10 de mai de 2013

Virán Xesús Alonso Montero e Valentín García?

Desde A Mesa pola Normalización Lingüística convidamos o actual presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, a que acudan á vista que teño hoxe na Audiencia Provincial da Coruña. A Mesa non fai ese convite nin tan sequera para que eses homes tomen posición, senón para que vexan e ouzan en primeira persoa o que alí vai acontecer, a ver se dese xeito pasan a ter unha postura activa de defensa do noso idioma, que é o que correspondería aos seus cargos.

Como sabedes as persoas que pasades habitualmente por este blogue, o que imos presenciar esta mañá é un novo episodio no kafkiano caso en que un xuíz, o ex decano da Coruña, Antonio Fraga Mandián, decidiu denunciarme porque lle recordei que tiña que cumprir e facer cumprir a Lei de normalización lingüística. Por tan gravísima ofensa, realizada en 2008, pídeme 15.000 euros de indemnización. Como tamén sabedes, non é a primeira vez que este home interpón denuncia contra alguén polo feito de defender o galego: xa antes aconteceu cos veciños de Oleiros Eduardo Álvarez e Carlos Aymerich.

Que se encause a quen solicita o cumprimento da Lei de normalización lingüística (considerada unha das leis básicas de desenvolvemento estatutario) é un xeito moi peculiar de festexar o 30 aniversario desta norma, que se fai xustamente nestas semanas. Que ademais para este proceso en concreto haxa procedementos xudiciais extraordinarios dá para pensar sobre a igualdade de todas e todos perante a Xustiza.

Non é só que se pertences a determinadas familias de sangue azul poidas resultar inmune, como vimos nestes días, senón que se defendes o galego ou lle recordas a un xuíz que temos dereitos lingüísticos debes pasar por un vía crucis de burocracia xusticeira, parece que até conseguir por fin un tribunal que condene. Se non é así, que expliquen como é que a Audiencia Provincial fai hoxe vista para un recurso contra unha sentenza contundentemente absolutoria, situación insólita que habería que sumar ao feito de que xa no seu día houbese xuízo a pesar de que tanto a xuíza instrutora como a Fiscalía consideraban que non había nin delito nin falta en recordar que hai que cumprir a Lei.

Non podo finalizar esta entrada sen agradecer desde aquí todas as mensaxes de apoio que me están a chegar. Tede a certeza de que non vou calar, de que non imos calar!


Continuamos!

Nenhum comentário:

Postar um comentário