27 de fev. de 2013

Así foi a miña última presentación en Barcelona

Esta sexta feira regreso a Barcelona para presentar aló o meu último libro, Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez. O acto será ás 19 h na Escola Oficial d'Idiomes de Drassanes (Avda. Drassanes, 14) e a el poderá asistir só alumnado dese centro, sexa cal for a lingua en que estiver matriculado.

Aproveito que regreso á capital catalá para pendurar nesta miña paxiniña dúas imaxes correspondentes á que foi a miña anterior presentación dun libro por aló. Trátase do acto que tivemos na aínda existente Galería Sargadelos no carrer Provença, o 9 de maio do ano pasado, para falarmos de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos. A presentadora foi a profesora Ana Escourido, un referente na dinamización da nosa cultura nesa nación mediterránea.





Nenhum comentário:

Postar um comentário