Voltei cargadísimo de forza da presentación en Ribeira na sexta feira pasada. Non podo ter máis que palabras de agradecemento e afecto para a asociación Altofalante, para a hipermegadinámica profesora Marián González e para todas as persoas sensíbeis co idioma noso que ateigaron a Casa do Pescador. Obrigado tamén aos medios de comunicación que se fixeron eco do evento, como o xornal La Voz de Galicia (aí está unha ligazón á nova que publicaron o domingo) ou a Radio Arousa. Grazas así mesmo a Marivén Sampedro e a Aida por toda a axuda.
Foi un pracer e unha honra participar na homenaxe á nosa escritora fundacional que organizou en Ribeira a asociación Altofalante. Velaquí algunhas fotos do acto, en que participaron máis de cen persoas:
Se mañá, día 28, andardes por Ribeira, podedes acompañar a asociación Altofalante no desfile do Apalpador, que sairá ás 17.30 h da praza do Concello. Haberá música, doces e moita alegría!
Que ninguén se confunda! Non é ningunha "inocentada", porque o día tradicional das brincadeiras en Galiza é o primeiro de abril e non o 28 de decembro: "O primeiro de abril van os burros onde non deben ir", como sinala o refrán.
Para chamardes polo Apalpador (tamén coñecido por Pandigueiro) en calquera momento ou calquera lugar de Galiza, podedes ir preparando este sinxeliño baile: