1 de dez de 2013

Un de decembro, tantas cousas...


O primeiro de decembro é unha xornada para recordarmos moitas cousas. Hai anos foi aquela enorme mobilización cidadá de chuvia, bágoas e indignación, non contra os fados, senón contra unhas políticas que nos conduciron ao peor. É triste comprobar que altos cargos daquel goberno, como Mariano Rajoy ou Alberto Núñez Feijóo, son hoxe de novo os que detentan o poder. A impunidade ten moitas faces.

Mais, como vimos hoxe nas rúas, o un de decembro non é só unha data para a nostalxia por unhas mobilizacións dun pasado recente. Hai moitas galegas e moitos galegos que non se resignan ao desprezo e á inexistencia. Temos que agradecerlle á plataforma Nunca Máis que sexa catalizadora desa ansia. Ouzámola e apoiémola.

O un de decembro tamén é unha xornada de loita e concienciación internacional contra a sida, unha doenza que pasou, nos lugares con cobertura sanitaria xeral, de ser unha pandemia mortal a unha moi seria enfermidade crónica, grazas aos antirretrovirais. Hai, claro, retos médicos importantes por diante, como conseguir a desexada cura, mais tamén retos políticos que non podemos esquecer, e non falo só no campo da investigación. Que están a supor os recortes aplicados até o de agora polo Goberno español e pola Xunta nesta área? Que poden supor os novos recortes?

Segundo o Grupo de Estudio del Sida (GESIDA), a nivel de Estado, o custo anual do tratamento dun paciente, incluídas as visitas médicas, é duns 12.000 euros. Trátase dunha cantidade inasumíbel para os expulsados da cobertura sanitaria polos gobernos do PP. Hai unha parte de falta total de sensibilidade pola sorte desas persoas, unha falta total de caridade cristiá neses dirixentes de misa dominical ou misa diaria. Mais, para alén diso, como teñen avisado numerosos profesionais, desatender desa maneira os doentes dunha enfermidade infecciosa non pode ter máis que consecuencias negativas para o conxunto da poboación. Polo un e polo outro, cómpre que fagamos erguer a nosa voz.

E que máis hai para lembrarmos o un de decembro? Pois é unha data especial en Galiza e desde Galiza: é o aniversario da morte de Eduardo Blanco Amor e, por iso, un día que se ten aproveitado moito nos últimos anos para erguermos a voz contra a homofobia, que tamén el tanto combateu en vida. Nos últimos días  puidemos escoitar as delirantes palabras dun profesor universitario encargado de formar futuros docentes, por fortuna contestado con enerxía polos seus estudantes e apartado desas funcións de forma provisional. Fica aínda abondo traballo por diante.

Nenhum comentário:

Postar um comentário