Mostrando postagens com marcador IESCHA. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador IESCHA. Mostrar todas as postagens

5 de jun. de 2014

De Tui a Vilalba


Na pasada segunda feira estiven por Tui, primeiro cunha rapazada do máis interesante no IES San Paio, e despois nunha asemblea de formiguiñas na Biblioteca Municipal. Falamos alí dos libros Como defenderes os teus dereitos lingüísticos e Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, mais tamén conversamos sobre a situación da Real Academia Galega, as forzas electorais e o idioma noso, os papeis dos medios de comunicación, os programas de tradución automática castelán-galego etc.

No serán da sexta feira (venres) 13 de xuño desenvolverase en Vilalba un acto semellante coa hospitalidade do Instituto de Estudos Chairegos. Vémonos aló?

18 de mai. de 2011

Censura previa

O pasado día 13 tiven a presentación na Casa da Cultura de Vilalba do libro En castellano no hay problema. As compañeiras e os compañeiros do Instituto de Estudos Chairegos, que exerceron de anfitrións, denunciaron que o concelleiro de Cultura da localidade, onde goberna o PP por maioría absoluta, lles soltou: "Non sabedes canto me custou asinar a autorización deste acto", como quen perdoa a vida. A frase retrata a concepción da democracia e da liberdade de expresión que ten o individuo.

Hoxe encontreime cunha situación semellante por parte doutra institución. Estaba a organizar a presentación en Madrid para o día 7 de xuño na Casa de Galiza, que depende da Xunta. Xa me custou uns minutiños de agarda que me respondesen en galego, producíndose esta situación esperpéntica:

- Podería atenderme en galego?
- ¿Que si le entiendo en gallego? Claro que sí, no se preocupe.
- Non, non. Que lle agradecería que me atendese, que me respondese en galego.
- Es que yo no sé.
- Pois, por favor, páseme con alguén que saiba. É o meu dereito legal.

Non encontrou a ninguén e volveuse a pór ao teléfono a mesma persoa, xa sabendo falar en galego, aparentando dificultade, porén expresándose na lingua propia e tamén oficial dos poderes públicos galegos. Quero subliñar que é un traballador (non sei se funcionario) de atención á cidadanía nunha entidade que depende directisimamente da Xunta de Galiza.

Mais o abraio non veu aquí, senón cando me comunicou que o meu libro non poderá ser presentado por dous motivos:

a) Non teñen datas en todo o mes de xuño nin de xullo. Ponme como exemplo que vai haber un acto de presentación dunha novela dun deputado do PSOE e eu non consigo comprender se o evento se vai prolongar todos os días dos próximos meses, facendo inviábel calquera outra actividade.

b) O máis rechamante: que o director aínda non leu o libro (do cal exixen que a editora lles envíe un exemplar previo; se non, non autorizan). Até que o lea, non dará a súa conformidade.

E non poño adxectivos nin comentarios. Remítome ao título desta entrada. A vós que vos parece?

14 de mai. de 2011

Camiño do 17!

O blogger estivo con problemas de mantemento estes días e por iso levo tanto tempo sen actualizar. Ben ao meu pesar, ademais de que entre onte e antonte aparecían e desaparecían algunhas entradas da páxina, tamén parece que se perderon irremediabelmente todos os comentarios das 48 horas anteriores ao comezo do erro técnico. Síntoo moito.

Estes días ando ziguezagueando o país en diferentes actos. Antonte estiven en Vigo impartindo un recital-conferencia baixo o nome "Itinerario poético pola defensa do idioma". Foi un percurso pola historia contemporánea da lingua galega tomando como fío condutor desde os poemas de Xoán Manuel Pintos e Rosalía de Castro no século XIX até as novas fornadas creativas actuais, como Yolanda Castaño ou Alicia Fernández. Reunímonos un grupiño ben xeitoso de amantes da poesía e da lingua nosa.

Este acto foi organizado dentro do programa "Vive a lingua", de conferencias e obradoiros, realizado entre A Mesa pola Normalización Lingüística e o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo.

Onte, comecei a xornada tamén na cidade olívica, para impartir unha conferencia nun centro de ensino baixo o título "Desmontar os prexuízos e as mentiras sobre a lingua galega". O intercambio de opinións sobre a situación do galego en Vigo foi moi interesante; mesmo, moi esperanzador, a pesar das innegábeis dificultades.

Xa pola noite, foi a vez de falarmos en Vilalba sobre o noso idioma, tendo como escusa a presentación do libro En castellano no hay problema, coa hospitalidade do Instituto de Estudos Chairegos. Comentarei axiña máis polo miúdo ese evento que tanto me cargou as pilas.

Agora, este sábado pola tarde, toca a vez de presentar este libro en Seixalbo (Ourense). Será ás 17.30 h nas Canellas, ao ar libre, xa que parece que o tempo acompaña. Se podedes e vos apetece, vémonos por alí.

Ademais, no camiño de todas esas concentracións que se van realizar o día 17 de maio en defensa do noso idioma, tamén se están a desenvolver por toda a xeografía galega multitude de actos previos. Por exemplo, deixo aquí as fotografías da entrega de premios realizada hai poucos días polas compañeiras e compañeiros da Mesa das Pontes. É polo bo facer e entusiasmo de xente coma esta pola que temos futuro!





8 de mai. de 2011

Esta semana, en Vilalba

Ademais deste e doutros eventos, non esquezades as concentracións convocadas por Queremos Galego para o propio día 17 de maio.

Continuamos!