11 de abr. de 2015

"Ao ler ese libro, decidín que tiña que utilizar o galego para todo"


Onte estiven na libraría Biblos de Betanzos para participar nunha conversa por volta da miña última obra, Atravesar o fantasma. Nun poemario sobre a radical singularidade de cada persoa, como é esa, non pode resultar estraño que cada un dos actos de presentación sexa diferente do outro. Nesta ocasión o guía excepcional do evento foi o poeta e editor Miguel Anxo Fernán Vello. Falamos da sensorialidade dos versos e da cita ausente de Lacan; viñeron ás nosas bocas os nomes e as obras de Melanie Klein e Françoise Dolto; comentamos as dificultades para lle pór palabras á dor e ás perdas ou o papel das vidas na poesía e da poesía nas vidas... Foi unha enorme delicia compartir ese serán con toda a xente que alí se congregou!

Após finalizar o acto, un dos homes que me pediu que lle asinase un exemplar díxome que el se achegara até alí pola importancia que tivo na súa vida o anterior título que eu publicara, Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez. "Ao ler ese libro, decidín que tiña que utilizar o galego para todo", comentoume. A súa muller acrecentou, cun enorme sorriso: "Non sabes como sorprendeu a moita xente! Tamén no traballo se puxo a falar en galego!!!"

É verdade que non é a primeira ocasión que me din algo así por volta deste libro ou do seu siamés Como defenderes os teus dereitos lingüísticos. O caso é que, cada vez que me comentan algún deses seus froitos, non podo máis que pórme feliz, moi feliz, e coller forzas para continuar adiante no activismo en defensa do noso.


[Na ilustración, listaxe dos libros máis vendidos na sección "Gramática" en Amazon no conxunto do Estado español este sábado. A demanda de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez é un bo sinal para o noso idioma, que moitos quererían ver como un moribundo.]

Um comentário:

  1. Moitos parabéns, Carlos. Miña familia é galego falante, pero a mín falábanme castelán. Falo galego habitualmente dende hai cousa dun ano por conciencia política. Éme inevitable seguir usando o castelán con algunha xente, porque así o fixen toda a vida, pero case sempre uso o galego, sobre todo na atención ó público (son funcionaria). O que me resulta especialmente difícil é o feito de vivir nunha cidade coma A Coruña, onde a maioría da xente fala castelán, iso faime sentir ás veces como se predicase no deserto. Quédanse pampos cando descobren que son coruñesa urbanita. Incluso, cando veñen xentes de bisbarras galego falantes, me dan as grazas por atendelos en galego. A verdade é que iso é moi satisfactorio.

    ResponderExcluir