3 de fev de 2009

O galego no SERGAS

Vemos que existe unha campaña continuada e persistente para presentar un mundo ao revés no cal o español é unha lingua discriminada en Galiza e o galego é unha lingua hexemónica a través dun proceso que violenta a sociedade.

Fronte a esta burda manipulación, que conta co respaldo de importantes resortes do poder económico e mediático, vemos como a día de hoxe mesmo hai espazos que son competencia plena da xestión autonómica, como a sanidade e o ensino, onde a situación do galego tamén continúa a estar por debaixo dos niveis mínimos de cooficialidade.

No caso da sanidade pública, A Mesa pide a nosa colaboración individual para activarmos o proceso de normalización a través da presión democrática das nosas solicitudes nos centros de saúde. Ademais de entregarmos o escrito proposto na instalación sanitaria correspondente, cómpre achegarmos tamén a información ao servizo A Liña do Galego, a través do correo-e linhadogalego@amesanl.org ou do teléfono 902 10 64 74.

2 comentários:

  1. Pola contra tamén hai xente que incluso cando o médico lle fala en galego eles lles responden en castelán pola idea preconcebida de que o castelán é a lingua das persoas "cultas"

    ResponderExcluir
  2. É certo que pasa o que di o primeiro comentario. Son os hábitos diglósicos, que teñen raigames históricas e sociais fondas, e os cales será imposíbel ir destecendo sen unha outra política lingüística.

    ResponderExcluir