27 de fev. de 2013

Así foi a miña última presentación en Barcelona

Esta sexta feira regreso a Barcelona para presentar aló o meu último libro, Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez. O acto será ás 19 h na Escola Oficial d'Idiomes de Drassanes (Avda. Drassanes, 14) e a el poderá asistir só alumnado dese centro, sexa cal for a lingua en que estiver matriculado.

Aproveito que regreso á capital catalá para pendurar nesta miña paxiniña dúas imaxes correspondentes á que foi a miña anterior presentación dun libro por aló. Trátase do acto que tivemos na aínda existente Galería Sargadelos no carrer Provença, o 9 de maio do ano pasado, para falarmos de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos. A presentadora foi a profesora Ana Escourido, un referente na dinamización da nosa cultura nesa nación mediterránea.





25 de fev. de 2013

O ILG e o Consello da Cultura deben dar explicacións


Nunha entrevista publicada hoxe en La Voz de Galicia, o secretario da (nestas alturas, aínda Real) Academia Galega, Xosé Luís Axeitos, repasa a situación desta institución, involucrada en diversas polémicas que danan gravemente a súa imaxe: a súa moi notoria falta de pluralidade, as denuncias de nepotismo e de falta de transparencia, a vindicación dos seus vencellos simbólicos coa monarquía española, a súa escasa involucración na defensa do galego, etc.

Sobre este último punto, é sabido que a Academia Galega só tivo un único xesto relevante de defensa do idioma propio nos últimos anos. Falo da presentación do recurso contra o decretazo mal chamado do plurilingüismo, do decretazo que prohibe a docencia en galego das materias científico-técnicas, do decretazo que varre o galego da educación infantil das cidades. Foi ese o único xesto, mais ninguén pode dubidar da súa enorme importancia.

Pois ben, resulta que hoxe o secretario da Academia, denuncia o seguinte:
(...) unha proba do que digo é que, no proceso sobre o decreto do plurilingüismo, o ILG e o Consello da Cultura, segundo di Política Lingüística, queren unha solución pactada e buscan que a Academia tamén se sume a ese pacto e retire o recurso, pero a Academia non está en venda. 
Non é calquera persoa, senón un membro da executiva da Academia, quen realiza esta denuncia. Tanto o ILG como o Consello da Cultura Galega deberían dar explicacións públicas sobre iso e, se se confirma que é verdade, deberían producirse dimisións. A corrupción ética tamén é reprobábel.

#DíaDeRosalía

Foi un pracer e unha honra participar na homenaxe á nosa escritora fundacional que organizou en Ribeira a asociación Altofalante. Velaquí algunhas fotos do acto, en que participaron máis de cen persoas:




 

23 de fev. de 2013

Rosalía de Castro, escritora nova


Unha escritora de hoxe que ande pola década dos vinte entra de chupo na categoría de "escritora nova". É sabido que os tempos que lle tocaron a Rosalía, falecida con só 48 anos, e os que nos tocaron a nós non teñen a mesma distribución das etapas vitais. Así e todo, abraiémonos un pouco ao lembrarmos que esa peza chave da historia de Galiza que foi a publicación dos Cantares gallegos se produciu cando esta autora forte, atrevida e enormemente talentosa contaba só vinte e seis anos de idade.

Esta que aquí inclúo é unha fotografía de Rosalía na década de 60 do século XIX, polo que é máis ou menos na época dos Cantares. É unha Rosalía moza, que pode e debe servir tamén de exemplo para a xente nova de hoxe.

Lembremos que, só antes de facer os trinta anos, Rosalía xa publicara varios romances, contos (incluído o primeiro en galego, co significativo título "Contos da miña terra, I", que non "Conto gallego", como se rebautizou), poemarios e -con vinte e un anos!- o primeiro manifesto feminista da Península: "Lieders". Alí exclamou, aínda na lingua oficial do Estado, en que aprendeu a ler e escribir: 
Solo  cantos de independencia y libertad han balbucido mis labios aunque alrededor hubiese sentido, desde la cuna ya, el ruido de las cadenas que debían aprisionarme para siempre, porque el patrimonio de la mujer son los grillos de la esclavitud. (...)

Cuando los señores de la tierra me amenazan con una mirada, o quieren marcar mi frente con una mancha de oprobio, yo me río como ellos se ríen y hago, en apariencia, mi iniquidad más grande que su inquidad. En el fondo, no obstante, mi corazón es bueno; pero no acato los mandatos de mis iguales y creo que su hechura es igual a mi hechura, y que su carne es igual a mi carne.
Neste 2013 fanse 150 anos dos Cantares gallegos, do primeiro libro monolingüe contemporáneo no noso idioma, un idioma que estaba totalmente excluído de calquera ámbito de poder ou de uso culto, a pesar de ser o maioritario da poboación.

Grazas á Asociación de Escritores en Lingua Galega, esta fin de semana será unha festa por toda Galiza para celebrarmos o Día de Rosalía, para nos alegrarmos de que existise esta persoa que se atreveu a erguer a voz e a dar un paso adiante en defensa do que ela cualificaba como a súa Patria; esa Galiza á que lle dicía: "non debes chamarte nunca española".

Eu estarei hoxe no acto que se vai realizar ás 19 h na Casa do Pescador en Ribeira, organizado pola asociación Altofalante, e farei todo o posíbel para estar mañá no acto nacional no Panteón de Galegos Ilustres. Ademais, a ver que libros en galego e que flores agasallo! ;)

22 de fev. de 2013

Saibamos máis sobre Rosalía

Para nos irmos preparando para os festexos nacionais desta fin de semana, podemos por exemplo ver esta conferencia de Francisco Rodríguez, o autor do libro máis completo e profundo sobre a obra da nosa escritora fundacional, Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria:



Non esquezades agasallar un libro en galego e unha flor!


Agradécense as boas novas


Con todas as melloras que aínda se lle poden introducir (ao cabo, está en versión beta), non se pode cuestionar este éxito conseguido por un importante movemento social: Temos Twitter en galego! Usémolo e vaiamos ao seguintes retos!

Sobre esta e outras cuestións da actualidade do noso idioma falarei hoxe ás 13.10 para a emisora Radio Voz.

Continuamos!

20 de fev. de 2013

De Compostela a Ferrol


Esta fotografía é do coloquio que se realizou esta semana, en Políticas de Compostela, sobre a lingua galega. Nel falamos finalmente non só do libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, senón tamén de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos e sobre outras cuestións relacionadas coa actualidade do idioma noso.

O próximo acto en Galiza para conversarmos sobre Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez será o vindeiro 14 de marzo ás 20 h na Escola Oficial de Idiomas de Ferrol. Antes, haberá un par de encontros, en Barcelona e Madrid, sobre os cales axiña darei máis información.

Aproveito para agradecer a escolla deste manual práctico como finalista nos premios Ánxel Casal, que outorga a Asociación Galega de Editores. O destino final do galardón coñecerase o vindeiro 15 de marzo, mais para min xa é motivo de enorme alegría compartir podio con quen o comparto.

Continuamos!

(A fotografía é de Adrián Piñón.)

19 de fev. de 2013

Quen ao ceo cospe, na cara lle cae

Non sabemos canto de certo ten a longa declaración -só coñecida parcialmente- do ladrón do Códice Calixtino, mais si sabemos que o ten todo de verosímil. Lembrade o que se denuncia mentres reledes noticias coma estas:





18 de fev. de 2013

É que xa non sei como agradecelo



Xa está en proceso a terceira edición de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, obra que hoxe será tamén o centro dun debate sobre o idioma organizado polos Comités de Estudantes ás catro e media da tarde na facultade de Ciencias Políticas e Sociais de Santiago.

Que nun momento de crise editorial, de estafa económica, de agresivas políticas contra o galego... En fin, que nun momento tan mao como o que estamos a vivir un libro na nosa lingua e sobre a nosa lingua esgote dúas edicións en tres meses é motivo de festa maior. Para min, como escribinte, é ademais razón para un enorme agradecemento.

Como dixemos na última mani, "Que chove, que vente, o galego está presente!" ;) Continuamos!

17 de fev. de 2013

Ensaio en galego máis vendido nesta quincena

Segundo informa Ramón Nicolás no seu Caderno da Crítica, Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez foi o ensaio no noso idioma máis vendido nas primeiras dúas semanas de febreiro. Moi obrigado!

Na listaxe que recolle Amazon, o libro vai subindo e baixando postos (actualízase cada hora), mais continúa cunha excelente acollida. Nalgúns momentos desta semana pasada mesmo chegou a estar no Top-100 das obras máis vendidas a nivel de Estado. Non podo estar máis agradecido.

Continuamos!

16 de fev. de 2013

Entrevista para Ponte en Galego


O 26 de xaneiro, na véspera da manifestación nacional en defensa do galego na escola, acudín a Miño para falar do libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez e, tamén, como non podía ser doutro xeito, sobre a situación do noso idioma no sistema educativo.

Despois do acto, petisquei algo coa xente da entidade organizadora, a asociación Roxín Roxal, e gravei unha entrevista para o programa Ponte en Galego, que emite Rádio Filispim.

Se quixerdes ouvila, podedes facelo nesta ligazón. Está a partir do minuto 47, mais todo o programa paga a pena. Parabéns á xente de Ponte en Galego! Énchese o peito de ar para o camiño vendo estas iniciativas!

9 de fev. de 2013

Precisamos a lingua se queremos vencer

Velaquí o artigo que publiquei no xornal dixital e semanario en papel Sermos Galiza. Precisamos o idioma, máis que nunca, nestes tempos tan convulsos!



“Se queremos vencer”, por Carlos Callón

Neste 2013 fanse os 150 anos da impresión do primeiro libro monolingüe en galego. Aínda permanece en pé esa “bandeira” que a súa autora, Rosalía de Castro, ergueu para “chamar as xentes á guerra”, nas súas propias e elocuentes palabras.

Un século e medio despois, a pesar de moitos períodos de forte persecución, o idioma galego permanece vivo e mesmo realizou significativas conquistas simbólicas. No entanto, a acusadísima perda de falantes e a reproscrición do galego de espazos nos cales comezaba a asomar a cabeciña fan que as persoas con consciencia lingüística agudicemos a nosa sensación de sermos “estranxeiras na propia patria” –tal e como dicía tamén Rosalía– ou mesmo de estarmos nun tempo de transición cara á nosa definitiva desaparición como pobo.

Mais aínda que non se poden negar estas evidencias fatais, hai elementos positivos que non podemos deixar de lado. Por unha banda, a pesar do copioso sangrado na transmisión entre xeracións, as persoas que deciden exercer como galegas en todos os ámbitos e que non están dispostas a renunciar aos seus dereitos son moitas máis que noutras etapas históricas recentes. Existe tamén, como se pode ver nas mobilizacións convocadas pola Mesa ou por Queremos Galego, unha parte importante da sociedade que, aínda que non use o idioma propio a cotío, si está disposta a mobilizarse na súa defensa.

Cómprenos tamén sermos quen de chegar máis e mellor a toda esa xente que nunca se mobilizou polo galego, mais que sente a lingua do país en termos afectivos. Temos que explicarlles que, nun momento tan convulso como o actual, é cando máis necesaria é a cohesión social que achega o feito de termos un idioma propio. Temos que facerlles ver que hai quen quere que perdamos a nosa identidade porque non queren que Galiza sexa unha nación, senón unha terra para espoliar, unha suma inconexa de persoas sen ligazóns colectivas, sen vínculos comunitarios, senón simple man de obra para exportar… Fronte a todo iso, como ben poetizaba Manuel María, “precisamos a lingua se queremos vencer”. Por iso as agresións son tan fortes. Por iso afianzaremos a bandeira.

8 de fev. de 2013

O Gaiás pase algo... xD



Parabéns a Cultura contra a Mentira pola súa creatividade para denunciaren esta política cultural e lingüística tan letal!

7 de fev. de 2013

6 de fev. de 2013

Como se "inventa" o galego

"Como se 'inventa' o galego" é o título irónico que lle puxen á segunda parte (a que vai dos capítulos 6 a 10) do libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez. Todo isto do tópico do galego como idioma "inventado" e as consecuencias de tales discursos  foron tamén un dos temas que tratamos abondosamente na presentación en Miño desta obra. No acto, organizado pola querida asociación Roxín Roxal, tamén se divulgou o proxecto Galiza co Galego e debatemos sobre algunhas outras cousas de interese para esta nosa cultura, empeñada en non se deixar asfixiar.

Penduro aquí tres imaxes do evento, collidas da páxina de Roxín Roxal:




Continuamos!

4 de fev. de 2013

Con Antón Lopo e Brane Mozetič


Esta tarde andarei pola miña querida cidade da Coruña, entre outras cousas para asistir ao recital de Antón Lopo e Brane Mozetič, unidos neste acto pola temática homoerótica que aniña en moitos dos seus versos máis coñecidos.

O galego e o esloveno participarán ás 20:30 no Centro Ágora dentro do magnífico ciclo "Poetas di(n)versos", que coordina Yolanda Castaño. O evento é aberto e gratuíto polo que, se quixerdes, podemos vernos aló.