Mostrando postagens com marcador Alberto Núñez Feijó. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Alberto Núñez Feijó. Mostrar todas as postagens

20 de abr. de 2009

É oficial unha lingua na cal unha empresa che pode dicir que non te podes expresar?

Esta longa pregunta é o subtítulo do artigo desta semana en Galicia Hoxe. Cantas veces quen queremos exercer como galegas e galegos, tamén na fala, nos achamos con situacións desagradábeis nas que empresas das que somos clientes nos instan a utilizar o castelán, de forma directa ou de forma sibilina, como se o natural fose termos que abandonar o noso idioma en determinadas xestións?

Cómpre tamén, neste aspecto, desmontarmos os argumentos falaces e demagóxicos das campañas galegófobas. Porque hai moitas persoas que queremos poder vivir en galego e tamén temos dereitos.

Con todos os dereitos
É oficial unha lingua na cal unha empresa che pode dicir que non te podes expresar?


Un dos eixos das campañas galegófobas camufladas de bilingüistas foi falar da “imposición del gallego en las empresas”, presentando un escenario de edénica liberdade comercial e empresarial que só pretendían romper os “impositores”. Por unha banda, criticaron a posibilidade de que o bipartito lle dese protección xurídica ao galego neste sector (para igualalo co castelán) e, pola outra, inventouse unha suposta liña de coaccións e ameazas por parte da Mesa pola Normalización Lingüística a comercios que non utilizan o galego.

Semella sarcasmo

Falar de imposición do galego neste sector entra de cheo no sarcasmo e debería facer enrubiar a quen diga tal cousa en alto. Calquera persoa que dea un paseo por calquera lugar de Galiza poderá ver o discriminadísimo que está o castelán. A realidade, a pesar de tantas mentiras repetidas, é que non hai nin tan sequera unha mínima correspondencia entre o número de persoas que usan o galego no seu día a día e os niveis de utilización deste idioma nos sectores industriais, comerciais e financeiros, especialmente nos usos considerados máis formais, como a rotulaxe ou a publicidade. Así mesmo, tampouco existe unha consciencia sobre a existencia de dereitos lingüísticos neste ámbito, que se deben garantir e respectar.

A pesar do dito polo novo presidente da Xunta no seu debate de investidura, as persoas que queremos vivir en galego tamén temos dereitos individuais. Aínda que non se note porque non podemos exercelos, si, temos dereitos lingüísticos individuais. Os poderes públicos deberían encargarse de garantilos e non de negalos e dificultalos. Esta última é a incívica proposta do novo mandatario de Galiza, que non cansa de camuflala entre citas poéticas e cínicas alusións á “liberdade” e ao “bilingüismo”.

Ameazas e difamacións

Carlos Negreira, o portavoz do PP na Coruña, inventou o ano pasado que A Mesa enviara 500 cartas “ameazantes” a empresas desa cidade. Desde a asociación retouse a que se mostrase unha soa desas supostas misivas, mais ningunha apareceu, porque tales comunicacións sinxelamente non existiron. Mais o bulo continuou collendo a forma de lenda urbana potenciada por algúns medios. Mesmo unha asociación creada para atacar o galego se puxo en contacto por escrito con todas as empresas radicadas nese concello para advertilas da posibilidade de recibiren escritos da Mesa. Estaba servida a creación fantasiosa e difamatoria dunha asociación radical, agresiva e malencarada con actuacións case mafiosas para “impor” o galego.

A verdade é que desde esa entidade cidadá, desde A Mesa, si se enviaran cartas, mais en absoluto ameazantes, a empresas que discriminaran a traballadoras/es ou clientas/es por usaren o galego, en situacións que calquera persoa cun mínimo espírito cívico rexeita sen dubidar. Por exemplo, o caso do xefe de sección que insultou a unha traballadora de Carrefour coa denigrante frase “¡Burra, no hables lenguas menores!” (e tras cuxa denuncia a empresa anunciou a adopción de medidas), a pediatra do Hospital Modelo que recriminou a unha nai e o seu fillo coa frase “A mí no os dirijáis en gallego” ou o caso da Imprenta Porvén da cidade herculina, que cobraba un sobreprezo no caso de que os traballos se solicitasen en galego. No último caso, A Mesa tivo coñecemento a través de dúas comunicacións: primeiro, dunha parella que quería realizar o convite de voda e, despois, dunha familia que quería facer o recordatorio da Primeira Comuñón. En ambas as situacións, o prezo incrementábase por quereren usar o galego, como se a tinta fose máis cara por utilizaren este idioma.

Son os tres antes citados casos de vulneración de dereitos lingüísticos individuais recoñecidos polas propias empresas e que non suscitaron ningún tipo de medida nin acción por parte do PP, sempre tan preocupado en levar ao Parlamento e á axenda mediática casos de supostas carencias de liberdade para usar o español. Estas tres situacións producíronse nos últimos meses, en pleno século XXI, e son mostras de que é necesaria a adopción de medidas por parte dos poderes públicos.

Nesa mesma liña de diagnose e propostas de acción ía tamén o Plan xeral de normalización da lingua galega, que temos que lembrar que foi aprobado no anterior mandato do PP e coa unanimidade de todo o Parlamento galego. No Plan fálase da necesidade de potenciar as axudas económicas directas ás empresas para a promoción do galego, algo que non debe ser coa idea de que as subvencións se eternicen, senón para facilitar a tradución e posta en andamento da actividade na lingua do país.

Recoñecer dereitos

Outra das medidas do Plan aprobado por PP, PSOE e BNG é promover unha iniciativa lexislativa que recoñeza mellor os dereitos lingüísticos dos consumidores e usuarios. Nese xusto camiño estaban dúas propostas legais realizadas polo bipartito mais que o adianto electoral impediu que chegasen a ser promulgadas, tras un longo proceso de negociación entre as dúas forzas que sustentaban o goberno. Estas mudanzas lexislativas corrixirían unha discriminación tamén comparativa. O galego é a única lingua do Estado que carece dunha regulación que impida a súa exclusión no sector comercial e empresarial, por exemplo sinalando que debe estar presente nalgúns espazos ou que ao menos determinados estabelecementos deben ter persoal capacitado para atender ao público en galego. O PP gobernou nas Illes Balears cunha lexislación que sinala iso para o catalán.

Falaba Alberto Núñez Feijóo de dereitos lingüísticos individuais. Pois resulta que as medidas que por aí se encarreiran son xustamente para garantir dereitos lingüísticos individuais non só para as persoas que queiran desenvolver a súa vida en castelán, senón tamén para quen, lexitimamente, quere poder vivir en galego, algo que non lle fai dano nin prexudica a ninguén.

Servizos públicos

Hoxe non está garantido que unha persoa poida realizar con normalidade as xestións empresariais máis habituais sen ter que renunciar ao uso do galego. Nin tan sequera na maioría dos servizos públicos. Iso é algo que constatou tamén o Consello de Europa no seu último informe sobre a situación lingüística en Galiza. Cómpre lembrar que a Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias sinala que servizos como a telefonía, ou o fornecemento de electricidade e gas, tanto se son proporcionados polo Estado como se se trata de concesións ou autorizacións administrativas, deben ter cláusulas de dereitos lingüísticos, nomeadamente garantindo a atención ao público e a facturación en galego.

Porén, na actualidade tamén a maioría dos servizos públicos vulneran tales dereitos individuais. Son moi pouquiñas as compañías telefónicas que ofrecen servizo en galego e nalgún caso ofréceno nunha situación de franca precariedade: a algunhas horas e con escasísimo persoal. A día de hoxe, mesmo hai empresas gasísticas que non recoñecen a validez dos escritos en galego e que obrigan a que a clientela que chama ao servizo de apoio ao cliente teña que expresarse exclusivamente en castelán.

Non sería lóxico, xusto e o máis democrático que estivese regulada e garantida a opción de poder comunicarse e recibir información tamén en galego nestes casos? Pódese considerar que realmente é (co)oficial unha lingua na cal unha empresa che diga que non te podes expresar se queres recibir o correspondente servizo? Por que as persoas que queremos vivir en galego non temos garantidos eses dereitos lingüísticos individuais? Estas son algunha preguntas que Alberto Núñez Feijóo non formula e que cómpre que nos fagamos.

16 de mar. de 2009

Da demagoxia ao disparate

O meu artigo desta semana en Galicia Hoxe aborda os amorosos proxectos do PP para a nosa lingua no sistema educativo:

Da demagoxia ao disparate
O amor de Alberto Núñez Feijóo ao galego no ensino


Nos louvores ao presidente da sucursal do PP en Galiza e próximo presidente da Xunta enxálzase sempre a súa capacidade para a oratoria, aínda que os críticos lembren tamén aquel consello en forma de reprimenda que no seu día lle dera a súa correlixionaria Loyola de Palacio: “cando falas, pareces un pouco chulo”.

Poden ser plausíbeis os continentes dos seus discursos, mais os contidos non agoiran nada bo para esta lexislatura que aínda non comezou, aínda que o pareza polas constantes recepcións institucionais ao presidente in pectore, que non presidente electo. A demagoxia e o cinismo constitúense como os eixos centrais de Alberto Núñez Feijóo. As súas diarias declaracións sobre o galego no sistema educativo son boas mostras.

Ao mesmo tempo que se manifesta como un amante da lingua e disque o seu primeiro defensor, anuncia que a primeira medida do seu goberno será derrogar o decreto que regula que ao menos a metade das materias do ensino non universitario deben ministrarse na lingua propia de Galiza. Mentres, o cabeza de lista do seu partido pola circunscrición da Coruña amosa a súa intención de derrogar a Lei de normalización lingüística, cuxo artigo 10 (o único taxativo desta norma) sinala que os nomes de lugar galegos terán como forma oficial a galega, e que é un aspecto básico do recoñecemento da lingua propia e natural de Galiza.

Amores que matan

Non debería sorprendernos a posibilidade de que a persoa que asuma as responsabilidades de cultura e educación –ou o que aglutine a tal probábel nova macroconsellaría– no novo goberno sexa alguén de rostro “amábel”, lonxe das fobias dun Carlos Negreira ou do histrionismo dun López Chaves. Alguén que manifeste día si e día tamén perante os micrófonos o seu intenso amor pola cultura galega mentres vai desfacendo os adiantos conseguidos para a nosa lingua, non só nesta última lexislatura do bipartito, senón mesmo ao longo de toda a etapa autonómica.

Temos que ser conscientes da situación histórica en que nos encontramos, neste “plan de extinción do galego”, que con exactitude definiu Manuel Rivas. O PP, con certeza, quere ensaiar en Galiza un proceso de desmantelamento da cooficialidade dunha lingua, que xa tentou en maior ou menor grao con anterioridade en Nafarroa e nas Illes Balears, lugares onde ao final tivo que recuar. De nós, da nosa capacidade de mobilización, por exemplo o 17 de maio, dependerá que tamén en Galiza poidamos detelo. Se non nos activamos e volvemos pensar, como moitas e moitos ao comezo da campaña electoral, que todo está feito ou que todas estas afirmacións non pasan de globos sonda, mal andaremos.

Que pasará co galego no ensino?

A promesa de eliminar as medidas de promoción do galego en todo o ensino non universitario, tanto a través das Galescolas como do decreto 124/07, son repetidas a diario polos dirixentes do PP, especialmente por Núñez Feijóo. Tanto lles ten que a comunidade educativa respalde estas medidas e que a “imposición del gallego” sexa só unha ladaíña inventada por eles e os seus grupos de comunicación. Lembrémolo máis unha vez, porque é importantísimo: este decreto foi respaldado polo Consello Escolar de Galiza, polos sindicatos que representan o 90% do profesorado, por todas as organizacións estudantís actuantes no noso país, por todos os movementos de renovación pedagóxica, pola federación dos 125 centros católicos concertados e pola federación pública de asociacións de nais e pais. Vai ser capaz o PP de presentar un decreto cun maior respaldo que o que conseguiu o que agora está en vigor?

As palabras de Núñez Feijóo ao respecto do galego no ensino son, ademais de demagóxicas, tamén moi confusas. Xa na campaña electoral realizaba promesas que se contradicían entre si para tentar achegarse a diferentes sectores, contentando os grupos máis ultras que están contra o galego, non tanto pola implantación social destes colectivos (moi minoritaria), senón pola forza dos poderes fácticos, mediáticos e económicos, que os sustentan, que si é decisiva e aplastante. Porén, ao mesmo tempo, Núñez Feijóo tentaba tamén distanciarse esteticamente dalgunhas destas posturas ultramontanas, para non perder outras bolsas de votantes.

Un encaixe complexo...

Tras o veredicto das urnas, o líder do PP galego continúa co mesmo discurso confuso, sen se asesorar por ninguén, senón repetindo as mesmas ideas demagóxicas. Afirma que as nais e os pais poderán escoller a lingua en que se educan os seus fillos ou as súas fillas, mais punto e seguido tamén sostén que non separará por aulas tal e como exixía a desmemoriada Galicia Bilingüe.

Ben, entón como vai facer para cumprir a súa promesa? Se unha familia pide que a súa filla estude en castelán e outra familia que o seu fillo estude en galego, aínda que só sexa a materia de matemáticas, como vai garantilo sen separalos en aulas diferentes? Ou é que vai contratar dous profesores para cada aula e un explicará nunha lingua e outro noutra? Talvez está a pensar en separar as salas dos centros con biombos?

Aínda que os pais escollan unha lingua ou outra, el di tamén que o alumnado será “libre” de utilizar a lingua que quixer nos traballos de aula ou nos exames. Entón, se un rapaz ou unha rapaza pode non ter que practicar unha lingua, como vai aprendela? Só se lle apetece? Entón por que o castelán e o galego son cooficiais? Se na familia queren que aprenda unha lingua e a alumna ou o alumno se nega, que escolla prevalecerá? Estenderase tamén a outros coñecementos a posibilidade do estudante de non ter que demostrar que adquiriu as correspondentes competencias?

Para máis inri, Núñez Feijóo afirma tamén que o profesorado poderá dar as aulas na lingua que quixer. “Sen imposicións”, claro. Garantindo a “liberdade lingüística”, como non! Mais se o docente pode usar un idioma ou outro indistintamente dentro da aula, para que se pregunta nada ás familias? Non vai iso contra a “liberdade” do profesor ou da profesora? Que “liberdade” prevalecerá? Como se vai garantir entón o suposto “dereito” que se quere estabelecer para que os pais e as nais escollan a lingua en educación infantil ou de determinadas materias? E o do alumnado tamén de escoller lingua? E como collerá todo isto nunha soa aula, sen triplicar o sistema educativo? Ou é que se triplicarán os biombos?

Aínda máis. Até que punto se garantirá a “liberdade lingüística”? Haberá que realizar unha escolla vinculante a comezos de curso ou poderá mudar? Se unha estudante fala e escribe en castelán en setembro e a partir de marzo quere mudar para o galego, poderá facelo? E a familia? E o profesor ou a profesora?

Todo o que dixen aquí pode parecer absurdo, mais que non se achaque á miña exposición, senón á disparatada lóxica da demagoxia do futuro presidente da Xunta sobre a materia.

Escribindo aos dous anos

Se a comunidade educativa estaba xa abondo preocupada co descoñecemento absoluto que ten o futuro presidente da Xunta sobre a realidade do día a día das aulas, este aínda ousou repetir en varias ocasións que os rapaciños e as rapaciñas das Galescolas non aprenderán a ler e escribir en galego.

Deixando á parte esa afirmación categórica a respecto do idioma, haberá que lembrarlle que nas Galescolas están neniños e neniñas de menos de 3 anos, entre os cales non son habituais moitas destrezas na lectura nin na escrita, que se introducen a idades máis avanzadas. Antes, cóntanselle contos, fanse xogos, cántanse cancións, esas cousas tan tóxicas...

Non lle viría mal ao futuro presidente galego coñecer un pouco mellor o sistema educativo antes de botar a lingua a pacer en temas tan importantes para a formación das futuras xeracións e que, se se tratan sen o necesario diálogo e consenso, poden crear unha gravísima fractura social.

11 de mar. de 2009

Austeridade

Austero:
1. adx. Que vive, obra ou xulga dunha maneira estrita.
2. adx. Que reduce os seus hábitos ao necesario e prescinde de comodidades superfluas.
3. adx. Que carece de todo aquilo que se pode considerar agradábel ou cómodo.

Como sentencia o refraneiro galego: "Fai como che eu digo e non como che eu fago". Ou como asevera un extraordinario dito castelán: "Consejos vendo, para mí no tengo".

Cando chegarán explicacións sobre este empréstimo de Citroën non declarado nin tributado nos últimos tres anos por parte do líder do PP galego e próximo presidente da Xunta?

9 de mar. de 2009

Dimensións dos resultados, posíbeis causas e vías de futuro

As eleccións protagonizan o meu artigo desta semana en Galicia Hoxe, no cal matizo ou mudo algunhas das conclusións que sinalaba nunha entrada anterior deste blog.

Velaquí o texto, sobre o cal podedes deixar, se quixerdes, a vosa opinión como comentario:

Algunhas notas sobre as autonómicas
Dimensións dos resultados, posíbeis causas e vías de futuro

É significativo que a maioría das análises sobre o resultado destas eleccións se centren máis nos motivos da derrota do bipartito, que baixou ostensibelmente en votos, que na vitoria do PP. Alberto Núñez Feijóo será o novo presidente da Xunta de Galiza, mais a sensación xeneralizada é que estas autonómicas non as gañou o seu partido, senón que as perdeu a coalición gobernante nos últimos tres anos e medio, que venceu por moi pouco en 2005 e agora ficou no camiño tamén por moi pouco.

Se compararmos os resultados en Galiza nos anos 2005 e 2009 sen contarmos o polémico, por atacado pola fraude, voto do censo de “residentes ausentes”, veremos que o PP conseguiu mobilizar a 55.000 persoas máis (de 704.000 a 759.000), mentres o PSOE perdeu 28.000 (de 510.000 a 482.000) e o BNG 40.000 (de 307.000 a 267.000). A lixeira suba na participación (por un erro estatístico, case todos os medios exaxeraron tal aumento, que foi na realidade, sen contarmos o CERA, de 2,25 puntos) correspondeuse cunha parte da base electoral do PP, o cal quebrou cun errado tópico repetido na campaña por líderes políticos, articulistas e tertulianos, segundo o cal unha maior afluencia ás urnas significaría unha vitoria de BNG/PSOE, cando ao final o que se moveu foi o sachado voto da dereita.

O PP subiu nas provincias da Coruña e Pontevedra, nas cales o PSOE e o BNG perderon cadanseu escano, aínda que hoxe mesmo é probábel que o PSOE compense ese descenso cun novo asento no Hórreo a través do voto emigrante na circunscrición ourensá.

Dos efectos ás causas

Na análise, cómpre evitar a trampa habitual, e un tanto oportunista, de achacar uns resultados negativos nunhas eleccións a aquilo que non nos gusta dunha determinada forza política. Ese é un outro debate, que ten todo o senso na tomada de posicións tanto intra como interpartidarias, mais non para coñecer as dinámicas substanciais que de verdade levaron ao veredicto das urnas.

No caso do BNG, pódese detectar unha correspondencia entre a desmobilización do seu electorado e as áreas de maior difusión e capacidade de incidencia do medio de comunicación que mantivo a campaña máis hostil contra esta opción política. Obsérvese que tres de cada catro votos que perdeu o nacionalismo foron na provincia coruñesa e que na propia cidade herculina se deixaron polo camiño un de cada catro sufraxios do total do país. Aínda que haxa múltiplos motivos, penso que é este feito o que decanta o resultado e a perda do goberno, fronte a uns estudos demoscópicos que nos últimos meses ou días prognosticaban na súa maioría un certo crecemento no apoio ao BNG. A base social nacionalista é máis permeábel á intoxicación informativa, que se orientou arteiramente para agudizar o espírito crítico e crear a desmotivadora idea de que “todos son iguais”.

Ademais, tanto PSOE como BNG partiron dun erro de diagnose. Até os últimos días, nunca valoraron a posibilidade de perder, como se o feito de estar no goberno garantise de seu unha suba ou, no peor dos casos, a continuidade. A tendencia descendente do PP e a maior fraxilidade institucional desta forza parecían apuntar a iso, porén este partido compensouno sobradamente coa súa capacidade organizativa, alicerzada na historia, e os decisivos poderes fácticos que a fornecen. Hai que lembrar que ao longo desta lexislatura mesmo houbo inquéritos cociñados na Presidencia da Xunta que chegaron a presentar ao PSOE como virtual primeira forza de Galiza por diante do PP, un espellismo que a maquinaria electoral da dereita se encargou de desmontar en cada convocatoria.

No caso do PSOE, aínda que algúns estudos alleos á súa cociña manifestaban as opcións de crecemento, tamén é certo que moitos outros subliñaban un desgaste tanto a nivel de Estado como en Galiza, en boa parte atribuíbel á xestión da crise económica, que se podía concretar tanto nun estancamento como nun descenso, como finalmente aconteceu. A consideración de que a reedición do bipartito estaba cantada e que se trataba máis de se posicionar contra o socio minoritario para que non gañase posicións foron goles en propia meta. Elementos da campaña suxa e demagóxica iniciada polo PP tiveron portada e sustento nos grupos mediáticos máis próximos ao PSOE, debilitando o compañeiro de viaxe sen o cal este partido non ten posibilidades de (co)gobernar Galiza. Ademais, o PSOE disparouse aos pés cando, con todo o oportunismo, se dedicou a negativizar o pacto bipartito, por exemplo no referido ás concesións eólicas ou ás tímidas iniciativas de promoción do galego.

O goberno na balanza

Hai persoas con tribunas públicas que até hai oito días enxalzaban os logros destes últimos tres anos e medio que hoxe renegan do dito e fan tabula rasa para lle daren un suspenso en todo sen paliativos. Se realmente neste tempo non se tivese realizado ningunha mudanza, o PP non viría coa intención de destruír ou reformular de vez o avanzado.

Certo que este goberno non soubo facer pedagoxía para transmitir os seus logros nin os seus erros nin as súas limitacións. Certo que houbo departamentos como Medio Ambiente, Sanidade ou, en diferentes graos, nos medios públicos, nos cales non houbo cambios substanciais para mellor, mais tamén é verdade que se incardinaron proxectos moi positivos para o país no medio rural, nas políticas de xuventude, de sexualidade, de vivenda, na xestión enerxética, na creación dun sistema de benestar ou na acción cultural, por citar algúns, e aos que hai que acrecentar o desenvolvemento lexislativo en varios ámbitos. Na política lingüística, tanto se promoveron adiantos cualitativos nalgúns departamentos como se aplicou noutros un pusilánime continuísmo a respecto dos mandatos Fraga, que o novo PP quere desmontar, retrocedendo todo o avanzado na etapa autonómica, mesmo en anteriores gobernos seus.

Por pouco

A suma dos votos do PSOE e BNG é levemente inferior á do PP. Se un escano do PP mudar hoxe para o PSOE cos resultados do CERA, a diferenza será dun único deputado. Hai catro anos o bipartito gañou por pouco e agora perdeu por pouco, sendo por unha presada de sufraxios distribuídos dun ou doutro xeito como se acabou decidindo o goberno. Hai que lembrar isto fronte aos articulistas e tertulianos que repiten agora que unha alternativa ao PP será imposíbel en Galiza durante lustros. Se hai sete días non eran capaces de prever esta maioría absoluta do PP, por que van estar máis acertados nese inexplicado vaticinio a medio ou longo prazo?

Para o PSOE galego e, de forma máis especial para o BNG, comeza unha travesía do deserto e o retorno á oposición no Parlamento. É momento de reflexionaren e introduciren mudanzas, mais a nación precisa que se fagan con lealdade e construtivamente. Cómpre, como dicía Marx nunha das súas célebres citas, que non tiremos o neno xunto coa auga suxa da bañeira.

Hai resortes institucionais (Deputacións da Coruña e Lugo, gobernos das cidades e principais vilas; mesmo o goberno en minoría do PSOE no Estado) e tamén estruturas populares para continuar a resistir e que non lles sexa tan fácil o laminamento das conquistas realizadas.

De momento, aínda que o presidente in pectore presente un “goberno para todos”, o verniz da demagoxia que centrou a súa campaña comezou xa a caer en cuestións como o traído e levado coche oficial ou as súas propostas de desmantelar “con todo o amor” a cooficialidade da lingua galega, comezando polo ensino, algo que Manuel Rivas definiu con toda precisión como un “plan de extinción do galego”. Gañar as eleccións non converte as mentiras en verdades nin ampara atentados contra normas básicas de convivencia como o Estatuto de Autonomía e o recoñecemento do galego como lingua propia do país.

2 de mar. de 2009

Os ataques e as defensas

Unha amiga pásame unha fotomontaxe que colleu do web de Galicia Bilingüe na que me colocan disque nas filas dos servizos de desemprego (de Madrid?!). Por se non me recoñecedes, son o de verde.

Xa sei que non é novidade, porque nesa páxina xa fixeron un día unha colaxe na que me puñan como un presidiario e outra na que me casaban co que vai ser o novo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijó, disque porque este usa moito o galego. A listaxe de insultos que me teñen pasado deste web é longa, entre os cales sobrancean os homófobos, en plan que "perdo aceite". Alá eles con ese lamentábel odio que os retrata.

Se pensan que os compañeiros e compañeiras da Mesa, eu entre elas e eles, imos deixar de dar a batalla, van bos. Sabemos ben que todos os adiantos para o noso idioma foron gañados a pulso e estamos afeitos pola historia aos terreos adversos e á intemperie. Mobilizarémonos en defensa da nosa lingua máis que nunca. Temos moito por dicir e moito por facer!

1 de mar. de 2009

Kit básico para esta xornada electoral

1) Ter presente antes de ir votar que hoxe se anuncia como a última función do "Circo Feijoo" (sic), publicidade que eu recollo do blog de Xosé Manuel Pereiro, quen comenta: "É que non se sabe que é mellor. Se o de 'Saludo a Franco, Arriba España' para anunciar un circo, se o de 'todos los clows y los famosos tontos' ou o de 'El Domingo, despedida de la Compañía'".


2) Quen non tiver que estar traballando, agardar o resto da xornada, que se prevé chuviosa en case todo o país, facendo karaoke con esta canción de Abba:



3) Seguir o reconto a través dunha aplicación como esta:



4) Sexa cal for o resultado e as posibilidades dunha modificación debido ao voto manipulado do censo de residentes ausentes, apoiar esta iniciativa:

Se resides, decides

27 de fev. de 2009

Cal é o proxecto educativo do PP?

O candidato do PP á presidencia da Xunta quere contentar todos os flecos de votante e con tal versatilidade á hora de prometer demostra que non ten nin idea do que facer no caso de que poida chegar a gobernar o vindeiro domingo, como parece posíbel se hai unha abstención superior ao 38%.

Di que concorda coas propostas de apartheid lingüístico de Galicia Bilingüe (aínda que el non as chame así, mais ao pan, pan, e ao viño, viño), porén ao mesmo tempo descarta tamén as mesmas propostas. Di que os nenos deben poder non falar, se non queren, na lingua en que se imparta a clase, mais ao mesmo tempo di que se estabelecerán uns mínimos para "equilibrar" a docencia nunha lingua e noutra. Non aclara se a liberdade individual para non falar unha lingua na clase chega tamén ás disciplinas de lingua e literatura castelá e inglés e ás materias que se impartan en inglés ou francés, ou se só será de aplicación para as de galego porque esta é unha lingua de segunda. Tampouco aclara como se poden conseguir as competencias lingüísticas se unha nena ou un neno pode ter a liberdade para non practicar ese idioma na clase. Porque se o que se trata é de que faga prácticas o profesorado, non fai moito sentido.

Ademais da súa promesa firme de que o primeiro que farán de gobernaren será derrogar o decreto que marca o mínimo do 50% do ensino en galego, alguén sabe cal é o proxecto educativo do PP?

Nunha entrevista onte na edición galega de El País, que reproduzo literalmente, sementaba todas estas estrañas contradicións:

P. ¿Asumirá las tesis de Galicia Bilingüe de tres sistemas educativos según la lengua de los alumnos?

R. Yo asumo lo que asumo. Apoyé la manifestación, parte de los planteamientos son muy aprovechables y no es una plataforma contra el gallego porque si no, no la apoyaría. Está a favor de los derechos civiles. El primer Gobierno que ha separado a los niños en aulas es éste, que ha dado la posibilidad a los que quieren que sus niños se eduquen en gallego a que se le impartan todas las asignaturas en gallego. Más de 2.000 personas estudian sólo en gallego. Ampliaremos los derechos civiles para que los niños de 0 a 3 años aprendan en el idioma que quieran los padres, y daremos derecho a los alumnos para comprar los libros en el idioma que quieran, a hacer los exámenes y a dirigirse a los profesores en el idioma que quieran. En el sobre de matrícula meteré una casilla para que los padres elijan el idioma de las asignaturas troncales. Y luego haremos una propuesta de proporcionalidad entre las dos lenguas.

P. ¿No propone usted un sistema en castellano, otro en gallego y un tercero de tipo mixto?

R. No me gusta ese sistema. Pero me vinculará mucho la propuesta de los padres en el sobre de matrícula.

Por certo, o candidato do PP amósase escandalizado pola súa estimación de que hai 2.000 estudantes que estudan "só en galego". Aínda non tendo eu nin idea de onde puido tirar a cifra (acho que ten o mesmo rigor que o resto do seu discurso), esa cantidade representa o 0,52% das alumnas e dos alumnos no ensino non universitario en Galiza.

26 de fev. de 2009

Campaña suxa

A miña principal fonte de información desta campaña está a ser o blog de Anxo Lugilde para La Vanguardia, que trae datos e análises que ou non se ven nos medios galegos (xa non digamos nos madrileños!) ou chegan máis tarde. É a bitácora dun xornalista galego con moi boas fontes que pode escribir desde un medio catalán. O resultado é, con certeza, moi interesante.

Na súa entrada de hoxe, tras facer un repaso por algúns erros cometidos polo BNG na súa xestión e na campaña, conclúe dun xeito moi claro, co que concordo totalmente:

"Quintana está siendo objeto de un juego muy sucio, en el que están involucrados el PP de Ourense y otras instancias. Nunca hasta ahora en Galicia se habían traspasado de esta manera los límites de la vida privada, ni había pasado nada parecido a la increíble historia del teletipo apócrifo. Son asuntos más parecidos a la guerra de los espías de Madrid que a los clásicos líos de la política gallega. Y generan solidaridad con Quintana (...)."

Días atrás analizaba tamén, coa ollada limpa, que ao mesmo candidato do BNG "un poderoso grupo fáctico le somete a un diario examen por el que no pasaron nunca ni Fraga, ni Touriño, ni Feijoo."

A respecto das fotos de actualidade con Jacinto Rey, El Correo Gallego indica hoxe que xa as publicaran eles... en setembro de 2005.

Que opinades de todo isto?

9 de fev. de 2009

A fracasada marcha do odio


O meu artigo desta semana vai sobre a fracasada manifestación de onte e as piruetas do PP no seu discurso lingüístico nos últimos anos.

Quixeron convocar a mobilización para condicionar as eleccións, mais van influír xusto no sentido contrario, pois demostraron que nin con todos os apoios chegados de fóra lograron xuntar 5.000 persoas, nos cálculos máis exaxerados (os propios organizadores falaron de 3.000, cando a policía local reduciu a cifra oficial a 2.500).

Por certo, mentres o PP galego facía o ridículo deste xeito, o PP catalán, máis intelixente a pesar de non estar agora en campaña, non secundou a mobilización de antonte en Barcelona contra a política lingüística da Generalitat e que tamén foi un rotundo fracaso de afluencia.

De calquera xeito, que os fumes e as mentiras non nos fagan esquecer o fundamental. A realidade é que a lexislación lingüística e o Plan xeral están sen aplicar, e aí xogámonos o presente e o futuro do noso idioma. Estes teñen que ser os nosos obxectivos inmediatos.

19 de jan. de 2009

Os mil amigos de Núñez Feijó

O meu artigo desta semana en Galicia Hoxe aborda a campaña do PP para as Galegas, que parece feita para gañar votantes en Madrid, do pouco conectada que está coa realidade e cos problemas de Galiza.

Matino un pouco sobre iso a partir do publicitado perfil na rede social Facebook do seu candidato a presidente da Xunta.