PSC. É probábel tamén que participe Ignacio Villa, o xefe de informativos da COPE, que talvez vos soe polas súas intervencións no programa 59 segundos.

Se o verdes, non deixedes de me dar a vosa opinión.

4 de fev de 2009

O reggeaton de Quintana

Outra campaña viral, esta con organillo e a ritmo de reggeaton, do "Dillei Centolo Amarelo":



Esta é a orixinal da campaña de Obama:



Supoño que dentro de nada teremos o xesto do ollo tamén facendo un Q coas dúas mans...

Máis sobre a censura da campaña de Retranca


Segundo informa Vieiros, a campaña de que falaba na anterior entrada volverá circular na próxima segunda feira cunha mudanza no lema, que eu a verdade non entendo: "Probablemente Zeus non exista".

Non hai dúbida de que é prioritario para a nosa cultura publicitar revistas que, pola súa calidade e enxeño, deben ser máis coñecidas e difundidas, como a xenial Retranca, mais non podo deixar de amosar a miña preocupación polo éxito da censura de Vitrasa.

Por que é que se pode obrigar a mudar unha frase como "Probablemente os deus non existan", que ademais de non resultar ofensiva contra ninguén debería estar amparada pola liberdade de expresión? Por que nos escandalizamos tanto cando a quilómetros de nós hai persoas que se molestan polas caricaturas a Mahomé mentres aquí a susceptibilidade dun empresario, cunha concesión pública, pode mudar lemas que non foran propostos polos creativos?

Ánimo aos compañeiros de Retranca e parabéns polo éxito concreto conseguido na divulgación adicional da revista por parte de Vitrasa. Porque unha cousa é que eu lamente a actitude da empresa e outra que considere que non se debe tentar conseguir o máximo posíbel nunha negociación, como foi o caso. Lograron a rectificación e que dentro dos autobuses haxa unha pequena exposición sobre a revista. Porque, como din no final do lema, non hai dúbida de que a cultura galega existe.

Non hai retranca nos autobuses de Vigo

A revista Retranca puxo en andamento unha campaña publicitaria co lema que aí ledes: "Probablemente os deuses non existan, pero a cultura galega si. Por que non falamos das cousas que existen?"

Tal e como informan no blog da publicación, a empresa concesionaria dos autobuses de Vigo retirou a publicidade ao cabo de seis horas de andar circulando con ela porque "recorda" á polémica dos "autobuses ateos". Agardemos que a campaña volva circular axiña tal e como foi contratada, porque tal censura non ten xustificación.

Actualización sobre o tema aquí.

3 de fev de 2009

Comunista, do PSOE e agora do PP

Pasáronme esta mañá polo correo-e esta propaganda electoral de Pedro Arias, número 2 do PP pola provincia da Coruña para as vindeiras autonómicas.

Como dicía un lema de hai anos para outra persoa con idéntica traxectoria:

Quen o viu e quen o ve:
comunista, do PSOE e agora do PP.

En que momento da súa vida haberá que facerlle caso? Cal será o seu próximo destino ideolóxico ou partidario?

O galego no SERGAS

Vemos que existe unha campaña continuada e persistente para presentar un mundo ao revés no cal o español é unha lingua discriminada en Galiza e o galego é unha lingua hexemónica a través dun proceso que violenta a sociedade.

Fronte a esta burda manipulación, que conta co respaldo de importantes resortes do poder económico e mediático, vemos como a día de hoxe mesmo hai espazos que son competencia plena da xestión autonómica, como a sanidade e o ensino, onde a situación do galego tamén continúa a estar por debaixo dos niveis mínimos de cooficialidade.

No caso da sanidade pública, A Mesa pide a nosa colaboración individual para activarmos o proceso de normalización a través da presión democrática das nosas solicitudes nos centros de saúde. Ademais de entregarmos o escrito proposto na instalación sanitaria correspondente, cómpre achegarmos tamén a información ao servizo A Liña do Galego, a través do correo-e linhadogalego@amesanl.org ou do teléfono 902 10 64 74.

2 de fev de 2009

A destrución do primeiro grande movemento homosexual


A semana pasada conmemorouse o Día das Vítimas do Holocausto. Con ese motivo, no meu artigo desta semana en Galicia Hoxe, "O triángulo rosa: A destrución nazi do primeiro grande movemento homosexual", quero lembrar o grupo social historicamente máis silenciado ao falar do Holocausto e cuxas vítimas non foron resarcidas en vida.

Na primeira das fotografías, pódese ver un grupo de prisioneiros co característico triángulo rosa invertido no uniforme. Nestoutra, os nazis desfilan diante do Instituto do Estudo da Sexualidade para procederen ao saqueo:


Propóñovos tamén que vexades o documentario Parágrafo 175, do ano 2000, dispoñíbel completo en youtube na súa versión orixinal en inglés (con partes en alemán ou francés lexendadas para o inglés), así como os fragmentos que conservamos de Diferente aos demais (1919), o primeiro filme da historia que denuncia a homofobia, no cal mesmo actúa Magnus Hirschfeld, o primeiro activista homosexual.

Diferente aos demais (en cinco partes):










Parágrafo 175 (en oito partes):














1 de fev de 2009

Beija-flor


Este foi un dos primeiros e grandes éxitos do grupo brasileiro Timbalada, o proxecto social-musical promovido por Carlinhos Brown no bairro de Candeal de Salvador de Bahia. Coñecinos en 1998 a través do seu disco ao vivo dese ano: Vamos Dar a Volta no Guetho.

Nese disco, cantan a seguinte canción, "Beija-flor". Na gravación a seguir fano coa colaboración de Daniela Mercury e Carlinhos Brown.

Non é este tema, con certeza, o máis movido desta banda caracterizada polo seu frenético ritmo, mais é igualmente lindo:



Aquí podedes ver o vídeo de Timbalada en solitario:



Por último, velaquí a letra. Supoño que vos chamará a atención especialmente o portunhol dunha parte, ese "Yo quero te namorar, amor":

Eu fui embora
Meu amor chorou (4x)
Vou voltar...

Eu vou nas asas
De um passarinho
Eu vou nos beijos
De um Beija-Flor...(2x)

No tic tic tac
Do meu coração
Renascerá (2x)

Timbalada é a semente
De um novo dia
Nordeste sofrimento
Povo lutador
Entre mares e montanhas
Com você eu vou

Yo quero te namorar amor (2x)

Teu lábio é tão doce
Doce feito mel
Todo azul sua beleza
Feito a cor do céu
Quero me aquecer
Sentir o seu calor
Rolar, rolar na cama
Lhe chamar de amor...

Fazer mil poesias
Prá te conquistar
Deixá-la simplesmente
Coberta de flor
Quero me aquecer
Sentir o seu calor
Amor é só me chamar
Ah! Ah! Que eu vou
Amor é só me chamar
Ah! Ah! Que eu vou...

Estou sentindo
A falta de você
Sonhando com seu beijo
Espero amanhecer
Tu levas as palavras
Soltas pelo ar
Yo quero te namorar amor
Yo quero te namorar amor
Yo quero te namorar amor...

Eu te bandê! Eu te bandê!
Eu te bandê! Eu te bandê!
Eu te bandê! Eu te bandê
Preta!
Yo quero te namorar amor!
Yo quero te namorar amor!...

No tic tic tac
Do meu coração
Renascerá
No tic tic tac
Do meu coração
Renascerá...

Timbalada é a semente
De um novo dia
Nordeste sofrimento
Povo lutador
Entre mares e montanhas
Com você eu vou
Yo quero te namorar amor
Yo quero te namorar amor...

Teu lábio é tão doce
Doce feito mel
Todo azul sua beleza
Feita a cor do céu
Quero me aquecer
Sentir o seu calor
Rolar, rolar na cama
Lhe chamar de amor...

Fazer mil poesias
Prá te conquistar
Deixá-la simplesmente
Coberta de flor
Quero me aquecer
Sentir o seu calor

Amor é só me chamar
Ah! Ah! Que eu vou (2x)

Estou sentindo
A falta de você
Sonhando com seu beijo
Espero amanhecer
Tu levas as palavras
Soltas pelo ar

Yo quero te namorar amor (3x)

Eu te bandê! Eu te bandê! (3x)

Preta!

Yo quero te namorar amor! (6x)