Mostrando postagens com marcador pánico homosexual. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador pánico homosexual. Mostrar todas as postagens

21 de mar. de 2016

8 de abr. de 2009

A Quinta-feira Maior como metáfora da homofobia

Mañá é Quinta-feira Maior ou Xoves Santo, o día que a tradición cristiá conmemora a última cea, as dúbidas de Xesús perante o seu futuro, a traizón a mans dos seus e a súa posterior tortura, como é ben sabido. Fermín Bouza Brey ten un tremendo poema que se intitula xustamente coa denominación desa efeméride santificada. Pertence o texto ao libro Seitura, que se publicou en Portugal en 1955 aplicando as normas ortográficas e morfolóxicas dese estándar na altura.

Varios dos poemas desta obra, como o que a seguir se cita, teñen un pesimismo e un masoquismo adoecido que non só se deben pór en relación co contexto fascista (violencia, exilio, prohibición dos símbolos nacionais, manipulación como norma da opinión pública etc) senón tamén coa lenda negra de carácter homofóbico que se foi tecendo á volta do seu autor e que o rodeou con especial insistencia desde finais da década de 40, contribuíndo de xeito decisivo a facelo terminar coa súa brillante carreira como maxistrado. Polo medio, traizóns de supostos amigos ou colegas como Xosé Filgueira Valverde e unhas sátiras patriarcais e difamatorias contra el escritas por Celso Emilio Ferreiro.

Así, ese grande home que foi Fermín Bouza Brey non só foi un exilado no interior dunha Galiza decapitada, senón tamén nun mundo patriarcal, fondamente homófobo, que o estigmatizou como "maricón". O cripticismo simbólico, a autocensura, a desesperanza polo mantemento dun segredo inconfesábel, o reflectimento dunha hostilidade social e a cosmovisión culpabilizada e atormentada teñen a ver con esta vivencia da homofobia.

Tal identificación de Bouza non só ten importancia para vermos as relacións de xénese histórico-biográfica destes poemas, senón tamén a súa recepción, nun momento no cal no campo literario galego o espazo público e o espazo privado conflúen plenamente.

O propio rexime sexual é o que sustenta a imaxe de vitimización sublimada pola vía relixiosa que se nos presenta en "Quinta-feira Maior". O segredo é tan xigantesco que deus parece como o principal destinatario que se procura, aínda que non sexa como redentor. Estamos diante dunha poesía terapéutica, confesional, necesariamente solipsista, característica de grupos marxinalizados. É unha poesía escrita desde o estigma da homofobia.


Quinta-feira Maior
Y en la noche del huerto me han sido
Juan cobarde y el Ángel hostil
(Gabriela Mistral)
Olivedos do insómnio, meus ortos de oração
onde ateiga seu cálice meu esprito em paxião,
cando baixará o Anjo da minha redenção?

Vim ajejar ao Judas sob das sombriças pôlas.
Da soldadesca ao longe oucem-se as riandolas
e chega-me o balbordo das brutaes parolas.

Os meus discipres dormem deica o raiar do dia,
alhêos à tremenda feição da treidoria,
e a lua nos seus rostos põ somas de agonia.

Pai celeste, que sabes do meu immenso pranto,
e co'il me acarinhache na força do crebanto,
porque eissi me abandonas no meio de iste espanto?

O cálice reverque. Eu pido a minha cruz.
Eu quero a minha croa de arnales tojos nus,
mais o vinagre azedo que queimou a Jesus...

E si dempois não mandas que haja pra mim Tabor,
nim que me sente à beira de Cristo Redentor,
senão que eternamentes sinta penas e dôr,

que grória pode haver como o sofrir, Senhor?


Como vemos, o suxeito lírico identifícase aquí, ante unha situación de traizón, desacougo e medo, co Xesús Cristo de Xetsemaní, a través dun ritmo salmódico, de oración relixiosa que cómpre ler devagariño. O seu ton confesional é o propio dun acontecemento íntimo que hai que desvelar a media voz, en palabras de Ramiro Fonte no seu estudo Fermín Bouza Brey e a súa obra literaria (Galaxia, Vigo, 1992).

Aínda sentíndose como o mesías bíblico, fáltalle o sobrenatural (o anxo). Si coñece a quen o traizoou (v. 4), para alegría da xustiza (v. 5), ao facer correr os rumores, as "brutaes parolas" (v. 6). A aceptación submisa do sufrimento é tal que, cando menos liricamente, se manifesta o desexo de vivilo aínda que non haxa recompensa de ultratumba nos designios divinos, senón que todo sexa unha eterna expurgación. Non é até a estrofa quinta que o eu se desvela como un eu que se quere identificar de vez co poeta, non con Xesús.

A referencia ao inefábel e a recorrencia da relixión son dous elementos presentes reiteradamente no libro Seitura. Tamén o número de poemas escolmados para a edición é significativo: 33, máis a dedicatoria "A Emilia", separada mesmo tipograficamente do resto. Dun punto de vista cabalístico, o número 33 é moi importante, pois estes son os anos que se supón que viviu Xesús Cristo. É unha cifra que evoca o martirio, o sufrimento, cargada semioticamente nos países de cultura católica como é o noso.

1 de mar. de 2009

Unha entrevista na Voz da Barbanza e un artigo de Manuel Bragado no Faro

Hoxe a edición para A Barbanza da Voz publica unha entrevista comigo que podedes ler nestas tres partes se vos interesar:
Grazas á xornalista Marta Gómez e ao fotógrafo Xoán A. Soler!

Por outra banda, recoméndovos o artigo publicado hoxe por Manuel Bragado na súa columna dominical no Faro de Vigo, que se fai eco dunha entrada anterior deste blog a respecto do "pánico homosexual". Tal e como el conclúe, esta sentenza debe ser emendada decontado.

25 de fev. de 2009

Concentración contra a inxustiza e a homofobia


A Federación Aturuxo convocou para hoxe ás 20 h na praza do Toural de Santiago unha manifestación de repulsa á inxusta sentenza xudicial e de solidariedade coas familias das vítimas de Vigo.

Dáme moitísima raiba non poder estar alí, pois teño que desprazarme a outra cidade por razóns persoais e de traballo impostergábeis.

Por favor, todas e todos os que puiderdes, acudide.

21 de fev. de 2009

Eran maricóns


Estou moi indignado coa absolución por parte dun xurado popular ao homicida confeso de dous gais en Vigo. O veredito libra de responsabilidade (esta palabra é importante: responsabilidade) a alguén que recoñece que matou a dous rapaces con 57 puñaladas e despois queimou o piso e os corpos para eliminar pegadas. Todas as probas e a propia confesión do acusado así o sinalan. Si será condenado por prender lume á vivenda, mais sae totalmente sen castigo por acabar coa vida de dúas persoas.

Os motivos da absolución, que só estiveron presentes na declaración do imputado, son que este tivo medo de que o violasen e que antes de ensañarse coas vítimas tomou grandes cantidades de alcol e drogas. Ambos os eximentes son, do meu punto de vista, unha inmensa atrocidade que crean inseguranza social e indefensión.

Sobre o primeiro hai unha longa listaxe de tristes sentenzas en diversas partes do planeta nas cales se defende a violencia polo denominado "pánico homosexual", segundo o cal unha insinuación sexual por parte dun gai (ou unha lésbica ou un travestí ou un transexual...) xustifica calquera agresión. Calquera.

A respecto do segundo motivo para non condenalo por asasinato ou homicidio, teremos que preguntarnos se doravante se van despenalizar os crimes se quen os cometer toma previamente suficiente alcol e drogas para ser non-responsábel dos propios actos.

Agardo que na apelación se mude a sentenza e que as instancias xudiciais superiores dean un forte correctivo aos vergoñentos erros manifestados no proceso.

O pánico homosexual


A respecto deste suceso, propóñovos a lectura dunhas liñas de Eve Kosofsky Sedgwick sobre o concepto do "pánico homosexual":

(...) o "pánico homosexual" [é] unha estratexia que se usa comunmente para impedir a condena ou para reducir as sentenzas dos agresores de gais (...). Xudicialmente, a defensa do "pánico homosexual" dunha persoa (normalmente dun home) acusada de violencia contra persoas gais implica que diminúe a súa responsabilidade no delito por unha condición psicolóxica patolóxica, quizais provocada por unha insinuación sexual non desexada do home a quen despois atacou. Ademais de se basear en suposicións inxustificadas de que todos os homes gais poden ser cribelmente acusados de faceren insinuacións sexuais a estraños e, aínda peor, que a violencia, a miúdo até o punto do homicidio, sexa unha resposta lexítima a calquera insinuación sexual, tanto se for grata como se non o for, a defensa do "pánico homosexual" tamén se basea na suposición falsamente individualizante e patoloxizante de que o odio cara aos homosexuais é un fenómeno tan persoal e atípico nesta cultura como para ser clasificábel como unha doenza que diminúe a responsabilidade nun delito. O que realmente parece demostrar a aceptación xeneralizada desta defensa, polo contrario, é que o odio aos homosexuais é aínda máis público, máis típico e, por tanto, máis difícil de contrarrestar que o odio cara a outros grupos desfavorecidos. O "pánico racial" ou o "pánico de xénero", por exemplo, non son aceptados como defensa para a violencia contra a xente de cor ou das mulleres; no que di respecto ao "pánico heterosexual", David Wertheimer, director executivo do programa contra a violencia gai e lésbica da cidade de Nova York, observa: "se todas as mulleres heterosexuais que foron obxecto dunha insinuación sexual dun home tivesen o dereito a asasinalo, as rúas desta cidade estarían cheas de cadáveres de homes heterosexuais". Un avogado da organización National Gay Rights Advocates pon de manifesto o contraste que hai co trato legal que se dá a outros delitos relacionados cos prexuízos: "Non hai ningunha xustificación obxectiva ou legal para o uso desta defensa [o pánico homosexual]. Do mesmo xeito que a nosa sociedade non permite que un acusado utilice prexuízos baseados na raza ou o xénero como escusa para os seus actos violentos, a homofobia do acusado non é defensa algunha para un delito violento. Así, pois, gran parte da responsabilidade da defensa do "pánico homosexual" parece sinxelamente provir da súa capacidade para permitir e "situar", mediante a patoloxización, a representación dun prexuízo socialmente aprobado contra unha minoría estigmatizada, particularmente humillada entre outras moitas. (...) O motivo polo cal esta defensa toma o nome da clasificación psiquiátrica "pánico homosexual" (...) é que se refire á suposta incerteza do agresor sobre a súa propia identidade sexual (...). (...) A eficacia do pretexto depende da súa forza universalizadora, de se, como di Wertheimer, pode "crear un clima no cal os membros do xurado sexan capaces de se identificaren co agresor, pensando: 'Meu deus, quizais eu reaccionaría do mesmo xeito'".

(Tradución miña de fragmentos das páxinas 31-33 do libro Epistemoloxía do armario, de Eve Kosofsky Sedgwick, a partir da versión ao castelán realizada por Teresa Bladé Costa para Ediciones de la Tempestad.)

[Na fotografía, Matthew Shepard, rapaz asasinado nos Estados Unidos en 1998 por ser gai. Os imputados tamén tentaron utilizar a estratexia defensiva do "pánico homosexual" como atenuante, responsabilizando a vítima por querer manter relacións sexuais con eles, mais a xustiza desestimou tal argumentación. O seu caso supuxo un pequeno punto de inflexión no tratamento destas agresións non só a nivel xurídico, senón tamén mediático e social.]