17 de mar de 2009

Duplicouse o número de persoas que nunca falan en galego


Achego, polo seu interese, os datos ofrecidos hoxe en conferencia de imprensa pola Mesa pola Normalización Lingüística en relación ao estudo máis recente sobre a situación do galego:

DATOS DO ÚLTIMO MAPA SOCIOLINGÜÍSTICO DE GALIZA (MSG)

  • * Elaborado pola Real Academia Galega (RAG) e financiado pola Presidencia da Xunta.

  • * É o estudo sociolingüístico máis completo feito a unha lingua romance, pola cantidade de persoas enquisadas. Radiografía minuciosa da situación e evolución do galego.

  • * A primeira cala do estudo fíxose no ano 1992, a segunda no ano 2004. Son os datos que se presentan agora.

  • * O MSG edítase en tres volumes:

  • -Lingua inicial e competencia lingüística (editáronse tanto os dos anos 1992 como 2004).
    -Usos lingüísticos (preséntase agora o de 2004).
    -Actitudes lingüísticas (só están publicados os datos de 1992).

  • * Confrontando os datos de lingua inicial en Galiza, o galego pasou de ser o primeiro idioma dun 60,3% dos galegos en 1992 a ocupar a posición minoritaria, do 20,6%, no ano 2004. Unha caída de 40 puntos en 12 anos!

  • * No referido a lingua de uso, que son os novos datos que hoxe presentamos, a situación é a seguinte:
    -En doce anos, duplicouse o número de persoas que “nunca falan en galego”, do 13% ao 25,8%.
    -En doce anos, dividiuse á metade o número de persoas que din falar habitualmente en galego: do 30,5% ao 16%.
    -Sumando as persoas que din falar “só galego” e “máis galego”, prodúcese unha caída de 22,1 puntos no uso habitual desta lingua.


  • * Amósase unha tendencia en xeral a que a xente que se auto-define como “bilingüe” a utilizar máis o castelán que o galego: “o paso dun uso bilingüe ao outro é máis frecuente nos que adquiriron máis galego (18,7%)” (p. 44) e a “menor tendencia ao bilingüismo” dáse nos castelanfalantes iniciais (p. 45). Estes datos constatan, máis unha vez, como a presenza abrumadora do español na vida social fai que haxa persoas que poidan vivir alleas á lingua propia de Galiza, algo que non acontece á inversa, xa que non está garantido o dereito a poder vivir en galego.

  • * Aínda que se constata que “a mellor competencia para falar o galego, maior tendencia a usalo”, tamén se observa que “case a metade (48,2%) de quen se considera moi capaz en galego está instalado no castelán, ben como monolingüe (14,6%) ben maioritariamente neste idioma (33,6%)”. Isto amosa que, aínda que é necesario manter unha aposta pola formación lingüística, tamén é fundamental crear espazos de uso que permitan darlle vitalidade á lingua.

  • * A situación diglósica, de distribución desequilibrada do uso do castelán e do galego, mantense:
    -Non hai correspondencia entre o número de persoas que utilizan o galego de forma espontánea e a posibilidade de vivir nesa lingua.


    Situación nas cidades:

  • *Mantense a asociación entre ámbito rural e maior uso do galego, e ámbito urbano e maior uso do castelán:
    -A maior presenza monolingüe en galego é nos espazos de menos de 5.000 habitantes (40,5%), mentres que do castelán nas cidades (35,6%).
    -Porén, tamén nestes doce anos se produciu unha forte caída no rural, que pasa do 55,3% ao 40,5%.
    -O “monolingüismo en castelán” avanza tamén nas cidades: pasan de non falar nunca en galego o 27,1% ao 35,8%.
    -Hai unha notoria perda do denominado “bilingüismo de maioría galego” nos hábitat intermedios e unha considerábel suba do maioritario en español.


  • * As cidades con maior uso do castelán (“só e máis castelán”) son Ferrol (85%), Vigo e A Coruña (81,9% en ambas). Cómpre, ademais, salientar a presenza do monolingüismo en castelán en Ferrol (57,5%) e Vigo (45,5%).

  • * O monolingüismo en galego é a opción con menor presenza nas cidades. Os valores máis altos corresponden a Lugo (13,4%) e a Santiago (13,2%) e os máis baixos a Vigo (4,3%) e á Coruña (3,4%). Sumando as opcións “só galego” e “máis galego”, obsérvase que o maior uso deste idioma corresponde a Santiago (41,9%) e a Lugo (40,5%).


    Uso do galego e sistema educativo

  • * Prodúcese unha forte relación inversa entre o uso do galego e o maior nivel educativo, mostra do proceso castelanizador da escola. Non só se detecta iso nas xeracións escolarizadas antes da aprobación do Estatuto de Autonomía.

  • * Cando se observan só os datos de rapaces e rapazas menores de 18 anos que residiron sempre en Galiza, as conclusión do MSG (pp. 64-65) son as seguintes:

    -O resultado máis rechamante deste cruzamento [“lingua habitual segundo as linguas das clases en primaria (menores de 18 anos que residiron sempre en Galiza)”] é que en todas as categorías aparecen casos de ‘todo en castelán’, cando esta opción non debera ter presenza no tramo de idade sondado [polo decreto 247/95]. De feito, neste grupo a opción ‘todo en castelán’ supón o 10,7%.

    -Á parte desta circunstancia, a relación entre as dúas variábeis amosa un desequilibrio a prol do castelán nos usuarios habituais desta lingua. A presenza do galego no ensino no grupo de monolingües en castelán limítase ao 14,3%, fronte ao 85,7% do castelán, 71,5 puntos por debaixo. No grupo de máis castelán, as diferenzas no uso docente entre os dous idiomas, aínda que menores, acadan 63,1 puntos a favor do español.

    Reflexións

  • * A RAG dispón destes datos finalizados desde hai meses, e non podemos máis que lamentar que non os presentase publicamente e que só comezase a distribuír este traballo polas librarías despois das eleccións autonómicas, xa que as conclusións que se extraen sobre o anterior mandato do PP (o estudo é de 2004) é contudente e desmonta, máis unha vez, a demagoxia e a falacia deste partido sobre o galego no ensino. Confiamos en que esta institución, no entando, abandeire a defensa da nosa lingua nos tempos duros que se aveciñan.

  • * Nesta situación tan precaria, tomar medidas contra o galego pode ser letal. Reclamámoslle ao próximo presidente da Xunta que “goberne para todos” e non atacando o galego: “El di que vai gobernar para todos, mais a primeira medida que anuncia é que vai derrogar o decreto do 50% en galego”. Se di que ama o galego, que o demostre con feitos, non prometendo desamparar esta lingua.

  • * Amósase, máis unha vez, que en Galiza non hai liberdade para poder vivir en galego, mais si en castelán, e que os poderes públicos deben adoptar medidas para garantir que se poida vivir na lingua propia e cooficial de Galiza.

  • * A situación da lingua é de emerxencia. Necesítanse medidas en favor do galego por parte de todos os poderes públicos. En primeiro lugar, do Goberno galego, mais tamén do Goberno do Estado e das administracións locais.

  • * O galego é a lingua do Estado máis desamparada, porén pode revitalizarse se se toman as medidas para iso. Por iso A Mesa fai este “chamamento de urxencia” aos poderes públicos e “chama á reflexión de todas as galegas e de todos os galegos, pois de todas e todos nós depende que o galego siga vivo”.

  • * A Mesa terá moi presentes estes datos tanto na realización da súa Asemblea Xeral o vindeiro 28 de marzo (cun acto de clausura ás 19.30 h no Auditorio de Galiza) como na manifestación convocada para o vindeiro 17 de maio.
  • 7 comentários:

    1. termos a propagar:

      o que hai en Galiza non se trata dunha "imposición lingüística"(que non sexa a do castelán), o que hai é unha "INTOXICACIÓN LINGÜÍSTICA".
      Estamos no 2009 e non se fixo ren para desmontar tanto prexuízo(base do auto-odio) que é ignorancia 3ºmundista(ou 5ºmundista...). Moi triste.

      Unha política lingüística por debaixo do decreto do 50%(en cumprimento da LNL) é unha "POLÍTICA DE EUTANASIA LINGÜÍSTICA", se é que con Feijóo chegamos aos coidados paliativos...

      ResponderExcluir
    2. O asunto é como "camelar" a mais galegofalantes. Indo a contramanifas de galicia-bilingüe non. E se cadra utilizando un idioma cada día mais afastado da realidade sociolingüística do pais tampouco. :-(

      ResponderExcluir
    3. Home, que coa que caeu nos últimos meses co tema a imposición do galego e tumba que dálle, na RAG tivesen eses datos e non dixesen nada... Non é que sexa vergoñento, que a iso xa estamos acostumados, é bastante pior.

      E Ferrín que di de todo isto?

      Antón.

      ResponderExcluir
    4. Leo en Vieiros que a RAG indica que o novo volume sobre Usos Lingüísticos está en Galaxia desde xaneiro, e mesmo que está distribuído. Estará, mais na páxina de Galaxia non aparece ningunha referencia.
      Mais, aínda no caso de estar, é abraiante que, ante todas as acusacións de "la imposición del gallego", a RAG, que podería responder de xeito contundente con estes datos na man, dese a calada por resposta. Hai silencios que son clamorosos.

      ResponderExcluir
    5. Teriades lexitimidade para obrigar aos que nunca falan galego a que vos fagan caso, se non fachendearades do voso ideoloxizado i estricto compromiso monolingüista en galego...

      Se o señor Callón considera motivo de orgullo falar somentes castelan algunha contada vez na intimidade, se considera motivo de orgullo que todos os que lle rodean empreguen con él o galego en toda situación, se quer vivir de xeito totalmente alleo a unha das linguas de GZ, vai ter que aturar que haxa motas persoas que, sinxelamente, limítanse a falar só castelán porque lles peta...

      ResponderExcluir
    6. Querido anónimo, a diferenza é que o señor Callón cando escribe en castelán faino correctamente...

      ResponderExcluir
    7. Vou responder ao comentario do anónimo de hoxe ás 16.50. Como bo troll, deixou a esa hora outro comentario noutra entrada deste blog, máis ou menos coas mesmas liñas argumentais e vén de cote por aquí.

      Primeiro, por moito que veña a tentar confundir por usar o galego e "GZ", a ninguén pode enganar a súa personalidade feita por cartón pedra. É evidente que non é unha "preocupada persoa da causa".

      Primeiro, porque o seu galego resulta artificial e inzado de erros.

      Segundo, e máis importante, porque como dá por feita a idea caricaturizada e deformada que ten das persoas que defendemos o galego. Por exemplo, nin eu quero nin coñezo a ningún compañeiro ou compañeira da Mesa que queira "obrigar" a ninguén a que "nos faga caso". Iso é unha estupidez. De tanto nos achacaren o da "imposición", acaban crendo a súa propia mentira.

      Ademais, por moito sacrilexio que lle pareza, eu en Galiza utilizo con toda normalidade a lingua galega. Que vostede preferiría que non, porque unha cousa é que quen fale en castelán o faga sempre, mais falar galego todos os días non é algo presentabel? Pois mire: se lle proe, ráñese ben.

      Hai moita e moitos que falamos en galego con normalidade e imos a seguir a facelo.

      ResponderExcluir