31 de jan de 2013

"Este año el cartel está en gallego"

A concelleira de Cultura da Coruña presumiu: "Este año el cartel está en gallego, que pone Entroido". 

A orgullosa responsábel municipal é Ana Fernández, a mesma que en 2011 lle botaba en cara ao anterior goberno da Coruña que fixese actividades "demasiado gallegas".

Se xa é mao que se xacte de imprimir un cartaz en galego ao ano como rechamante excepción, máis triste é comprobarmos que, ademais, o que se fixo foi só unha parte dese material no noso idioma propio:



Non queremos ser estranxeiros na propia patria! Queremos galego!

30 de jan de 2013

Galegofobia por puntos

Antonte, un concelleiro en Vilagarcía: "Hablaré gallego cuando me salga de los puntos suspensivos".

Onte, un policía do Parlamento galego: "No tengo por qué saber gallego, punto filipino".

Unimos os puntos e sáenos a palabra "galegofobia".


28 de jan de 2013

Mais aínda seguimos aquí! ;)

Existía o risco do desgaste despois de catro anos de intensas mobilizacións. Existía o risco da desmobilización polo frío, a chuva e o vento. Existía o risco de non darmos chegado á xente necesaria, debido á nosa carencia de medios económicos e á censura nos medios onde ten capacidade de decisión o PP. Mais todos os riscos os esconxuramos. Continuamos aquí, como di a canción da Sés, só que con forzas remozadas!


27 de jan de 2013

Ás 12 temos unha cita

As tres fotografías seguintes pertencen á manifestación do 17 de maio de 2009, convocada pola Mesa pola Normalización Lingüística. Nela produciuse un salto histórico na participación en mobilizacións en defensa do noso idioma. 

Esa chamada tivo continuidade noutras convocatorias de resposta multitudinaria, que supuxeron importantísimos éxitos para a nosa cultura, non só no plano do simbólico, que tamén. Porque sabemos que sen reivindicación, sen activación cidadá, nada se podería conquistar e todo se podería perder. A historia da nosa lingua demóstranolo moi ben.

Unha mudanza importante que imos ver entre estas fotografías de 2009 (nomeadamente, a segunda) e este día de 2013 seguramente non sexan os paraugas, senón que na praza da Quintana non poderemos ter palco para a realización do acto final. Este terá que desenvolverse nas escadas debido aos impedimentos que nos pon o goberno municipal do PP, que quere evitar actos en defensa do galego na capital do país. É ben triste a súa intolerancia, mais terán que aturar a nosa presenza e os nosos cantos!



Por dignidade, porque cremos no noso, porque sabemos que o galego une! Temos unha cita ás 12 na Alameda de Santiago de Compostela!




25 de jan de 2013

Con máis razóns, con máis forzas, con máis ánimos! Queremos Galego!




Participa na manifestación deste domingo e adhírete tamén á mobilización a través do facebook!

Pola lingua que nos une e polo pleno dereito á liberdade de expresión!

22 de jan de 2013

Adiante, compas!

 



 

Fotos de catro actos de Queremos Galego nos últimos días, en Bergantiños, Ferrol, A Coruña e Compostela, para animar á participación na mobilización do vindeiro día 27.

Pola lingua que nos une!

21 de jan de 2013

Hoxe en Marín

Hoxe, 21 de xaneiro, ás 20 h, na Casa da Veiguiña, presentarase o libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez e conversaremos sobre a importancia da mobilización nacional para este domingo 27. Podes consultar aquí o evento no Facebook.

O próximo acto de presentación desta obra será o sábado ás 19 h en Miño. Polo demais, esta vai ser unha semana chea de traballiño cara á manifestación convocada por Queremos Galego, a plataforma unitaria que impulsa e coordina A Mesa.


Continuamos!

19 de jan de 2013

De Cedeira a Paiosaco

O 3 de xaneiro tivemos unha "asemblea de formiguiñas" en Cedeira para conversarmos sobre propostas e estratexias para defendermos máis e mellor o noso idioma. Esa reunión tivo como un dos puntos de debate e traballo o libro Como defenderes os teus dereitos lingüísticos. Tamén falou sobre a situación actual do noso idioma e os retos do activismo o Fernando Igrexas (responsábel da Mesa en Cedeira) e o Gabriel Beceiro reflexionou sobre a situación do galego tomando como contrapunto a situación do catalán no Principat, en concreto no ámbito do ensino. O día deu para un produtivo diálogo con toda a xente que asistiu e se decidiu a dar a súa opinión.

Velaquí van algunhas fotografías da xornada, que podedes consultar na páxina da asociación Olláparo:





Hoxe continúo este proceso de realización de "asembleas de formiguiñas" por toda Galiza. Nesta ocasión o punto para o debate será o libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez e o lugar de encontro será a asociación de veciñas e veciños Campo da Feira, en Paiosaco. Todas e todos os asistentes levaremos tamén na cabeza que temos que mobilizar moita xente para a manifestación nacional para o 27 convocada por Queremos Galego, a plataforma unitaria impulsada e coordinada pola Mesa.

Igual que noutros actos anteriores, todas as persoas que veñan cun exemplar de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez ou o adquiran no propio acto terán un agasallo.

A segunda feira tocará presentación en Marín.

Continuamos!

18 de jan de 2013

Das Fervenzas Literarias a Ribadavia

Hoxe recomezo as presentacións do libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, pois xa chegaron de vez os exemplares da segunda edición. Así, verémonos en Ribadavia co compañeirazo Eladino Cabanelas ás 20 h no pub Aljama. As persoas que compren un libro no acto ou que o traian da casa terán un pequeno agasallo.

Este regreso de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez chega moi oportunamente, pois o vindeiro 27 de xaneiro temos manifestación nacional en defensa da nosa lingua e todos os actos dos próximos días tamén se destinarán a conversarmos sobre a importancia desta mobilización. Ti, que amas o galego, de ningún xeito podes faltar o 27!

Por último, teño que agradecer que as lectoras e os lectores das referenciais Fervenzas Literarias decidisen colocar este libro como finalista nos premios á mellor obra de ensaio publicada en galego en 2012 e que puxesen tamén esta paxiniña en que escribo como finalista aos mellores blogues. Obrigadísimo polo recoñecemento, parabéns a todo o resto das e dos finalistas, así como o meu aplauso ás distinguidas e aos distinguidos cos premios! Viva a nosa cultura, viva!


17 de jan de 2013

Ramón Nicolás fala de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez

O coñecido crítico literario Ramón Nicolás publicou o pasado 14 de xaneiro unha reseña do meu último libro, que deixo aquí por se for do voso interese. Nos próximos días pendurarei tamén as reseñas ou comentarios críticos que realizaron Manuel Rodríguez Alonso, Vicente Araguas e César Lorenzo Gil.

Mañá toca o acto de presentación deste libriño en Ribadavia. Será no pub Aljama ás 20.30 h, co compañeiro Eladino Cabanelas, responsábel da Mesa na zona do Carballiño - Ribeiro.

Continuamos!


16 de jan de 2013

O goberno de Santiago, de novo contra o galego e contra a liberdade de expresión

Desde que o goberno municipal de Santiago está en mans do PP, estrearon todas as súas novas medidas censoriais coa Mesa ou con Queremos Galego. Non é cortina de fume nin é casualidade, é que lles proen moito as accións en defensa do noso idioma.

Primeiro foi a censura e  Correlingua e o seu tratamento como se fose unha manifestación; despois quixeron negarnos o palco e a megafonía para a mobilización do Día das Letras, que tivemos que conquistar nos tribunais; despois tentaron evitar que os fotógrafos puidesen subir ao palco para tomaren imaxes da praza da Quintana ateigada; retiraron tamén a axuda pública simbólica que recibía A Mesa pola Normalización Lingüística... Aínda habería máis cousas que poderiamos citar, mais fiquemos nas máis rechamantes e incuestionabelmente impresentábeis.

Agora o Concello volve á carga e decide solicitar unha fianza de 600 euros para a colocación dun palco para o acto final da manifestación do 27 de xaneiro. Esta solicitude de fianza rompe co compromiso realizado polo goberno municipal de excluír do pagamento de taxas e fianzas para a utilización da vía pública as entidades sen ánimo de lucro, como son A Mesa e Queremos Galego.

Mais non calarán a nosa voz! Ou vasllo permitir?

14 de jan de 2013

Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez regresa ás librarías

Nestes días vai chegar a todas as librarías que distribúen novidades editoriais en galego a segunda edición de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez. Agardo que a súa arribada sexa de axuda para que moitas e moitos máis galegocalantes decidan dar o paso para se converteren en galegofalantes.

Ademais, vanse realizar actos de presentación do libro o vindeiro día 18 en Ribadavia, o 19 en Paiosaco, o 21 en Marín e o 26 en Betanzos.

E o 27, xa o sabedes, mobilizámonos en Compostela en defensa do galego na escola e do galego na vida.

Continuamos!

11 de jan de 2013

Axúdanos a divulgalo!


É importante que a información da mobilización nacional deste 27 de xaneiro chegue a todos os recantos de Galiza. Por iso, por favor, comparte nas túas redes sociais os cartaces que, coma este, se realizaron para a convocatoria.

Outro xeito moi sinxeliño para a difusión, e tamén gratuíto, é a través do whatsapp. Por exemplo, con este texto:
27 de xaneiro. Pola lingua que nos une. Queremos galego na escola. Derrogación xa do decretazo. Non á lei Wert. Manifestación ás 12h desde a Alameda de Compostela. Espallar a mensaxe é tan sinxelo como copiar e pegar.
Continuamos!

3 de jan de 2013

En Cedeira e en CorreoTV


O grupo da Mesa en Cedeira convidoume a participar hoxe ás sete nun acto sobre a situación do idioma noso, no cal me centrarei en comentar os consellos contidos no manual práctico Como defenderes os teus dereitos lingüísticos e en animar á participación na manifestación nacional do vindeiro 27 de xaneiro.

Ademais, hoxe CorreoTV reemitirá ás 19.30 e ás 22 h a entrevista que me realizou Carlos Roma sobre o meu máis recente libro, Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, que é irmán siamés do que hoxe presentaremos en Cedeira. Sei que hai problemas nalgunhas cidades e vilas para conseguir exemplares deste traballo, o cal sinto moito (ao mesmo tempo que me fai sentir alegre e agradecido, con certeza). A segunda edición está xa para chegar!

Continuamos!

2 de jan de 2013

Presentación en Cedeira de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos


A presentación en Cedeira do manual práctico sobre como superar as dificultades que se nos presentan para podermos vivir en galego ía realizarse o pasado verán, mais houbo que desconvocala e foise pospondo semana tras semana por unhas ou outras cousa. Pois vai ser mañá, 3 de xaneiro ;)

So o nome "A lingua que nos une", A Mesa de Cedeira organiza unha actividade que consistirá, nunha primeira parte, nunha presentación panorámica dos consellos contidos neste libro. A segunda parte será unha mesa redonda sobre a situación do idioma no ensino en que participarán tamén os compañeiros Gabriel Beceiro (que falará sobre a inmersión lingüística en Cataluña vista desde o noso país) e Fernando Igrexas, responsábel da Mesa na localidade.

Todas as persoas que veñan cun exemplar de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos ou que o adquiran no propio acto terán un agasallo.

Continuamos!