25 de fev de 2013

O ILG e o Consello da Cultura deben dar explicacións


Nunha entrevista publicada hoxe en La Voz de Galicia, o secretario da (nestas alturas, aínda Real) Academia Galega, Xosé Luís Axeitos, repasa a situación desta institución, involucrada en diversas polémicas que danan gravemente a súa imaxe: a súa moi notoria falta de pluralidade, as denuncias de nepotismo e de falta de transparencia, a vindicación dos seus vencellos simbólicos coa monarquía española, a súa escasa involucración na defensa do galego, etc.

Sobre este último punto, é sabido que a Academia Galega só tivo un único xesto relevante de defensa do idioma propio nos últimos anos. Falo da presentación do recurso contra o decretazo mal chamado do plurilingüismo, do decretazo que prohibe a docencia en galego das materias científico-técnicas, do decretazo que varre o galego da educación infantil das cidades. Foi ese o único xesto, mais ninguén pode dubidar da súa enorme importancia.

Pois ben, resulta que hoxe o secretario da Academia, denuncia o seguinte:
(...) unha proba do que digo é que, no proceso sobre o decreto do plurilingüismo, o ILG e o Consello da Cultura, segundo di Política Lingüística, queren unha solución pactada e buscan que a Academia tamén se sume a ese pacto e retire o recurso, pero a Academia non está en venda. 
Non é calquera persoa, senón un membro da executiva da Academia, quen realiza esta denuncia. Tanto o ILG como o Consello da Cultura Galega deberían dar explicacións públicas sobre iso e, se se confirma que é verdade, deberían producirse dimisións. A corrupción ética tamén é reprobábel.

Um comentário:

  1. Polo de agora xa dimitiu Méndez Ferrín...
    Según o radio, coma presidente e coma académico...

    ResponderExcluir