9 de nov de 2012

Un agasallo para o ministro do Interior


Poño aquí o comunicado da editora, Sotelo Blanco, recollido en medios como Praza Pública:



Agasallan un exemplar do libro Amigos e sodomitas ao ministro do Interior, “porque a ignorancia se pode sandar lendo”

Carlos Callón: “Se os matrimonios homosexuais fosen unha invención contemporánea, a ver como se explica por exemplo o documento de unión entre Pedro e Muño en 1061 en Galiza”

“O pecado de sodomía non figura entre os dez mandamentos, non existía nos mil primeiros anos de historia do cristianismo e non aparece nin unha soa vez nas prédicas do seu mesías”

A pesar de que para moita xente a recente ratificación dos matrimonios homosexuais supón unha novidade histórica, no libro Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media, escrito por Carlos Callón e editado por Sotelo Blanco, amósase con moita documentación que esa é unha idea errada. “O problema é que a homofobia adultera a historia deliberadamente”, apunta o autor, que achega información no seu traballo, por exemplo, do matrimonio homosexual máis antigo do que se conserva documento na Península Ibérica: a unión entre Pedro Díaz e Muño Vandilaz o 16 de abril de 1061. Porén, “que sexa o máis antigo do que se conserva documento non quere dicir que fose o máis antigo que existise, pois tamén temos outros testemuños, como lápidas, referencias literarias, etc.”, e nese sentido lembra que hai inscricións funerarias da Antigüidade romana que xa sinalan os nomes de dous varóns e a súa relación como “cónxuxes”.

Segundo Callón, “os medos que podemos escoitar hoxe desde voces como a do ministro do Interior remontan na realidade a unha intolerancia que nace nos últimos séculos da Idade Media”. Por iso considera “moi necesario” que “xente como o ministro Jorge Fernández sexan capaces de superaren ese odio irracional contra o diferente e que se decaten de que, por exemplo, a mensaxe de Xesús Cristo contida nos Evanxeos non ten nada a ver coa homosexualidade, polo que non vale fundamentar a homofobia niso”. “O pecado de sodomía non figura entre os dez mandamentos, non existía nos mil primeiros anos de historia do cristianismo e non aparece nin unha soa vez nas prédicas do seu mesías”, apunta.

Con ese fin, este activista cultural decidiu ofrecerlle un exemplar do seu libro ao ministro do Interior, “pois a ignorancia sándase lendo e, coa lectura, tamén se poden desterrar moitos prexuízos”.

No libro Amigos e sodomitas, gañador dos premios Vicente Risco de Ciencias Sociais e Fervenzas Literarias de Ensaio, explícase a través de documentación medieval, sobre todo galega, como é posíbel que ese pecado apareza no século XI e acabe por gañar tanto protagonismo “até o punto de que a Igrexa Católica actual non saia á rúa contra a pobreza ou a exclusión, das que si falou moito Xesús Cristo, e si se manifeste moitas veces, de forma mesmo histriónica, contra a posibilidade de que teña de novo pleno recoñecemento xurídico a unión entre dúas mulleres ou entre dous homes”.

Outras das novidades que se presentan no libro Amigos e sodomitas é unha remozada análise das opcións sexuais na prosa galego-portuguesa e no trobadorismo peninsular medieval, que inclúe a atención a unha cantiga de amigo entre dous homes no século XIII, da autoría de Rodrigo Eanes de Vasconcelos, ou a sátira onde se fala dunha relación lésbica entre Sancha e María, en Santiago de Compostela na rúa da Moeda Vella, tamén do século XIII.

Nenhum comentário:

Postar um comentário