Mostrando postagens com marcador Roberto Varela. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Roberto Varela. Mostrar todas as postagens

29 de jul. de 2011

Reflexionemos sobre o noso patrimonio

Pensade no Códice Calixtino.

Pensade agora na Cidade da Cultura.

Pensade agora no noso patrimonio caendo a cachos.

E agora mirade este traballo voluntario:







22 de jun. de 2011

O discurso de Xavier Queipo

Xa o comentei nunha entrada anterior, mais penso que paga a pena reproducilo e difundilo.

Grazas, Xavier!

Queremos Galego!


O discurso de Xavier Queipo está a partir do minuto nove:



Podedes ver máis vídeos do evento no canal en youtube de BlogalizaTV. Se ides mirar as diferentes gravacións e dades coa entrevistiña que me fixeron, sede dadivosos: vou (aínda máis) lanzado (do habitual) porque estaba a piques de saír o barco para nos irmos da illa ;)

12 de jun. de 2011

Queremos facer toda a nosa vida en galego...

Houbo moitos momentos lindos e emotivos na entrega dos Premios Xerais onte na Illa de San Simón. Aprendemos cousas novas con María Xosé Queizán e de María Xosé Queizán, anotamos prometedoras futuras lecturas, deixámonos levar por diferentes emocións co Leo...

A ovación da xornada foi para Xavier Queipo, non só por ser o gañador do cobizado Premio de Novela Longa, senón sobre todo polas súas palabras, tan elegantes como reivindicativas. Dirixiuse ao conselleiro de Cultura, alí presente, e pediulle que trasladase ao conxunto do Goberno galego a mensaxe inequívoca de que queremos poder vivir no noso idioma, que QUEREMOS GALEGO!

3 de mai. de 2010

Os libros nadan mal

O artigo desta semana en Galicia Hoxe:

Os libros nadan mal
Triste exemplo dunha nefasta política cultural

Cando se soubo o nome do novo conselleiro de Cultura afirmouse que Alberto Núñez Feijóo cazara un merlo branco: un home con carreira diplomática, de talante dialogante e altas capacidades para a xestión. Para os optimistas por necesidade, era a mostra de que o novo presidente da Xunta non ía ser tan fero contra a cultura galega como el mesmo se pintara nos seus agresivos discursos; para os optimistas ben informados, semellaba máis ben que a anunciada política galegófoba ía executarse con luvas brancas e narcotizantes a eito.

No entanto, pasados os meses, o que sorprende é que Roberto Varela continúe, a pesar da súa demostradísima incompetencia como xestor e -grazas á mobilización social, que non foi allea ás súas provocacións- ao seu fracaso como anestesista. Calquera observador imparcial, sexa cal for a súa adscrición ideolóxica, sabe que o cargo de conselleiro de Cultura de Galiza lle queda moi moi grande a este home. Indo só a un indicador mensurábel, podemos observar que nestes 30 anos de autonomía ningún responsábel desta área no Goberno galego acumulou no seu caixón tantísimas solicitudes de dimisión chegadas desde tantos lugares en tan pouco tempo. Nin Ánxela Bugallo, a pesar dos titulares sensacionalistas que a perseguiron, nin Pérez Varela pondo a tiro a Carmiña Burana.

Botando a ollada a pouco máis dun ano atrás, un pensa que foi o que levou a Núñez Feijóo a fichar esta persoa para pór rostro á súa política cultural. Sería talvez porque sabe inglés? Ben se ve que con autoodio e con complexos non se toman as mellores decisións!

Mais vaiamos ao miolo da cuestión. Alguén sabe cal é a política cultural deste goberno? Se atendermos os discursos e a propaganda, veremos que sobrancea unha idea en negativo: a de desprotexer institucionalmente a cultura galega. Aí é onde se inseren as declaracións do conselleiro asegurando que "la cultura gallega está bien, pero limita", que "la cultura gallega está acomplejada y ensimismada", os chamamentos que ten realizado ás editoras en galego para que aposten por outros idiomas (eufemisticamente, pola "edición trilingüe") e a súa colaboración na extensión da mentira de que a cultura galega está hipersubvencionada, cando a verdade é que é unha das que menos apoio público ten de toda a Unión Europea e, incontestabelmente, a que menos amparos institucionais ten de todo o Estado español, a anos luz das culturas española, catalá ou vasca.

En teoría, neste ano 2010 o labor da Consellaría de Cultura incardínase en dous proxectos estrela. Por unha banda, o Xacobeo, cuxo evidente bluf na xestión e nos resultados se tenta disimular varrendo as miserias cara ao Goberno central. Ademais, aínda que non o notemos en nada, este foi proclamado como o Ano do Libro e da Lectura. O lema que poderían ter escollido é: "Temos dereito a ler sen darnos conta".

A frase que propoño como slogan é outra das xenialidades do propio Roberto Varela, que asegurou no Parlamento que el dixo nun acto "Desván de los Monjes" ou "Toro" -en troca de Sobrado dos Monxes e Touro- porque foi o que os seus colaboradores lle escribiron nun discurso (ao que parece que lle pasaron un tradutor automático e despois non revisaron). "Teño dereito a ler sen darme conta!", reprochoulle ao PSOE e ao BNG polas súas críticas, inaugurando así un novo dereito humano, aínda que seguro que sen ser consciente de tal inauguración (el ou quen lle escribise esa resposta parlamentaria). Pois xusto así nos pasa a nós co Ano do Libro e a Lectura: que estamos nel sen darnos conta.

Mais o problema non é só en concreto coa cultura galega, non. A ignorancia e o desprezo que manifestan estes gobernantes pola nosa cultura en particular o que espella é un problema global: a carencia dun proxecto construtivo, en positivo, e de coñecementos sobre políticas culturais serias e efectivas.

Talvez un dos mellores e máis tristes exemplos estea nos festexos organizados para o Día do Libro por parte do Goberno galego. O 23 de abril, no chan de cadansúa praza das cidades da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo escribíronse varios versos do poema Negra sombra de Rosalía de Castro. Para iso, a Consellaría utilizou "cerca de 100.000 libros ou 14 toneladas de mercancía", segundo estimou, literalmente, unha das notas oficiais enviadas aos medios de comunicación. A Xunta informou de que eses quilos de libros os doaron para o evento unhas indefinidas "diferentes entidades e institucións". Ese mesmo comunicado, emitido tres días antes do evento, sinala que "como colofón ao acto, simultáneo nas prazas máis representativas das cidades galegas, os libros entregaranse o mesmo día 23 aos viandantes que se acheguen á hora de deconstruír os tapices de libros ou ás asociacións que os soliciten con antelación e os recollan". Sabiamos que nesta Consellaría de Cultura non se destila amor pola lingua galega e que os actos de promoción dos libros neste idioma son realizados con desgana, mais o deste día debe pasar á historia do disparate universal.

O caso é que na xornada se cumpriu o prognóstico do refraneiro, que asegura que "en abril, augas mil". Os libros, ordenados baixo a chuva para formar palabras e versos, quedaron enchoupados, nun espectáculo tan dantesco como vergoñento. Manuel Rivas, que está a ser un dos mellores cronistas da desfeita cultural deste goberno que non nos merecemos, ten no episodio do 23 de abril de 2010 bo material para unha novela, que talvez podería levar aquí por título Os libros nadan mal.

Ante unha chafallada de tal calibre, a Xunta de Galiza debería dar explicacións públicas. Cren que repartindo libros por quilos, sen criterio, se fomenta o achegamento a bibliotecas ou librarías? A que grupos sociais ía destinada esta acción e que carencias se pensaba suplir con ela? Por que estes 100.000 volumes poden ser gratis e os manuais do ensino obrigatorio asegura o Conselleiro de Educación que non poden selo? Se a pretensión inxenua era achegar a cultura a novos espazos, por que xustamente se organizou nas cidades, onde existen máis infraestruturas e máis posibilidades de acceso á oferta editorial? Cantos destes 100.000 libros foron destruídos pola auga? Por que a Consellaría non preveu esta eventualidade anunciada polos servizos meteorolóxicos e continuou coa acción propagandística, aínda que esta supuxese -como ao final aconteceu- inutilizar milleiros de obras? Que pasou con todos os libros destruídos pola chuva? Foron parar ao lixo ou a un colector de reciclaxe? Saben as entidades que doaron as obras que ían para esta finalidade e que terían un tratamento tan coidadoso? Imitará a acción a Consellaría de Sanidade e, para festexar o Día da Saúde ou outro semellante, tamén vai agasallar medicamentos á rapañota á xente que pase por algunhas rúas a determinada hora dese día?

Cómpre mobilizarse contra tanto disparate. O 17 de maio, na praza do Obradoiro, reclamaremos unha mudanza profunda na política educativa, cultural e lingüística. Movámonos!

23 de mar. de 2010

'Teño dereito a ler sen darme conta'

Estou pendente de falar aquí máis polo miúdo das últimas manipulacións informativas da TVG, do novo paso da Xunta reducindo a presenza do galego en campañas institucionais, así como da actitude chulesca e obsesiva do Valedor do Pobo contra o noso idioma.

Mais permitídeme que hoxe só chame a atención sobre esa frase que puxen como título desta entrada e que inaugura un novo dereito humano, a sumar ao dereito á ignorancia do galego que tanto tempo leva defendendo o PP. A idea dese novo dereito soltouna hoxe o conselleiro de Cultura no Parlamento galego.

Improvisouna? Ou escribíronlla e leuna sen darse conta?

11 de mar. de 2010

Reclama o cesamento dos conselleiros de Cultura e Educación

Podes colocar este bánner no teu web, animando a máis xente a que participe na campaña para reclamar a dimisión ou o cesamento dos conselleiros de Educación e Cultura.

Clicando nel, irás a un enderezo desde o que poderás enviar un correo electrónico ao presidente da Xunta.

Participa e difúndeo!

9 de mar. de 2010

'Hay que ser estúpido para pensar que voy a decir Desván de los Monjes'

O mesmo conselleiro que afirmou que "la cultura gallega está bien, pero limita" ou que "la cultura gallega está acomplejada y ensimismada", respondía no Parlamento con vehemencia ás críticas da oposición, nas que lle apuñan que deturpara Sobrado dos Monxes como *Desván de los Monjes e Touro como *Toro.

"Hai que ser estúpido para pensar que vou dicir Desván de los Monjes!", retrucou para despois abroncar a PSOE e BNG: "Deixen de procurar lixo en internet!".

Pois haberá que ser estúpido, entón:



O único que se coñece da xestión do conselleiro de Cultura nomeado por Núñez Feijóo son polémicas e despropósitos. Cada vez ten máis sentido o berro unánime para que dimita.

25 de jan. de 2010

Acomplexados e extremistas


Transcribo a continuación, con escasas modificacións, a primeira parte da intervención que realicei no acto final da histórica manifestación para parar o decretazo contra o galego. Agora que estamos con máis forza despois desta inmensa mobilización, cómpre animar tamén a que esta semana enviemos á Xunta miles de alegacións contra este decretazo, como o modelo que propón a plataforma Queremos Galego desde a súa páxina web: www.queremosgalego.org

Bo día, compañeiros e compañeiras.

A verdade, non sei moi ben que facedes aquí. Mirade ao voso redor. Cantos "extremistas"! Canta xente "ensimismada"! Canta xente "acomplejada"! Canta xente que levantades muros a Galiza defendendo a vosa lingua! Canta xente que chegastes tristemente "coaccionados", que non sabíades ben a onde víñades! Canta xente que "coaccionastes" aos vosos compañeiros e compañeiras para que viñesen!

E, así e todo, estades aquí. A pesar desas declaracións insultantes por parte dos representantes do Goberno galego. Un goberno serio, un goberno responsábel, un goberno cívico, realmente pode facer declaracións coma estas, insultando aos que non facemos nada máis que defender o noso dereito básico a aprender a nosa lingua, o noso dereito básico a poder vivir no noso propio idioma?

Dicía aínda esta semana o conselleiro de Cultura (quen debería pór o seu cargo inmediatamente a disposición) que "la cultura gallega vive acomplejada y ensimismada". Vós credes que pode durar un día no cargo un conselleiro ou un ministro de cultura de calquera país do mundo que diga que a cultura propia non vale? Vós credes que duraría unha hora, dúas horas máis, no cargo? Iso é o que estamos a padecer!

O conselleiro de Educación tamén declaraba esta semana que co galego levantamos muros! Os acomplexados, os ensimesmados, os que levantan muros son eles; muros con toda a sociedade, que está hoxe aquí presente.

Esta semana entrevistabámonos co conselleiro de Educación. Dicíanos que toda a comunidade educativa respalda este decretazo contra o galego. Mirade ao voso redor! Hai algún sindicato que respalde este decreto? Hai algunha organización estudantil, algún movemento de renovación pedagóxica, algunha asociación de nais e pais que non estea directamente vinculada co Partido Popular, que respalde este decreto? Ninguén! Ninguén!

Pensade en calquera país do mundo, do planeta Terra, calquera, en que toda unha sociedade reclame unanimemente que unha norma non se aprobe, que non haxa nin unha soa organización sectorial que respalde esta norma. Esa norma sairía adiante? En ningún lugar do mundo! É que non gobernan pensando en Galiza, gobernan pensando no que lle van dicir na rúa Génova de Madrid!

Hoxe hai un protagonismo especial da mocidade, onde todos os informes sinalan unha caída de falantes de galego. A xeración de rapazas e rapaces de hoxe en día é a que menos utiliza o galego de forma espontánea na milenaria historia do noso país. Os datos son contundentes a ese respecto.

Agora ben, eles confúndense cando pensan que un rapaz ou unha rapaza, polo feito de non falar en galego, está en contra do noso idioma. As estudantes e os estudantes estades tendo o protagonismo desta xornada. Levantade as vosas faixas, as vosas cartolinas, as vosas bandeiras! Berrade ben alto que queremos un ensino en galego! Que non vos utilicen como escusa! "Es que a los niños hay que protegerlos de esa lengua tóxica"! Os rapaces e as rapazas, queredes, e así o demostrades, aprender no noso idioma!

O paro, como antes comentou ben o compañeiro Anxo Louzao, é practicamente unánime nas comunidades educativas no ensino público non universitario. Mais tamén hai que salientar de novo o protagonismo dos estudantes. A inmensa maioría das xuntas de delegados dos institutos do noso país posicionáronse libremente contra este decretazo e en defensa do dereito a podermos vivir no noso idioma.

Dicíao antes o compañeiro Anxo Louzao, e dicíao moi ben: No caso de non escoitaren as comunidades educativas, no caso de non escoitaren a sociedade, chamaremos á desobediencia contra este decretazo. Porque desobedecer este decreto significa obedecer o Estatuto, significa obedecer a Lei de normalización lingüística, significa obedecer a Carta europea de linguas rexionais ou minoritarias, significa obedecer os consensos aos que chegamos entre todas e todos.

E aí imos estar a comunidade educativa e, tamén, o conxunto da sociedade. Canta xente hoxe que non traballades no ensino pedistes horas ou collestes tamén un día das vosas vacacións para poderdes asistir a esta mobilización?

Este decreto tamén ten en contra a institucións de prestixio e centenarias, como é a Real Academia Galega. Como pode ser que a Xunta abronque ou critique unha institución como esta por emitir un ditame serio, rigoroso, independente, no cal o único "delito" que comete é non darlle a razón a este goberno?

Como é presentábel que o conselleiro de Presidencia critique a Academia dicindo "es que defiende la inmersión en gallego, defiende la inmersión lingüística"? A inmersión lingüística, señor conselleiro, é un modelo educativo.

Mais queremos facerlle unha pregunta sobre iso: En que comunidade autónoma do Estado español con lingua propia diferente do castelán, en cal non hai proxectos de inmersión lingüística? En Navarra hai, e gobernaban até non hai nada, en Cataluña hai, en Euskadi hai, nas Baleares hai; na comunidade valenciana gobernan vostedes e o 30% dos institutos imparten as súas aulas só en catalán de Valencia. Temos algún defecto de fábrica os galegos, algo que nos impida ter os mesmos dereitos que os cidadáns das outras comunidades autónomas con lingua propia? Exclamemos ben alto que non! Que temos os mesmo dereitos!

Como pode atreverse o señor Alfonso Rueda, o señor conselleiro de Presidencia deste goberno que non nos merecemos, a abroncar á Academia Galega? Un señor que ía ás manifestacións en contra da lingua galega, onde non falaban de defender o dereito de ninguén, senón de retirarnos aínda máis o dereito a podermos utilizar o noso idioma. Unha manifestación en contra do galego, a de febreiro do ano pasado, na cal Alfonso Rueda, o brazo dereito de Núñez Feijóo, ía collido da man da Falange. O mesmo señor que nomea como altos cargos a persoas que non hai moito foron en listas electorais da Falange, ese partido que xa sabemos que tanto defende "el bilingüismo" e "el trilingüismo", e ben o padecemos tantos anos no noso país!

20 de jan. de 2010

Outra xenialidade de Roberto Varela

O conselleiro de Cultura, o inefábel Roberto Varela, afirmou onte na Coruña que "la cultura gallega está ensimismada y a veces acomplejada". É o mesmo que se estreou declarando a xoia de que "la cultura gallega está bien, pero limita".

Ante isto, só podo dicir dúas cousas:

1) Hai que ser moi acomplexado, renegar moito das propias raíces e ter escasa formación cultural para dicir algo como isto.

2) Este home non se merece o cargo que ocupa.

20 de nov. de 2009

Dúas inutilidades xuntas

Hoxe e mañá desenvólvese en Oleiros o encontro de novos escritores "Eu ou Nós?"

Debemos agradecerlle á Xunta de Galiza que decidise retirarlle a axuda pública que este encontro ía recibir. Comezas contribuíndo a que se dea a coñecer a obra dos mozos que escriben en galego, que falen entre eles sobre as súas cousas, e despois nunca se sabe onde se pode terminar.

Literatura e lingua galega son dúas inutilidades xuntas. Limitan.

12 de out. de 2009

Por que participar na manifestación do 18 de outubro?

Velaquí o artigo desta semana en Galicia Hoxe:

Razóns para nos movermos
Por que participar na manifestación do 18 de outubro?


A Mesa pola Normalización Lingüística impulsou a creación da plataforma Queremos Galego como forma de coordinar e sumar esforzos das diferentes entidades dispostas a defender o idioma que nos une como galegas e como galegos. O éxito da iniciativa está á vista, a xulgar polos apoios recibidos e polo movemento existente nas rúas. Así e todo, cómpre un esforzo final para que a mobilización do vindeiro domingo sexa, sen hipérboles nin empachos retóricos, un fito significativo na historia da recuperación da lingua galega.

Motivos para nos manifestarmos hainos como nunca se viu nestes 30 anos de etapa autonómica. Sabemos que quen está contra o galego ten poder institucional, económico e mediático, cunha capacidade enorme para lle daren a volta á realidade ao seu antollo e venderen o mundo ao revés. Mais tamén debemos lembrar que o que reivindicamos é poder utilizar e transmitir a nosa lingua, un dereito básico que inxustamente se nos nega. “Temos a razón e dicimos a verdade”, como exclamaba a semana pasada Xabier P. Docampo.

A manifestación do 18 de outubro será tamén punto de partida para novas propostas lanzadas desde a plataforma Queremos Galego. Unha das máis importantes é o impulso dunha iniciativa lexislativa popular pola garantía dos dereitos lingüísticos, para demostrarmos que existe unha presión social que defende unha verdadeira convivencia e liberdade idiomática, de relevo tanto do punto de vista cualitativo e do cuantitativo.

Coa iniciativa lexislativa manterase viva, a través dunha formulación concreta e en positivo, a resposta aos ataques contra a nosa lingua por parte do goberno de Alberto Núñez Feijóo.

Garantía de dereitos

Na exposición de motivos, esta iniciativa lexislativa comeza lembrando o mandado do artigo 5 do Estatuto de Autonomía de Galiza, que recoñece que “a lingua propia de Galiza é o galego”. Conxugo o verbo recoñecer, porque é evidente que o galego era xa a lingua propia do noso país antes de que ningunha norma legal o ditase. Era o propio da nación mesmo cando censuraban ou queimaban libros neste idioma ou cando nas administracións non se permitía entregar formularios nel escritos.

Este mesmo artigo do Estatuto ten outra epígrafe máis que tamén é inasumíbel hoxe para a actual dirección do PP. A lei orgánica considera que, para facer efectivo o dereito a “coñecer e usar” o castelán e o galego, “os poderes públicos de Galiza garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento”, acadando así que ninguén sexa “discriminado por causa da lingua”.

Hai que potenciar o uso do galego, di o Estatuto en vigor. Porque é a lingua propia e porque é unha lingua discriminada desde hai séculos. Porque unha persoa só pode escoller entre dous idiomas se existe igualdade de coñecemento e nas condicións sociais á hora de realizar a escolla. Abonda con ter ollos na cara para constatar que entre galego e castelán o que existe é un desequilibro inmenso onde a parte feble é sen matices a do idioma natural de Galiza. Como expresa a iniciativa lexislativa de Queremos Galego, “a liberdade das persoas que integran a sociedade galega só poderá ser efectiva cando o Poder Público dispoña os medios no sistema educativo para que todos e todas coñezan axeitadamente o galego e a Administración estea en condicións de dispensar os seus servizos na nosa lingua”.

Propostas concretas

Nas tres décadas que leva o Estatuto en vigor, non se deron corrixido estas desigualdades, que poderían paliarse cun marco legal máis claro, onde se estabelecese a plena oficialidade do galego, como un dereito e un deber xurídico, igual que o é o español. Mais nunca nestes anos se dera unha situación de chulería e prepotencia galegófoba como a que protagonizan día tras día Alberto Núñez Feijóo, Alfonso Rueda, Rafael Louzán, Carlos Negreira, Pilar Farjas, Jesús Vázquez Abad, Corina Porro, Pedro Arias, Ignacio López Chaves, Roberto Varela e todos esoutros dirixentes ou gobernantes do PP que pasarán á historia como adaís do racismo lingüístico e como enterradores frustrados da lingua galega.

Para movermos a situación, a plataforma Queremos Galego achega a través da súa iniciativa lexislativa unha serie de medidas básicas. Todas elas se basean nos consensos existentes que o PP se nega a aplicar: o Estatuto, a Lei de normalización lingüística, a Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias e o Plan xeral de normalización da lingua galega. Velaquí esas propostas, que se aspira a converter en norma legal:

1) O Goberno galego, en cumprimento da obriga estabelecida no artigo 5 do Estatuto de Autonomía, fará plenamente efectivos os dereitos das galegas e dos galegos a utilizaren o idioma propio do país.

2) O Goberno galego garantirá que toda a sinaléctica, información e documentación administrativa que reciban os cidadáns e as cidadás en todos os ámbitos administrativos da Xunta, ou en calquera ámbito participado por ela, incluídas todas aquelas entidades xurídicas que prestan servizos dependentes daquela, estean en galego.

3) O Goberno galego garantirá que todos os seus servizos, e os de calquera entidade participada por el, incluídas todas aquelas que os prestan dependendo da Xunta, serán prestados en galego a todos os cidadáns e cidadás. O persoal das entidades dependentes da Xunta ha tomar a iniciativa dirixíndose e manténdose en galego cara ao público, coa excepción daquelas ou daqueles que soliciten seren atendidos en castelán. Así mesmo, todos os cargos públicos e os dos organismos e entes autonómicos, sociedades públicas e institucións dela dependentes farán uso público, tanto oral como escrito, de xeito sistemático, da lingua galega no desempeño da súa responsabilidade.

4) O Goberno galego garantirá que o dereito a usar e recibir información, documentación etc na lingua propia do país non supoña ningún tipo de discriminación, demora na prestación do servizo ou deturpación lingüística por parte da Administración galega ou os seus representantes.

5) O Goberno galego adoptará as medidas necesarias para garantir o dereito a recibir o ensino en galego por parte de todo o alumnado ao menos nun 50% do horario escolar en cada curso en todas as etapas educativas, de acordo co sinalado no Plan xeral de normalización da lingua galega.

Eses son os horizontes cara aos que imos na manifestación do vindeiro 18 de outubro. Sen derrotismos nin autoenganos, coa firme vontade de gañar o futuro. Lembrando que, se nós non nos movemos en defensa da nosa lingua, ninguén o fará por nós.

27 de abr. de 2009

Limitadiños

O artigo desta semana en Galicia Hoxe versa sobre as declaracións do novo responsábel da Consellaría de Cultura, que xa abordei aí atrás neste blog. Como resposta ás mesmas, hai tamén un outro artigo moito mellor, que teño que recomendar desde aquí, de Xosé Manuel Pereiro, que finaliza deste xeito:

O responsable da cultura afirma estar empeñado na promoción exterior da cultura galega, e fai ben. Sobre todo porque os que chegaron ó cargo desde o mesmo partido que el entendían por proxección darlle 300 millóns de pesetas a Julio Iglesias polo cargo sen cargas de “embaixador” de Galicia. Como Roberto Varela tiña un bo cartel antes de que falara, direille que, por moito que lle conten, foi a súa antecesora, a pouco cosmopolita Ánxela Bugallo, a que mudou a tradicional política de organización de verbenas nas prazas maiores pola tal proxección internacional. Crucificárona precisamente por cousas como ser Galicia o país invitado na Feira do Libro da Habana, non se sabe se porque se celebra en Cuba (por certo, lugar relevante de peregrinación institucional do ante-anterior presidente da Xunta, Manuel Fraga) ou polo gasto (arredor de dúas veces o que meteu Esperanza Aguirre só no bufet de presentación do Teatro del Canal de Madrid). Pode que o nacionalismo se quite viaxando, pero os prexuízos deben ser máis resistentes.

O que eu escribín sobre as súas primeiras declaracións públicas vai a continuación:

Limitadiños
Que se pode agardar dun conselleiro de Cultura que di que a cultura do seu país é unha limitación?


“La cultura gallega está muy bien, pero limita”. A frase non é do último informe da FAES, aínda que o pareza, senón do novo conselleiro de Cultura da Xunta de Galiza, Roberto Varela, que dilapida coas súas primeiras declaracións públicas a impoluta imaxe que se quería vender del como xestor solvente e imparcial. O seu posicionamento ideolóxico, nas primeiras entrevistas que concedeu, é moi claro, a pesar de que Alberto Núñez Feijóo queira facer un revival fóra de tempo do ocaso das ideoloxías, como se todo puidese ser aséptica tecnocracia.
Mais o novo titular de Cultura, por moito currículo que ostente para outras cuestións, amosa tamén problemas graves de formación para a xestión que ten encomendada. Os prexuízos que exhibe evidencian unha profunda carencia de reflexión e estudo sobre a cultura galega: o que significa, cal é a súa situación e que é o que precisa.

Só feito en Galiza?

Esta declaración do conselleiro ten aínda unha importante continuación e matiz: “La cultura gallega está bien, pero limita, prefiero la cultura hecha en Galicia”. Ou sexa que hai que diferenciar entre unha “cultura galega” e unha, supostamente máis abranxente e menos limitada, “cultura feita en Galiza”. Desexamos de corazón que Roberto Varela aclare esta diferenciación e que desvele se de verdade doravante a Xunta só vai promover, preservar, vitalizar e divulgar a que se fixo ou fai no espazo xeográfico galego. Deixará, portanto, de entrar na consideración da Consellaría de Cultura toda aquilo feito, por exemplo, en enclaves de emigración ou, no seu día, do exilio? Os vellos non deben de namorarse (estreada na Arxentina en 1941), A esmorga (editada tamén neste país en 1959), as principais creacións plásticas de Luís Seoane e algunhas das máis impresionantes de Castelao tras 1936 fican xa fóra do ámbito xurisdicional autonómico por non estaren “feitas en Galiza”? Serán responsabilidade dalgún outro goberno, por exemplo o arxentino, ou ficarán nun limbo? Quen se encargará deste patrimonio que ninguén –salvo Roberto Varela– pode dubidar en adxectivar como galego?

Aínda máis. Substituiranse os Premios Nacionais da Cultura Galega que instaurou o anterior goberno polos “Premios Autonómicos da Cultura Feita en Galicia”? Decátase o novo titular de que ao realizar estas declaracións sen meditalas nin reflexionar previamente en serio sobre elas deixaría fóra a moitos creadores e moitas creadoras tamén de hoxe que fan parte indubidábel da cultura galega? Por exemplo, Francisco Leiro recibiu o ano pasado o Premio Nacional da Cultura Galega na sección de Artes Visuais. Seguindo o criterio de Roberto Varela, non podería levar a distinción porque o de Cambados, a quen el coñece, ten o seu obradoiro en Nova York. Non está “feito en Galiza”.

Cultura galega

Hoxe mesmo, en Santiago de Compostela hai unha reunión dos Consellos da Cultura de Galiza, Catalunya, València e Euskadi. No caso de Galiza, o Estatuto de Autonomía estabelece claramente, no seu artigo 32, que este organismo que por lei ten que “fomentar a lingua e a cultura galegas en canto creacións orixinais do pobo galego” se denomina Consello da Cultura Galega. Como nos limitan o Estatuto e a Lei de creación do Consello!

Talvez o PP teña xa a iniciativa de lle mudar o nome na proposta estatutaria que prometeu presentar, para adecualo a esta nova diferenciación, para que se limite a “fomentar as linguas e as culturas que se fan en Galicia en canto creacións orixinais dos pobos que viven en Galicia”? Porque, realmente o pobo galego existe e é portanto suxeito de dereitos?

Repárese ben en que puxen “Galicia” e non “Galiza”. Deu os seus froitos a campaña contra a forma maioritaria durante séculos para denominar o noso país, claramente a xenuína, e presente en obras fundamentais da nosa cultura (si, refírome á cultura galega). O disque “goberno para todos” declara que non vai utilizar unha forma que a Real Academia Galega considera no texto das normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego como “lexítima”, cunhas indesexábeis connotacións ideolóxicas. “Non, non, non, non. De Galiza, nada de nada. Galicia”, negou Varela sen acompañar tanto adverbio de ningún razoamento ou argumento.

E o galego?

Se estivésemos a falar dun técnico que coñece a problemática da cultura galega e que vai adoptar medidas tamén técnicas de corrección aos grandes problemas que se presentan, hai declaracións que serían inimaxinábeis escoitarlle. “No meu mandato proxectarei a cultura que se fai aquí, sexa quen sexa, na lingua que sexa”, dixo tamén, subliñando a importancia do factor idiomático, aínda que, igual que Núñez Feijóo, camuflándoo de “liberdade lingüística”. Se se informase sobre a situación real da música, do teatro ou do mercado editorial en lingua galega non faría aseveracións tan alegres e pouco matinadas, que son un verdadeiro e ben cru programa de acción política.

No ano 2005, o xornal electrónico Vieiros realizou un estudo que concluía que por cada euro que un galego inviste en promocionar a súa lingua, mete 240 en espallar o español polo mundo adiante. Teñamos presente que o Ministerio de Cultura privilexia de forma abrumadora a cultura en castelán en todas as súas ordes, o Instituto Cervantes dálle un tratamento marxinal ao que non sexa en español, RNE e TVE actúan como se as cultura galega, catalá e vasca directamente non existisen... Iso por falarmos só dalgúns ámbitos públicos, porque a descompensación coas institucións privadas xa é abismal.

Neste contexto, cunha lingua minorizada, estranxeirizada no propio país, máis necesitada de axuda, promoción, dignificación e divulgación, a Consellaría de Cultura vai actuar seguindo os principios darwinistas da lei do máis forte? Se a Consellaría de Cultura non axuda á cultura feita en galego, que institución pública será a responsábel de tal apoio?

De momento, estamos perante declaracións de intencións, mais cómpre térmolas presente para facermos seguimento e mobilizármonos como sociedade para evitarmos pasos atrás cualitativos. Porque, cómpre lembralo e repetilo máis unha vez, a “nacionalidade histórica” galega ten, como tal, unha serie de dereitos lingüísticos e culturais, igual que as persoas que a nivel individual queren vivir en galego tamén teñen o dereito a accederen sen dificultades ás manifestacións da súa propia cultura.

Lingua, cultura e autogoberno

Se a lingua e a cultura galegas non existisen, non habería autogoberno galego en ningún grao. Nin Alberto Núñez Feijóo sería presidente da Xunta nin Roberto Varela sería Conselleiro de Cultura.

En ningún país do mundo é presentábel que os seus gobernantes anuncien como primeiras medidas ataques contra a súa lingua propia, como é o caso da derrogación do decreto do galego. Do mesmo xeito, declaracións como as realizadas por Roberto Varela considerando unha limitación a cultura propia do seu país inhabilitaríano automaticamente para exercer o seu cargo. Alguén se imaxina a calquera ministro/a de cultura de calquera país do mundo afirmando nas súas primeiras entrevistas que a cultura do país que vai gobernar é unha “limitación”? Pensemos por exemplo que acontecería se González-Sinde se presentase cunha afirmación como esta nada máis tomar posesión: “La cultura española está muy bien, pero limita”.

Por iso é importante cuestionarmos en voz alta a idoneidade do nomeamento como conselleiro de Cultura de alguén a quen os seus prexuízos o levan á conclusión de que amparar e proxectar a cultura galega supón unha limitación ou unha barreira. A limitación está en quen tales cousas afirma.

23 de abr. de 2009

"La cultura gallega está muy bien, pero limita"

A frase non é do último informe da FAES, senón do novo conselleiro de Cultura da Xunta de Galiza. Se os seus prexuízos o levan á conclusión de que fomentar a cultura galega é unha limitación, que fai no seu cargo?

Alguén se imaxina a calquera ministro/a de cultura de calquera país do mundo afirmando nas súas primeiras entrevistas que a cultura propia dese país que vai gobernar é unha "limitación"? Imaxinádevos por exemplo que acontecería se González-Sinde se presentase cunha declaración de intencións como esta nada máis tomar posesión: "La cultura española está muy bien, pero limita".

Nos comentarios que circulan por aí, o novo conselleiro de Cultura e o de Educación pasan por ser disque os máis "abertos" e "dialogantes". Mais este último tamén se luciu onte nunha entrevista á cal deu un atinado (e recomendábel) contrapunto Fermín Bouza no seu blog.