20 de jun. de 2012

Con apoio ou sen apoio


Mañá ás 10 da mañá teño un encontro no salón de plenos de Santiago de Compostela coa concelleira de Normalización Lingüística, Rebeca Domínguez, que é coñecida porque realizou a súa primeira comparecencia pública como tal concelleira de Normalización Lingüística negándose a usar o galego.

Agardo que nese encontro me explique cales son os criterios polos cales o Concello de Santiago, desde a chegada do PP ao goberno municipal, se nega a cumprir cos consensos máis básicos sobre a promoción do idioma, que no seu ámbito de competencias son a Ordenanza municipal de normalización lingüística e o Plan municipal de normalización lingüística, aprobados ambos por unanimidade.

A capital de Galiza, outrora exemplo de bo facer na promoción do idioma, estase a converter en todo un exemplo a contrario: publicidade que antes saía en galego e agora deixa de facelo, formularios que só están dispoñíbeis en español, representantes públicos que se negan a utilizar o idioma propio nas súas comparecencias, etc.

A todo isto hai que sumar a tentativa de asfixia dos movementos sociais en defensa do idioma do país. Lembremos a negativa a apoiar o Correlingua, a última hora, e a súa tremenda petición de que se censurase o manifesto escolar. Traiamos á mente a súa pretensión de deixar sen megafonía e sen palco a mobilización do 17 de maio, que só se puido corrixir a través dunha resolución xudicial, mais mesmo así tentaron evitar que puidese haber fotógrafos e fotógrafas que puidesen coller as principais panorámicas da praza da Quintana ateigada. Agora, sabemos tamén, grazas aos xornais e -isto é importante- sen comunicación directa por parte da propia administración, que rescinden a pequena porén simbólica colaboración anual coa Mesa. Éralles demasiado molesto compartir actividades cunha asociación que defende o noso idioma.

Por fortuna, aínda hai institucións que si manteñen esa colaboración, como a Deputación de Lugo. Na fotografía de arriba recóllese un encontro co delegado de Cultura e Turismo desa Administración, o nacionalista Mario Outeiro, no cal formalizamos a renovación da cooperación en defensa do idioma entre esta administración e este movemento cultural en defensa do propio que é A Mesa.

Continuamos!

Nenhum comentário:

Postar um comentário