Mostrando postagens com marcador Xerais. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Xerais. Mostrar todas as postagens

31 de mai. de 2022

Disidentes sexuais na Galiza contemporánea


Desde esta fin de semana teño comigo A defunción dos sexos, un libro de Daniela Ferrández que acaba de saír do prelo e supón un importante punto de inflexión nos estudos LGBT galegos.

Cando se está a investigar é fácil sentir soidade. Mergúllaste en arquivos e en páxinas e páxinas, e máis páxinas, e aínda máis páxinas... Podes contarlle ás amizades, á familia ou á parella algún dos momentos máis emocionantes ou máis divertidos, mais non podes estar a dar a murga todo o día.

No último tramo de elaboración d'O libro negro da lingua galega encontrei unha compañeira virtual con quen partillar a viaxe: a Daniela Ferrández. Ela andaba nalgúns arquivos e nalgunhas fontes hemerográficas semellantes ás que me entretiñan a min, só que con temas diferentes. En canto ela pesquisaba polas pegadas LGBT, eu espreitaba as marcas da represión lingüística. (Un dos momentos en que máis gastei a vista foi a ler os exemplares do El Ideal Gallego desde novembro de 1939 até outubro de 1941, un a un...)

Cando ela achaba no seu mergullo algunha cuestión que me interesaba, pasábama, e o mesmo facía eu. Para min foi moi divertido e tamén proveitoso.

Nalgún momento queremos facer algunha presentación conxunta d'A defunción dos sexos e d'O libro negro da lingua galega, que ao cabo son historias sobre aspectos centrais das vidas das persoas e das sociedades (a fala, a sexualidade...), mais sobre as que a ollada académica central continúa a fuxir alí onde arden. Anunciarémolo. Por en canto, aconsello que leades e difundades o seu libro.

19 de dez. de 2013

De Vigo a Vigo



O ano pasado, tamén no mes de decembro, fixemos un almorzo informativo para conversarmos cos medios sobre Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez. Un ano despois, a conversa puido facerse ao vivo coa xente interesada, na Escola Oficial de Idiomas da cidade.

Deixo aquí algunhas ligazóns a como saíu nalgúns medios de comunicación nunha e noutra ocasión. En calquera caso, non podo deixar de agradecer que, máis dun ano despois, o libro continúe a despertar o interese de moita xente e que, por exemplo, aínda estea no Top-100 de Amazon. Abofé que hai unha parte significativa da sociedade galega que non está disposta a se resignar! Continuamos!