Mostrando postagens com marcador Nafarroa. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Nafarroa. Mostrar todas as postagens

16 de jan. de 2016

"El mayor cuidado en introducir la lengua castellana"

Hoxe fanse 300 anos dos coñecidos Decretos de Nueva Planta. Porén, no ámbito da lingua, foron máis importantes as instrucións secretas que enviou uns días máis tarde, o 29 de xaneiro de 1716, o Fiscal do Consejo de Castilla.

Nesas instrucións avísase de que hai que castelanizar Cataluña, igual que se castelanizaran antes outros territorios do imperio español (citan Navarra e Nápoles; poderían citar Galiza, que levaba tempo sometida). Iso si, a imposición da lingua de Castela deberían facela con toda a camuflaxe da que fosen capaces. Tratábase de desnaturalizaren o catalán evitando as protestas sociais:
"Pondrá el mayor cuidado en introducir la lengua castellana, a cuyo fin dará las providencias más templadas y disimuladas para que se consiga el efecto sin que se note el cuidado".
Ese principio de conseguir "el efecto sin que se note el cuidado", posto por escrito (aínda que en secreto) no século XVIII, é o mesmo que se segue na proscrición do galego, o catalán ou o vasco no século XXI.

Tócanos renaturalizar o desnaturalizado, facer visíbeis as "providencias más templadas y disimuladas" (por exemplo, nos medios de comunicación), crermos en nós mesmas, en nós mesmos. Avante!

3 de mar. de 2009

A primeira medida do PP

O PP quere ensaiar en Galiza un proceso de desmantelamento da cooficialidade dunha lingua, que xa tentaron en maior ou menor grao anteriormente en Nafarroa e nas Balears, mais onde finalmente tiveron que recuar. De nós, da nosa capacidade de mobilización, dependerá que tamén en Galiza poidamos detelos. Se non nos activamos e volvemos pensar, como moitas e moitos ao comezo da campaña electoral, que todo está feito, mal andaremos.

Achégovos o comunicado de imprensa que enviamos hoxe desde A Mesa, organización na cal facedes hoxe máis falta que nunca:

A Mesa anuncia “un traballo incansábel” para que o PP non desmantele “a protección xurídica do galego”

A asociación proporalle diálogo ao novo Goberno e reclamaralle que non tome “medidas unilaterais que poidan crear unha fractura social”

A Mesa pídelle ao PP que deixe de mentir sobre a situación do galego no ensino, “pois gañar as eleccións non fai que as mentiras se convertan en verdade”

Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2009.- A Mesa pola Normalización Lingüística, tras o anuncio do PP de que a súa primeira medida será derrogar unilateralmente o decreto que estabelece un mínimo do 50% do ensino en lingua galega, anuncia que “traballará incansabelmente para que o PP non desmantele a protección xurídica do galego”, que a xuízo da maior asociacion cultural de Galiza “suporía un retroceso na calidade do ensino e tería gravísimas consecuencias para a convivencia e para o futuro do idioma propio do país”.

A Mesa advirte ao PP de que “tomar medidas contra o galego suporía crear unha fractura social” e reclámalle “que non ceda á tentación das imposicións unilaterais”, senón que adopte “unha postura construtiva coa lingua e cultura do país, con diálogo coa comunidade educativa e coas outras forzas políticas, que representan a metade do electorado”. Esta organización solicitará entrevistas cos novos responsábeis gobernamentais unha vez que tomen posesión para lle achegar directamente as súas propostas e visións.

Por outra banda, A Mesa pídelle a este partido político que “deixe de mentir”, pois “gañar as eleccións non fai que a demagoxia e as falsidades se convertan en verdades”. A maior asociación cultural de Galiza lembra que “no ensino o que hai é unha lexislación negociada no ano 2007 punto por punto co PP, idéntica á que o PP aprobou noutras comunidades autónomas como as Balears e baseada nun consenso parlamentar en Galiza do ano 2004 no cal tamén entrou o PP”. “Galiza, coas propostas do PP, podería ser a única comunidade do Estado con lingua propia que non gozase de ningún tipo de protección no sistema educativo”, observan.

A Mesa lembra que o actual decreto foi respaldado tamén polos sindicatos que representan ao 90% do profesorado, todas as organizacións estudantís actuantes en Galiza, a confederación dos 125 centros católicos de Galiza e a federación pública de asociacións de nais e pais.