Mostrando postagens com marcador Fernando Iglesias. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Fernando Iglesias. Mostrar todas as postagens

10 de abr. de 2011

De Cedeira a Ordes



Un día antes do recital en Santiago, presentarase en Ordes o libro En castellano no hay problema, que segue con esta particular xira por toda Galiza. Será, pois, o día 12 de abril, ás 20.30 h no Museo do Traxe "Juanjo Liñares" (Campo da Feira, s/n). Acompañarame Gonzalo Castro.

Xa que falo do libro, deixo aquí dúas fotografías do acto de presentación en Cedeira, que subiu ao facebook o incansábel Fernando Iglesias. A próxima vez dígolle a toda a xente que se poña diante! (Grazas, compas!)

2 de abr. de 2011

De Cedeira ás Pontes, pasando por Lugo e Ordes



Non pensedes que este é un este é un itinerario estraño despois de saír de Bande, non. Son unicamente dúas das últimas presentacións do libro En castellano no hay problema e dúas das próximas.

Na fotografía de arriba, temos unha imaxe de minutos antes de comezarmos coa ateigado acto de Lugo. A instantánea de abaixo pertence ao acto en que comentamos en Cedeira esta obriña, para aí pórmos en común visións sobre a situación do noso idioma e súas alternativas de futuro.

Grazas a Marica Campo, a Fernando Iglesias, a Carlos Vello, a Paz Díaz Pazos, a Cancio, a Ruco e, en xeral, a toda a xente que fixo posíbel ou participou destes actos. Danme ganas de darvos abrazos moi fortes a cada un!

Dous dos próximos actos serán en Ordes, o día 12 de abril, e nas Pontes, o 28 tamén deste mes. Iremos falando máis sobre eles.

18 de mar. de 2011

Hoxe en Cedeira

Porque aprender en galego non pode ser un delito, en ningún dos dous sentidos que ten este verbo no noso idioma: no de recibir e no de transmitir saber.

Porque non é xusto que quen queremos vivir en galego continuemos a ser estranxeiros na propia patria.

Porque hai institucións que non están a cumprir co seu papel de promoveren o noso idioma e de garantiren os nosos dereitos lingüísticos.

Por iso nos continuamos a mover cada día en defensa da nosa lingua, dos nosos dereitos. Hoxe tócame participar cos compañeiros e compañeiras de Cedeira na presentación do libro En castellano no hay problema. Será ás 19.30 h no Palacete Municipal (Avda. Castelao). Se vos der xeito, alí nos vemos!

Continuamos!

17 de mar. de 2011

Sobre Rosalía e os actos para hoxe e mañá

A presentación de onte en Compostela do libro Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria foi do máis suxerente. De xeito tan ameno como rigoroso, Francisco Rodríguez chamou a atención dos presentes sobre aspectos pouco coñecidos ou pouco observados da época e da obra rosaliana.

Este traballo de Francisco Rodríguez é, sen dúbidas, o estudo máis importante sobre a escritora central da nosa literatura. Case nada! Recomendo vivamente a súa lectura e, xunto con el, a lectura de toda a obra desta xenial autora.

De Pontevedra a Cedeira

Este serán participo ás 20.30 h no Café Moderno de Pontevedra nunha mesa redonda sobre "A participación social para a normalización lingüística", xunto con Manuel Lastra, Conchi Cochón e Ramón Regueira, que actuará como coordinador. O acto insírese dentro dunhas xornadas de normalización lingüística que organizan os equipos de normalización e dinamización dos centros da localidade, mais está aberto a todo o público que quixer asistir. O lema de todo o evento é ben lindo: "Vivan os que rompen cadeas de ferro!"

Por outra banda, mañá, 18 de marzo, presento en Cedeira, co incombustíbel Fernando Iglesias, o libro En castellano no hay problema. Será ás 19.30 no Palacete Municipal (avda. Castelao, s/n).

Mentres, seguimos con tremenda inquedanza, solidariedade e desacougo o que está a acontecer no Xapón. Seremos quen de tirar conclusións para o futuro?

11 de mar. de 2011

Próximas presentacións de En castellano no hay problema


Hoxe, 11 de marzo
En Padrón, con Sara Seco.
20.30 h, A Casa do Patín (Porto Fondo da Vila, 4).

18 de marzo
En Cedeira, con Fernando Iglesias.
19.30 h, Palacete Municipal (avda. Castelao, s/n).

28 de marzo
En Lugo, con Marica Campo e Carlos Vello.
20 h, no Centro Social Municipal Uxío Novoneyra (rúa Quiroga Ballesteros, 1A).

7 de abril
En Ordes, en lugar e hora por concretar.

8 de abril
Nas Pontes, en lugar e hora por concretar.

29 de abril
En Boiro, en lugar e hora por concretar.

Adiante coa lingua galega!

30 de jan. de 2010

Xunta Directiva da Mesa

Esta mañá tivemos reunión da Xunta Directiva da Mesa. Aínda que non puideron asistir todos os compañeiros e compañeiras, aproveitamos para darmos unha conferencia de imprensa reclamando a dimisión dos conselleiros de Educación e Cultura, así como para tirarmos unha foto de grupo.

Aí estamos, de esquerda a dereita e de arriba a abaixo, Eladino Cabanelas (responsábel da Mesa no Carballiño), Elsa Quintas (responsábel da Mesa en Vigo e coordinadora do Observatorio de Dereitos Lingüísticos), Carlos Outeiro (responsábel da zona de Ferrol e membro de Nais e Pais polo Ensino en Galego), Alexandre Vázquez (coordinador da Mocidade pola Normalización Lingüística), Fernando Iglesias (responsábel da Mesa en Cedeira), Luís Couto (responsábel do grupo do Deza), Susana Romero (vogal da Comisión Permanente, o órgano executivo da dirección), Iria Taibo (secretaria xeral da Mesa), quen isto escribe, Fran Rei (vicepresidente, coordinador de Zonas e coordinador da xestora de Queremos Galego) e Silvana Castro (responsábel da Mesa en Bergantiños). Foi unha mágoa que non puidésemos estar toda a xente! As e os que faltastes, xa sabedes: para a próxima, unha foto de grupo máis completa! ;)

Por outra banda, comento que hoxe ás 19.15 terei unha entrevista en Ràdio Cornellà, por se andades por Barcelona ou por se queredes ouvila a través desta ligazón.