26 de fev de 2009

A Mesa perante as eleccións autonómicas

A Mesa pola Normalización Lingüística enviou hoxe un comunicado posicionándose a respecto das eleccións deste domingo. Habitualmente non me fago eco aquí de todo o que fai A Mesa, mais acho que nesta ocasión é ben importante:

A Mesa anima a sociedade galega a participar masivamente nas urnas o 1 de marzo para que “non se desampare o dereito a utilizar o galego”

A Mesa propón que non se vote ás forzas que quererían lexislar contra o galego, como o PP

A Mesa considera que un goberno do PP sería “un retroceso letal para a lingua que nos une como galegas e como galegos”


A Mesa pola Normalización Lingüística chama a sociedade galega a participar masivamente nas urnas este próximo domingo 1 de marzo para respaldar máis avances no proceso de normalización de usos e funcións do idioma propio da Galiza na lexislatura que saia destas eleccións.


A maior asociación cultural do país propón que non se vote ás forzas políticas que quererían lexislar contra o galego, como é o caso do PP, que anunciou que no caso de gobernar derrogaría o decreto que regula un mínimo do 50% do ensino neste idioma. Segundo indica esta entidade, o PP debería aclarar se Galiza vai ser a única comunidade autónoma con lingua propia diferente ao castelán que non vai regular de ningún xeito a presenza do seu idioma no sistema educativo.

A Mesa critica a “insolvencia do proxecto educativo e cultural do PP, ben visíbel nas erráticas declaracións do seu candidato á presidencia da Xunta”. A asociación en defensa do idioma propio de Galiza chama á sociedade a “non lle permitirmos ao candidato do PP ser o enterrador do galego coas súas políticas contra a nosa cultura”, pois consideran que “un novo goberno do PP suporía un retroceso letal para a lingua que nos une como galegas e como galegos”.


A Mesa rexeita os discursos demagóxicos e tremendistas de determinadas forzas políticas nos cales se axita unha inventada “imposición del gallego” e, pola contra, que estas mesmas forzas “fuxan a fume de carozo” de denunciar e combater a verdadeira “imposición lingüística” que segue padecendo a maioría social do país: “a imposibilidade de vivir en galego as 24 horas quen así o desexar”, advertida mesmo por organismos internacionais.

A asociación cidadá en defensa do galego sinala que os sectores, grupos e persoas que falan de “imposición del gallego” e claman contra a lexislación que dá carácter de oficialidade á nosa lingua propia, chegando mesmo a pedir a súa derrogación total, “son os mesmos” aos que “obxectivamente interesa” desmobilizar o electorado e que o 1 de marzo haxa unha escasa participación.]

Nenhum comentário:

Postar um comentário