15 de dez de 2010

Non nos calarán

Continúa a criminalización da defensa pública e firme do galego. Vímolo hai meses cando comezaron a bater de forma implacábel contra A Mesa. Recordámolo hai pouco cando a demagoxia se estendeu tamén con todos os excesos ao encomiábel labor dos equipos de normalización lingüística. Constatámolo máis unha vez cando o xuíz decano da Coruña, Fraga Mandián, me volve a denunciar porque, como presidente da Mesa, lle afeei as palabras "Yo no tengo ningún rubor en usar la ilegalidad de La Coruña", que saíron postas na súa boca en varios medios de comunicación.

Mañá, quinta feira (xoves) teño que comparecer por ese motivo nos Xulgados de Fontiñas de Santiago de Compostela. A Mesa convoca unha concentración simbólica para as 10.30 h, para deixarmos constancia de que queremos unha xustiza que respeite os nosos dereitos lingüísticos e que non criminalice a nosa lexítima (e legal!) defensa do idioma de Galiza.

E para quen esteades en Vigo este serán, lembrade que ás 20 h presentamos, Xosé Manuel Moo, Elsa Quintas e eu o libro En castellano no hay problema. Será no local da Mesa nesta cidade, sito na rúa Abeleira Menéndez, 28 (baixo a Policía Local). Continuamos. Non nos calarán.

4 comentários:

  1. O xuiz que vostede cita fai unha interpretación estrana e singular do Dereito positivo (as leis), pois os cidadáns, todos, sexan xuices ou labregos, poden utilizar o topónimo que queiran; perón, cando un funcionario público está no exercicio da súa profesión e responsabilidade, aínda que sexa pequeniña --sexa nun escrito ou verbalmente-- ten a obriga de utilizar o topónimo oficial.
    Outra cousa é que no eido privado utilice "La Coruña", topónimo que NON ESTÁ PROHIBIDO; o único que establece a lei --que por certo, é estatal, non só autonómica-- é que o topónimo oficial é A Coruña, de xeito que o seu uso é obrigado no ámbito institucional.

    ResponderExcluir
  2. E, estades a esixir que as comunicacións lingüísticas entre o xulgado de Santiago de Compostela e o denunciado sexan integramente en galego (xustificantes de entrega/recepción postal, papel de uso xudicial, resolucións da Secretaría e mais da persoa xulgadora ...)?

    Ó mellor non vos somos todo o coherentes que podemos ser no que respecta á defensa da nosa dignidade.

    ResponderExcluir
  3. E, estades a esixir que a normativa procesual e substantiva que lle están a aplicar ó denunciado fora oficialmente publicada (requisito para a súa entrada en vigor e conseguinte aplicabilidade) en galego?

    Ó mellor non vos somos todo o coherentes que podemos ser no que respecta á defensa da nosa dignidade.

    ResponderExcluir
  4. Félix: tes toda a razón. É incríbel que teñamos que seguir a defender o elemental a estas alturas da historia.

    Lois: Claro que si. Mais grazas por lembralo ;)

    ResponderExcluir