Mostrando postagens com marcador Xosé Manuel Moo. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Xosé Manuel Moo. Mostrar todas as postagens

12 de dez. de 2013

Dúas presentacións


Hoxe participo na presentación en Compostela do libro de narracións do Bautista Álvarez, Retallos daquela infancia. Se puiderdes e vos apetecer, vémonos ás 20.30 h.!

Xa na vindeira segunda feira (luns), toca facer paraxe na cidade de Vigo para partillar mesa coa Marta da Costa, o Ramón Anxo Martínez Seixo e o Xosé Manuel Moo. Conversaremos ás 20 h. na aula magna da Escola Oficial de Idiomas sobre Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez.  Tedes aquí o evento no Facebook, por se quixerdes máis datos ou quixerdes informar tamén outras persoas.

Continuamos, compas!

18 de fev. de 2011

Hoxe en Ponteareas

Hoxe ao serán presentamos en Ponteareas o libro En castellano no hay problema. O evento, que está organizado pola plataforma Queremos Galego do Condado, será ás 20.30 h na Sala Aberta do local comarcal do BNG, na rúa Mestres, 8, baixo. Como noutros actos, acompañarame Xosé Manuel Moo.

Se vos der xeito, vémonos aló.

Forza!

17 de fev. de 2011

Actos, actos, actos e máis actos


Déixovos aquí algúns dos actos públicos en que vou participar nos próximos días:

18 de febreiro: Presentación en Ponteareas de En castellano no hay problema. Organiza a plataforma Queremos Galego do Condado. O evento será ás 20.30 h na Sala Aberta do local comarcal do BNG, na rúa Mestres, 8, baixo, coa compaña de Xosé Manuel Moo.

21 de febreiro: Conferencia en Ourense ás 18.30 h, dentro das I Xornadas do Estudantado Galego, que organizan os Comités na aula magna da Facultade de Empresariais e Dereito. No acto estaremos Rut Reza (responsábel da Mesa na comarca de Ourense) e eu. As Xornadas teñen un ECTS solicitado (dous créditos de libre configuración). Permítese a inscrición até o propio día 21, aínda que contan só con 150 prazas, polo que aconsellan matricularse o antes posíbel a través de ourense@comitésabertos.org, www.comitésabertos.org ou no 668 807 735.

23 de febreiro: Conferencia na Guarda, dentro da I Festa da Lingua que organiza o alumnado do equipo de normalización lingüística do IES A Sangriña. A miña participación comezará ás 18.30 h no centro educativo e estará aberta non só á comunidade escolar, senón a todas as persoas que puideren estar interesadas.

24 de febreiro: Presentación en Bertamiráns (Ames) do libro En castellano no hay problema. O Pazo da Peregrina acollerá ás 20 h o acto, no cal tamén participarán Rafa Vilar (escritor e técnico de normalización lingüística) e Silvana Castro (profesora do IES de Ames e membro da Xunta Directiva da Mesa).

25 de febreiro: Presentación en Moaña do libro En castellano no hay problema. O acto organízao A Mesa do Morrazo na Libraría O Pontillón (rúa Concepción Arenal, 7 - A Seara). O evento presentarao ás 21.30 h Benxamín Riobó, responsábel da Mesa na comarca. Unha hora antes, esta asociación desenvolverá unha asemble aberta para todas as persoas que quixeren participar.

Estades convidadas e convidados!

15 de dez. de 2010

Non nos calarán

Continúa a criminalización da defensa pública e firme do galego. Vímolo hai meses cando comezaron a bater de forma implacábel contra A Mesa. Recordámolo hai pouco cando a demagoxia se estendeu tamén con todos os excesos ao encomiábel labor dos equipos de normalización lingüística. Constatámolo máis unha vez cando o xuíz decano da Coruña, Fraga Mandián, me volve a denunciar porque, como presidente da Mesa, lle afeei as palabras "Yo no tengo ningún rubor en usar la ilegalidad de La Coruña", que saíron postas na súa boca en varios medios de comunicación.

Mañá, quinta feira (xoves) teño que comparecer por ese motivo nos Xulgados de Fontiñas de Santiago de Compostela. A Mesa convoca unha concentración simbólica para as 10.30 h, para deixarmos constancia de que queremos unha xustiza que respeite os nosos dereitos lingüísticos e que non criminalice a nosa lexítima (e legal!) defensa do idioma de Galiza.

E para quen esteades en Vigo este serán, lembrade que ás 20 h presentamos, Xosé Manuel Moo, Elsa Quintas e eu o libro En castellano no hay problema. Será no local da Mesa nesta cidade, sito na rúa Abeleira Menéndez, 28 (baixo a Policía Local). Continuamos. Non nos calarán.

11 de dez. de 2010

De Redondela a Vigo (que tampouco é moito camiño)

Se onte ao serán presentabamos En castellano no hay problema en Redondela, a vindeira cuarta feira (mércores) 15 será a quenda de falarmos deste libro (ou tendo como escusa este libro) en Vigo.

O acto, organizado pola Mesa da comarca, contará coa responsábel da asociación na zona, Elsa Quintas, e con Xosé Manuel Moo por parte da editora. Será ás 20 h na sede da Mesa na cidade, sito na rúa Abeleira Menéndez, 28, baixo as oficinas da Policía Local.

A compañeira Cris Quinteiro subiu xa ás redes sociais dúas fotografías do acto de onte en Redondela, organizado polas Mocidades da Mesa e que tivo como anfitrión ao seu responsábel nacional, Xandre Vázquez. Sobre todo no coloquio final, foi unha linda asemblea de preocupacións e propostas concretas para mellorarmos a saúde do noso idioma. Nesas seguimos.


8 de dez. de 2010

Confrontar ideas e actuar socialmente

Hai algúns artigos que aquí aínda non ligara, sobre o debate que se está a realizar en torno ás tácticas e aos obxectivos estratéxicos para o idioma galego, por exemplo "O 'como', que o 'que' xa o sabemos", de Marica Campo n'A Nosa Terra ou "Dismorfia lingüística", de Robert Neal Baxter en Terra e Tempo. A aspiración á normalización do galego e a importancia outorgada ás accións sociais encamiñadas a iso son dúas ideas básicas presentes nestes textos.

Dentro das actuacións sociais, estes vindeiros días participarei en dúas presentacións do libro En castellano no hay problema. A primeira será esta sexta feira (venres), organizada en Redondela pola Mocidade pola Normalización Lingüística, cuxo responsábel nacional, Alexandre Vázquez, tamén participará. Será ás 20 h na Casa da Cultura da vila.

Poucos días despois, ás 20 h da cuarta feira (mércores) 15 de decembro, presentaremos o volume en Vigo, no local da Mesa na cidade: rúa Abeleira Menéndez, 28 (baixo as oficinas da policía local). Neste caso, contaremos coa compaña de Elsa Quintas, responsábel da Mesa na comarca. Aliás, tanto en Redondela como en Vigo estará connosco Xosé Manuel Moo en representación da editora Xerais.

A loita en defensa da nosa lingua dista moito de estar perdida ou decantada. Non é hora de capitular, senón de seguir con máis forza e intelixencia que nunca.

30 de set. de 2010

Presentacións de En castellano no hay problema en Marín e Ourense

Mañá, un de outubro, é a presentación do libriño En castellano no hay problema en Marín, organizado polas dinámicas compañeiras e compañeiros de Queremos Galego da zona. Acompañaranme no evento Tino Iglesias, pola plataforma, e Xosé Manuel Moo, por Edicións Xerais. Será ás 20.30 h no Museo Manuel Torres de Marín.

Con este acto recomeza a xira de presentacións deste volume, que estivo aparcada nas últimas semanas. É necesario falarmos da situación da lingua galega e, sobre todo, actuarmos. Se este libro pode ser unha boa escusa para o facermos, pois adiante!

Deixo aquí tamén unhas fotografías do que foi o evento de presentación en Ourense o pasado 27 de maio. A Livraria Torga acolleunos para a ocasión nun acto moi cálido. Na mesa estiveron tamén Susana García (coordinadora da Mesa en Ourense), Isabel Pérez (concelleira de Cultura en Ourense e actual candidata á alcaldía polo BNG), Iván Area (na altura, vicerreitor en funcións da Universidade de Vigo) e Manuel Bragado (director de Edicións Xerais), que expuxeron sólidos argumentos para continuarmos nesta loita cívica na defensa do noso idioma propio.

As fotografías que reproduzo a continuación son da autoría de Jorge MdelaCalle:







28 de mai. de 2010

Hoxe, presentación en Cambados

Hoxe toca a presentación en Cambados do libro En castellano no hay problema. Será ás 21 horas en Exposalnés, coa compaña de Xosé Manuel Moo, Ramón Rodríguez e todas as persoas que puiderdes e quixerdes achegarvos.

Ademais de falarmos un algo da obra, tamén será unha boa ocasión para intercambiarmos puntos de vista sobre como contestarmos o decretazo contra o galego nesta nova fase en que está xa promulgado. Porque, ademais da anunciada batalla xudicial, a decisiva loita social continúa!