18 de fev. de 2009

Alexa e Google Analytics: ránkings e estatísticas

Se a alguén lle interesaren algunhas cifras sobre a vida deste blog, pode continuar a ler. Se non lle interesaren, pode pasar desta aborrecida entrada.

Segundo o ránking de Alexa, o meu blog está nestes momentos no posto 5,519,766 dos webs máis consultados do mundo, un posto que sinceramente vos quero agradecer. Aínda que a cifra poida parecerlle a alguén moi afastada, a verdade é que a min me causa sorpresa estar tan arriba neste mes e medio que levo nese ránking, mesmo por diante dalgunhas páxinas da cultura galega que deberían ser máis consultadas, porque esta é unha bitácora persoal na cal deixo testemuño de intereses moi diversos (ou esa é a miña percepción).

Porén, lin por algures que tampouco é que tal listaxe de Alexa sexa moi fiábel, mais eu teño que recoñecer que non acabo de entender moi ben como se elabora. E non digo isto xactándome como o típico paspán que se amosa orgulloso de non saber nada das novas tecnoloxías, como se a falta de coñecemento fose algo de que fachendear. Simplemente, recoñezo que hai moitas cousas nestes mundos virtuais que se me escapan ao meu pesar porque non teño tempo ou formación para me deter nelas, aínda que agardo pórlle remedio dentro do que estea na miña man.

Segundo os datos que me proporciona Google Analytics, máis da metade dos visitantes deste blog viñeron desde o pasado un de xaneiro deste ano, cando comecei a actualizalo máis decote e mudei o anterior enderezo camacato.blogspot.com por carloscallon.com, que é tamén cando seica comezou a figurar este meu web na información de Alexa, por ter dominio propio.

2 comentários:

  1. Actualizo. Agora Alexa di que o 4.314.095. Por que esta suba en tan poucos días é algo do que non fago nin a máis mínima idea.

    ResponderExcluir
  2. Continúo a actualizar. Poucos días despois, a barriña de Alexa dime que 3.601.575.

    Eu non acabo de entender como vai isto...

    ResponderExcluir