Mostrando postagens com marcador Blogomillo. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Blogomillo. Mostrar todas as postagens

4 de out. de 2011

Catro anos por acó


O 4 de outubro de 2007 iniciouse, con pé vacilante, esta bitácula. Xa foi casualidade que me dese por mirar este serán canto tempo levaba con esta paxiniña aberta e que coincidise que fose xusto un día coma hoxe, só que moito menos caloroso.

Que pouco e que moito nestes catro anos!

O peor de todo é que me entran saudades. Son un morriñento!

31 de jan. de 2010

Entre as 100 páxinas galegas máis populares, segundo Alexa e Código Cero


Segundo o ránking de Alexa e o portal Código Cero, este blog está entre as cen páxinas galegas máis populares, mesmo por diante dalgúns medios de comunicación e dos webs dalgunhas institucións relevantes.

O encargado de elaborar esta listaxe en Código Cero, Marcus Fernández, matizou nunha entrada do seu blog hai un par de anos as dimensións e relevo da mesma. Aínda que Alexa é un medidor que se toma decote como referencia, ten limitacións moi importantes, que reducen a súa fiabilidade e o colocan máis ben como un indicador interesante para observar algunhas tendencias, mais para nada en termos absolutos.

En calquera caso, transmítovos o meu agradecemento polas visitas, os comentarios e as ligazóns que fan que esta páxina apareza aí. Baixe ou suba nesa escada, a miña intención é seguir fiel a estas citas co blog, ilo mellorando paulatinamente e mantelo como unha bitácula persoal na que aparezan temas diversos.

26 de nov. de 2009

Máis estatísticas e máis dúbidas sobre para que o blog

Unha investigadora e escritora de ensaio manifestoume unha vez, hai moitos meses, que lle parecía que os blogs eran algo moi egocéntrico e que, ademais, non lle gustaba seguilos, salvo que se centrasen nunha única temática. A reflexión non a comparto en absoluto, mais si que me parece interesante e que dá para pensar.

A respecto do egocentrismo, sería entrar nun vello debate sobre a autoría. Podemos acusar de tal cousa ao Mestre Mateo porque decidiu deixar a súa sinatura física no Pórtico da Gloria e non ficar no anonimato doutros arquitectos de séculos anteriores? E aos escritores e escritoras que deciden asinar as súas obras tamén lle aplicamos a mesma adxectivación? Non sei, non sei. A cousa parece que non ten moito sustento.

Ademais, como ben sabe calquera persoa que navegue decote polo mundo dos blogs, isto non sempre se resolve igual e hai moitas páxinas das que se descoñece quen está detrás. Eu dubidei varios meses antes de recoñecer que esta é a miña bitácula, aínda que ao final optei por iso con todas as consecuencias, mesmo mudando o seu dominio dos primeiros meses a este que agora ten.

O dos contidos paréceme un tema máis profundo. Cando ás veces matino sobre o sentido desta páxina si que dubido sobre se debería falar só da figura pública, dese que escribe artigos, dá conferencias de imprensa, sae nas fotos para ben ou para mal e todas esas cousas. Mais tamén aí opto por non facelo así. O Carlos Callón presidente da Mesa ou da Fundación Via Galego sae xa nas páxinas desas entidades. O de aquí, é unha personaxe menos plana, polo que tamén dá saída neste espazo a outras indaquedanzas ou necesidades de expresión, ademais de abrir outras portas para o diálogo imprescindíbel.

Iso significa, claro, que moitas das cousas que aquí poño non despertan o mesmo interese, xa que se dirixen a públicos ben diferentes. Quero agradecer así e todo o seguimento que está a ter este pequeno espazo. Segundo a páxina web Alexa, nestes momentos esta páxina é a 766.851 máis seguida do mundo e a 18.001 con máis visitas do Estado español, o cal me parece unha cifra fabulosa.

Perdoádeme a reflexión en voz alta e moitas grazas por estardes aí.

18 de fev. de 2009

Alexa e Google Analytics: ránkings e estatísticas

Se a alguén lle interesaren algunhas cifras sobre a vida deste blog, pode continuar a ler. Se non lle interesaren, pode pasar desta aborrecida entrada.

Segundo o ránking de Alexa, o meu blog está nestes momentos no posto 5,519,766 dos webs máis consultados do mundo, un posto que sinceramente vos quero agradecer. Aínda que a cifra poida parecerlle a alguén moi afastada, a verdade é que a min me causa sorpresa estar tan arriba neste mes e medio que levo nese ránking, mesmo por diante dalgunhas páxinas da cultura galega que deberían ser máis consultadas, porque esta é unha bitácora persoal na cal deixo testemuño de intereses moi diversos (ou esa é a miña percepción).

Porén, lin por algures que tampouco é que tal listaxe de Alexa sexa moi fiábel, mais eu teño que recoñecer que non acabo de entender moi ben como se elabora. E non digo isto xactándome como o típico paspán que se amosa orgulloso de non saber nada das novas tecnoloxías, como se a falta de coñecemento fose algo de que fachendear. Simplemente, recoñezo que hai moitas cousas nestes mundos virtuais que se me escapan ao meu pesar porque non teño tempo ou formación para me deter nelas, aínda que agardo pórlle remedio dentro do que estea na miña man.

Segundo os datos que me proporciona Google Analytics, máis da metade dos visitantes deste blog viñeron desde o pasado un de xaneiro deste ano, cando comecei a actualizalo máis decote e mudei o anterior enderezo camacato.blogspot.com por carloscallon.com, que é tamén cando seica comezou a figurar este meu web na información de Alexa, por ter dominio propio.

9 de jan. de 2009

A bola extra

A bola extra. Así, sen ningún til, era o título dun dos blogs máis corrosivos e enxeñosos do que se deu en chamar o blogomillo. Lembremos que en galego oficial, nesa normativa que tan ben utilizaba nas súas entradas o anónimo cerebro desa páxina, non é o mesmo bola que bóla.

Estaba o autor posto no que se chaman as tendencias, no relativo á televisión, á música, á literatura... e daba a súa focaxe sobre elas como o podería facer un Holden Caulfield dos nosos días. Vaia, que non deixaba títere con cabeza.

Comigo meteuse algunha que outra vez (aínda que non comigo, senón coa figura pública que leva o meu nome), o mesmo que coa Mesa. Mais non fomos os máis afectados polas súas frechas. Fixo concursos de Pseudo-Rivas; cando varios medios decidiron procurar a palabra máis fermosa da lingua galega, el optou por crear un galardón á máis fea; escribiu un reality-show ficticio coas glorias galegas que poderían protagonizar un Tomate patrio... E todo nos cinco mesiños que durou, desde abril a agosto de 2006.

Para min, dous dos mellores momentos deste blog foron este e este. Mais tamén hai moitos outros boísimos.

A súa última postaxe foi máis seria do habitual. Despois desa, o silencio. Alguén sabe o que lle aconteceu? Agardo que se encontre ben e anímoo a que volte co seu ar fresco ou a que a TVG o contrate para un programa.