Mostrando postagens com marcador Gonzalo Anes. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Gonzalo Anes. Mostrar todas as postagens

6 de jun. de 2011

Pluralidade e igualdade na Real Academia Galega

Antonte o diario El País publicaba unha hilarante entrevista co director da Real Academia de la Historia, unha institución non españolista, senón españolistísima, que ole a rancio a quilómetros. Por fortuna, non é esta a situación hoxe da nosa Real Academia Galega.

A cabeza, porén, asocioumas a ambas cando lin a última pregunta que lle formulaban ao director da RAH española:
P. ¿Qué le falta a la Academia?

R. Más mujeres. Las hay muy preparadas pero menos que los hombres. Hay una cuestión: un historiador necesita disponer de muchas horas para documentarse en los archivos. Y por desgracia, en las mujeres esas miles de horas están dedicadas a criar a sus hijos y a ser amas de casa.

Despois de soltar esa machistada, o Gonzalo Anes aínda pensará que é un feminista. Só lle faltou defender que as mulleres están menos preparadas (?!) por teren a regra.

Aínda que non nas declaracións, nos feitos o proceder da RAG é, tristemente, semellante pola exclusión da metade da poboación galega, as mulleres, ben activas na nosa vida cultural. O proceder da RAG é, neste aspecto, tan retrógado que, se fose un organismo público, tería unha composición ilegal, por discriminatoria.

Aínda máis. Debemos preguntarnos, con María Reimóndez, se Rosalía de Castro sería aceptada como membro da RAG no caso de vivir na actualidade.

Sobre estes e outros retos para a Academia Galega trato máis polo miúdo na miña colaboración semanal no xornal Galicia Hoxe. Son todas elas críticas feitas co ánimo de construír unha institución máis representativa, máis capaz, máis forte, porque boa falta nos fai.