7 de dez de 2009

A lingua maioritaria

Velaquí o artigo da miña páxina semanal en Galicia Hoxe:

A lingua maioritaria
Sobre estudos sociolingüísticos e narcóticos


Cando A Mesa pola Normalización Lingüística presentou o pasado marzo o segundo volume do Mapa Sociolingüístico, que elaborara a Real Academia Galega e financiara a Xunta, un grupo de sociolingüistas foron á carga contra esta asociación. Tildaban os datos de catastrofistas e enganosos porque sinalaban (igual que o resto de estudos anteriores) unha caída acusadísima, en picado, do idioma propio do país.

Entre os que ergueran a súa voz contra A Mesa estaban daquela Henrique Monteagudo, Mauro Fernández e Anxo Lorenzo. Este último aínda non fora nomeado secretario de Política Lingüística e, polo tanto, aínda non asinara ningún informe para que o galego deixase de ser requisito no acceso á función pública nin presentara as primeiras medidas para facer retroceder a presenza deste idioma no sistema educativo non universitario.

Nese mesmo mes de marzo, eu lembráballes a eses críticos que os datos non eran da Mesa, senón que os presentara esta entidade xa que non o fixeran nin quen elaborara a pesquisa nin quen a financiara, e non cun orzamento pequeno. Ademais, as obxeccións facíanas a partir do que saía nos medios de comunicación, sen leren o segundo volume do Mapa Sociolingüístico que criticaban, pois do contrario verían que moito do que lle achacaban non era certo (dicían que se comparaban grupos de idade diferentes, por exemplo, cando iso non é verdade).

Hai unha liña na sociolingüística galega, con intereses políticos ben delimitados, na cal se expresa á menor oportunidade que a situación do idioma galego non é para tanto e que estamos nun momento coma outro calquera. Mesmo hai quen ve unha recuperación de falantes nas xeracións novas, aínda que para iso haxa que confrontar (agora si) grupos de idade diferentes en estudos de metodoloxía diferente e sen ter en conta as limitacións dos inquéritos de lingua declarada.

Daquela, eu sinalaba xa no meu blog que o positivismo precario pode dar lugar a conclusións erradas:

Coido que era un debuxo do Carrabouxo de hai uns anos que amosaba un home traxeado, formulándolle unha pregunta a outro. “¿Usted habla gallego?” A resposta viña sendo: “¿Yo? ¡Siempre!”

Din que somos catastrofistas por amosar as tendencias de caída do galego, mais a situación é claramente peor do que din os datos do Mapa Sociolingüístico. De verdade un 16% da poboación de Galiza entre 16 e 54 anos usa “só o galego” e un 22,9% “máis galego”? Xa quereriamos que iso fose así e non na súa inmensa maioría con hábitos diglósicos! E que galego se usa? Un con balizas fortes ou outro cada vez máis diluído no castelán, na súa fraseoloxía, na súa sintaxe, no seu léxico...?

Nunha situación cunha consciencia lingüística feble, cun idioma desvalorizado en proceso de substitución e hibridación, paréceme incríbel que se consideren como datos inamovíbeis e totalmente fiábeis os que se extraen dos estudos cuantitativos de lingua declarada. Cando se teñen realizado pesquisas cualitativas en Galiza (...), a través de entrevistas en profundidade ou dinámicas de grupo, evidenciouse que a situación é ben peor.

As respostas directas en estudos cuantitativos teñen a fiabilidade que teñen, tanto no estudo de 1992 como no de 2004, fágase un cruzamento histórico ou non. É ou non é certo que, por exemplo, unha persoa que mudou de lingua se pode negar a recoñecer perante a persoa que lle fai o inquérito que deixou atrás ese idioma estigmatizado e formarse unha nova historia de vida? É ou non verdade que unha persoa pode responder cousas diferentes a respecto da(s) súa(s) lingua(s) inicial ou iniciais en diferentes momentos vitais? Por que este problema metodolóxico non é tido en conta? (Sei que é diferente, mais lémbrame a algo que con certeza Fermín Bouza sabe e pode explicar moitísimo mellor ca min: en boa parte dos inquéritos para estas autonómicas o “recordo de voto” era favorábel ao PSOE, cando resulta que a formación máis votada catro anos atrás fora con diferenza o PP. E non é que os cuestionarios estivesen mal!)


Esta semana, o Consello da Cultura Galega iniciou un Seminario sobre lingua, no cal curiosamente non estaban convidados a participar representantes nin da Mesa nin de Queremos Galego, nin sociolingüistas que se teñen posicionado frontalmente, e con datos, contra esta lectura edulcorada da situación do idioma. Cunha das intervencións, a de Mauro Fernández, o Consello enviou un comunicado aos medios indicando desde o titular que ficaba demostrado que o galego “segue a ser a lingua maioritaria” de Galiza.

Mais, tristemente, o que nos din todas as investigacións é que o galego é a lingua que sofre unha caída máis acusada de todas as que teñen algún rango de oficialidade no Estado, que en dez anos se duplicou o número de persoas que nunca o utilizan e que na xente nova das principais cidades é xa algo residual. Doe, mais é así: hoxe o galego non é lingua maioritaria do país, sendo algo constatábel de forma abrumadora nos grupos e espazos sociais que marcan o futuro. Tamén causa mágoa ver que, nalgúns sectores, constatar que isto é unha falacia leva a recibir críticas nas que parece que o acusan a un de ser o responsábel da realidade (Henrique Monteagudo, desde o seu posto de secretario do Consello e coordinador do evento, chegou a dicir que, pola miña visión discrepante, o “condeno coa pauliña”, cun vitimismo arrogante e incomprensíbel desde o seu lugar de poder.)

Que a situación sexa esta, claro é, non significa que a lingua galega estea condenada a morrer irremediabelmente, senón que son necesarias medidas para revitalizala e para que se poida exercer o dereito a utilizala e recibir información a través dela. Se non atendemos aos síntomas e pensamos que estamos estupendamente, si que nos abocamos a unha residualización e ritualización letal.

N’A vida de Brian, dos Monty Python, hai unha coñecida escena na que un grupo de resistentes se preguntan, con enfado, mentres planean o secuestro da muller de Pilatos: “Os romanos quitáronnolo todo. E que nos deron?!” Un dos reunidos intervén timidamente: “O acueduto”. “Si, iso é certo...”, asume o coordinador da xuntanza. “E os sumidoiros”, apunta outra voz. A cidade disque antes cheiraba moi mal. “E as estradas!”, advirte alguén. “A irrigación”, “a sanidade”, “o ensino”, “o viño”, “os baños públicos”, “a orde pública”... Os reunidos xa non poden parar de enumerar dunha e doutra banda todo o que trouxo a romanización. Por iso, o xefe dos resistentes sintetiza: “Ben, mais á parte dos sumidoiros, os acuedutos, a irrigación, a sanidade, o ensino, o viño, os baños públicos, as estradas, a orde pública... Que máis fixeron os romanos por nós?!”

Tomándoo con humor, esta consideración de que o galego é a lingua maioritaria lémbrame a esa hilarante escena. Porque o noso idioma é hoxe maioritario en Galiza se non contamos o ensino (en calquera das súas etapas: de infantil á universidade, e en calquer das súas titularidades, público, concertado ou privado), a publicidade, a etiquetaxe e a rotulaxe comercial, os prospectos dos medicamentos, a sanidade pública e privada, a atención ao público en todas as administracións, a documentación, a publicidade e as sinalizacións da Administración Xeral do Estado, as notarías, os xulgados, as radios, as televisións, os xornais impresos e os electrónicos, as revistas, os servizos de hostalaría, o transporte público, as aseguradoras, os bancos, as caixas de aforros, os supermercados, os talleres, a oferta editorial, as tendas de roupa, as conserveiras, as ETTs, a garda civil, o exército, as autoescolas, a policía nacional, os xoguetes, as estreas de cinema ou DVDs, os videoxogos, os servizos telefónicos de apoio ao cliente, os grupos máis novos en idade... Nese caso, o galego é a lingua maioritaria do país e, como dirían os versos de Celso Emilio Ferreiro, talvez sexa momento de falar seriamente de batallas de flores do día do patrón. Porque aquí non pasa nada, estamos moi ben e pode seguir a festa.

10 comentários:

  1. si que tiñas que ver ti the life of brian con outros ollos

    ResponderExcluir
  2. Estas amañado da cabeza.

    ResponderExcluir
  3. Excelente artigo. Eu tamén prefiro desnarcotizarme.

    ResponderExcluir
  4. O do primeiro anónimo seguro que é Anxo Lorenzo, que xa lle vai dando ao inglés... lol lol lol lol

    ResponderExcluir
  5. Nesta entrada do blogue CALEDONIA (http://calidonia.blogaliza.org/2009/12/07/cronica-seminario-lingua-sociedade-politica/) há um comentário assinado por H. Monteagudo no que se afirma que sim fostes convidados.

    Pedro Bravo (que assino como GalizacapitalBraga algum comentário nesse mesmo sítio).

    ResponderExcluir
  6. Si, xunto co programa, recibín un convite por correo electrónico para asistir como público, en calidade de presidente da Mesa pola Normalización Lingüística.

    Dá para pensar que a principal asociación cultural (subliño o adxectivo: cultural) de Galiza en número de afiliadas e afiliados (case 4.000 nestes momentos), que ten como único obxectivo ademais a defensa da lingua, nunca é partícipe dos debate sobre lingua deste organismo público, algo que non se corresponde nin co nivel de actividade da asociación nin coa súa representatividade.

    Pódese mirar a listaxe de eventos organizados ao longo dos anos polo Consello da Cultura Galega e ver cantas veces, cando e como se conta con esta asociación.

    Polo demais, no artigo en Galicia Hoxe xa explico máis cuestións que agora penso que non vén a conto repetir. En calquera caso, si quero lembrar que en Galiza hai sociolingüistas con obra publicada, e mesmo profesorado universitario, que non concorda en absoluto con esta visión edulcorada da situación do idioma. Que tamén sufran esa marxinación non é bo sinal do funcionamento do Consello da Cultura Galega. Oxalá mude iso. Polo ben de todas e todos; en primeiro lugar, da nosa lingua e cultura.

    ResponderExcluir
  7. Excelente artigo! Sen dúbida ha de haber moitos que o encontren catastrofista, mais é a realidade. Eu aínda hai ben pouco tempo que non era capaz nin de ir mercar pan e falar a lingua na cal penso e sinto desde pequeno...

    Mais afortunadamente vou deixando atrás a esquizofrenia lingüística... e non foi tan difícil! Sabendo dar os pasos correctamente, se cadra podemos volver falar de lingua maioritaria (e sen narcóticos) :)

    ResponderExcluir
  8. Como público? Que amáveis. E nem sequer haveria que aplaudir para o refrigério. Então por que não se faz público o texto?

    Suponho que também convidariam a AGAL. Seria bom que o CCG fizer pública a relação de convites para fazer vulto ante os vultos.

    O nosso Anxo (Anxo-Q) é todo um cavaleiro, mas com a Lago visitando a nova "peluquería" cumpre ser muito bom cabeleireiro.

    Pedro Bravo

    ResponderExcluir