Mostrando postagens com marcador Marta Dacosta. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Marta Dacosta. Mostrar todas as postagens
5 de fev. de 2015
Atravesar o fantasma, nomeado para os premios Ánxel Casal
A Asociación Galega de Editores entrega uns galardóns co que considera o mellor da produción editorial en galego do ano pasado e que levan o nome da pedra basilar da edición no noso idioma: Ánxel Casal.
Estou agradecido e honrado por escolleren Atravesar o fantasma entre as obras finalistas para o galardón da mellor obra de poesía ou teatro de 2014, xunto con estoutros magníficos traballos: Onde nunca é mañá de Manuel Álvarez Torneiro, Anamnese de Eli Ríos, Dun lago escuro de Marta Dacosta e Os privilexios dos sonámbulos de Pablo Bouza. Que me sitúen con tal elenco xa é un premiazo!
Grazas, moitas grazas, pola acollida!
19 de out. de 2010
Queremos dereitos!
A frase é de Castelao: Todo dereito non garantido deixa de ser un dereito. Queremos galego! Queremos dereitos!
Enviar por e-mailPostar no blog!Compartilhar no XCompartilhar no FacebookCompartilhar com o Pinterest
Nenhum comentário:
29 de jul. de 2010
125 anos con Rosalía
Homenaxe a Rosalía en Bonaval from Fundación Bautista Álvarez on Vimeo.
Ademais dos vídeos, recoméndovos o emotivo artigo que Francisco Rodríguez publicou sobre a xornada de reivindicación de Rosalía no 125 aniversario da súa morte: "Espírito rosaliano: capacidade e fermosura de Galiza".
Por certo, sábese que dentro de pouco sairá unha edición corrixida e aumentada da Análise sociolóxica da obra de Rosalía de Castro. Este estudo marcou no seu momento un punto de inflexión no coñecemento sobre a nosa autora nacional. Ademais, debo confidenciar que foi unha das obras fundamentais da miña adolescencia. Conto os días para a súa saída.
Enviar por e-mailPostar no blog!Compartilhar no XCompartilhar no FacebookCompartilhar com o Pinterest
Nenhum comentário:
30 de nov. de 2009
Non temos poetas novos?
Non temos poetas novos?
Dificultades de edición, desamparo institucional e novas saídas
Varias noticias aparecidas nos últimos días sobre as nosas novas e os nosos novos escritores de poesía fixéronme reflexionar un algo sobre a situación actual. Permitídeme que vos traslade estes pensamentos en voz alta.
Esta semana, Radio Nacional de España concedeulle a Yolanda Castaño o seu premio Ojo Crítico, por Profundidade de campo, un libro que contén algúns dos versos máis lindos e impactantes que lin na miña vida. Nunha entrevista pola concesión do galardón, a autora estendía o recoñecemento a todas e todos os poetas que se expresan na lingua de Galiza: “Ademais creo que nunca se deu antes [ese premio] a unha obra en galego, así que tamén o tomo como un tanto que apuntarnos os que escribimos en galego. Espero que sexa o primeiro dunha longa lista. E que vaian pondo os ollos en todo o que se está facendo por aquí.”
Sobre “o que se está facendo por aquí” desenvolvérase esa fin de semana pasada un encontro da Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega, que so o título “Eu ou Nós?” promocionou e fomentou o debate entre os membros das novas fornadas creativas. Non puiden asistir, mais coñezo parte dos debates grazas aos comentarios dalgúns escritores que alí estiveron e tamén a que se dispoñibilizaron os vídeos cos temas de discusión, consultábeis en letrasnovas.blogaliza.org.
Unha importante noticia vinculada é que a Xunta de Galiza decidiu retirar as axudas con que contaba este evento, dentro da liña que desde abril segue o Goberno galego de desnutrir a cultura do país. Por fortuna, o bo facer da AELG logrou sobreporse a esta discriminación.
Situacións como esta desmontan, máis unha vez, a lenda urbana de que a cultura galega está hipersubvencionada. Ao contrario. Quen bote contas, tirará dúas conclusións incontestábeis. En primeiro lugar, que a cultura vehiculizada en lingua galega é a máis desprotexida polos poderes públicos, dentro das que se expresan nun idioma con algún rango de oficialidade no Estado español. A segunda constatación é que os impostos dos galegos e das galegas son máis utilizados para promocionar a cultura en español (que conta a maiores con moitos outros soportes) que a cultura en galego, cunha abrumadora diferenza. O problema que ven algúns é que a cultura galega tamén reciba axudas públicas, aínda que sexan moito menores.
Un outro aspecto para a reflexión veume por unha entrevista no semanario A Nosa Terra a Román Raña Lama, recoñecido co Premio Cidade de Ourense de poesía por O incendio das palabras. O entrevistador, Horacio Vixande, pídelle opinión ao autor de 49 anos sobre o seguinte aserto: “Hoxe en día aparecen menos novas voces poéticas en Galiza que nas décadas do 1980 e 1990.” Román Raña avalía que as letras se moven por ciclos, que “a lírica vive no acougo tras vinte anos de vangarda e diverxencias pero a narrativa ferve”, mais sinala a “moitísima calidade” dos que chegan.
A afirmación do xornalista púxome a cabeza a carburar. Na realidade, hai menos poetas? É unha consideración en termos absolutos ou en termos relativos? Como se chega a esa conclusión?
O caso é que, mentres escribo este artigo, enumero mentalmente un bo feixe de mozas e mozos que versifican na lingua do país. De moitas e moitos gosto, mesmo gosto moito, e teñen o recoñecemento dos seus pares que sofren tamén a ferida das letras. Porén, as súas obras están inéditas en libro e fican, así, invisibilizados, aínda que sexan unha parte fundamental, cualitativa e cuantitativamente, do que “se está facendo por aquí” do que falaba Yolanda Castaño.
Outras e outros conseguiron superar os obstáculos e pasar pola editora, mais acumulan, na súa gabeta ou no seu disco duro, algúns poemarios finalizados e algún outro a piques de finalizar. Non hai présa en redondealos. Total, hoxe calquera poeta novo pode tardar máis en publicar os seus versos que o que demorou Rosalía de Castro en ver saír do prelo as súas Follas novas, que acabaron dándolle o riso por ese impropio título, cal se a unha moura ben moura branca lle ouvise chamar.
Ou pásome de pesimista? É que, tras ollar as mesas de novidades das librarías, e recontar o que fica no limbo dos recitais ou no intercambio de mecanoscritos, atrévome a arriscar unha hipótese. Penso que nunca houbo tantas dificultades para editar un libro de versos en lingua galega como hoxe. Quitando, é obvio, os momentos de proscrición e persecución máis crúa. Mais só eses momentos, debo acrecentar.
Alguén pode replicar, baseándose nos estudos anuais sobre o mercado editorial, que tal conclusión é errada, que hai unha porcentaxe de obras do xénero poético que negan que o vaso estea medio baleiro. Na xenial Scoop, a personaxe que interpreta Woody Allen exclama: “Non vexo o vaso medio baleiro. Véxoo medio cheo. Só que de veneno.” Non falo por boca de Allen para desconsiderar a cualidade do publicado, senón polo perverso que é para a literatura galega e para o sistema literario galego que esta porcentaxe veñan sendo, na súa inmensa maioría, reedicións de obras máis ou menos clásicas. Isto é, as lecturas recomendadas de poesía nos centros de ensino, ás que habería que agregar a publicación de inéditos por algunha efeméride, en especial o Día das Letras.
Sobre esta cuestión, ten un artigo incisivo e lúcido a poeta Marta Dacosta, no xornal electrónico GzNación o 16 de maio de 2007. “Dez anos despois de morto xa pode un ser obxecto de estudo, a conciencia, investigado”, sinala referíndose a como se continúa a concibir a figura homenaxeada no Día das Letras. Mais, ao mesmo tempo, a realidade diaria dos escritores vivos en idioma galego, especialmente de poesía, é máis crúa, mesmo para alguén coma ela que acumula na súa vitrina algúns dos máis prestixiosos galardóns: “Pasan os días e non recibes resposta da editorial, os días son meses e os meses anos. Chega un momento en que xa non sabes se queres publicar ou non. No mellor dos casos cando les o teu libro impreso, anos despois, nin o recoñeces, e oxalá non renegues del, inmersa xa noutra etapa creativa. E entón comezas a te facer as preguntas fundamentais do escritor: Para quen escribo? Por que Todo o que se escribe ten por destino ser publicado? Coñécese o que se edita ou publica en Galiza? Quen o coñece? Porque ás veces dá a sensación de que nos coñecemos dentro dese amplo círculo de 300 escritores e escritoras, que escribimos para nós mesmos.”
Case só se publica o que se premia, mais nin isto é sempre así. E a nova política cultural da Xunta non fará máis que empeorar a situación. Xa sabemos a súa consideración de que a cultura galega “está muy bien, pero limita” e as súas apostas por reducir ou retirar o apoio ás expresións en galego, promovendo o hibridismo cultural e a rede clientelar.
Na mesma entrevista a que me refería ao comezo deste artigo, Yolanda Castaño indica que “é o momento de renovar o canal de expresión da poesía”. Claro que a todo o mundo lle agrada publicar un volume propio (como sinalaba Oriana Méndez hai xusto unha semana neste mesmo diario, “cando publicas un libro pasas a que te tomen máis en serio que cando non tes publicado nada en formato libro, aínda que teñas moitas publicacións espalladas”). Nese carreiro, hai iniciativas interesantísimas como Estaleiro Editora e, ademais, as novas opcións de autoedición poden supor unha mudanza, igual que todo o que supoñen as novas tecnoloxías, como os blogs poéticos. Mais cales serán os futuros canais e como se recibirán? Permitirannos coñecer, tamén dentro da propia Galiza, as dimensións do que se “está facendo por aquí”?
14 de out. de 2009
Lendo poesía, camiño da manifestación

Hoxe á unha participo nunha maratona de lectura organizada polas compañeiras e os compañeiros de Queremos Galego na comarca de Vigo. Será na Casa Galega da Cultura, na praza da Princesa nesa cidade.
Nos cinco minutos que me corresponden, recitarei poemas de tres autores novos: Alicia Fernández, Fran Cortegoso e Gonzalo Hermo. Os tres, aos cales en plan xocoso e agarimoso teño encadrado como compoñentes do Cenáculo de Vista Alegre, son escritores realmente cheos de talento, mais as vicisitudes tanto do xénero como do noso sistema literario fan que estean aínda case por completo inéditos, quitando o premiado libro Botar o mar polos ollos da primeira e varias colaboracións publicadas polos segundos. Os tres protagonizaron o ano pasado cadanseu monográfico na Revista das Letras, que podedes consultar en pdf clicando nos seus nomes ao comezo deste parágrafo. Recoméndovolos.
Outros actos de Queremos Galego para esta semana son os seguintes:
| Serán pola lingua en Pontevedra | No Café Moderno ás 20.30 horas | 14 de Outubro de 2009 | ||
| Actuación da Banda da Asociación Cultural e Musical Solfa | Santiago de Compostela | 15 de Outubro de 2009 | Ás 18.30 na Praza das Pratarías | |
| Recital poético e actividades de animación, música e baile. | Ourense | 15 de Outubro de 2009 | Ás 20.15 na Praza do Ferro. | |
| presentación do libro: De Fala a Lingua un proceso inacabado. | Santiago de Compostela | 15 de Outubro de 2009 | Ás 20.30 no local da AC O Galo ( San Miguel dos Agros 5, esquina coa pz de San Martiño Pinario | |
| Teatro: Representación de: o velorio de Xan Perolo | Barreiros | 16 de Outubro de 2009 | Ás 20.30 no Teleclube de San Cosme. Grupo de teatro amador da AC O Castro | |
| Teatro polo galego: A caída do imperio, a cargo do grupo Batán de Cangas de Foz | Burela | 16 de Outubro de 2009 | Ás 20.30 no auditorio de Burela | |
| Seminario de Autodefensa Lingüística | A Estrada | 16 de Outubro de 2009 | Intervirá Mª Xosé R. Valcarce, Ruco Álvarez e Luís Villares | |
| Acto da plataforma con poesía, música e teatro | Bueu (Pub Aturuxo) | 17 de Outubro de 2009 | Ás 21 h | |
| Ruada con charangas, teatro, circo... | Santiago de Compostela | 17 de Outubro de 2009 | Ás 16.00 na Praza do Toural |
[Na imaxe, presentación da plataforma Queremos Galego en Vigo, con Marta Dacosta, Pepe Carreiro, Elsa Quintas e Celso Parada.]
Assinar:
Postagens (Atom)
